DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Venres, 20 de xaneiro de 2006 Páx. 1.061

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 23 de decembro de 2005 pola que se acorda a cesión en propiedade dun guindastre adscrito á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos ao Concello de Ribadeo.

A Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local (artigo 25.2º, letra c), así como a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia (artigos 80, 81 e 82), determina que o concello, como entidade básica da organización territorial do Estado, é a vía da participación dos seus cidadáns en diferentes materias e, entre elas, a protección civil xa que, ante unha situación de emerxencia que poida poñer en perigo a vida dos cidadáns ou as súas pertenzas, o concello será o primeiro en actuar tanto en tempo de resposta como en mobilización de recursos.

Por outra banda, e tendo en conta o marco de colaboración entre as distintas administracións públicas, cómpre cederlle ao Concello de Ribadeo o uso do ben moble adscrito a esta consellería, para ser destinado por esta corporación a fins de utilidade pública ou interese social.

Para tal fin, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos tramitou o expediente de cesión, de conformidade co disposto no artigo 35 bis, da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e no artigo 96 bis, do seu regulamento, aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, engadido polo Decreto 238/1998, do 24 de xullo.

Polo exposto e, en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdase a cesión en propiedade a favor do Concello de Ribadeo do ben moble seguinte: un guindastre tipo pluma de columna mariña, marca GH modelo GHD, cunha capacidade de elevación de 8 toneladas, con xiro eléctrico.

Características do guindastre:

-Raio de xiro de 360º.

-Lonxitude da pluma de 6 metros.

-Altura baixo gancho de 7 metros.

-Percorrido total do gancho 11 metros.

-Velocidade de elevación 4 metros/minuto.

-Velocidade de dirección 12 metros/minuto.

-Velocidade de xiro 1 volta/minuto.

O guindastre incorpora:

-Cruceta con enganches variables e un xogo de eslingas.

-Plataforma e escaleira para mantemento.

-Mando por medio de botoneira de pulsadores.

-Limitador de sobrecarga con tara regulable.

Núm. de fabricación 53514.

Ano de fabricación 1995.

Ano de adquisición 1996.

Valor total: 30.615,56 (5.094.000 pts.).

Artigo 2º

A cesión sinalada no artigo anterior queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) O ben cedido tal como establecen os artigos 35 bis, da Lei 3/1985, do patrimonio da Comunidade Autómona de Galicia, e 96 bis, do Decreto 50/1989, polo que se aproba o seu regulamamento, destinarase a fins de utilidade pública ou interese social do Concello de Ribadeo. Concretamente destinarase ao servizo das embarcacións de artes menores de pesca, embarcacións de recreo e ás operacións que durante o verán realiza o grupo de intervención rápida municipal (Grumir), favorecendo así que o pequeno porto pesqueiro de Rinlo sirva ademais como base de situación de emerxencias dada a súa situación xeográfica.

b) Coa cesión outorgaráselle ao Concello de Ribadeo a propiedade do ben moble cedido.

c) Se o ben cedido non se aplicase ao fin sinalado, se se descoidase ou utilizase con grave quebramento, ou se incrumprisen as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e o ben reverterá á Comunidade Autónoma de Galicia, que terá dereito a percibir, logo da taxación pericial, o valor do detrimento ou deterioracións que experimentase.

d) Será de conta da corporación cesionaria todos os gastos de conservación e mantemento do ben moble cedido.

Artigo 3º

A devandita cesión formalizarase mediante acta subscrita polo secretario xeral desta consellería ou funcionario en quen delegue, debendo constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Disposición derradeira

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, a través da secretaría xeral, realizará os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón nesta orde.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2005.

María Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos