DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Venres, 27 de xaneiro de 2006 Páx. 1.386

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 30 de decembro de 2005 pola que se aproban os estatutos do Colexio de Axentes Comerciais de Lugo.

De acordo co establecido no artigo 150.2º da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire, no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo e asumiuse polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia, asignándolle as funcións á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (na actualidade Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza en virtude do Decreto 211/2005, do 3 de agosto).

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da devandita competencia, dispón na súa disposición transitoria que os colexios profesionais que estivesen constituídos á entrada en vigor desta lei adaptarán os seus estatutos a ela.

Dando cumprimento a esta disposición o Colexio de Axentes Comerciais de Lugo acordou en Asemblea Xeral Extraordinaria a aprobación dos estatutos. Posteriormente foron comunicados a esta consellería para os efectos da súa aprobación definitiva, logo da cualificación de legalidade, tal como dispón o artigo 18.1º da Lei 11/2001, do 18 de setembro.

Tendo en conta o exposto, e verificada a adecuación á legalidade dos devanditos estatutos e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobar os estatutos do Colexio de Axentes Comerciais de Lugo, que figuran como anexo á presente orde.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2005.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza

ANEXO

ESTATUTOS DO COLEXIO DE AXENTES COMERCIAIS DE LUGO

TÍTULO I

Do colexio

Artigo 1º

O Colexio Oficial de Axentes Comerciais de Lugo é unha corporación de dereito público, con personalidade xurídica propia e con plena capacidade para o cumprimento dous seus fins, e tamén con plena capacidade para administrar e dispoñer dos seus bens. Réxese polos presentes estatutos e pola lexislación vixente en materia de colexios profesionais, especialmente pola Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ademais polas disposicións que regulan a profesión de axente comercial organización profesional.

A súa estrutura interna e réxime de funcionamento réxese por principios democráticos.

Artigo 2º

O ámbito territorial do colexio esténdese a todo o territorio da provincia de Lugo.

A súa sede e domicilio están situados na cidade de Lugo, na avda. da Coruña, 90-1º.

Poderanse constituír delegacións dentro deste ámbito territorial, sempre dependentes do colexio, e cando así o aconselle o número de colexiados radicado nunha zona ou localidade determinada e que nunca poderá ser inferior a cincocentos, non habendo nestes momentos ningunha delegación aberta.

A constitución dunha delegación deberá ser aprobada en asemblea por proposta da Xunta de Goberno. A mesma asemblea aprobará o funcionamento e competencias de cada delegación, que sempre estarán sometidas á Xunta de Goberno Colexial, carecendo en todo caso de personalidade propia e de autonomía.

A delegación estará dirixida por unha xunta delegada, nomeada por designación da Xunta de Goberno Colexial. Esta xunta delegada poderá adoptar os seus acordos no ámbito de funcionamento administrativo e para a súa execución requirirá do previo visto e prace da Xunta de Goberno Colexial.

Artigo 3º

As funcións esenciais do colexio, dentro do seu ámbito territorial, son as seguintes:

a) Exercer a representación da profesión no ámbito de Lugo, podendo participar igualmente en cantos organismos ou institucións doutro ámbito poidan afectar á Axencia Comercial de Lugo.

b) Ordenar a actividade dos nosos colexiados velando pola súa ética e dignidade profesionais e pola conciliación de seus intereses co social e os dereitos dos usuarios, axudando, amparando e protexendo aos axentes comerciais no desenvolvemento libre e independente da súa profesión.

c) Exercer a facultade disciplinaria sobre os profesionais colexiados nos termos dispostos na lexislación xeral e nestes estatutos, a través das comisións disciplinaria e deontolóxica.

d) Adoptar as medidas necesarias para evitar o intrusismo profesional e a competencia desleal na nosa profesión e dentro do noso ámbito territorial.

e) Encargarse da representación e a defensa xudicial ou administrativa dos colexiados nos preitos de carácter profesional que lles afecten, segundo as condicións e atinxa a determinar en desenvolvemento destes estatutos.

f) Elaborar e aprobar anualmente os orzamentos anuais de ingresos e gastos, así como as contas e liquidacións orzamentarias.

g) Establecer e exixir as achegas económicas dos colexiados para os seus dereitos de ingreso e ás cotas periódicas de mantemento da institución.

h) Visar os contratos dos colexiados por solicitude destes e para os meros efectos da súa constancia pública, para o cal se levará un rexistro oficial cos datos esenciais e sen que o visado supoña fiscalización ou control da retribución ou das demais condicións contractuais, cuxa determinación ou impugnación corresponde ás partes.

i) Informar os proxectos da Comunidade Autónoma de Galicia que poidan afectar aos axentes comerciais ou se refiran dalgunha maneira ao exercicio ou contido da axencia comercial e colaborar coa Administración na realización de estudos, emisión de informes, elaboración de estatísticas e outras actividades relacionadas cos seus fins que lle sexan solicitadas ou acorde pola súa propia iniciativa.

j) Participar nos organismos consultivos da Administración autonómica ou local de Lugo relacionados coa profesión, cando así o estableza a normativa vixente, así como facilitarlles aos tribunais a relación de colexiados que puidesen ser requiridos para intervir como peritos nos asuntos xudiciais ou designarlles por si mesmo en virtude de rotación ou quenda dentro das súas respectivas especialidades ou ramo ao que pertenzan, segundo a normativa aplicable.

k) Colaborar nos procedementos xudiciais e administrativos da Administración autonómica ou de Lugo que afecten a materias da axencia comercial, ostentando no seu ámbito a representación e a defensa da profesión ante a Administración, institucións, tribunais, entidades ou particulares, con lexitimación para ser parte en cantos litixios afecten aos intereses profesionais.

l) Organizar cursos dirixidos á formación e ao perfeccionamento profesional dos nosos colexiados.

m) Colaborar coas entidades de formación dos futuros colexiados na mellora dos seus estudos e preparación.

n) Relacionarse e coordinarse con outros colexios oficiais ou profesionais de axentes comerciais e co Consello Xeral de Colexios de Axentes Comerciais

de España, así como con calquera outra organización relacionada coa axencia comercial para o cumprimento dos nosos fins.

ñ) Organizar actividades e servizos comúns de carácter profesional, cultural e análogos que sexan de interese para a colexiación, así como sistemas asistenciais, inmobiliarios, de previsión e de cobertura de posibles responsabilidades civís contraídas polos colexiados no seu exercicio profesional, provendo o seu sostemento económico mediante os recursos orzamentarios aprobados para o efecto.

o) Intervir como mediador nos conflitos profesionais que xurdan entre os colexiados, sempre logo de solicitude dos interesados.

p) Exercer funcións arbitrais nos asuntos que se lle sometan, conforme a lexislación de arbitraxe.

q) Cantas outras funcións redunden en beneficio dos intereses profesionais dos colexiados e se encamiñen ao cumprimento dos fins colexiais.

TÍTULO II

Dos colexiados

Capítulo I

Da inscrición e incorporación no colexio

Artigo 4º

Para o exercicio profesional da Axencia Comercial no ámbito territorial deste colexio será necesario estar incorporado a este, sempre que o axente comercial teña a súa morada profesional única ou principal no dito ámbito.

Entenderáse por axente comercial, para os efectos da colexiación profesional referida no parágrafo anterior, toda persoa que actuando como intermediario independente, se encargue de maneira continuada ou estable e a cambio dunha remuneración, de promover actos ou operacións de comercio por conta allea, ou a promovelos e rematalos por conta e en nome de alleos, sen asumir, salvo pacto en contrario, o risco e ventura de tales operacións.

Tamén poderán pertencer ao Colexio de Axentes Comerciais, coa denominación de colexiados non exercentes, aqueles que cumpran os requirimentos necesarios para se incorporar ao colexio, non exerzan a actividade de axencia comercial ou ou houberan cesado no exercicio de súas actividades.

Fican excluídos de súa colexiación como axentes comerciais:

a) Os mediadores da contratación inmobiliaria.

b) Os axentes a quen veñen atribuídas funcións de índole oficial ou pública, tales como os axentes de cambio e bolsa e os corredores oficiais de comercio.

Artigo 5º

Para a incorporación tanto de nacionais de estados membros do Espazo Económico Europeo como dos cidadáns de terceiros países será necesario cumprir cos mesmos requirimentos que os nacionais españois.

No primeiro caso, seralles de aplicación o Real decreto 253/2003, do 28 de febreiro, polo que se incorpora ao ordenamento xurídico español a Directiva 1999/42/CE, do Parlamento Europeo e do Consello de 7 de xuño de 1999, pola que se establece un mecanismo de recoñecemento de títulos respecto ás actividades profesionais a que se refiren as directivas de liberalización e de medidas transitorias.

No segundo, os cidadáns de terceiros países poderán acreditar os títulos estranxeiros que sexan homologados ao título de axente comercial conforme o establecido nos tratados internacionais nos que sexa parte o Reino de España ou naqueles no que sexa a Unión Europea.

Artigo 6º

Son requisitos para se incorporar como colexiado os seguintes:

1) Ter a nacionalidade española ou a dalgún dos estados membros da Unión Europea, ou estar en posesión das autorizacións administrativas que legalmente sexan exixibles segundo a normativa vixente para exercer a profesión en España.

2) Ser maior de idade e non estar inhabilitado xudicialmente para o desempeño da profesión.

3)Estar en posesión do grao de instrución mínimo, segundo a lexislación vixente, e superar as probas de aptitude exixidas con carácter uniforme en todos os colexios, e estar en posesión do título de axente comercial expedido polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio.

Cumpridos os requirimentos anteriores, o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, a través da Dirección Xeral de Política Comercial, e por proposta do Consello Xeral de Colexios de Axentes Comerciais de España, expedirá o título de axente comercial que se exixe para a colexiación.

4) Satisfacer a cota de ingreso e demais que teña establecidas o colexio.

5) Formalizar a solicitude de ingreso subscrita polo propio interesado e dirixida ao presidente do colexio, acompañando fotocopia do seu DNI e do título de axente comercial, emitido pola Dirección Xeral de Política Comercial; do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio.

Artigo 7º

As solicitudes de ingreso deberán ser aprobadas pola Xunta de Goberno no prazo máximo de dous meses desde a súa presentación e só poderán ser denegadas, previas as dilixencias ou informes que procedan, mediante resolución motivada, fronte á que caberá recurso ante a Comisión de Recursos do colexio, de acordo co previsto nos presentes estatutos.

A solicitude unicamente poderá ser denegada no suposto de non cumprir o candidato cos requirimentos establecidos nestes estatutos ou por non presentar a documentación requirida neles; neste último suposto, requiriráselle a súa contribución nun prazo de sete días, pasados os cales e de non o verificar entenderase denegada a súa solicitude.

Cando a Xunta de Goberno teña coñecemento de que pretende ingresar calquera persoa procesada criminalmente ou que houbera sido condenada por sentenza firme, poderá denegarlle ou seu ingreso logo da a incoación dun expediente de aclaración dos feitos que se lle atribúen ao solicitante derivados do proceso ou da sentenza antes citados. O dito expediente axustarase na súa tramitación ao establecido nestes estatutos respecto ao réxime disciplinario.

En caso de non recibir o interesado no prazo antedito de dous meses notificación fidedigna da denegación motivada, con información dos recursos pertinentes, entenderase aprobada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 8º

Ao inicio do seu exercicio profesional, todo colexiado deberá comprometerse por escrito a cumprir as obrigas e normas deontolóxicas e colexiais da profesión ante a Xunta de Goberno do colexio.

Este escrito poderá ser substituído mediante un acto público e solemne ante a Xunta de Goberno, do que dará fe o seu secretario co visto e prace do presidente, a decisión da propia Xunta de Goberno. Do dito acto deixarase nota no expediente.

Artigo 9º

Unha vez incorporado o colexiado, expediráselle o seu carné profesional, no que constarán os seus datos persoais, o seu número de colexiado e o número do seu documento nacional de identidade, así como a súa data de incorporación ao colexio, todo iso asinado polo propio interesado, o presidente e o secretario do colexio.

Este carné profesional é o xustificante da habilitación colexial e acredita a condición de colexiado para todos os efectos. A súa validez, actualización e utilización serán determinados en cada momento pola Xunta de Goberno.

Artigo 10º

Con toda a documentación persoal achegada por cada colexiado ao incorporarse e cunha copia do carné profesional que se lle expida abrirase un expediente persoal, cuxa numeración se corresponderá coa do dito carné. No dito expediente iranse incorporando todos os documentos ou copias deles que se xeren durante a vida colexial referentes a cada interesado, debéndose conservar mesmo aínda que o colexiado cause baixa.

Este expediente é secreto, podéndoo consultar o interesado e a Xunta de Goberno unicamento por causa dalgunha incidencia que afecte ao colexiado na súa condición de tal. En ningún caso se expedirán

certificacións referidas ao expediente se non son pedidas persoalmente e por escrito polo propio interesado.

Ningunha decisión administrativa ou de goberno colexial se poderá basear en datos que resulten dun expediente persoal, salvo que sexan constitutivos dunha infracción penal por non ser certos, nese caso procederase á oportuna denuncia xudicial.

Como excepción ao anterior, si se poderá certificar a petición de parte lexitimamente interesada a propia colexiación dunha persoa e o cumprimento das súas obrigas colexiais, pero sen concretar máis datos.

Capítulo II

Da perda da condición de colexiado

Artigo 11º

A condición de colexiado perderase:

a) Por falecemento.

b) Por baixa voluntaria mediante escrito fidedigno dirixido ao presidente, devolvendo o carné profesional.

c) Por reiterada falta de pagamento das cotas ordinarias ou extraordinarias e das demais cargas colexiais, entendéndose por reiteración a falta de pagamento consecutiva de dúas cotas trimestrais, ordinarias ou extraordinarias, ou alternas no ano. Previamente á decisión de perda da condición de colexiado, deberase requirir de pagamento ao moroso mediante carta enviada para o efecto, na que se lle dará a posibilidade de normalizar a súa situación no prazo dun mes. Contravido o requirimento, comunicado o cesamento e transcorrido un mes sen noticias desde a dita comunicación ou sen que o colexiado se rehabilitase pagando as cotas pendentes xa vencidas, procederase á anulación do carné profesional, publicándose a decisión no BOP de Lugo.

d) Por condena xudicial firme que comporte a inhabilitación para o exercicio da profesión.

e) Por sanción firme de expulsión do colexio, acordada en expediente disciplinario segundo o disposto nestes estatutos.

Artigo 12º

A perda da condición de colexiado será acordada pola Xunta de Goberno en resolución motivada e, unha vez firme, será comunicada á Administración, se correspondese.

En caso de baixa por falta de pagamento das cotas, o colexiado poderá rehabilitarse e recuperar o uso do seu antigo carné profesional e demais dereitos pagando o debido e os seus xuros ao tipo legal vixente.

Artigo 13º

A condición de colexiado quedará suspendida en dous supostos unicamente:

a) No caso de que contra o acordo da súa perda se interpoña recurso con solicitude de suspensión

ante a Comisión de Recursos e esta decida deixar en suspenso a execución do acordo, pero sen reintegrar ao recorrente os seus dereitos de exercicio profesional.

b) Cando se decida requirir o moroso para que se poña ao corrente de pagamento das súas débedas colexiais adoptarase o acordo de suspendelo ata que se poña ao día ou cause baixa definitivamente, o que se porá no seu coñecemento no momento de lle realizar o requirimento previsto no artigo 11º destes estatutos.

Capítulo III

Dos seus dereitos e obrigas

Artigo 14º

Serán dereitos comúns a todos os colexiados:

1) A facultade do exercicio activo da profesión en calquera das súas modalidades.

2) Gozar da condición de elector e de elixible para o desempeño dos cargos da Xunta de Goberno, así como dos demais cargos colexiais que se establezan.

3) O de obter asesoramento e defensa en todos os seus preitos profesionais co alcance e condicións que se determinen en desenvolvemento destes estatutos.

4) Participar en todos os servizos colexiais que se establezan.

5) Asistir a calquera curso ou seminario que se celebre para a formación ou o perfeccionamento profesional, aboando se é o caso a taxa que se poida establecer previamente.

6) Intervir como perito en razón á súa capacitación profesional, segundo se regule e por solicitude dos tribunais.

7) Participar en cantos beneficios se obteñan da Administración para os axentes comerciais galegos ou lucenses, en calquera orde ou categoría.

8) Solicitar e obter as representacións que sexan ofrecidas ao colexio polas empresas e que deberán ser feitas públicas pola Xunta de Goberno mediante a súa inserción no taboleiro de anuncios ou calquera outro medio de difusión que se dispoña.

9) Participar preferentemente de calquera iniciativa realizada directamente ou a través de colaboracións ou participacións empresariais polo colexio.

10) Ostentar o emblema ou distintivo colexial, así como calquera premio ou distinción que se lle poida conceder conforme o previsto nestes estatutos.

Artigo 15º

Serán obrigas comúns a todos os colexiados:

1) O exercer en todo momento a Axencia Comercial con profesionalidade, decoro e dignidade.

2) Absterse de aceptar o mandato ou representación de empresas mercantís se dalgunha maneira puidese demostrarse que estas incumpriron coas súas obrigas con outro axente comercial e mentres non se regularice a situación.

3) Aboar puntualmente as cotas colexiais, así como calquera outra carga colexial que se propoña pola Xunta de Goberno e se acorde pola Asemblea Xeral.

4) Non colaborar con quen exerza clandestinamente a profesión sen colexiarse, procedendo á súa denuncia ante o colexio para que actúe conforme o previsto nestes estatutos.

5) Gardar o debido respecto a todos os compañeiros.

6) Respectar o segredo profesional e non divulgar ningún dato que coñeza como consecuencia do exercicio activo da axencia comercial ou o desempeño dalgún cargo colexial.

Capítulo IV

Do réxime disciplinario

Artigo 16º

Os colexiados non poderán ser sancionados por accións ou omisións que non estean previamente tipificadas como falta nestes estatutos.

A imposición de calquera sanción requirirá previamente a instrución dun proceso disciplinario, no cal a tramitación deberá rexerse polo establecido nestes estatutos.

Artigo 17º

Para estes efectos escollerase ao comezo de cada mandato no seo da Xunta de Goberno unha comisión disciplinaria integrada, polo menos, por tres dos seus vogais, e na que poderán integrarse outros colexiados, que será a encargada de instruír cantos expedientes disciplinarios se incoen.

Artigo 18º

Cando a comisión disciplinaria teña coñecemento de calquera feito que, a parte de poder constituír unha infracción colexial, puidese ser constitutivo dunha infracción penal, porao en coñecemento da Xunta de Goberno para que por esta se proceda a comunicalo ou denuncialo ao órgano xurisdicional competente. Sen prexuízo da dita comunicación, a tramitación colexial non se verá afectada por esta circunstancia.

Artigo 19º

Con anterioridade ao acordo de iniciación dun proceso disciplinario, poderase abrir un período contraditorio de información reservada co fin de coñecer as circunstancias do caso concreto e a necesidade de iniciar ou non o proceso.

A información reservada será tramitada pola comisión disciplinaria por orde da Xunta de Goberno.

As actuacións que se desenvolvan terán carácter reservado e a súa duración será a estritamente necesaria para atinxir os seus obxectivos. Se entón se incoase un proceso disciplinario, a información reservada obtida incorporarase ao expediente; de non incoarse, procederase de inmediato á súa destrución.

Artigo 20º

A instrución do proceso realizarase pola comisión disciplinaria e a resolución do expediente corresponderá sempre á Xunta de Goberno.

Artigo 21º

Todos os procesos disciplinarios iniciaranse sempre de oficio por acordo do órgano competente, ben por propia iniciativa ou ben como consecuencia dunha denuncia ou dunha comunicación.

Toda denuncia deberá expresar a identidade da persoa ou persoas que a presentan, o relato dos feitos que puidesen constituír a infracción, o seu soporte documental e, cando sexa posible, a identificación dos presuntos responsables. En ningún caso se aceptarán a trámite denuncias anónimas.

A orde da Xunta de Goberno deberá especificar todos os datos de que se dispoña sobre as condutas ou os feitos constitutivos dunha presunta infracción disciplinaria colexial, a data ou o tempo en que se cometesen, a infracción ou infraccións en que puidesen consistir e a identidade de quen resulte responsable presuntamente.

Artigo 22º

A iniciación dun proceso disciplinario formalizarase formando un expediente co contido mínimo seguinte:

a) Identidade do instrutor ou instrutores, escollidos entre os integrantes da comisión disciplinaria, e, se é o caso, do secretario.

b) Identificación dos presuntos responsables, facendo constar nome e apelidos e número de colexiado.

c) Relato extenso dos feitos que se imputen.

d) As infraccións que tales feitos puidesen constituír.

e) Sancións que se lles puidesen impoñer.

A iniciación comunicaráselles ao instrutor e ao secretario, se o houbera, e simultaneamente notificaráselles aos interesados. Se é o caso, de habelo, tamén se lle comunicará ao denunciante.

Artigo 23º

Os integrantes da comisión disciplinaria nos que concorra algunha das circunstancias seguintes absteranse de intervir no proceso, poñéndoo en coñecemento da Xunta de Goberno para que esta resolva o procedente:

a) Ter interese persoal no asunto de que se trate ou noutro en cuxa resolución puidese influír a

daquel; ser administrador de sociedade ou entidade interesada, ou ter cuestión litixiosa pendente con algún interesado.

b) Ter parentesco de consanguinidade dentro do cuarto grao ou de afinidade dentro do segundo con calquera dos interesados, cos administradores de entidades ou sociedades interesadas, e tamén cos asesores, representantes legais ou mandatarios que interveñan no procedemento, así como compartir despacho profesional ou estar asociado con estes para o asesoramento, a representación ou o mandato.

c) Ter amizade íntima ou inimizade manifesta con algunha das persoas mencionadas no punto anterior.

d) Ter tido intervención como perito ou como testemuña no procedemento de que se trate.

e) Ter relación de servizo con persoa natural ou xurídica interesada directamente no asunto, ou terlle prestado nos dous últimos anos servizos profesionais de calquera tipo e en calquera circunstancia ou lugar.

A Xunta de Goberno poderá ordenar ás persoas en quen se dea algunha destas circunstancias que se absteñan de toda intervención no expediente. A actuación dos integrantes da Xunta de Goberno e do persoal ou colaboradores do colexio nos que concorran motivos de abstención non implicará, necesariamente, a invalidez dos actos nos que interviñesen.

Nos casos nos que concorra algunha das circunstancias indicadas poderá promoverse a recusación polos interesados en calquera momento da tramitación do procedemento, formulándoa por escrito e con expresión da causa ou causas en que se funde. Ao día seguinte de presentada a recusación, o recusado manifestaralle por escrito á Xunta de Goberno se se dá ou non nel a causa alegada; se efectivamente se dá, a Xunta de Goberno ou a súa Comisión Permanente, na primeira xuntanza que celebre, poderá acordar a súa substitución acto seguido.

Se o recusado nega a causa de recusación, a Xunta de Goberno ou a súa Comisión Permanente resolverá no prazo de tres días, logo dos informes e comprobacións que coide oportunos.

Artigo 24º

Se como consecuencia da instrución do proceso disciplinario aparecesen presuntos responsables dos feitos que non constasen á súa iniciación, o instrutor incluiraos no proceso, notificándollo de inmediato ás partes interesadas e aos novos imputados.

A formalización da inclusión terá o mesmo contido indicado no artigo 22º para a iniciación do proceso e seguiránse os mesmos trámites establecidos.

Artigo 25º

No prazo dos quince días seguintes á notificación do inicio do proceso disciplinario, todos os inte

resados poderán presentar as súas alegacións de acusación ou de defensa, solicitando a práctica das probas que estimen convenientes. No mesmo prazo, o instrutor poderá acordar de oficio as probas que considere necesarias para o esclarecemento dos feitos.

De oficio ou por proposta dos interesados, admitiranse polo instrutor cantas probas sexan adecuadas para a determinación dos feitos e as posibles responsabilidades.

Só poderán declararse improcedentes aquelas probas que non garden relación cos feitos investigados ou a súa práctica sexa manifestamente imposible. Aceptaranse todos os medios de proba aceptados na práctica procesual civil.

O período de proba non poderá ser superior a trinta días nin inferior a dez, sempre hábiles. A súa duración establecerase na mesma resolución do instrutor na que se acepten ou rexeiten os medios propostos.

A resolución na que se admita un medio de proba proposto non poderá ser recorrida. A que o inadmita será recorrible ante a comisión disciplinaria e, de se manter a negativa por esta, ante a Xunta de Goberno.

Artigo 26º

O instrutor comunicaralles aos interesados, con antelación suficiente, o inicio das actuacións necesarias para a realización das probas que fosen admitidas.

Na notificación consignaranse o lugar, data e hora en que se practicarán as probas, coa advertencia, se é o caso, de que o interesado pode nomear técnicos que o asistan.

Nos casos en que, por petición do interesado, deban praticarse probas cuxa realización implique gastos ao colexio, o instrutor poderá exixir o seu anticipo, a reserva da súa liquidación definitiva unha vez practicada a proba.

A liquidación dos gastos practicarase xuntando os comprobantes que acrediten a realidade e a súa contía.

Unha vez practicadas todas a probas, os interesados poderán presentar un escrito resumindo as súas conclusións no prazo máximo de tres días desde o día en que se desenvolveu a última das admitidas ou concluíu o prazo para a súa práctica.

Artigo 27º

Á vista do actuado, o instrutor formulará un prego de cargos cuxo contido se axustará aos mesmos extremos sinalados no artigo 22º.

Este prego de cargos notificaráselles aos interesados, concedéndolles un prazo de sete días para que formulen as alegacións que estimen convenientes.

Unha vez presentadas estas alegacións ou transcorrido o prazo sen elas, o instrutor dará por acabado o expediente e trasladarao á comisión disciplinaria xunto cun proxecto de proposta de resolución.

Artigo 28º

Instruído o proceso e trasladado á comisión disciplinaria, porase de manifesto aos interesados ou aos seus representantes legais, debidamente designados ante a propia comisión disciplinaria no expediente ou apoderados notarialmente, xunto co proxecto de proposta de resolución do instrutor.

A posta de manifesto realizarase durante un prazo de quince días, nos cales poderán examinar o expediente e alegar o que desexen e presentar os documentos e xustificantes que estimen convenientes, advertíndolles de que, en caso de non facelo, o proxecto de proposta de resolución terá a consideración de proposta de resolución.

Artigo 29º

Concluído o trámite de audiencia e alegacións, e estudadas estas, a comisión disciplinaria formulará unha proposta de resolución, que elevará á Xunta de Goberno xunto con todo o expediente para que poida ditar a súa resolución.

A proposta de resolución só poderá apartarse do proxecto do instrutor para estimar, total ou parcialmente, as alegacións presentadas polos interesados.

Artigo 30º

A resolución do proceso disciplinario correspóndelle sempre á Xunta de Goberno, quen poderá solicitar previamente informe non vinculante á Asesoría Xurídica do colexio.

O prazo para resolver un proceso disciplinario será de seis meses desde a data do acordo de iniciación. Entenderanse caducados e procederase ao arquivo das actuacións a solicitude de calquera interesado ou de oficio no prazo de trinta días desde o vencemento do prazo en que debeu ser ditada a resolución, excepto nos casos en que o proceso se paralizase por causas imputables ao interesado, nos que se interromperá o cómputo do prazo para resolver o procedemento.

As resolucións notificaránselles aos interesados, con expresión dos recursos que lles correspondan e que serán os mesmos que para calquera outra decisión da Xunta de Goberno.

Artigo 31º

Serán obxecto de corrección disciplinaria:

a) O exercicio incompatible da profesión.

b) A falta de probidade mercantil.

c) A competencia ilícita ou desleal.

d) As faltas de disciplina.

Artigo 32º

Será considerado incompatible para o exercicio da profesión de axente comercial, en calquera das súas modalidades, toda persoa que polo desempeño das súas funcións, sexan estas de índole pública ou privada, poida exercer coacción ou gozar de privilexio para a compravenda de mercadorías ou o encargo de servizos.

Artigo 33º

Incorrerán en falta de probidade profesional os colexiados responsables de actos ou omisións que, sen ser sancionables noutra orde, contribúan ao desprestixio da profesión e, de modo específico, os que leven consigo o incumprimento, con intención de lucro, dos compromisos contraídos no exercicio daquela.

Artigo 34º

Consideraranse incursos en competencia ilícita ou desleal os colexiados xa inscritos ou os de novo ingreso que acepten o mandato ou representación de casas mercantís sen comprobar antes os motivos a que obedecese a substitución ou cesamento do axente comercial que lles precedese no mandato, ou se foron cumpridas as obrigas da empresa mandante en canto á liquidación de comisións ou indemnizacións que a aquel lle puidese corresponder.

Artigo 35º

Considéranse faltas de disciplina aqueles actos dos colexiados que atenten ao respecto e obediencia debida á Xunta de Goberno do colexio.

Cualificaranse tamén como faltas de disciplina a concorrencia ou colaboración de funcións por parte dun axente comercial colexiado con persoas que practiquen clandestinamente a profesión, así como calquera outro acto notoriamente deshonroso que menoscabe ou desdore a dignidade da profesión.

Artigo 36º

1. As faltas que poden levar aparelladas sancións, clasifícanse en moi graves, graves e leves.

2. Son faltas moi graves:

a) O exercicio da profesión de axente comercial en calquera das súas modalidades por toda persoa que polo desempeño das súas funcións, sexan estas de índole oficial ou privada, poida exercer coacción ou gozar de privilexio pola compravenda de mercadorías ou o encargo de servizos.

b) O incumprimento das obrigas contraídas co empresario ou empresarios pola conta de quen actúe, tanto de lealdade, como na dimensión económica e profesional do seu contrato.

c) O abuso de poder ou lucro ilícito no desempeño dos seus cargos colexiais.

d) O encubrimento ou complicidade no intrusismo profesional.

3. Son faltas graves:

a) O incumprimento dos acordos adoptados polo Consello Xeral polos consellos autonómicos ou polo colexio. Estes acordos non poderán ir en contra do establecido nos estatutos.

b) A lesión deliberada da imaxe e o bo nome dos seus competidores no ámbito da axencia comercial.

c) A competencia desleal, unha vez que fose cualificada como tal pola xurisdición competente.

d) A neglixencia e desinterese habitual no cumprimento das obrigas inherentes ao cargo para o que fose elixido polos seus compañeiros.

e) A reincidencia, por comisión no termo dun ano de máis dunha falta leve cando así fose declarada por resolución firme.

4. Son faltas leves:

a) Entorpecer deliberadamente as xuntanzas dos órganos colexiais.

Artigo 37º.-Clases de sancións.

As sancións disciplinarias que poidan interporse como consecuencia das infraccións previstas, son as seguintes:

1. Por faltas moi graves:

a) A suspensión da condición de colexiado por un prazo de tres meses e un día a dous anos.

b) A perda do cargo que desempeñe nos órganos colexiais.

2. Por faltas graves:

a) A suspensión da condición de colexiado por un prazo non superior a tres meses.

b) A perda do cargo que desempeñe nos órganos colexiais.

3. Por faltas leves:

Apercibimento por escrito

As sancións impostas por faltas moi graves prescribirán aos dous anos; as impostas por faltas graves, ao ano; e as impostas por faltas leves, aos dous meses.

O prazo de prescrición das infraccións comezará a contarse desde o día en que a infracción se cometese. Interromperá a prescrición a iniciación, con coñecemento do interesado, do procedemento sancionador, reiniciándose o prazo de prescrición se o expediente sancionador estivese paralizado durante máis dun mes por causa non imputable ao presunto responsable.

O prazo de prescrición das sancións comezará a contarse desde o día seguinte a aquel en que adquira firmeza a resolución pola que se impón a sanción. Interromperá a prescrición a iniciación, con coñecemento do interesado, do procedemento de execución, voltando a transcorrer o prazo se aquel está paralizado durante máis dun mes por causa non imputable ao infractor.

Capítulo V

Do réxime de distincións e premios

Artigo 38º

A Xunta de Goberno poderá conceder nomeamentos honoríficos e galardóns para honrar a:

1) Os colexiados do seu censo ou doutros colexios de axentes comerciais que, ademais de facer a súa

profesión desta actividade, a prestixiasen especialmente ou innovasen coas súas achegas as formas de traballo.

2) Os nosos colexiados que desempeñasen a profesión durante un importante período de tempo para agradecerlles a súa dedicación.

3) Os axentes comerciais que adicasen o seu tempo, moitas veces con quebranto persoal, ao colexio, participando na súa dirección e compartindo as responsabilidades das decisións adoptadas.

4) O persoal e colaboradores do colexio, que coa súa dedicación diaria permiten a nosa subsistencia e boa marcha, e especialmente a quen leve longo tempo ao servizo colexial ou realizasen algunha actividade de especial transcendencia.

5) As persoas que, sen ningunha vinculación directa co colexio ou coa profesión, axudan á súa mellora social desde o desempeño de determinados cargos públicos ou por iniciativas meramente privadas.

Artigo 39º

Os nomeamentos honoríficos son:

a) Presidente de honra.

b) Axente comercial honorario.

Os nomeamentos de presidente de honra do Colexio Oficial de Axentes Comerciais de Lugo serán concedidos a aquelas persoas que, ocupando cargo público ou por iniciativa particular, leven a cabo algún feito de especial transcendencia para a axencia comercial. A designación poderase realizar a persoas físicas determinadas pola súa propia actividade ou polo cargo que desempeñen.

A designación como presidente de honra dalgunha persoa pola súa propia actividade terá o carácter de vitalicia. Cando a designación se produza polo desempeño dun cargo determinado, terá a duración do propio cargo.

Nomearase axente comercial honorario do Colexio Oficial de Axentes Comerciais de Lugo a calquera membro do seu censo ou do seu persoal e colaboradores que destaque por algunha especial contribución para o desenvolvemento da nosa profesión.

Artigo 40º

Os galardóns son:

a) A insignia do Colexio Oficial de Axentes Comerciais de Lugo, que terá as categorías de ouro e brillantes, de ouro e de prata.

b) O Mercurio do Colexio Oficial de Axentes Comerciais de Lugo.

A forma da insignia será a do noso actual escudo colexial: un círculo formado por dúas pólas de follas, entre as que se le axente comercial, co caduceo que consiste nunha vara lisa, con dúas ás no seu extremo superior e rodeada de dúas cobras; o

conxunto na súa parte superior está rematado por un casco alado, e na súa parte inferior figura o escudo de Lugo.

A insignia na súa categoría de prata concederáselles a:

a) Os axentes comerciais cunha pertenza no noso censo de vinte e cinco anos, consecutivos ou alternos.

b) Os integrantes do noso censo colexial que sexan escollidos para desempeñar algún cargo no colexio.

c) Os compoñentes do persoal do colexio e colaboradores cunha antigüidade de vinte e cinco anos, consecutivos ou alternos.

A insignia na súa categoría de ouro concederáselles a:

a) Os axentes comerciais cunha pertenza no noso censo de trinta e cinco anos, consecutivos ou alternos.

b) Os membros de Xunta de Goberno que pertencesen a esta durante un prazo de dez anos, consecutivos ou alternos.

c) Os compoñentes do persoal do colexio e colaboradores cunha antigüidade de trinta e cinco anos, consecutivos ou alternos.

d) Aquelas persoas que, desde un cargo público ou por iniciativa privada, achegasen algún beneficio para a axencia comercial, ou destacasen na publicación de textos ou obras de divulgación de utilidade para a nosa profesión.

e) Todas aquelas persoas que sexan nomeadas axente comercial honorario do noso colexio.

A insignia na súa categoría de ouro e brillantes concederáselles a:

a) Os axentes comerciais cunha pertenza no noso censo de cincuenta anos, consecutivos ou alternos.

b) Os membros de Xunta de Goberno que pertencesen a esta durante un prazo de vinte e cinco anos, consecutivos ou alternos.

c) Os compoñentes do persoal do colexio e colaboradores cunha antigüidade de cincuenta anos, consecutivos ou alternos.

d) Aquelas persoas nas que, como particulares ou detentoras dalgún cargo público, concorran méritos excepcionais polo seu labor en favor e beneficio da actividade da axencia comercial.

e) Todas aquelas persoas que sexan nomeadas presidente de honra do noso colexio.

Artigo 41º

O Mercurio do Colexio Oficial de Axentes Comerciais de Lugo consistirá nunha base cúbica de cuxa cara superior e centrada elévase unha columna lisa rematada no seu extremo por unha figura irregular, que adopta tres saíntes en forma de conos desiguais e aliñados dous deles segundo unha traxectoria diagonal e o terceiro, proxectado de fronte, adquirindo por encima deste unha configuración en arco oco,

e adoptando na parte en que se suxeita a columna senllas configuracións de asas irregulares.

O Mercurio concederáselles a:

a) Os compoñentes da Xunta de Goberno que permanecesen nela durante un prazo de corenta anos, consecutivos ou alternos.

b) Os altos cargos da Administración pública, entidades ou corporacións que destacasen especialmente polos seus méritos en beneficio da axencia comercial.

c) Aqueles axentes comerciais que pola súa actividade prestixiasen excepcionalmente a nosa profesión.

Artigo 42º

Todo nomeamento honorífico e todo galardón será concedido sempre e en todo caso por acordo da Xunta de Goberno.

Levarase na Secretaría do colexio o control necesario para a concesión das distincións cuxa obtención dependa do simple transcurso do tempo. Estas distincións serán concedidas por anos naturais e sempre no que cadre o evento que se vai destacar. O acordo sobre a súa concesión adoptarase pola Xunta de Goberno na súa xuntanza do mes de outubro e serán entregados na data que se dispoña do mes de decembro.

O acordo sobre a concesión dun nomeamento honorífico ou dun galardón que non dependa do simple transcurso do tempo será adoptado por proposta de:

a) O presidente do colexio.

b) Tres integrantes da Xunta de Goberno.

c) Dez membros do noso censo colexial.

Todas as propostas serán cursadas a través da Secretaría e para ser estudadas na primeira xuntanza de Xunta de Goberno que se realice.

O acordo de calquera concesión farase constar sempre nunha credencial, coa sinatura do presidente e do secretario do colexio.

A credencial será unha bandexa de prata no caso de nomeamento como presidente de honra, concesión do Mercurio do Colexio Oficial de Axentes Comerciais de Lugo ou da súa insignia de ouro e brillantes.

No caso de nomeamento de axente comercial honorario ou da concesión da insignia nas súas categorías de ouro ou de prata, a credencial será un pergamiño.

De todas e cada unha das credenciais levarase especificamente un libro rexistro na Secretaría do colexio, onde constarán a data de nomeamento ou concesión, o nome e apelidos do destinguido e a data do acto en que se formalizase.

Capítulo VI

Da represión da clandestinidade profesional

Artigo 43º

Consideraranse incursas en clandestinidade profesional todas as persoas que, co seu domicilio pro

fesional única ou principal situada en Lugo, exerzan a axencia comercial no ámbito territorial deste colexio en calquera das súas modalidades e sen atoparse debidamente incorporadas a este. No suposto de estar incorporado a outro colexio territorial de Axentes Comerciais, tramitarase con este o traslado do expediente colexial.

A Xunta de Goberno coidará nestes casos de exercer as accións de índole civil ou penal que puidesen aplicarse conforme as leis vixentes para o exercicio clandestino da profesión.

TÍTULO III

Dos órganos do colexio

Artigo 44º

Os órganos do colexio son os seguintes:

a) A Asemblea Xeral de Colexiados.

b) A Xunta de Goberno do colexio.

c) O presidente.

Capítulo I

Da Asemblea Xeral de Colexiados

Artigo 45º

A Asemblea Xeral de Colexiados é o órgano soberano de decisión colexial e a intégraa a totalidade dos inscritos no censo con anterioridade á data da súa convocatoria, cada un dos cales terá dereito a voz e voto se se atopa en plenitude de dereitos e ao corrente das súas obrigas colexiais, poderanse celebrar ademais cantas asembleas xerais de colexiados de carácter extraordinario sexan convocadas debidamente por iniciativa do presidente do colexio, da propia Asemblea Xeral, da Xunta de Goberno ou dun número de colexiados que supoña, polo menos, o 10% do censo.

Artigo 46º

Celebrarase anualmente unha Asemblea Xeral ordinaria durante o primeiro cuadrimestre do exercicio, e nela deberá incluírse necesariamente:

a) Lectura e aprobación, se procede, da redacción da acta da xuntanza anterior.

b) Aprobación se procede, logo da discusión, da memoria de xestión da xunta, dos balances e contas, así como de aprobar a xestión do seu presidente.

c) Fixación da cota colexial e demais derramas que puidesen acordarse.

d) Aprobación se procede, logo da súa discusión, do orzamento de ingresos e de gastos para o exercicio.

e) Elección dos integrantes da comisión revisora de contas para o exercicio.

f) Cando proceda, elección dos integrantes da comisión de recursos.

g) A aprobación e reforma dos estatutos e normas deontolóxicas colexiais e a elección do órgano de goberno e do seu presidente, e a remoción destes por medio de moción de censura.

Ademais, incluiranse cantos asuntos sexan de incumbencia da Asemblea Xeral de Colexiados, e sempre un espazo para rogos e preguntas. En todo caso, serán competencias da Asemblea Xeral:

a) Acordar a disolución do colexio, segundo se regula nestes estatutos.

b) Autorizar á Xunta de Goberno os actos de disposición sobre elementos patrimoniais que supoñan, polo menos, un 25% do valor do patrimonio colexial, segundo o último balance.

Artigo 47º

A asemblea ficará constituída validamente en primeira convocatoria coa asistencia dun mínimo do 75% dos colexiados ou representantes. Ficará validamente constituída en segunda convocatoria sexa cal sexa o número de colexiados ou representados. A segunda convocatoria deberá facerse media hora despois da primeira e no mesmo lugar, e deberá terse anunciado coa primeira.

Artigo 48º

Toda convocatoria de Asemblea Xeral, ordinaria ou extraordinaria, deberá realizarse cunha antelación mínima de quince días naturais á data da súa celebración e será convocada polo presidente do colexio.

A convocatoria deberá ser notificada persoalmente a todos os colexiados mediante correo ordinario, taboleiro de anuncios ou medio similar, e publicada un dos periódicos dos de maior difusión de Lugo; xunto coa convocatoria comunicarase a orde do día previamente establecida pola Xunta de Goberno, ao cal necesariamente deberá axustarse a xuntanza.

Cando un número de colexiados que represente polo menos un 10% do censo de colexiados, presente algunha cuestión para o seu estudo e debate en Asemblea Xeral, deberá incluírse necesariamente na orde do día da seguinte xuntanza.

No suposto de que falten máis de seis meses para a celebración da xuntanza ordinaria anual, deberá convocarse de inmediato unha xuntanza extraordinaria para tratar a cuestión formulada e as demais que se estimen oportunas.

Cando na convocatoria se faga referencia á aprobación de memoria, contas ou algún outro documento, farase constar que os exemplares destes están á disposición dos colexiados na sede do colexio cunha antelación mínima de quince días naturais antes da data de celebración da asemblea. Calquera colexiado terá dereito para retirar persoalmente e logo da súa acreditación un exemplar gratuíto ou para solicitar por calquera medio, sempre logo da súa identificación suficiente, que se lle envíe ao seu domicilio, sendo neste caso os gastos pola súa conta.

Artigo 49º

O voto na Asemblea Xeral de Colexiados é persoal e directo, non admitíndose delegación nin representación, nin voto ou censura por correo.

A votación será sempre pública, salvo que dúas terceiras partes dos colexiados presentes pidan que se realice en secreto, mediante o depósito de papeletas cun si ou un non ou en branco nunha urna, do cal o seu contido será escrutado seguidamente e proclamado polo secretario. Ata un máximo de tres colexiados poderán controlar o escrutinio, procurándose que sexan de distintas tendencias ou opinións respecto do tema de debate sometido a votación.

A votación pública poderá realizarse a man alzada ou mediante rótulos que se entreguen para o efecto. En calquera caso, a votación deberá consistir en dar un si ou un non, ou absterse, a unha proposta concreta formulada con claridade polo presidente.

Os acordos adoptaranse por maioría simple de votos dos asistentes, salvo os supostos específicos nos que estes estatutos exixan outra maioría cualificada, e, unha vez adoptados, serán obrigatorios para todos os colexiados, sen perxuízo do réxime de recursos que se establece nos presentes estatutos.

En caso de empate, a votación repetirase cantas veces sexa necesario, resolvendo con voto de calidade do presidente.

Artigo 50º

A aprobación ou a modificación dos estatutos do colexio será competencia sempre da Asemblea Xeral.

O proxecto de estatutos ou de modificación deles estará á disposición dos colexiados na sede do colexio cunha antelación mínima de trinta días naturais á data de celebración da asemblea.

Calquera colexiado poderá formular emendas totais ou parciais ao proxecto, que deberá presentar na sede colexial cunha antelación mínima de dez días naturais antes da xuntanza da Asemblea Xeral. As emendas presentadas en tempo e forma someteranse a votación na asemblea, permitíndose exclusivamente dúas intervencións a favor e dous en contra, de forma alternativa, no debate de cada unha das emendas presentadas.

Entenderase que calquera título ou artigo que non fose obxecto de emendas particulares é aceptado como foi redactado no proxecto, polo que se entenderá aprobado sen debate na asemblea. Se durante o desenvolvemento da sesión algún colexiado formula algunha cuestión relativa a algún precepto que non fose obxecto de emenda previa, debaterase sobre a marcha segundo a proposta que realice o interveniente, que será sometida a votación tras permitirse, como máximo, dúas intervencións a favor e dúas en contra, de forma alternativa.

Unha vez aprobados os estatutos ou a súa modificación, comunicaranse á consellería competente en materia de colexios profesionais para que, logo

de cualificación de legalidade, sexan inscritos no Rexistro de Colexios Profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, a súa entrada en vigor terá lugar coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 51º

O presidente do colexio é o coordinador da Asemblea Xeral de Colexiados e ten como misión:

a) Presidir e dirixir os debates.

b) Facer respectar estes estatutos e calquera outra norma, sexa xeral, autonómica ou colexial.

c) Defender o dereito de todos os colexiados a expresarse libremente, podendo solicitar o auxilio da forza pública cando algún coaccione ou obrigue a outro colexiado ou á Xunta de Goberno a facer ou non facer algo.

Durante as xuntanzas, o secretario anotará as peticións de palabra para que o presidente a conceda por orde rigorosa de solicitude. Previamente a calquera debate, o presidente pode limitar o número de intervencións en favor e en contra de cada postura; igual facultade ten se un debate se alonga excesivamente, podendo limitar en calquera momento as intervencións que resten.

Artigo 52º

A lectura de actas ou de calquera outro documento correspóndelle ao secretario por solicitude do presidente. Tamén é competencia do secretario levantar a acta da xuntanza, que redactará e asinará co visto e prace do presidente.

Aínda que a aprobación da redacción da acta se realice noutra Asemblea Xeral de Colexiados posterior, o contido de cada unha é inmediatamente executivo e deberá ser levado a cabo pola Xunta de Goberno.

Se tras a lectura dunha acta houbese algunha obxección ao seu contido por parte dalgún colexiado, abrirase unha quenda limitada de intervencións para que a asemblea determine o que proceda.

Finalizado o debate, anotarase, se é o caso, a correspondente rectificación, que constará na acta da xuntanza en curso.

Os acordos adoptados pola Asemblea Xeral deberán serlle comunicados ao censo mediante unha circular para o efecto ou mediante a súa publicación nun medio informativo editado polo colexio ou mediante a súa inserción nun periódico dos de maior circulación da provincia, por elección da Xunta de Goberno.

Artigo 53º

Calquera colexiado presente poderá pedir a palabra en calquera debate, e seralle necesariamente concedida polo presidente cando por quenda lle corresponda e sempre que non estea afectado pola limitación prevista nestes estatutos de intervencións a favor ou en contra.

O colexiado dirixirase ao presidente, quen lle contestará persoalmente ou designará o membro de Xunta de Goberno que deba intervir, segundo o tema de que se trate. O colexiado poderá facer uso do seu dereito a réplica ata que se considere suficientemente aclarada a cuestión, sen que poida voltar a admitir esta.

Cando nalgún punto se suscite un debate entre os integrantes da Xunta de Goberno e algún ou algúns colexiados ou entre dous ou máis colexiados entre si, o presidente coidará de que se observe unha rigorosa orde nas respectivas intervencións, procurando alternar as favorables a unha e outra postura. Só se poderá limitar a intervención dos presentes cando a súa exposición supoña reiterar outras anteriores.

Suficientemente debatida calquera cuestión, solucionarase mediante votación da Asemblea Xeral.

Artigo 54º

Se no transcurso dos debates alguén apreciase que o presidente non cumpre co seu cometido correcto e imparcialmente, poderá censurar a súa actitude.

Sempre que o censor sexa apoiado, polo menos, polo 15% dos colexiados censados ou da maioría da Xunta de Goberno.

Capítulo II

Da Xunta de Goberno e a súa Comisión Permanente e do presidente

Artigo 55º

Como órgano de execución e xestión dos acordos da Asemblea Xeral, así como para o desenvolvemento permanente da administración do colexio e a organización dos seus servizos, existirá unha Xunta de Goberno.

A Xunta de Goberno está integrada por:

a) O presidente.

b) O vicepresidente.

c) O tesoureiro e o contador.

d) O secretario, que terá voz pero non voto cando o cargo sexa ocupado por unha persoa contratada ao servizo do colexio e non por un colexiado electo.

e) Oito vogais.

Todos os cargos da Xunta de Goberno deberán ser desempeñados por colexiados en exercicio activo da profesión, debidamente acreditado por calquera medio valido en dereito.

Artigo 56º

O presidente ten a representación legal do colexio, dentro e fóra del, coordinando o labor dos distintos órganos colexiais, con facultade para presidir todos eles con voto de calidade en caso de empate.

Executar os acordos do órgano de goberno tal como establece o artigo 22 da Lei 11/2001, relativo ao órgano presidencial.

Será o ordenador dos pagos e xestionará co tesoureiro o réxime económico, financeiro e patrimonial do colexio, asinando a correspondencia e documentación oficial, autorizando co seu visto e prace as certificacións expedidas polo secretario.

Correspóndelle o outorgamento de poderes a favor de letrados e de procuradores nos litixios ou reclamacións de calquera clase en que poida ser parte o colexio.

Artigo 57º

Unha vez constituída a Xunta de Goberno despois do proceso electoral, o presidente proporá a elección de entre os vogais de polo menos un vicepresidente, podendo ser ata un máximo de tres, coas funcións que se establezan para cada un ao designalo.

O vicepresidente substituirá o presidente cando este non puidese exercer as súas funcións en caso de ausencia, enfermidade ou vacante, así como cando este lle delegue algunha das súas funcións. De haber máis dun, actuarán pola súa orde.

Artigo 58º

O secretario poderá ser un membro da Xunta de Goberno ou unha persoa ao servizo do colexio; neste caso terá voz, pero non voto, nos órganos de goberno dos que forme parte e a súa designación e cesamento corresponderalle á Xunta de Goberno.

Son funcións do secretario do colexio:

a) Asistir ás xuntanzas con voz e voto, salvo no caso previsto no punto anterior.

b) Efectuar a convocatoria das sesións dos órganos colexiados por orde do seu presidente, así como as citacións aos membros del.

c) Recibir os actos de comunicación dos membros do órgano colexiado e, por tanto, as notificacións, peticións de datos, rectificacións ou calquera outra clase de escritos dos que deba de ter coñecemento.

d) Redactará as actas e a correspondencia oficial do colexio, dirixindo as súas oficinas e o seu arquivo, coa custodia de todos os seus documentos. Terá ao seu cargo a expedición de certificacións, co visto e prace do presidente, así como a redacción da memoria anual.

e) Correspóndelle a xefatura de todo o persoal do colexio, actuando sempre como instrutor de calquera expediente laboral que se incoe.

A decisión sobre a substitución temporal do secretario en supostos de vacante, ausencia ou enfermidade realizaraa Xunta de Goberno.

Artigo 59º.-Tesoureiro e contador.

1. Ao tesoureiro corresponderalle a custodia e responsabilidade dos fondos da corporación, a execución ou efectividade dos cobros e pagos, levando para o efecto o oportuno libro de caixa e a autorización, xunto coa sinatura do presidente, das disposicións dos fondos. En caso de vacante, ausencia ou enfermidade do tesoureiro, a súa sinatura poderá

ser substituída pola de quen regulamentariamente determinase.

2. Corresponderalle ao contador, a intervención de todos os documentos contables, así como a redacción para o seu exame e formulación pola Xunta de Goberno, dos balances, contas, presupostos e de calquera estudo económico que lle encargue a Comisión Permanente ou a Xunta de Goberno.

3. Por acordo da Xunta de Goberno poderán acumularse nunha soa persoa os cargos de tesoureiro e contador, con todas as súas funcións.

Artigo 60º

Os vogais substituirán pola súa orde os cargos anteriores nos casos de ausencia, enfermidade ou vacante e presidirán as comisións auxiliares ou de traballo e a Xunta Colexial.

Artigo 61º

Son atribucións da Xunta de Goberno todas aquelas que se lle outorgan ao longo destes estatutos en supostos concretos e ademais as seguintes:

a) Aprobar ou rexeitar motivadamente as solicitudes de incorporación ao colexio.

b) Aprobar mensualmente as contas de ingresos e de gastos colexiais referidas ao mes anterior, coidando de que se vaian axustando ao previsto nos orzamentos elaborados para o exercicio.

c) Coordinar os traballos realizados polas comisións auxiliares, as seccións de especializados e a Xunta Colexial.

d) Decidir e ordenar os servizos que se ofrecen á colexiación, establecendo a forma de proporcionalos e o seu custo para os beneficiarios.

e) Preparar a proposta de memoria, contas, balances, orzamento e, en xeral, toda a documentación económica, contable ou de xestión que se haxa de presentar á súa aprobación pola Asemblea Xeral.

f) Propoñerlle para a súa discusión e, se procede, aprobación á Asemblea Xeral a cota ordinaria a pagar polos colexiados, así como as cotas extraordinarias ou derramas e de incorporación que poida considerar como necesarias, así como o pacto económico a acadar co Consello Xeral para o seu sostemento, de considerarse oportuno colaborar, encargándose ulteriormente da súa recadación.

g) Decidir todo o relativo ao cadro laboral e de colaboradores colexiais, segundo as necesidades administrativas ordinarias e dos distintos servizos que hai que dar aos colexiados.

h) Coidar do cumprimento dos presentes estatutos na vida normal do colexio, salvando as súas posibles lagoas de regulación mediante as oportunas instrucións.

i) Propoñerlle á Asemblea Xeral para a súa discusión e aprobación, se procede, cantas reformas aparezan como necesarias nos presentes estatutos, así como os regulamentos que se consideren precisos no seu desenvolvemento.

j) Coidar que os integrantes dos distintos órganos do colexio, tanto unipersoais como colexiados, cumpran escrupulosamente os requirimentos estatutarios para manterse no cargo ou desempeñalo, dispoñendo o seu cesamento inmediato cando se comprobase que deixaron de facelo ou estiveran incursos nunha causa prevista nestes estatutos, e acordar a convocatoria das eleccións para cubrir os postos da propia Xunta de Goberno cando corresponda en aplicación destes estatutos.

k) Todas aquelas referidas á administración e xestión habitual do colexio que non estean expresamente reservadas nestes estatutos á Asemblea Xeral ou a outro órgano.

l) Someter a consulta dos colexiados todos aqueles asuntos que considere de interese colexial e de especial transcendencia na forma que a propia xunta estableza, fomentando desta maneira a participación do censo.

m) Velar porque os colexiados observen boa conduta profesional nas súas relacións cos clientes, compañeiros e colexio, fomentando e organizando iniciativas para a máis adecuada formación deontolóxica e profesional dos seus integrantes.

n) Exercer as facultades disciplinarias segundo o regulado nestes estatutos.

ñ) Informar o máis rápido posible os colexiados de cantas cuestións coñeza e poidan afectalos, xa sexan de índole corporativa, colexial, profesional ou cultural, propiciando a realización de seminarios, cursos ou conferencias de carácter formativo ou informativo, gratuítos ou remunerados.

o) Defender os colexiados no desempeño da profesión e outorgarlles o amparo colexial cando sexa xusto e procedente.

p) Recadar, distribuír e administrar os fondos do colexio, así como adquirir, gravar, allear ou investir o patrimonio inmobiliario conforme o aprobado na Asemblea Xeral.

q) Desempeñar todas as funcións económicas colexiais sen exclusión ningunha: administrar bens; pagar e cobrar cantidades; facer efectivos libramentos; dar ou aceptar bens en ou para pago; outorgar transaccións, compromisos ou renuncias; mercar, vender, retraer, permutar, pura ou condicionalmente, con prezo confesado ou aprazado ou pago ao contado toda clase de bens e dereitos, a excepción dos relativos a bens inmobles cando supoñan, polo menos, o 25% do valor do patrimonio colexial, segundo o último balance, para os que requirirá o acordo da Asemblea Xeral; declarar obras novas, melloras e excesos de cabida; constituír, aceptar, dividir, allearse, gravar, redimir e extinguir usufrutos, servidumes, opcións e arrendamentos inscribibles e demais dereitos reais, exercitando todas as facultades derivadas destes; tomar parte en concursos e poxas, facer propostas e aceptar adxudicacións; aceptar a beneficio de inventario e repudiar her

danzas e facer, aprobar ou impugnar particións de herdanzas, entregar e recibir legados.

r) Contratar, modificar, rescindir e liquidar seguros de toda clase.

s) Operar en caixas ou bancos oficiais, caixas de aforro e bancos, mesmo o de España e as súas sucursais, facendo todas as operacións permitidas pola lexislación e a práctica bancarias; seguir, abrir e cancelar contas e cartillas de aforro, contas correntes e de créditos, caixas de seguridade e investimentos.

t) Mercar, vender, trocar, pignorar valores e cobrar os seus xuros, dividendos e amortizacións, concertar pólizas de crédito, persoal ou con pignoración de valores, con bancos e establecementos de crédito, asinando os oportunos documentos. Modificar, transferir, cancelar, retirar e constituír depósitos de efectivo, valores provisionais ou definitivos.

o) Participar en sociedades mercantís ou cooperativas para o cumprimento dos fins colexiais, coa posibilidade de constituílas, administralas, disolvelas e liquidalas, como socio único ou en unión doutras persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, con plena capacidade para allear as súas participacións ou accións ou para mercar outras co fin de modificar a súa porcentaxe de participación no capital social.

Artigo 62º

Como órgano de traballo e de réxime interior colexial existirá a Comisión Permanente, integrada polo presidente, vicepresidente único ou primeiro, tesoureiro e secretario. O presidente é o encargado de executar os acordos da Xunta de Goberno, podendo en caso de urxencia lembrar o que estime conveniente para o bo funcionamento e réxime do colexio, con obriga de darlle conta á Xunta de Goberno na primeira xuntanza que se celebre. Correspóndelle ao presidente fixar a data e orde do día das xuntanzas da Xunta de Goberno.

Os seus integrantes serán os que teñan a sinatura recoñecida nas entidades bancarias, sendo sempre precisas tres para toda clase de movementos de fondos. Facúltanse para abrir, seguir e cancelar contas correntes ou de aforro e de prazo fixo en calquera entidade bancaria.

Artigo 63º

Todas as untanzas da Xunta de Goberno e as da súa Comisión Permanente deben ser convocadas polo presidente do colexio, segundo o acordado pola propia Xunta de Goberno ou a súa Comisión Permanente, cun mínimo de corenta e oito horas de antelación, período durante o cal estará á disposición de todos os integrantes do órgano respectivo toda a información relativa aos puntos da orde do día.

A convocatoria para as xuntanzas ordinarias ou extraordinarias será realizada polo presidente cando existan motivos para iso ou por solicitude dun número de integrantes do órgano respectivo que supoñan, canto menos, un terzo dos seus compoñentes.

A Xunta de Goberno reunirase con carácter ordinario unha vez ao mes; a súa Comisión Permanente, unha vez por semana.

Toda convocatoria deberá ir acompañada por unha orde do día previa cos asuntos para tratar, así como o lugar, o día e a hora da súa celebración, en primeira e en segunda convocatoria. Non se poderá adoptar ningún tipo de acordo respecto dun tema que non figure na orde do día; non obstante, en rogos e preguntas poderá deixarse apuntada a cuestión para a súa inclusión na seguinte xuntanza, ordinaria ou extraordinaria, que será obrigatoria cando o solicite, polo menos, un terzo dos membros.

Para a válida constitución do órgano na súa primeira convocatoria, para efectos da celebración de sesións, deliberacións e toma de acordos, requirirase a presenza do presidente e do secretario, ou de quen estatutariamente os substitúan, e da metade, alomenos, dos seus compoñentes, incluíndo os dous anteditos. En segunda convocatoria, será válida a súa constitución coa asistencia dos que asistan, entre os cales se realizarán as substitucións precisas para que un actúe como presidente e outro como secretario, de non estar presentes os titulares destes cargos.

Todos os acordos adoptaranse por maioría simple de votos, salvo que se trate dalgunha cuestión concreta para a cal estes estatutos exixan outra maioría cualificada.

Artigo 64º

A asistencia ás xuntanzas da Xunta de Goberno e da Comisión Permanente é obrigatoria para os seus integrantes. Se deixasen de asistir sen causa xustificada a tres xuntanzas consecutivas ou cinco alternas no prazo dun ano, causarán baixa no seu cargo.

Capítulo III

Da elección e o cesamento do presidente e demais membros da Xunta de Goberno

Artigo 65º

O presidente e os demais cargos da Xunta de Goberno, así como os suplentes, serán escollidos mediante votación directa e secreta na que poderán participar como electores todos os colexiados xa incorporados na data de convocatoria das eleccións, e como elixibles aqueles electores que non estean incursos en ningunha das seguintes situacións:

a) A condena por sentenza firme que leve aparellada a inhabilitación ou suspensión para cargos públicos, en tanto calquera destas subsista.

b) Ter sido disciplinariamente sancionado polo colexio ou por calquera outro colexio de axentes comerciais de España, mentres non fose rehabilitado.

c) Ser membro dos órganos rectores doutro colexio territorial de axentes comerciais de España.

d) Ser presidente ou membro do órgano executivo de calquera corte de arbitraxe, a excepción da do propio colexio.

e) Levar menos dun ano colexiado.

f) Non ser exercente, acreditando a súa condición de tal mediante calquera medio válido en dereito.

Artigo 66º

O período de mandato dos integrantes da Xunta de Goberno será de catro anos, podendo ser indefinidamente reelixidos.

Non poderá ser candidato ningún integrante da Xunta Colexial, Comisión de Recursos ou calquera comisión auxiliar ou de traballo se previamente non presenta a súa renuncia irrevogable ao cargo que ostente. Diso exceptúanse os candidatos a suplentes, que unicamente non poderán ser integrantes da Comisión de Recursos; no suposto de que chegasen a acceder á Xunta de Goberno en substitución dalgún dos seus integrantes, deberán previamente cesar do seu cargo.

Artigo 67º

Nas eleccións proclamarase electa e vencedora a candidatura que obteña maioría de votos. En caso de empate, repetirase a votación, iniciándose de inmediato o novo proceso electoral pola Xunta de Goberno en funcións.

Artigo 68º

As eleccións serán convocadas polo presidente, tras acordo adoptado pola Xunta de Goberno, para todos os postos da dita Xunta de Goberno e cinco suplentes, cunha antelación mínima de dous meses ao día da súa celebración. O anuncio de convocatoria deberá remitírselles a todos os colexiados, indicando o lugar e o día, así como o horario, en que se vaia celebrar a votación.

Simultaneamente á publicación da convocatoria, o secretario ordenará inserir no taboleiro de anuncios do colexio a lista completa dos colexiados con dereito a voto. Contra calquera inclusión ou exclusión caberá recurso do interesado no prazo de cinco días hábiles desde a publicación ante a Xunta Electoral.

Artigo 69º

O proceso electoral será controlado por unha xunta electoral, integrada por tres colexiados cunha antigüidade no colexio de polo menos cinco anos.

Estes colexiados, así como outros nove suplentes, serán nomeados por insaculación en acto público debidamente convocado para o efecto.

O cargo de integrante da Xunta Electoral é obrigatorio para os colexiados, que só se poderán escusar por causas debidamente xustificadas. Comunicarase aos escollidos a súa elección, que deberán aceptar ou rexeitar xustificadamente nun prazo de quince días naturais.

Artigo 70º

A Xunta Electoral presidirá as eleccións colexiais e velará polo mantemento dun proceso electoral limpo, democrático, baseado nos principios de igualdade de trato, corrección e decoro, así como polo cumprimento das normas electorais vixentes.

As súas funcións son as seguintes:

a) Dirixir e supervisar o proceso electoral con respecto ás normas electorais establecidas nestes estatutos.

b) Comprobar a corrección formal das candidaturas presentadas, así como velar pola inexistencia de causa ningunha de inelixibilidade dos seus compoñentes.

c) Proclamar as candidaturas presentadas e rexeitar aquelas candidaturas ou candidatos que non reúnan os requirimentos exixidos polas normas vixentes.

d) Aprobar os modelos normalizados de papeletas de voto e sobres.

e) Velar polo correcto funcionamento do sistema de voto por correo.

f) Corrixir inmediatamente calquera infracción ou defecto de funcionamento que poida producirse durante o proceso electoral, con escrupuloso respecto ás normas vixentes.

g) Ditar instrucións en desenvolvemento da normativa electoral vixente para cubrir as posibles lagunas do proceso electoral.

h) Vixiar o correcto funcionamento das mesas electorais, o desenvolvemento da votación, os resultados electorais producidos e os cargos electos.

i) Proclamar os resultados electorais e os cargos electos no prazo de corenta e oito horas desde a finalización da votación.

j) Presidir a toma de posesión dos cargos electos.

k) Resolver calquera queixa ou reclamación que se presente durante o proceso electoral contra o seu desenvolvemento, a proclamación de candidaturas e candidatos, resultados, cargos electos, etc. As queixas e reclamacións deben ser resoltas no prazo máximo de tres días desde a súa presentación, salvo casos extraordinarios debidamente xustificados.

Para o exercicio das súas funcións poderán acadar calquera auxilio material ou técnico do persoal administrativo do colexio e da súa asesoría xurídica.

Artigo 71º

Os recursos que se interpoñan no proceso electoral ou contra o seu resultado ante a Xunta Electoral serán admitidos nun só efecto e non suspenderán a votación, proclamación ou exercicio do cargo, salvo cando así se acorde por causas excepcionais mediante resolución expresa e motivada, de oficio ou por instancia do recorrente.

Contra os acordos da Xunta Electoral que resolvan os anteriores recursos caberá recurso ordinario ante a Comisión de Recursos do colexio, da cal a resolución porá fin á vía administrativa.

Artigo 72º

Dentro dos trinta días naturais seguintes á convocatoria das eleccións, os colexiados que así o desexen poderán presentar a súa candidatura, agrupados en listas pechadas e completas para todos os cargos e os seus suplentes, sempre e cando cumpran os requirimentos de elixibilidade previstos.

Artigo 73º

Ao día seguinte da finalización do período para a presentación de candidaturas, a Xunta Electoral, unha vez comprobados os requirimentos de elexibilidade de todos e cada un dos candidatos e a corrección formal das candidaturas presentadas, proclamará nun acto público e debidamente convocado con anterioridade aquelas listas que concorrerán ás eleccións, publicando a dita proclamación no taboleiro de anuncios do colexio.

Artigo 74º

Desde a proclamación das candidaturas ata as 24.00 horas do día anterior do fixado para as eleccións, os candidatos poderán realizar a súa propia campaña electoral, sempre respectuosa cos outros candidatos e coa normativa vixente.

A Xunta Electoral poderá acordar a realización de propaganda institucional se contase coa correspondente partida orzamentaria para iso. Igualmente, poderá outorgarlles a todas as candidaturas, con igualdade de trato, a posibilidade de inserir a súa publicidade no medio que se dispoña a cargo do colexio, coa mesma limitación de existencia de fondos para iso no orzamento.

O control da propaganda electoral, institucional, colexial común ou particular, correspóndelle en exclusiva á Xunta Electoral.

Artigo 75º

O acto da elección realizarase na sede colexial, salvo que en atención ao número previsible de asistentes se indique outro lugar na convocatoria do proceso.

O día das eleccións constituiranse as mesas electorais, distribuídas por orde alfabética do primeiro apelido dos colexiados e cun máximo de mil quiñentos votantes por mesa.

As mesas electorais estarán integradas por un presidente e dous adxuntos, todos eles previamente designados por insaculación nun acto público debidamente convocado. Nomearanse igualmente outros tres suplentes por cada mesa para cubrir as posibles eventualidades que xurdisen.

Todas as candidaturas teñen dereito a nomear un interventor por cada mesa que se constitúa, que asistirá ao desenvolvemento das eleccións como un com

poñente máis dela e sen ostentar ningunha acreditación que o distinga como designado particularmente.

Artigo 76º

As papeletas da votación, para aprobar pola Xunta Electoral, haberán de ser de dous tipos:

1. Co seu contido preimpreso e referido exclusivamente a unha soa candidatura completa, constando a identidade dos candidatos e os postos aos que aspiran.

2. Iguais, pero en branco.

Serán nulas as papeletas:

a) Que teñan emendas ou riscaduras.

b) Que sexan diferentes ás aprobadas.

c) Que leven anotacións ou inscricións diferentes dos cargos para cubrir e nomes dos candidatos.

d) Que inclúan nomes de persoas que non fosen proclamados candidatos.

Artigo 77º

O exercicio do dereito a voto é persoal e indelegable e realizarase o mesmo día de celebración das eleccións, logo de acreditación suficiente da identidade do votante ante a mesa electoral a través do seu carné profesional, DNI, pasaporte ou permiso de conducir.

Non obstante o anterior, os colexiados poderán emitir o seu voto por correo aténdose ás seguintes regras:

a) Os colexiados que desexen emitir o seu voto por correo deberán solicitar na secretaría do colexio a certificación correspondente de estar incluídos no censo electoral. A solicitude de certificación poderá realizarse persoalmente ou mediante escrito dirixido ao colexio, acompañando fotocopia do seu carné profesional.

b) O secretario entregará a certificación solicitada, xunto cunha relación das candidaturas proclamadas, así como as papeletas cos cargos a cubrir e en branco e un sobre de votación. Tanto as papeletas como o sobre deberán ser dos aprobados pola Xunta Electoral.

c) O votante utilizará unha das papeletas aprobadas coa candidatura que desexe e introduciraa no sobre da votación. Este sobre, unha vez pechado, introducirase noutro de correo ordinario, no cal será necesario introducir a certificación que acredite o votante como membro do censo electoral, así como unha fotocopia do seu carné de colexiado e do seu DNI. As fotocopias do carné colexial e do DNI deberán ser asinadas polo colexiado, quen porá do seu puño e letra a data do día en que o fai.

Non se aceptará ningún sobre de votación coas citadas fotocopias sen asinar e datar ou cunha data incoherente coas do propio calendario electoral.

Este segundo sobre, co contido indicado, enviarase por correo certificado ou ordinario á Xunta Electoral do Colexio Oficial de Axentes Comerciais de Lugo, ao enderezo do colexio, con clara expresión do remitente e sinalando no seu anverso «Para as eleccións do día ...».

Só se computarán os votos que cumpran os requirimentos indicados e que teñan a súa entrada na Xunta Electoral antes das 20.00 horas do día anterior á votación.

d) Durante a realización das votacións repartiranse os votos recibidos por correo ás correspondentes mesas electorais segundo corresponda alfabéticamente. Ao termo do horario de votación, procederase a abrir os sobres, a determinar a corrección da documentación incluída, a comprobar que o votante non o fixo persoalmente e, estando todo correcto, a inserir o sobre de votación na urna, destruíndo o resto da documentación.

O presidente de cada mesa electoral é o único competente para determinar a validez dos votos que lle entregasen por correo. De existir algunha impugnación á súa decisión por parte dalgún interventor, sinalarase na acta e apartarase o sobre de votación, xunto con toda a documentación, para que o resolva de inmediato a Xunta Electoral, presente para o efecto.

Artigo 78º

Acabada a votación, persoal e por correo, procederase ao escrutinio do contido das urnas, levantándose actas do seu resultado e incidencias. As papeletas declaradas válidas destruiranse a continuación; as anuladas ou impugnadas apartaranse para que no acto decida sobre a súa validez a Xunta Electoral.

Artigo 79º

Acabado o escrutinio e resoltas todas as incidencias, entregaranse as actas das mesas á Xunta Electoral, a cal nun prazo máximo de corenta e oito horas desde a súa finalización proclamará elixida a candidatura que obtivese máis votos.

Artigo 80º

Os integrantes da candidatura proclamada electa tomarán posesión do seu cargo nun prazo máximo de cinco días hábiles desde a proclamación, dispóndose para o efecto un acto público no que cada un deles prometerá ou xurará cumprir lealmente coas obrigas do seu cargo e gardar segredo das deliberacións e decisións da Xunta de Goberno.

No caso de que algún membro da candidatura electa non se presente á toma de posesión ou non prometa ou xure o seu cargo, salvo causa xustificada ante a Xunta Electoral, entenderase que renuncia e o seu posto cubrirase mediante os suplentes electos, segundo se regula no artigo 82º destes estatutos.

Constituída a nova Xunta de Goberno, comunicaráselle ao órgano correspondente da Administra

ción, ao Consello Xeral e aos demais colexios territoriais de axentes comerciais de España.

Durante todo o proceso electoral e ata a toma de posesión dos novos cargos, a Xunta de Goberno anterior continuará en funcións, salvo no suposto regulado nestes estatutos para unha moción de censura.

Artigo 81º

Os membros da Xunta de Goberno cesarán polas causas seguintes:

a) Falecemento.

b) Renuncia ou dimisión do interesado, que será comunicada ao presidente ou á Xunta de Goberno e que non precisa ser aceptada para producir efecto.

c) Perda dos requirimentos estatutarios para desempeñar o cargo.

d) Expiración do termo ou prazo para o que foi elixido ou que lle restaba ao substituído cando se trate dun que inicialmente foi suplente.

e) Falta de asistencia inxustificada a tres sesións consecutivas ou a cinco alternas no prazo dun ano da Xunta de Goberno ou, se é o caso, da Comisión Permanente, así como a imposibilidade, aínda por causa xustificada, de exercer as súas funcións, todo iso logo de acordo da propia xunta.

f) Exercicio indebido de funcións, entendendo por tal cando estas se realicen en detrimento do colexio ou con propósito de beneficio persoal.

g) Aprobación dunha moción de censura conforme o regulado nestes estatutos.

O acordo de cesamento, cando sexa preciso, adoptarao a Xunta de Goberno tras constatar a concorrencia dun motivo estatutario que obrigue á súa adopción. O acordo precisará de maioría absoluta en calquera caso para poder prosperar.

Artigo 82º

As vacantes de vogais producidas durante o mandato da Xunta de Goberno, por cesamento dos seus titulares ou porque substituísen a algún dos cargos integrados na Comisión Permanente segundo o disposto nestes estatutos, serán cubertas pola súa orde polos suplentes designados como tales nas eleccións colexiais.

O suplente que se constitúa en integrante da Xunta de Goberno deberá tomar posesión do seu cargo segundo regula o artigo 80º, adoptando as funcións da Xunta Electoral os integrantes da Comisión Permanente vixente. O novo integrante da Xunta de Goberno substituirá na súa orde o vogal correspondente polo que entrase.

Unha vez integrado na Xunta de Goberno e para os efectos de substitución por ausencia, enfermidade ou vacante dos cargos integrantes da Comisión Permanente, o novo vogal ocupará o último lugar na liña de substitución interna.

Artigo 83º

Poderase propoñer a censura de calquera membro da Xunta de Goberno, ou conxuntamente a de varios ou todos, mediante proposta subscrita por un número de colexiados que represente, polo menos, o 10% dos censados ou o 15% se se propuxese a censura do presidente ou da maioría da Xunta de Goberno.

A proposta presentarase e tramitarase conxuntamente para todos aqueles electores que estean afectos pola dita censura.

Non poderá propoñerse a censura de ningún membro da Xunta de Goberno ata transcorridos seis meses desde a súa toma de posesión.

Presentada a moción de censura e verificado o cumprimento dos seus requirimentos, debaterase en Asemblea Xeral extraordinaria, que deberá celebrarse dentro dos trinta días seguintes ao da súa presentación.

O debate comezará pola defensa da moción de censura, que corresponderá ao primeiro dos seus asinantes.

Concluído o debate, a moción someterase á decisión dos colexiados mediante votación convocada para o efecto e que se desenvolverá durante os tres días hábiles seguintes ao de celebración da Asemblea Xeral extraordinaria.

A votación realizarase segundo o establecido para as eleccións, sen que caiba voto por correo.

Os votos emitiranse en favor ou en contra da moción, sen que poidan os que voten a favor excluír da censura a ningún daqueles para os que se propuxese conxuntamente.

Se a participación na consulta non acada as porcentaxes exixidas neste mesmo artigo para permitir a proposición da moción de censura, esta entenderase rexeitada sen necesidade de proceder ao escrutinio.

Se se acada a participación mínima indicada, será precisa a maioría de dous terzos dos votos validamente emitidos para a aprobación da moción.

Se a moción non fose aprobada, non poderá presentarse ningunha outra ata transcorrido un ano desde a votación, aínda que afectase outros integrantes distintos da Xunta de Goberno.

Aprobada a moción de censura, cubriranse as vacantes segundo o disposto no artigo 82º para a substitución dos cargos electos polos suplentes, salvo que se censurase o presidente ou a maioría da Xunta de Goberno, nese caso convocaranse eleccións colexiais.

O proceso da moción de censura, no que á votación se refire, será controlado por unha Xunta Electoral elixida mediante insaculación para o efecto.

Tamén se designarán por insaculación os integrantes das mesas precisas, nas que se poderán designar interventores polos propoñentes da moción e polos censurados.

Artigo 84º

Deberán convocarse eleccións colexiais cando expire o mandato da Xunta de Goberno saínte. Tamén cando, por calquera razón, cesen en conxunto ou individualmente por separado a metade máis un dos seus compoñentes, sen que sexa xa posible cubrir as súas baixas mediante os suplentes electos, ou cando fique vacante o cargo de presidente pola aprobación dunha moción de censura.

Se por calquera causa, salvo pola expiración do seu mandato, cesase a totalidade da Xunta de Goberno, formarase unha xunta provisional integrada por cinco colexiados escollidos por insaculación. Esta xunta provisional convocará eleccións no prazo máximo de quince días e asumirá as funcións da Xunta de Goberno, pero limitadas exclusivamente á administración ordinaria e habitual do colexio. As funcións de presidente corresponderanlle ao máis antigo na colexiación dos insaculados, mentres que as de secretario as desempeñará o máis moderno.

Capítulo IV

Das comisións da Xunta de Goberno

Artigo 85º

A Xunta de Goberno poderá constituír cantas comisións auxiliares e de traballo estime convenientes para unha mellor xestión das súas obrigas. As ditas comisións terán sempre carácter consultivo, non decisorio; deberán elevar as súas conclusións sobre unha cuestión determinada á Xunta de Goberno para que esta adopte o correspondente acordo sobre o tema.

A comisión poderá ser escollida para estudar e seguir algún tema ou traballo colexial concreto durante toda a duración do mandato da Xunta de Goberno ou para a resolución dalgún tema en particular.

En cada caso, á súa creación a Xunta de Goberno determinará a composición e competencias de cada comisión e a presidencia corresponderalle sempre a un vogal. Poderán integralas os compoñentes da Xunta de Goberno e outros colexiados do censo, excepto os integrantes da Comisión de Recursos.

Artigo 86º

A Comisión Revisora de Contas estará composta por tres membros, un dos cales será o seu presidente. Ten como misión o exame e comprobación das contas do colexio e presentaralle o seu informe anual á Asemblea Xeral.

Poderá examinar as contas sempre que o considere necesario, poñéndose de acordo coa antelación suficiente co tesoureiro e o secretario do colexio.

O colexio deberá ser auditado, cando se produza a renovación ordinaria, total ou parcial, dos seus órganos directivos, sen prexuízo da función fiscalizadora que lles corresponde aos organismos públicos legalmente habilitados para iso.

Os seus cargos son incompatibles co desempeño de calquera outro dentro do ámbito colexial.

Capítulo V

Das seccións de especializados

e da Xunta Colexial

Artigo 87º

Como órgano colaborador da Xunta de Goberno, esta poderá constituír seccións de especializados agrupando no seu seo aqueles colexiados que teñan concedida a representación ou mandato dos seus clientes nunha rama ou área concreta e determinada.

Ao incorporarse ao colexio, cada colexiado ficará inscrito na sección ou seccións que estime que mellor se axusta á súa actividade específica ou principal.

As distintas seccións que se constitúan serán a decisión da Xunta de Goberno, procurándose que a súa clasificación se corresponda á actualidade da súa actividade profesional en cada momento.

Artigo 88º

Cada sección de especializados escollerá entre as súas compoñentes, por votación directa e secreta, un presidente e un secretario, que deberán acreditar o servizo activo da profesión por calquera medio válido en dereito, cuxos cargos durarán dous anos. O desempeño destes cargos é incompatible con calquera outro cargo de goberno ou de control colexial. A votación será controlada por unha Xunta Electoral que será nomeada por insaculación e os seus principios axustaranse aos da elección da Xunta de Goberno.

Cando non haxa candidatos para cubrir algún dos postos ou cando algún dos escollidos o deixe vacante antes de concluír o seu mandato por calquera causa, a Xunta de Goberno designará outro dos integrantes da sección para desempeñar o posto, durante todo o mandato ou por todo o tempo que lle restase por cumprir ao anterior.

O presidente e secretario de cada sección convocarán periodicamente os seus integrantes para debater sobre as iniciativas correspondentes á súa área de traballo.

Artigo 89º

As seccións de especializados terán as seguintes competencias:

a) Reunirse periodicamente para trocar impresións sobre o mercado do artigo ou servizos a que se refire o contido da sección, achegando as experiencias recollidas sobre a situación e as flutuacións do mercado.

b) Levar o control das altas e as baixas de colexiados inscritos na sección coas informacións que recibirán da secretaría do colexio.

c) Informar a Xunta de Goberno sobre todos aqueles datos referidos á sección que poidan ser de utilidade para o cumprimento dos fins propios do colexio.

d) Calquera iniciativa que se estime beneficiosa para os intereses específicos da sección ou os xerais do colexio, poñéndoos en coñecemento da Xunta de Goberno.

e) Canalizar as inquedanzas e as suxestións dos colexiados da súa sección respecto da marcha xeral do colexio ou de cuestións específicas, poñéndoas en coñecemento da Xunta de Goberno.

Artigo 90º

Todos os presidentes e secretarios de sección constitúen a Xunta Colexial como órgano de colaboración coa Xunta de Goberno.

En todas as xuntanzas da Xunta Colexial actuarán como presidente e secretario desta dous vogais do Xunta de Goberno, que terá que designar por esta. Levantarase unha acta, para aprobar na seguinte xuntanza e que será comunicada para o seu coñecemento á Xunta de Goberno.

Os acordos da Xunta Colexial adoptaranse por maioría de votos presentes, non collendo en ningún caso a delegación ou representación no voto e sen prexuízo das materias que exixan un quórum determinado.

Cando a Xunta Colexial lle propoña á Xunta de Goberno a convocatoria dunha Asemblea Xeral extraordinaria e a súa orde do día, será necesario que o acordo sexa adoptado por unha maioría de dous terzos das súas integrantes, que á súa vez representen un número de colexiados equivalente, polo menos, ao 10% da colexiación total.

Artigo 91º

A Xunta Colexial ten as seguintes competencias:

a) Informar de forma non vinculante sobre calquera materia que lle sexa solicitada pola Xunta de Goberno.

b) Colaborar coa Xunta de Goberno mediante a formulación de cantas propostas se consideren de interese para o colexio.

c) Constituír no seu seo grupos de traballo para o estudo de cuestións referentes á política colexial, no que o resultado, unha vez aprobado pola Xunta Colexial, será elevado á Xunta de Goberno para o seu coñecemento.

d) Colaborar con cada unha das comisións auxiliares ou de traballo que se creen pola Xunta de Goberno e a solicitude desta.

e) Elaborar o proxecto das súas propias normas internas de funcionamento e as súas ulteriores modificacións, cuxa aprobación lle corresponde á Xunta de Goberno.

f) As demais que dispoñan estes estatutos.

Artigo 92º

A Xunta Colexial reunirase periodicamente e, polo menos, unha vez ao semestre. Poderá ser convocada pola propia Xunta Colexial para unha data deter

minada, por solicitude por escrito do 25% dos seus compoñentes ou por iniciativa da Xunta de Goberno.

TÍTULO IV

Do réxime económico e financeiro

Artigo 93º

O exercicio económico do colexio axustarase ao réxime de orzamento anual e cadrará co ano natural.

As contas anuais expresarán a imaxe fiel da situación financeira e do patrimonio corporativo, de conformidade cos principios e normas contables xeralmente aceptados.

O patrimonio colexial será administrado pola Xunta de Goberno, facultade que exercerá a través do tesoureiro e coa colaboración técnica e do persoal administrativo que se precise.

Artigo 94º

O sostemento económico do colexio farase basicamente a expensas dos colexiados, mediante o pagamento da cota establecida por acordo da Asemblea Xeral e por proposta da Xunta de Goberno.

Artigo 95º

Tamén constitúen ingresos do colexio os dereitos que perciba polos servizos prestados por requirimento dos colexiados ou de terceiros ou por certificacións expedidas.

Tamén serán considerados ingresos todos os donativos, herdanzas ou legados que se institúan ao seu favor e que haberán de ser aceptados a beneficio de inventario, así como a percepción de rendas ou xuros do seu patrimonio.

Artigo 96º

A cota anual establecida só poderá ser modificada mediante acordo da Asemblea Xeral. Calquera cota extraordinaria ou derrama que se estableza será mediante a aprobación da mesma Asemblea Xeral, por proposta da Xunta de Goberno.

Artigo 97º

Para a exixencia das cotas impagadas aos morosos, o colexio poderá utilizar calquera procedemento ou acción xudicial que sexa pertinente. Previamente, poderá tentar lograr unha transacción extraxudicial co debedor para pactar con el uns prazos ou condicións de pagamento de toda a cantidade debida que sexan asumibles para ambas partes.

Artigo 98º

Entre os gastos colexiais incluiranse, se os recursos económicos o permiten, os gastos de representación do presidente e dos demais integrantes da Xunta de Goberno. Sen prexuízo do aboamento de tales gastos, tamén poderá incluírse unha partida orzamentaria destinada a satisfacer axudas de custo de asistencia para os integrantes da Xunta de Goberno ás sesións que esta celebre.

Os integrantes da Xunta de Goberno ou calquera outro colexiado a quen se encomende unha xestión para realizar poderán dispor de axudas de custo e de gastos de representación, cuxa contía acordará a Xunta de Goberno.

TÍTULO V

Do persoal e servizos

Artigo 99º

Ao servizo dos colexiados e da Xunta de Goberno organizarase a oficina administrativa colexial, atendida por persoal remunerado e con contratos laborais ou de arrendamento de servizos profesionais, rexéndose pola normativa aplicable a cada suposto.

O número de integrantes do persoal e colaboradores será o que aconsellen as necesidades do colexio, a xuízo e decisión da Xunta de Goberno.

Artigo 100º

Poderá establecerse que para a designación dos integrantes do persoal e colaboradores se convoque un concurso de méritos ou concurso oposición, ou ben realizala de forma directa, sempre a criterio da Xunta de Goberno.

O réxime xeral de horario laboral, concesión de anticipos, recompensas en metálico ou honoríficas, retribucións, excedencias ou de disciplina do persoal disporase pola Xunta de Goberno.

A xefatura do persoal colexial correspóndelle ao secretario.

A Xunta de Goberno disporá o número e titulación necesaria dos integrantes de cada un dos servizos que se establezan para a colexiación.

TÍTULO VI

Do réxime xurídico dos actos colexiais e dos recursos

Capítulo I

Dos actos colexiais

Artigo 101º

Os acordos da Xunta de Goberno son inmediatamente executivos desde a súa adopción. Contra as súas resolucións e contra os actos de simple trámite que determinen a imposibilidade de continuar o procedemento ou produzan indefensión, suxeitos ao dereito administrativo, poderá inducirse recurso ordinario ante a Comisión de Recursos do colexio no prazo dun mes desde a súa notificación ou coñecemento.

A resolución deste recurso ordinario porá fin á vía administrativa e deixará expedita a vía contencioso-administrativa, que se regula pola súa propia normativa xeral.

Os recursos ordinarios serán presentados ante a propia Xunta de Goberno que ditou o acto impugnado, que deberá elevalo de inmediato á Comisión de Recursos xunto con todo o expediente da cuestión recorrida.

Os actos emanados da Asemblea Xeral non son recorribles na vía administrativa, rexéndose o recurso contencioso-administrativo polo disposto no artigo 103 destes estatutos.

Artigo 102º

A interposición do recurso ante a Comisión de Recursos non suspenderá a execución do acto impugnado. Non obstante o anterior, a Comisión de Recursos, logo de ponderación, suficientemente razoada, entre o prexuízo que lles causaría ao interese colexial ou a terceiros a suspensión e o prexuízo que se lle causa ao recorrente como consecuencia da eficacia inmediata do acto recorrido, poderá suspender de oficio ou por solicitude do recorrente a execución do acto recorrido, cando concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Que a execución puidese causar prexuízos de imposible ou difícil reparación.

b) Que a impugnación se fundamente nalgunha causa de nulidade de pleno dereito.

Ao ditar o acordo de suspensión poderán adoptarse as medidas cautelares que sexan necesarias para asegurar a protección do interese público e a eficacia da resolución impugnada.

O acto impugnado entenderase suspendido na súa execución se transcorridos trinta días desde que a solicitude de suspensión tivese entrada na Comisión de Recursos para decidir sobre ela, esta non ditase resolución expresa.

Artigo 103º

Contra as decisións e os acordos da Asemblea Xeral só caberá recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a súa adopción. O dito prazo comezarase a contar desde o día de publicación ou notificación dos acordos.

A lexitimación activa nos recursos contencioso-administrativos regularase polo disposto na Lei reguladora desta xurisdición.

A Xunta de Goberno tamén poderá recorrer contra os acordos da Asemblea Xeral ante a xurisdición contencioso-administrativa no prazo de dous meses desde a súa adopción. A base do recurso haberá de ser a infracción destes estatutos ou da normativa xeral, tanto material como formal. En ningún caso poderá basear o recurso a simple diferenza de criterio sobre unha decisión.

Respecto da suspensión dos actos recorridos ante a xurisdición contencioso-administrativa rexerá en todo caso o disposto nas leis reguladoras desta, con independencia de quen sexa o recorrente.

Artigo 104º

As causas de nulidade e anulabilidade dos actos colexiais axustaranse exactamente ás previstas con carácter xeral para os actos das administracións públicas na normativa procesual administrativa que sexa aplicable.

Respecto á suspensión destes actos, será competencia exclusiva da Comisión de Recursos, segundo se regula no artigo 102º destes estatutos.

Capítulo II

Da Comisión de Recursos

Artigo 105º

Estará integrada por sete colexiados escollidos pola Asemblea Xeral por proposta da Xunta de Goberno para un período de tres anos.

Ningún dos seus integrantes poderá ostentar ningún outro cargo de responsabilidade colexial nin pertencer á Xunta de Goberno, nin tan sequera como suplente.

As posibles vacantes que se produzan serán cubridas na seguinte Asemblea Xeral e polo período de tempo que restaba por cumprir ao membro saínte. No suposto de que se produzan dúas ou máis vacantes, conxunta ou separadamente, a Xunta de Goberno poderá designar a outros colexiados para desempeñar o cargo ata a seguinte xuntanza da Asemblea Xeral, na que necesariamente se deberá refrendar o nomeamento. De ser refrendado, continuarán os designados desempeñando o cargo; en caso contrario, serán substituídos polos novos integrantes escollidos pola Asemblea Xeral, sen que iso afecte os actos xa realizados con anterioridade.

De entre os seus compoñentes, estes escollerán un presidente e un secretario da Comisión de Recursos para o período temporal que desexen dentro da duración total do cargo.

O Pleno da Comisión de Recursos entenderase validamente constituído coa presenza do presidente e o secretario ou, de ser o caso, daqueles que os substitúan e polo menos a metade dos seus membros. Se non estivesen presentes o presidente ou o secretario, designaránse para o acto entre os asistentes. Todos os seus acordos se adoptarán por maioría simple de votos.

Artigo 106º

Todos os temas e recursos que se sometan ao coñecemento da Comisión de Recursos seranlle elevados a esta pola Xunta de Goberno xunto co correspondente expediente administrativo. Nomeado un instrutor entre os seus compoñentes, este deberá determinar se o expediente está ou non completo e, de considerar que non é así, solicitará a través do seu presidente que se complete no prazo máximo de quince días naturais.

Unha vez en poder do instrutor o recurso e o expediente, daralles audiencia aos interesados e solicitará informe da Asesoría Xurídica sobre a cuestión, podéndoo facer tamén da Xunta de Goberno. Cando haxan de terse en conta novos feitos ou documentos non recollidos no expediente orixinario, poránselles de manifesto aos interesados para que, nun prazo de quince días, formulen as alegacións e presenten os documentos e xustificantes que estimen proce

dentes; non se terán en conta na resolución dos recursos os feitos, documentos ou alegacións do recorrente cando, podendo achegalos no trámite de alegacións, non o fixese. Se houbese outros interesados daráselles traslado do recurso para que no prazo de quince días aleguen o que estimen conveniente. O recurso, os informes e as propostas non teñen o carácter de documentos novos para os efectos deste trámite de audiencia, nin tampouco o que os interesados poidan achegarlle ao expediente antes de recaer a resolución impugnada.

Excepcionalmente, poderá o instrutor abrir un breve período de proba sobre algún punto controvertido moi concreto, que se axustará ao disposto na normativa procesual administrativa.

Concluída a instrución, o instrutor elevará o expediente xunto co recurso e un breve informe seu, que necesariamente conterá un proxecto de resolución, ao Pleno da Comisión de Recursos.

Artigo 107º

Na primeira sesión que celebre, a Comisión de Recursos en Pleno decidirá sobre o recurso, aceptando ou alterando, en todo ou en parte, o proxecto de resolución do instrutor.

A resolución do recurso seralle notificada á Xunta de Goberno, á cal se reintegrará toda a documentación, que haberá de comunicarlla persoalmente ao recorrente con aviso dos recursos que contra ela cabe interpoñer e o prazo para iso.

TÍTULO VII

Da disolución do colexio

Artigo 108º

1. Procederá instar á disolución do colexio cando concorran algúns dos seguintes supostos:

a) Cando así o estableza unha disposición legal.

b) Por insuficiencia dos recursos dispoñibles para dar cumprimento aos fins e funcións do colexio.

c) Por calquera outra causa distinta das anteriores que non sexa contraria ás disposicións legais de aplicación.

2. Sen prexuízo de que en cada caso se estableza legalmente a disolución acordada en Asemblea Xeral pola maioría de dúas terceiras partes, do número legal de membros.

3. Durante o trámite de disolución ou mentres dure o proceso de liquidación o colexio conservará a súa personalidade xurídica. Durante ese tempo deberá engadir ao seu nome a frase «en liquidación».

4. O acordo de disolución será exposto ao público no Diario Oficial de Galicia e no xornal de maior difusión da comunidade autónoma.

Artigo 109º.-Liquidación do colexio.

1. Disolto o colexio abrirase un período de liquidación actuando como comisión liquidadora a que designe para o efecto o Pleno da Xunta de Goberno. O número de liquidadores será sempre impar.

2. Durante o período de liquidación observaranse as disposicións destes estatutos en canto ao réxime de convocatorias e celebracións de sesións dos seus órganos do colexio, os que lles darán conta aos liquidadores da marcha da liquidación para que acorden o que conveña ao interese común.

3. A Comisión Liquidadora terá atribuídas as mesmas funcións que a normativa sobre liquidación de sociedades que lles outorga aos liquidadores.

4. Os liquidadores farán chegar periodicamente a coñecemento dos colexiados/as e acredores, polos medios que en cada caso se estimen mais eficaces do estado de liquidación.

5. Finalizada a liquidación, os liquidadores formarán o balance final e determinarán o activo social sobre o que o destino deberá adoptar o acordo en Asemblea Xeral. O dito balance e o seu destino poderá ser impugnado polos colexiados/as, mediante interposición do recurso ao que se faga referencia. A resolución será competencia da Asemblea Xeral no prazo de quince días a partir do seguinte a aquel en que finalice o prazo para interposición de recursos. Resoltos os recursos ou acordo anterior será definitivo e porá fin á vía administrativa

Disposicións transitorias

Primeira.-Os procedementos sancionadores que puidesen estar tramitándose pola Comisión Deontolóxica á entrada en vigor destes estatutos serán concluídos segundo a normativa vixente no momento da súa incoación, salvo o sistema de recursos, que será o determinado por estes estatutos.

Os procedementos sancionadores en trámite entenderanse caducados e procederase ao arquivo das actuacións por solicitude de calquera interesado ou de oficio no prazo de trinta días desde o vencemento do prazo en que debeu ser ditada a resolución, excepto nos casos en que o proceso se paralizase por causas imputables ao interesado, nos que se interromperá o cómputo do prazo para resolver o procedemento.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Estes estatutos entrarán en vigor coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Estes estatutos aplicaranse directamente segundo se dispón neles, pero se na súa interpretación existe algunha dúbida, realizarase segundo dispoña a Xunta de Goberno. Para a aclaración do punto escuro, formularase unha modificación estatutaria cando sexa necesario.

Terceira.-O desenvolvemento regulamentario destes estatutos correspóndelle á Asemblea Xeral. Cando se dite un regulamento, seralle comunicado ao censo polo medio que se considere máis oportuno para asegurar o seu debido coñecemento.