DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Venres, 27 de xaneiro de 2006 Páx. 1.408

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 9 de xaneiro de 2006 de delegación de funcións da presidencia do Consello Escolar de Galicia na vicepresidencia.

A Lei 3/1986, do 18 de decembro, de consellos escolares de Galicia, dedica o seu artigo 4 á súa composición, dispoñendo no seu punto 2 que o Consello estará presidido polo conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e que se elixirá un vicepresidente entre os seus membros.

O artigo 3 do Regulamento de réxime interno do Consello Escolar de Galicia, aprobado polo Decreto 87/1992, do 26 de marzo, sinala as funcións que lle corresponden á súa presidencia, e o seu artigo 6 prevé a delegación expresa destas funcións na vicepresidencia.

A propia actividade administrativa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria leva consigo unha concentración de funcións arredor da súa titular que aconsella, dado o volume, recorrer á delegación de competencias na vicepresidenta do Consello Escolar de Galicia.

A delegación de competencias permite axilización administrativa necesaria que redunda en beneficio da propia actividade do Consello Escolar de Galicia, da Administración educativa e dos administrados, dentro do máis rigoroso respecto das garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe.

En virtude do disposto nos citados artigos 3 e 6 do regulamento de réxime interno do Consello Escolar de Galicia, aprobado polo Decreto 87/1992,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Deléganse na vicepresidenta do Consello Escolar de Galicia as seguintes funcións:

a) Representar o consello e dirixir a súa actividade.

b) Convocar as sesións e fixar a orde do día.

c) Presidir as sesións, dirixir as deliberacións e dirimir as votacións en caso de empate.

d) Executar os acordos do consello.

e) Designar os presidentes de comisións.

f) Resolver, oída a comisión permanente, calquera cuestión que se formule por razóns de representatividade dos conselleiros ou en relación cos procesos electorais para a inclusión daqueles nas distintas comisións.

g) Resolver, oída a comisión permanente, as dúbidas que se poidan suscitar na aplicación do regulamento de réxime interno do Consello Escolar de Galicia.

h) Executar o orzamento do consello, conforme os criterios que nel se establezan informando o pleno e a comisión permanente.

i) Exercer cantas outras funcións sexan inherentes á condición de presidenta do consello.

Artigo 2º

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta orde farán constar expresamente esta circunstancia e considéranse ditadas polo órgano delegante.

Artigo 3º

En calquera momento, a presidenta poderá reclamar para si o exercicio das competencias que son delegadas por esta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2006.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación

Universitaria