DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Martes, 17 de xaneiro de 2006 Páx. 886

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 594/2005, do 29 de decembro, sobre a distribución de competencias na aplicación e control da condicionalidade en relación coas axudas directas da política agrícola común.

O Regulamento (CE) 1782/2003, do consello, do 29 de setembro, polo que se establecen disposicións comúns aplicables aos réximes de axuda directa no marco da política agrícola común e se instauran determinados réximes de axuda aos agricultores, establece no seu título II, capítulo 1, os requisitos principais para a aplicación da condicionalidade, concretados na obriga dos agricultores e gandeiros que reciben pagamentos directos de cumprir os requisitos legais de xestión sinalados no seu anexo III, así como as boas condicións agrarias e ambientais establecidas no seu anexo IV. Ademais, no seu artigo 25, prevense as normas xerais para a realización dos controis da condicionalidade.

Pola súa banda, o Regulamento (CE) 796/2004, da comisión, do 21 de abril, polo que se establecen disposicións para a aplicación da condicionalidade, a modulación e o sistema integrado de xestión e control previstos no Regulamento 1782/2003, desenvolve no seu título III, capítulo III, os aspectos relacionados cos controis administrativos e sobre o terreo que garantan a comprobación eficaz do cumprimento dos requisitos e normas aplicables en relación coa condicionalidade; e no título IV, capítulo II, a aplicación das reducións e exclusións dos pagamentos directos nos casos do seu incumprimento.

De conformidade coa dita normativa comunitaria, o Real decreto 2352/2004, do 23 de decembro, sobre a aplicación da condicionalidade en relación coas axudas directas no marco da política agraria común (BOE nº 309, do 24 de decembro), establece as boas condicións agrarias e ambientais que deberá cumprir o agricultor de acordo coa condicionalidade das axudas directas da política agrícola común, así como un sistema para a aplicación dos controis e as reducións nos pagamentos ou a súa exclusión.

O artigo 6 do dito real decreto atribúelle ao Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) a condición de autoridade nacional encargada do sistema de coordinación dos controis da condicionalidade, precisando, así mesmo, que serán os órganos competentes da respectiva comunidade autónoma, na súa condición de autoridades responsables no seu ámbito territorial das actividades de control, as que designen os correspondentes órganos ou organismos de control para asegurar a observancia dos requisitos legais de xestión e para velar, de ser o caso, polo

cumprimento das boas condicións agrarias e ambientais. En todo caso, a autoridade para o cálculo da axuda, as reducións e exclusións e o pagamento das axudas será o organismo pagador da comunidade autónoma.

A Lei 7/1994, do 29 de decembro, pola que se crea o organismo actualmente denominado Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), atribúelle ao dito organismo autónomo, entre outras, as competencias para a xestión das accións derivadas da política agraria común (PAC). Pola súa banda, o Decreto 259/1996, do 13 de setembro, modificado polo Decreto 93/1998, do 20 de marzo, constitúe o Fogga, na Comunidade Autónoma de Galicia, como organismo pagador dos gastos que leva consigo a execución da PAC con cargo ao FEOGA-Garantía.

Procede, polo tanto, precisar nesta comunidade autónoma cales son os órganos competentes para desenvolver as actividades de control do cumprimento dos requisitos legais de xestión, nos ámbitos enumerados no artigo 4.1º do Regulamento (CE) 1782/2003, do 29 de setembro, tendo en conta a normativa específica de aplicación en materia de ambiente, saúde pública, sanidade animal, identificación e rexistro dos animais, notificación de enfermidades e benestar dos animais, e para velar polo cumprimento das boas condicións agrarias e ambientais, así como prever o establecemento dos mecanismos necesarios de cooperación entre os órganos con competencias nas materias relacionadas coa condicionalidade.

En consecuencia, a iniciativa dos conselleiros do Medio Rural e de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e nove de decembro de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. O obxecto deste decreto é precisar os órganos especializados para desenvolver as actividades de control do cumprimento das boas condicións agrarias e ambientais a que se refire o artigo 5 do Regulamento (CE) 1782/2003, do 29 de setembro, e do cumprimento dos requisitos legais de xestión, nos ámbitos enumerados no artigo 4 do mesmo regulamento, así como a coordinación destas.

2. As funcións de control e coordinación ás que se refire o punto 1 anterior realizaranse de acordo co establecido nos regulamentos (CE) nº 1782/2003, do consello, do 29 de setembro, e (CE) nº 796/2004 da comisión, do 21 de abril, e no Real decreto 2352/2004, do 23 de decembro, así como no Plan nacional anual de controis de condicionalidade elaborado polo FEGA e no Plan autonómico anual de controis de condicionalidade elaborado polo Fogga.

Artigo 2º.-Funcións de control da condicionalidade da Consellería do Medio Rural.

1. Correspóndenlle á Consellería do Medio Rural en función da súa estrutura orgánica e como órgano especializado de control as seguintes funcións en materia de control da condicionalidade:

a) Efectuar os controis necesarios a aquelas explotacións agrarias seleccionadas polo Fogga, para velar polo cumprimento dos requisitos de condicionalidade derivados das boas condicións agrarias e ambientais a que se refire o artigo 5 do Regulamento (CE) 1782/2003, do 29 de setembro, e dos requisitos legais de xestión que se expoñen no anexo I.

Cando o órgano de control especializado teña coñecemento dun incumprimento dalgún aspecto da condicionalidade de que sexa competente, deberá realizar o control de campo pertinente a ese produtor aínda que este non figure na selección de produtores facilitada polo Fogga para a realización de controis de condicionalidade.

b) Propoñerlle ao Fogga, no marco do establecido no artigo 1.2º, a relación de elementos mínimos que hai que controlar previstos no artigo 4 b) relativos ás boas condicións agrarias e ambientais e aos requisitos legais de xestión en materias da competencia da consellería indicadas no anexo I.

c) Colaborar co Fogga nos labores de divulgación e información ás explotacións agrarias, achegándolle información específica sobre os aspectos da condicionalidade relativos ás boas condicións agrarias e ambientais e aos requisitos legais de xestión en materias da competencia da consellería indicadas no anexo I.

d) Remitirlle ao Fogga os correspondentes informes específicos de control resultantes das inspeccións de condicionalidade realizadas.

Artigo 3º.-Funcións de control da condicionalidade da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

Correspóndenlle á Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible en función da súa estrutura orgánica e como órgano de control especializado as seguintes funcións en materia de control da condicionalidade:

a) Efectuar os controis necesarios a aquelas explotacións agrarias seleccionadas polo FOGGA, para velar polo cumprimento dos requisitos de condicionalidade derivados dos requisitos legais de xestión en materia de ambiente, que se expoñen no anexo II.

Cando o órgano de control especializado teña coñecemento de incumprimento dalgún aspecto da condicionalidade do que sexa competente, deberá realizar o control de campo pertinente a ese produtor aínda que este non figure na selección de produtores facilitada polo Fogga para a realización de controis de condicionalidade.

b) Propoñerlle ao Fogga, no marco do establecido no artigo 1.2º, a relación de elementos mínimos que hai que controlar previstos no artigo 4 b) relacionados coas normas de condicionalidade en materia de competencia da Consellería indicadas no anexo II.

c) Colaborar co Fogga nos labores de divulgación e información ás explotacións agrarias, achegándolle información específica sobre os aspectos da condicionalidade indicados no anexo II.

d) Remitirlle ao Fogga os correspondentes informes específicos de control resultantes das inspeccións de condicionalidade realizadas.

Artigo 4º.-Funcións de coordinación de actuacións en relación coa condicionalidade.

Ademais doutros cometidos que lle correspondan como organismo autónomo da Consellería do Medio Rural, o Fogga realizará as seguintes funcións en relación coa condicionalidade:

a) Proporcionarlles aos agricultores e gandeiros, con explotacións situadas na Comunidade Autónoma de Galicia que reciban pagamentos directos, a lista de normas relativas ás boas condicións agrarias e ambientais que deberán respectar, informándoos das reducións e exclusións na concesión dos pagamentos directos aos que se lles poderá someter no caso de apreciar algún incumprimento.

b) Establecer con carácter anual os elementos mínimos que hai que controlar para cada requisito, norma, acto ou ámbito de aplicación da condicionalidade para verificar o seu cumprimento, así como os criterios para a valoración da gravidade, alcance, persistencia e repetición dos incumprimentos e as porcentaxes de redución ou exclusión aplicables aos pagamentos directos.

c) O Fogga, na súa condición de organismo pagador dos gastos do FEOGA-Garantía, aplicará as reducións ou as exclusións dos importes totais dos pagamentos directos aos agricultores e gandeiros a partir do especificado nos informes de control específicos remitidos por cada órgano especializado de control.

Artigo 5º.-Comisión de seguimento.

Crease a Comisión de Seguimento da Condicionalidade, para os efectos de coordinación, seguimento e avaliación das actuacións de control previstas neste decreto. A dita comisión, adscrita ao Fogga e presidida polo seu director ou persoa en quen delegue, estará composta, ademais, por cinco representantes, dous da Consellería do Medio Rural, dous da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e un do Fogga.

A comisión reunirase, como mínimo, dúas veces ao ano e terá entre as súas funcións a de coñecer e analizar a listaxe de normas relativas á condicionalidade para proporcionarlles aos agricultores cada ano, así como a de coñecer e analizar os resultados dos controis efectuados anualmente nas explotacións agrarias. En todo caso, o seu réxime xurídico axustarase ao disposto para os órganos colexiados,

no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 29 de decembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltanse aos conselleiros do Medio Rural e de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible para ditar, no ámbito das súas respectivas competencias, as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto, así como para a súa adaptación, exclusivamente para a campaña seguinte, ás modificacións que se produzan na normativa comunitaria e, se é o caso, na lexislación básica do Estado e da comunidade autónoma.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e nove de decembro de dous mil cinco.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza

ANEXO I

Actos que conteñen os requisitos legais de xestión cuxo control lle corresponde á Consellería do Medio Rural

a) En materia de saúde pública, sanidade e identificación e rexistro dos animais.

* Directiva 92/102/CEE, do consello, do 27 de novembro, relativa á identificación e rexistro dos animais (artigos 3, 4 e 5).

* Regulamento (CE) nº 2629/1997, do 29 de decembro, sistema de identificación e rexistro de animais da especie bovina. Derrogado polo Regulamento (CE) nº 911/2004, da comisión, do 29 de abril, polo que se aplica o Regulamento (CE) nº 1760/2000, do Parlamento Europeo e do consello, do 17 de xullo de 1997, no que respecta ás marcas auriculares, os pasaportes sanitarios e os rexistros de explotacións (artigos 6 e 8).

* Regulamento (CE) nº 1760/2000, do Parlamento Europeo e do consello, do 17 de xullo, que establece un sistema de identificación e rexistro dos animais da especie bovina e relativo ao etiquetado da carne de vacún e dos produtos con carne de vacún (artigos 4 e 7).

* Regulamento (CE) nº 21/2004 nº 21/2004, do consello, do 17 de decembro de 2003, polo que se establece un sistema de identificación e rexistro dos animais das especies ovina e cabrúa e se modifica o Regulamento (CE) 1782/2003 e as directivas 92/102/CEE e 64/432/CEE. (DO L 5, 9-1-2004, p. 8) (artigos 3, 4 e 5).

b) En materia de saúde pública e cuestións veterinarias e fitosanitarias.

* Directiva 91/414/CEE, do consello, do 15 de xullo, relativa á comercialización dos produtos fitosanitarios. (DO L 230, 19-8-1991, p. 1) (artigo 3).

* Directiva 96/22/CE, do consello, do 29 de abril, pola que se prohibe utilizar determinadas substancias de efecto hormonal e tierostático e substancias b- agonistas na cría de gando e pola que se derrogan as directivas 81/602/CEE, 88/146/CEE e 88/299/CEE. (DO L 125, 23-5-1996, p. 3) (artigos 3, 4, 5 e 7).

* Regulamento (CE) nº 178/2002, do Parlamento Europeo e do consello, do 28 de xaneiro, polo que se establecen os principios e requisitos xerais da lexislación alimentaria, se crea a Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria e se fixan procedementos relativos á seguridade alimentaria. (DO L 31, 1-2-2002, p. 1) (artigos 14, 15, 17 (1), 18, 19 e 20).

* Regulamento (CE) nº 999/201 do Parlamento Europeo e do consello, do 22 de maio, polo que se establecen disposicións para a prevención, o control e a erradicación de determinadas encefalopatías esponxiformes transmisibles. (DO L 147, 31-5-2001, p1). (Artigos 7, 11, 12, 13 e 15).

c) En materia de notificación de enfermidades.

* Directiva 85/511/CEE, do Consello, do 18 de novembro de 1985, pola que se establecen medidas comunitarias de loita contra a febre aftosa. (DO L 327, 22-12-2000, p. 74) (artigo 3).

* Directiva 92/119/CEE, do consello, do 17 de decembro, pola que se establecen medidas comunitarias xerais para a loita contra determinadas enfermidades de animais e medidas específicas respecto á enfermidade vesicular porcina. (DO L 327, 22-12-2000, p. 74) (artigo 3).

* Directiva 2000/75/CE, do consello, do 20 de novembro, pola que se aproban disposicións específicas relativas ás medidas de loita e erradicación da febre catarral ovina. (DO L 327, 11-12-1991, p. 28) (artigo 3).

d) En materia de benestar dos animais.

* Directiva 91/629/CEE, do consello, do 19 de novembro, relativa ás normas mínimas para a protección de xatos. (DO L 340, 11-12-1991, p. 28) (artigo 3 e 4).

* Directiva 91/630/CEE, do consello, do 19 de novembro, relativa ás normas mínimas para a protección de porcos. (DO L 340, 11-12-1991, p. 33) (artigos 3 e 4 (1)).

* Directiva 98/58/CE, do consello, do 20 de xullo, relativa á protección dos animais nas explotacións gandeiras. (DO L 221, 8-8-1998, p. 23) (artigo 4).

e) En materia de ambiente.

* Directiva 86/278/CEE, do consello, do 12 de xuño de 1986, relativa á protección do ambiente e, en

particular, dos solos, na utilización dos lodos de depuradora na agricultura (artigo 3).

* Directiva 91/676/CEE, do consello, do 12 de decembro, relativa á protección das augas contra a contaminación producida por nitratos utilizados na agricultura (artigos 4 e 5).

ANEXO II

Actos que conteñen os requisitos legais de xestión cuxo control lle corresponde á Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible

* Directiva 79/409/CEE, do consello, do 2 de abril, relativa á conservación das aves silvestres (artigos 3, 4 (1,2,4), 5, 7 e 8).

* Directiva 80/68/CEE, do consello, do 17 de decembro, relativa á protección das augas subterráneas contra a contaminación causada por determinadas substancias perigosas (artigos 4 e 5).

* Directiva 92/43/CEE, do consello, do 21 de maio, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres (artigos 6, 13, 15 e 22 (b)).

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA