DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Luns, 23 de xaneiro de 2006 Páx. 1.186

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

DECRETO 597/2006, do 12 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

Os decretos 211/2005, do 3 de agosto, e 232/2005, do 11 de agosto, establecen a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e dos seus distintos departamentos, polo que procede, pola súa vez, determinar a estrutura orgánica e funcional da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, adecuándoa ao prescrito nos devanditos decretos e atendendo aos principios de economía, eficacia e racionalización da organización administrativa.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, logo de informe das consellerías da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e de Economía e Facenda, en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día doce de xaneiro de dous mil seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible é o órgano da Administración da

Comunidade Autónoma de Galicia a que corresponde o exercicio das competencias e funcións que en materia de ambiente e conservación da natureza se establecen nos artigos 27.12º, 15º e 30º e 29.4º do Estatuto de autonomía de Galicia e demais normativa de aplicación, en especial na normativa sobre protección ambiental de Galicia.

Artigo 2º

1. Para o desempeño das súas funcións a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible estruturase nos seguintes órganos:

I. O conselleiro.

II. Secretaría Xeral.

III. Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

IV. Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

V. Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible.

VI. Delegacións provinciais.

VII. Órganos colexiados.

2. Están adscritos á Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible o organismo autónomo Augas de Galicia e o ente público Obras e Servizos Hidráulicos.

I. O conselleiro.

Artigo 3º

O conselleiro é a superior autoridade da consellería e con tal carácter está investido das atribucións que lle confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro.

II. Secretaría Xeral.

Artigo 4º

1. A Secretaría Xeral exercerá as competencias e funcións establecidas no Decreto 119/1982, do 5 de outubro, polo que se regulan as funcións das secretarías xerais técnicas das consellerías, así como aquelas que lle sexan delegadas polo titular da consellería.

2. Dependen directamente da Secretaría Xeral as seguintes unidades:

2.1. Vicesecretaría Xeral.

Con nivel orgánico de subdirección xeral, exercerá as seguintes funcións:

a) Suplencia do secretario xeral no caso de enfermidade, ausencia ou vacante.

b) Confección dos anteproxectos de orzamentos da consellería.

c) Elaboración de informes de xestión, tramitación de expedientes de modificación orzamentaria e seguimento e control das contas autorizadas da consellería.

d) Control da xestión económica dos orzamentos e execución de gasto das diversas unidades da consellería.

e) Coordinación e, se é o caso, elaboración dos pregos de cláusulas administrativas e prescricións técnicas dos contratos administrativos da consellería.

f) Tramitación, seguimento e control dos expedientes de contratación.

g) Seguimento e control dos convenios e protocolos de colaboración en que sexa parte a consellería.

h) Coordinación das secretarías das delegacións provinciais en materia de xestión orzamentaria e contratación.

i) A facultade de proposta nos asuntos da súa competencia.

k) Aquelas que por razón da súa competencia se lle encomenden.

Para isto contará coas seguintes unidades co nivel orgánico de servizo:

2.1.1. Servizo de Xestión Orzamentaria.

2.1.2. Servizo de Contratación.

2.2. Subdirección Xeral de Persoal e Coordinación Administrativa:

É a unidade que exercerá as funcións de:

a) Xestión e administración do persoal funcionario, eventual e laboral.

b) Xestión económica relativa ao capítulo I.

c) Seguimento, actualización e arquivo dos expedientes de persoal.

d) Coordinación administrativa.

e) Rexistro xeral e información xeral.

f) Xestión dos plans de formación do persoal da consellería.

g) Programación das necesidades de persoal.

h) Elaboración da proposta de relación de postos de traballo da consellería.

i) Réxime interno de funcionamento.

k) Xestión e coordinación do parque móbil.

l) Administración dos sistemas informáticos e redes de voz e datos, incluíndo a súa instalación, mantemento, actualización e atención e formación dos usuarios.

m) Proposta de novos desenvolvementos, planificación e execución deles e xestión e mantemento dos desenvolvementos en fase de explotación.

n) Definición e cumprimento das políticas de seguridade e protección de datos.

ñ) Selección dos materiais e produtos para implantar os cambios tecnolóxicos ao servizo das necesidades emerxentes.

o) Elaboración e mantemento do sitio web da consellería.

p) Coordinación das secretarías das delegacións provinciais en materia de persoal, réxime interno e informatización.

q) A facultade de proposta nos asuntos da súa competencia.

r) Aquelas que por razón da súa competencia se lle encomenden.

Para iso contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

2.2.1. Servizo de Persoal e Réxime Interno.

2.2.2. Servizo de Informática.

2.3. Subdirección Xeral de Planificación, Estudos e Informes:

É a unidade que exercerá as seguintes funcións:

a) Xestión do plan de publicacións e edicións audiovisuais da consellería e as funcións relativas á representación dela na Comisión de Publicacións da Xunta de Galicia.

b) Elaboración de estudos e propostas de actuación sobre aspectos relativos a estruturación, planificación, organización, métodos de traballo e mellora da xestión dos diferentes procesos administrativos.

c) Formación de estatísticas nas materias que sexan competencia da consellería en coordinación co Instituto Galego de Estatística, sen prexuízo das funcións nesta materia doutras unidades da consellería.

d) Elaboración do plan de necesidades de obras e equipamentos das distintas unidades e centros da consellería.

e) Supervisión e inspección dos proxectos de obra da consellería e a súa execución material, tanto nos supostos de adxudicación como nos de execución pola Administración.

f) Asistencia técnica e administrativa á Secretaría Xeral en todos os asuntos que lle sexan encomendados polo seu titular, elaborando para ese efecto, os estudos, informes e propostas que correspondan.

g) Aquelas que por razón da súa competencia se lle encomenden.

Para o desenvolvemento das súas funcións contará coa seguinte unidade:

2.3.1. Servizo de Supervisión, Inspección de Proxectos, Obras e Servizos.

2.4. Baixo a dependencia directa, orgánica e funcional da Secretaría Xeral existe a seguinte unidade con nivel orgánico de servizo:

2.4.1. Servizo Técnico Xurídico, coas funcións de:

a) Informe e tramitación de todos os proxectos de disposición de carácter xeral que elaboren os distintos centros directivos da consellería, das recompilacións e refundicións de normas.

b) Preparación e informe dos asuntos que se elevarán ao Consello da Xunta de Galicia e ás comisións delegadas e o traslado dos seus acordos, así como informe sobre os recursos presentados contra os actos administrativos emanados da consellería.

c) Coordinación das actuacións da consellería en relación coas fundacións de interese galego sobre as cales esta exerza o protectorado, levando para ese efecto os libros de rexistro.

d) Rexistro e arquivo das disposicións legais emanadas da consellería, así como levar a cabo as recompilacións e refundicións das normas emanadas desta.

e) Tramitación dos expedientes de responsabilidade patrimonial, unha vez rematada a súa instrución.

f) Coordinación dos servizos técnico-xurídicos das delegacións provinciais.

g) Aquelas que por razón da súa competencia se lle encomenden.

2.5. Integradas organicamente na Secretaría Xeral e con nivel orgánico de Subdirección Xeral, existirán as seguintes unidades:

2.5.1. Asesoría Xurídica.

2.5.2. Intervención Delegada.

III. Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

Artigo 5º

1. A Dirección Xeral de Conservación da Natureza exercerá as competencias e funcións atribuídas á consellería en materia de protección, conservación, restauración, mellora, recuperación e divulgación dos recursos naturais, cinexéticos e piscícolas; xestión dos hábitats naturais, da flora e fauna silvestres, da paisaxe e dos elementos singulares da xea da Comunidade Autónoma galega, a difusión dos valores e o uso e desfrute do medio natural e dos seus elementos etnográficos e a súa preservación para as xeracións futuras; promover a defensa global da natureza e dos seus recursos; conservación e xestión específica dos espazos que o demanden, en especial da rede galega de espazos protexidos; a defensa, consolidación e promoción da Rede Natura 2000 de Galicia ou doutras zonas de alto valor ambiental; as medidas agroambientais e a ecocondicionalidade, sen prexuízo das competencias atribuídas á consellería competente en materia de agricultura.

2. Para o exercicio das súas funcións, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza estruturase nas seguintes unidades:

2.1. Subdirección Xeral de Espazos Naturais e Biodiversidade, que exercerá as funcións relativas á:

a) Protección, conservación, xestión, restauración, mellora, recuperación, divulgación e promoción dos recursos naturais. Xestión da flora e fauna silvestres; dos espazos naturais e dos taxons, de forma que se compatibilice a conservación da natureza co seu ordenado aproveitamento, desenvolvemento, uso e

desfrute, en especial a rede galega de espazos protexidos; o fomento, consolidación e promoción da Rede Natura 2000 e doutras zonas de alto valor ambiental.

b) Definición e seguimento das distintas actuacións relacionadas coas medidas agroambientais e a ecocondicionalidade, sen prexuízo das competencias atribuídas á consellería competente en materia de agricultura.

c) Xestión dos centros de recuperación de fauna silvestre.

d) Elaboración e xestión de programas e proxectos e os informes técnicos para a protección e preservación do medio natural e da paisaxe.

e) Desenvolvemento das medidas tendentes á aplicación da normativa sobre conservación da natureza e de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade.

f) Aquelas que por razón da súa competencia se lle encomenden.

Para iso contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

2.1.1. Servizo de Conservación de Espazos Naturais.

2.1.2. Servizo de Conservación da Biodiversidade.

2.1.3. Servizo de Programación e Planificación.

2.2. Subdirección Xeral de Recursos Cinexéticos e Piscícolas, que exercerá as funcións de:

a) Programación, fomento e xestión dos recursos cinexéticos e piscícolas en augas continentais.

b) Ordenación destes recursos, con especial incidencia na súa divulgación, formación e promoción específica.

c) Inspección e control dos centros de acuicultura continental e granxas cinexéticas, sen prexuízo das funcións que teña atribuídas a consellería competente en materia de sanidade animal, e a súa xestión cando dependan da Administración autonómica.

d) Aquelas que por razón da súa competencia se lle encomenden.

Para iso contará coa seguinte unidade con nivel orgánico de servizo:

2.2.1. Servizo de Caza e Pesca Fluvial.

IV. Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Artigo 6º

1. A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental exercerá as competencias e funcións en materia de avaliación e control da incidencia que sobre o ambiente provoque a actividade humana; fomento de sistemas e estratexias de corrección da dita incidencia; desenvolvemento tecnolóxico e a súa posta en marcha para o logro da adecuada protección ambiental.

2. Para o exercicio das súas funcións a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental estruturase nas seguintes unidades:

2.1. Subdirección Xeral de Avaliación Ambiental, que exercerá as funcións de:

a) Xestión e coordinación das actuacións derivadas da aplicación dos instrumentos preventivos que figuran na Lei de protección ambiental de Galicia e demais lexislación ambiental de aplicación, en especial a autorización ambiental integrada.

b) Actuacións derivadas da normativa de ecoxestión, ecoauditoría e ecoetiquetaxe.

c) Xestión e seguimento dos pactos ambientais.

d) Promoción de instrumentos de xestión e responsabilidade ambiental.

e) Seguimento dos riscos e responsabilidades ambientais.

f) Tramitación de expedientes de homologación de empresas e equipamentos de avaliación de impactos, control da calidade ambiental e de seguimento e inspección ambiental.

g) Emisión de informes sobre as actuacións levadas a cabo pola dirección xeral, así como a xestión de subvencións e actividades de divulgación promovidas pola dirección xeral neste ámbito.

h) Aquelas que por razón da súa competencia se lle encomenden.

Para iso contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

2.1.1. Servizo de Prevención Ambiental.

2.1.2. Servizo de Xestión e Intervención Ambiental.

2.2. Subdirección Xeral de Calidade Ambiental, que exercerá as funcións de:

a) Fomento da calidade ambiental.

b) Planificación, programación e realización de infraestruturas a executar pola consellería para unha adecuada xestión dos residuos.

c) Xestión da recuperación de solos contaminados e de áreas degradadas por vertedoiros de residuos sólidos urbanos.

d) Procedementos de declaración de solos contaminados.

e) Control da xestión dos residuos e das accións de desenvolvemento dos plans de xestión de residuos incluídos no ámbito de aplicación da Lei básica de residuos.

f) Tramitación das autorizacións de xestores e produtores de residuos.

g) Colaboración coas consellerías correspondentes no control da xestión dos residuos non incluídos no ámbito de aplicación da referida lei, especialmente coas consellerías de Sanidade no control da xestión dos residuos producidos nos establecementos

sanitarios e de Medio Rural no control da xestión dos residuos producidos nas explotacións agrícolas e gandeiras, así como daqueles que vaian ser utilizados como fertilizantes ou para outra aplicación de uso agropecuario.

h) Fomento das accións de redución, reciclaxe e recuperación de residuos e dos programas de colaboración cos concellos e con outras organizacións para aplicación das accións indicadas.

i) Xestión de subvencións e actividades de divulgación promovidas pola dirección xeral neste ámbito.

k) Aquelas que por razón da súa competencia se lle encomenden.

Para iso contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

2.2.1. Servizo de Fomento da Calidade Ambiental.

2.2.2. Servizo de Control da Xestión de Residuos.

2.3. Subdirección Xeral de Tecnoloxía e Control Ambiental, que exercerá as funcións de:

a) Impulso, promoción e desenvolvemento tecnolóxico en materia de ambiente industrial.

b) Actividades encamiñadas ao cumprimento da normativa ambiental.

c) Control de actividades ambientais e, en particular, a inspección ambiental.

d) Estudo e análise das mellores técnicas dispoñibles para facilitar a integración do respecto ao ambiente nos procesos produtivos das industrias.

e) Establecemento das condicións que faciliten a transferencia de tecnoloxías limpas e técnicas de protección ambiental.

f) Propoñer e establecer instrumentos económicos para incentivar a aplicación de sistemas de produción e tecnoloxías respectuosas co ambiente e de tratamentos ambientais.

g) Xestión de subvencións e actividades de divulgación promovidas pola dirección xeral neste ámbito.

h) Aquelas que por razón da súa competencia se lle encomenden.

Para iso contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

2.3.1. Servizo de Tecnoloxía Ambiental.

2.3.2. Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia, ao cal lle corresponderá a realización de:

a) Estudos, análises e informes técnicos sobre establecemento de parámetros, técnicas e procedementos analíticos previstos nas normas ambientais, de conformidade co previsto no Decreto 164/1999, do 27 de maio, polo que se establecen as competencias e funcións do Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia.

b) Funcións de control da calidade ambiental e, en especial, das redes de calidade do aire e do Rexistro Estatal de Emisións e Fontes Contaminantes.

c) Seguimento dos resultados das redes de control e vixilancia da calidade das augas continentais e marítimas de Galicia, en coordinación coa Administración hidráulica e pesqueira.

d) Asesoramento e asistencia aos concellos en materia de aplicación da normativa contra a contaminación acústica de Galicia.

e) Aquelas que por razón da súa competencia se lle encomenden.

V. Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible.

Artigo 7º

1. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible, exercerá as competencias e funcións en materia de promoción do desenvolvemento sostible da sociedade galega; fomento da participación cidadá a través das políticas de información e formación; impulso da investigación ambiental; deseño e seguimento dos proxectos de cooperación internacional correspondentes ao ámbito de actuación da consellería; proposta e tramitación de convenios, acordos ou pactos con entidades públicas ou privadas para o logro dos seus obxectivos; participación en foros nacionais e internacionais para os efectos de facilitar o fluxo dos coñecementos máis actuais entre os distintos sectores interesados; desenvolvemento de estudos e informes en materia de ambiente e sostibilidade; xestión dos órganos de representación e participación social adscritos. Así mesmo, xestionará o Centro de Investigacións Ambientais de Lourizán.

2. Para o exercicio das súas funcións estrutúrase nas seguintes unidades:

2.1. Subdirección Xeral de Fomento do Desenvolvemento Sostible, que exercerá as funcións de:

a) Elaboración de estratexias e programas que contribúan a acadar o apropiado nivel de desenvolvemento sostible e o establecemento das medidas necesarias para a súa efectiva implantación.

b) Impulso, promoción, desenvolvemento e coordinación das iniciativas adoptadas por entidades públicas e privadas creadas para o establecemento das estratexias de desenvolvemento sostible.

c) Elaboración, análise e seguimento, en colaboración coas distintas consellerías e con outros organismos públicos e privados, de indicadores relacionados co desenvolvemento sostible.

d) Coordinación e seguimento da estratexia galega fronte ao cambio climático.

e) Seguimento da política ambiental da Unión Europea e actuacións relacionadas coa aplicación da Directiva 2001/42/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de xuño de 2001, relativa á avaliación de determinados plans e programas no ambiente.

f) Impulso da integración do referente ambiental nas distintas políticas sectoriais.

g) Actuacións dirixidas á integración do ambiente nas accións dos fondos comunitarios e, en particular, no proceso de programación, realización, seguimento e avaliación das accións financiadas por estes fondos.

h) Actuacións relacionadas co cumprimento do Protocolo de Kioto.

i) Apoio técnico ao exercicio por parte do titular do centro directivo das funcións que ten atribuídas como autoridade ambiental de Galicia, en particular as derivadas da súa condición de membro da Rede de Autoridades Ambientais de España.

k) Xestión dos órganos de participación da consellería relativos á integración ambiental e ao desenvolvemento sostible.

l) Impulso, coordinación e seguimento da elaboración das iniciativas e programas de sostibilidade local, Axendas 21 locais, impulsados pola consellería e fomento da implantación das Axendas 21 escolares nos centros educativos.

m) Apoio e seguimento da implantación de instrumentos de sostibilidade nas empresas galegas, memorias de sostibilidade, especialmente nas pequenas e medianas empresas (Pemes).

n) Xestión de proxectos destinados á creación de núcleos piloto de sostibilidade no territorio.

ñ) Apoio técnico á difusión, comunicación e formación das actuacións en materia de sostibilidade desenvolvidas pola Xunta de Galicia ou en coordinación con ela.

o) Coordinación e impulso de proxectos de cooperación internacional para a implantación do desenvolvemento sostible.

p) Coordinación do conxunto das actividades de educación ambiental desenvolvidas polas diferentes consellerías e organismos públicos da comunidade autónoma.

q) Promoción das iniciativas sociais relativas á difusión e divulgación ambiental.

r) Promoción, deseño, execución e seguimento de programas, accións e actividades formativas de concienciación para a sostibilidade dirixidas ao conxunto da sociedade.

s) Elaboración e promoción de programas e módulos tendentes á integración do ambiente e da sostibilidade no currículo educativo das ensinanzas regradas para os efectos da súa proposta á Administración educativa.

t) Execución, seguimento e perfeccionamento da Estratexia Galega de Educación Ambiental.

u) Aquelas que por razón da súa competencia se lle encomenden.

Para iso contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

2.1.1. Servizo de Planificación da Sostibilidade.

2.1.2. Servizo de Promoción da Sostibilidade.

2.1.3. Servizo de Educación para a Sostibilidade.

2.2. Centro de Investigación e Información Ambiental, con rango de subdirección xeral, que exercerá as funcións de:

a) Xestión dos sistemas de observación e información ambiental e coordinación das bases de datos ambientais de Galicia a través do mantemento e mellora do Sistema de Información Ambiental de Galicia (SIAM).

b) Fomento, potenciación e establecemento de procedementos que garantan a distribución da información ambiental aos cidadáns que a requiran.

c) Impulso, desenvolvemento e coordinación de iniciativas de investigación en materia ambiental e de desenvolvemento sostible, no marco do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica e a promoción, coordinación e elaboración de estudos prospectivos en materia ambiental.

d) Xestión do punto focal da Rede Eionet da Axencia Europea do Medio Ambiente.

e) Xestión do sistema de observación e predición meteorolóxica de Galicia e a súa difusión.

f) Modelización das condicións ambientais e do funcionamento dos ecosistemas terrestres e mariños de Galicia e análise de escenarios de cambios ambientais futuros.

g) Mellora da capacidade de predición ambiental mediante a realización de proxectos de investigación, desenvolvemento e innovación en colaboración con centros de investigación nacionais e internacionais.

h) Participación no desenvolvemento de plans de continxencia fronte a catástrofes naturais ou antropoxénicas.

i) Prestación de servizos de asistencia científico-técnica aos sectores sociais e industriais en materia ambiental.

k) Asesoramento aos xestores públicos en materia ambiental e de desenvolvemento sostible; planificación, deseño e execución das liñas de investigación científico-técnicas vinculadas ao campo ambiental de cara á obtención de resultados de investigación, acordes coas necesidades prioritarias establecidas polos ditos xestores.

l) Realización de proxectos de investigación, a elaboración de propostas técnicas, proxectos demostrativos e programas de formación en colaboración cos centros de investigación nacionais e internacionais, entidades oficiais e particulares que se determinen e a súa difusión e divulgación.

m) Xestión do Centro de Investigacións Ambientais de Lourizán.

n) Aquelas que por razón da súa competencia se lle encomenden.

Para isto contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

2.2.1. Servizo de Xestión da Información Ambiental.

2.2.2. Servizo de Observación e Prospectiva Ambiental.

2.2.3. Servizo de Investigación Ambiental.

VI. Delegacións provinciais.

Artigo 8º

1. As funcións e competencias da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible serán exercidas a nivel provincial polas delegacións provinciais.

2. Á fronte de cada delegación provincial existirá un delegado, do cal dependerán todos os servizos ou unidades provinciais e centros territoriais da consellería que radiquen no ámbito da súa competencia, coas excepcións derivadas desta estrutura orgánica.

O delegado provincial depende orgánica e funcionalmente do conselleiro e exercerá as competencias e funcións establecidas no Decreto 5/1987, do 14 de xaneiro, polo que se organiza a Administración periférica da Xunta de Galicia e se regulan as competencias dos órganos territoriais e aquelas outras que lle sexan encomendadas.

3. Para o exercicio das súas funcións contarán coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

3.1. Secretaría, correspóndenlle, baixo a autoridade e supervisión do delegado, o exercicio das funcións relativas ao réxime interior, á tramitación administrativa, xestión de persoal, elaboración do anteproxecto de orzamento da delegación, a administración, control contable e xustificación de créditos que se asignen e, en xeral, prestarlle asesoramento e asistencia técnica e administrativa ao delegado, o cal substituirá nas funcións en caso de vacante, ausencia ou enfermidade.

3.2. Servizo Técnico Xurídico, coas funcións de estudo, tramitación e formulación, de ser o caso, de propostas de resolución de expedientes sancionadores, instrución dos expedientes de responsabilidade patrimonial, elaboración de informes e ditames sobre os actos administrativos emanados da delegación provincial, e, en xeral, tramitación de todos aqueles asuntos que por razón da súa competencia lle sexan encomendados polo delegado provincial.

3.3. Servizo de Conservación da Natureza, exercerá no ámbito provincial as funcións da Dirección Xeral de Conservación da Natureza en materia de espazos naturais e biodiversidade e recursos cinexéticos e piscícolas.

3.4. Servizo de Calidade e Avaliación Ambiental, exercerá no ámbito provincial as funcións da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

VII. Órganos colexiados.

Artigo 9º

Esta adscrito á Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible o Consello Galego de Medio Ambiente. A presidencia do consello será asumida polo conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, a vicepresidencia polo director xeral de Desenvolvemento Sostible e a secretaría polo subdirector xeral de Fomento do Desenvolvemento Sostible, manténdose a composición dos restantes membros do consello.

Artigo 10º

1. Está adscrito á Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible o Comité Galego de Pesca Fluvial. A presidencia do comité será asumida polo director xeral de Conservación da Natureza.

2. Están adscritos á Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible os comités provinciais de pesca fluvial. A presidencia dos comités será asumida polos delegados provinciais da consellería.

Artigo 11º

1. Está adscrito á Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible o Comité Galego de Caza. A presidencia do comité será asumida polo director xeral de Conservación da Natureza.

2. Están adscritos á Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible os comités provinciais de caza. A presidencia dos comités será asumida polos delegados provinciais da consellería.

VIII. Rexistro.

Artigo 12º

Está adscrito á Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible o Rexistro de Asociacións Protectoras do Medio Ambiente.

Disposición transitoria

Cando, como consecuencia da estrutura orgánica que se establece neste decreto, se modifique a denominación ou o contido das subdireccións ou servizos existentes con anterioridade, autorízase o conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, por proposta do secretario xeral, a readscribir o persoal afectado a postos do mesmo ou inferior nivel, sempre que sexan postos de libre designación, ou adscribilos con carácter temporal, sempre que non exista posto de igual nivel, a outros de inferior nivel se se tratase de postos de provisión por concurso ata que, neste último caso, os ditos postos sexan cubertos na forma establecida regulamentariamente, sen que, en ningún caso, supoña a readscrición ou adscrición cambio de residencia.

Todo isto sen prexuízo do disposto nos artigos 27.5º e 62.4º da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, e na Lei 9/1987, do 12 de maio, de órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ao servizo das administracións públicas, así como

das competencias que poida ter atribuídas nesta materia a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 106/2004, do 27 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, así como cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible para ditar as disposicións precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, doce de xaneiro de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Manuel Vázquez Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento

Sostible

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA