DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Venres, 20 de xaneiro de 2006 Páx. 1.061

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 29 de decembro de 2005 pola que se modifica a Orde do 13 de novembro de 1995 pola que se crea o polígono de viveiros denominado Portonovo D, do distrito marítimo de Portonovo, e se declaran como de reserva exclusiva as cuadrículas que o integran.

Debido á aparición recorrente, nas augas das rías galegas, de episodios de mareas vermellas que afectan a produción de moluscos, procedeuse a reservar en exclusiva determinadas cuadrículas para o reparqueo en diversos polígonos de cultivo que presentan niveis baixos de toxicidade por fenómenos de flo

ración fitoplanctónica, de xeito que os muluscos, unha vez autodepurados, acaden as condicións óptimas para o consumo.

Con este mesmo obxecto ditouse a Orde do 13 de novembro de 1995 pola que se crea o polígono de viveiros denominado Portonovo D, do distrito marítimo de Portonovo, e se declaran como de reserva exclusiva as cuadrículas que o integran (DOG nº 225, do 23 de novembro).

Recentemente co obxecto de mellorar as condicións de extracción do marisqueo desde embarcación, as confrarías de pescadores de San Telmo de Pontevedra, San Andrés de Lourizán e San Gregorio de Raxó, así como da Asociación de Mexilloeiros de Combarro e Raxó, solicítanlle á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos o traslado da fila exterior de bateas do polígono Portonovo D, cara ao interior da ría de Pontevedra, mantendo a liña paralela coa fila interior por atoparse nesta zona un importante banco de ameixa babosa.

Este traslado supón unha modificación dos vértices A, B, C e D do polígono D de Portonovo así como unha nova distribución das cuadrículas dentro do polígono de cultivo, mantendo a mesma superficie ocupada de 70.400 m e a mesma capacidade de 12 cuadrículas.

Vistos os informes favorables emitidos polos organismos competentes na materia, e a proposta da

Dirección Xeral de Recursos Mariños, esta consellería

DISPÓN:

Artigo único.-Modifícase o anexo da Orde do 13 de novembro de 1995, pola que se crea o polígono de viveiros denominado Portonovo D, do distrito marítimo de Portonovo, nos seguintes puntos:

1. No referido á situación xeográfica dos vértices A, B, C e D do polígono Portonovo D que pasan a ter a seguinte situación:

Vértice A = 42º25'19'',466N 8º42'10'',198W.

Vértice B = 42º25'20'',278N 8º42'03'',281W.

Vértice C = 42º25'06'',187N 8º42'00'',276W.

Vértice D = 42º25'05'',375N 8º42'07'',193W.

Coordenadas obtidas da carta do Instituto Hidrográfico da Mariña nº 4162, do porto de Marín.

2. No tocante á distribución das cuadrículas dentro do polígono de cultivo Portonovo D que quedarán tal e como se indica no Plano de situación das cuadrículas.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2005.

María Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos