DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Xoves, 12 de xaneiro de 2006 Páx. 695

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

ORDE do 30 de decembro de 2005 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica en Galicia durante os anos 2006 e 2007 de programas experimentais en materia de emprego.

No Real decreto 1375/1997, do 29 de agosto, establécese o traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia da xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación, asumíndose as funcións e os servizos transferidos mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro.

As directices de emprego da Unión Europea e os Plans Nacionais de Acción para o Emprego recollen como actuación prioritaria a mellora da capacidade de inserción laboral dos desempregados a través da información, a formación, a orientación profesional e a práctica laboral.

Con este obxectivo, a Consellería de Traballo articula programas experimentais de emprego, dirixidos a explorar novas alternativas de inserción laboral cos demandantes que se atopan con especiais dificultades de acceso ao emprego.

A Orde TAS 2643/2003, do 18 de setembro, pola que se establecen as bases reguladoras para a posta en práctica de programas experimentais en materia de emprego, sinala na súa disposición adicional que «as comunidades autónomas que asumiran o traspaso da xestión realizada polo INEM no ámbito do traballo, o emprego e a formación exercerán as funcións que a presente orde atribúe a aquel e que lles correspondan segundo o disposto nos reais decretos de traspaso....de acordo coas particularidades derivadas da organización propia delas...»

O Decreto 536/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo, atribúelle a esta, a través da Dirección Xeral de Formación e Colocación, o exercicio das competencias, entre outras, en materia de formación ocupacional e intermediación no mercado de traballo, colocación e orientación laboral.

En virtude do exposto e co fin de aumentar as posibilidades de inserción laboral en Galicia, establécese unha vía de colaboración dirixida á inserción laboral de demandantes inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia, marcando obxectivos cuantificados e responsabilizando deles a entidades sen ánimo de lucro a través da concesión de subvencións dirixidas á posta en marcha de programas experimentais.

Por outra banda, e co obxectivo de favorecer a inserción laboral e o mantemento da vida activa daqueles traballadores que pasasen a unha situación de desemprego como consecuencia dunha situación

de crise empresarial, favorecerase a posta en marcha de programas de emprego especificamente destinados aos ditos traballadores.

A orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, na redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000, que a modifica, establece no seu artigo 3.3º que poderán tramitarse no exercicio inmediatamente anterior ao que se vaian imputar os correspondentes gastos os expedientes relativos ás bases reguladoras ou convocatorias de axudas e subvencións derivadas da aplicación de regulamentos comunitarios con financiamento procedente dos fondos europeos, sempre que exista regulación das axudas pola Unión Europea, ou de ámbito estatal ditada en desenvolvemento ou transposición dela, e que existan compromisos de financiamento destinados á aplicación das medidas citadas.

Así, o financiamento das axudas previstas nesta orde de convocatoria farase con cargo aos créditos dos programas 16.03.241A.482.0 e 16.03.241A.460.0, que figuran no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e recabados os informes preceptivos na tramitación, por proposta da Dirección Xeral de Formación e Colocación e en uso das facultades que me son conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

As subvencións reguladas na presente orde teñen por obxecto a posta en marcha de programas de emprego dirixidos á colocación no mercado de traballo das persoas desempregadas, mediante o ensaio de fórmulas experimentais de actuación e tratamento integrado da inserción laboral.

Artigo 2º.-Definición de programa experimental.

Considerarase programa experimental de emprego o que ten por obxecto o desenvolvemento de plans integrais de emprego que combinen accións de diversa natureza, tales como: información, orientación e asesoramento, formación, práctica laboral e mobilidade xeográfica.

Nestos plans integrais estableceranse obxectivos cuantitativos previstos de inserción laboral dos desempregados participantes neles.

Artigo 3º.-Destinatarios.

1. As accións ás que se refire esta orde irán orientadas, con carácter xeral, á mellora da ocupabilidade e integración dos desempregados sinalados como prioritarios na definición anual do Plan de Acción para o Emprego:

A) Persoas con discapacidade.

B) Persoas inmigrantes.

C) Mulleres con problemas de integración laboral.

D) Persoas desempregadas en risco de exclusión social.

E) Perceptores de subsidios e prestacións por desemprego, da renda activa de inserción ou da renda de integración social de Galicia.

Todos eles deberán figurar inscritos como demandantes de emprego.

De conformidade co establecido na Orde TAS 2643/2003, do 18 de setembro, pola que se establecen as bases reguladoras para a posta en práctica de programas experimentais en materia de emprego, consideraranse destinatarios específicos destes programas aqueles traballadores que se atopen en situación de desemprego como consecuencia dunha crise empresarial que provocase a extinción da súa relación laboral por algunha das causa sinaladas nos artigos 51 e 52 c) do Estatuto dos traballadores.

2. Con carácter xeral, polo menos o 60% dos beneficiarios das accións que configuren estes plans experimentais de emprego deberán ser perceptores de prestacións ou subsidios por desemprego. Esta porcentaxe será menor se o número de perceptores de prestacións ou subsidios inscritos como demandantes de emprego no ámbito de actuación en que se vaia desenvolver o plan non acadase a citada porcentaxe.

Quedarán excluídos deste requisito aqueles programas experimentais en que os seus participantes sexan na súa totalidade desempregados previamente admitidos ao programa de renda activa de inserción ou beneficiarios da renda de integración social de Galicia.

3. O Servizo Público de Emprego seleccionará os demandantes de emprego dispoñibles para a súa incorporación aos plans integrais, conforme os criterios xerais deste artigo, podendo a entidade beneficiaria participar no proceso de selección nos termos que se acorden no correspondente convenio de colaboración.

Artigo 4º.-Obxectivos.

1. Os programas establecerán obxectivos cuantificados de inserción laboral das persoas desempregadas participantes neles, de polo menos o 35% dos demandantes de emprego atendidos durante o desenvolvemento do programa.

Estes obxectivos reduciranse ao 30% cando todos os participantes no programa sexan desempregados previamente admitidos ao programa de renda activa de inserción e subscribisen o compromiso de actividade e/ou fosen perceptores da renda de integración social de Galicia.

2. Con carácter xeral, considerarase que a inserción laboral se conseguiu cando, durante a vixencia do plan, o desempregado sexa contratado como traballador por conta allea por unha duración non infe

rior a 6 meses. Non obstante, no correspondente convenio de colaboración poderase axeitar a definición desta inserción por conta allea en función de circunstancias tales como a actividade profesional que desenvolverá o traballador inserido ou a súa pertenza a colectivos de desempregados con especiais dificultades de inserción.

Igualmente, considerarase que a inserción laboral se conseguiu cando, durante a vixencia do plan, e durante un período mínimo dun ano, se acredite a constitución en traballadores autónomos ou por conta propia das persoas desempregadas participantes no dito plan.

3. O prazo de execución dos plans experimentais será, como máximo, de 12 meses.

Artigo 5º.-Entidades beneficiarias.

Poderán ser beneficiarias das subvencións para o desenvolvemento dos programas regulados nesta orde as corporacións locais e as entidades sen ánimo de lucro que acrediten experiencia na realización de accións dirixidas ao acompañamento aos desempregados en procesos de inserción laboral por conta allea ou propia.

Artigo 6º.-Contía das subvencións.

1. Para o desenvolvemento dos plans integrais de emprego, o financiamento total determinarase no correspondente convenio de colaboración en función do número de persoas que hai que atender e dos obxectivos previstos de inserción, sendo a cantidade máxima a percibir de 1.200 euros por persoa atendida e 3.500 euros por persoa atendida e inserida no mercado de traballo. En ningún caso, tendo en conta ambos os parámetros, se poderá percibir unha cantidade superior a 2.100 euros de media por desempregado participante no plan.

En cada convenio de colaboración establecerase unha redución do importe total da subvención se non se conseguen os obxectivos previstos. Esta redución calcularase en función dos demandantes de emprego inseridos, tendo en conta, non obstante, os demandantes atendidos.

As cantidades por persoa atendida ou inserida determinaranse en función das características dos desempregados que haxa que atender e inserir, e a súa dificultade para integrarse no mercado de traballo.

2. En ningún caso, o importe da subvención poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas, ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vaia desenvolver a entidade solicitante.

Artigo 7º.-Gastos imputables.

1. A subvención determinada no convenio destinarase a cubrir os gastos da entidade relativos a:

a) Os custos salariais e de Seguridade Social do persoal necesario para o apoio e /ou formación dos

demandantes de emprego, incluíndo o persoal que presta servizos na entidade beneficiaria e aqueloutro que puidese contratarse para tal fin, ata un límite de 30.000 euros anuais por traballador. No primeiro caso, imputaranse ao programa as partes proporcionais do tempo efectivamente dedicado ao proxecto.

As retribucións refírense á prestación de servizos a xornada completa. As retribucións acomodaranse proporcionalmente á xornada que se desenvolva no caso de que a prestación de servizos sexa a tempo parcial.

b) Gastos de axudas de custo e desprazamento do dito persoal e dos demandantes que participen no plan.

c) Gastos derivados da contratación de medios externos dirixidos á formación dos desempregados participantes no plan, así como as pólizas de seguros para a formación técnica e prácticas ocupacionais deles, en caso necesario.

d) Gastos de amortización de materiais e equipamentos técnicos necesarios para impartir a formación, co límite do 10% do custo total do proxecto.

e) Gastos xerais, materiais e técnicos, co límite do 25% do custo total do proxecto. Estes gastos inclúen os seguintes:

1) Gastos de execución de material técnico (guías, documentación para o participante...) e de execución en material de oficina.

2) Gastos xerais necesarios para a execución das accións na parte correspondente á dita execución:

-Arrendamento (leasing excluído): edificios, mobiliario, enxoval e equipamentos de arrendamento.

-Mantemento (se non está incluído no arrendamento)

-Subministración de enerxía eléctrica, auga, combustible para calefacción (se non está incluído no arrendamento).

-Comunicacións (teléfono, correos...).

-Limpeza.

-Seguridade e vixilancia.

-Seguros de renponsabilidade civil.

2. Todos os proxectos e produtos que se elaboren con cargo ás subvencións concedidas deberán utilizar axeitadamente as identificacións que estableza a Dirección Xeral de Formación e Colocación e, en todo caso, incluír en toda a documentación o logotipo da Unión Europea (Fondo Social Europeo) e da Xunta de Galicia (Consellería de Traballo).

3. Os dereitos de explotación dos proxectos e produtos financiados serán cedidos á Dirección Xeral de Formación e Colocación, que será a garante da súa difusión e transferibilidade.

Neste sentido, e sempre que lle sexa requirido, o representante legal da entidade solicitante da subvención comprometerase por escrito a realizar esa cesión, de acordo cos requisitos establecidos no texto refundido da Lei de propiedade intelectual, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril.

Quedan excluídas da previsión establecida neste artigo as actuacións sometidas ao ámbito de aplicación do réxime xurídico das contratacións coas administracións públicas.

Artigo 8º.-Requisitos da solicitude.

1. Todas as solicitudes preséntanse segundo modelo oficial recollido no anexo I desta orde.

2. As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:

a) Memoria explicativa do proxecto, considerándose requisito imprescindible para a valoración da solicitude. Esta memoria fará referencia aos seguintes aspectos, na orde que se indica:

-Denominación do programa ou proxecto.

-Descrición del, incluíndo unha enumeración detallada de cada unha das accións que o compoñen, atendendo os distintos tipos e programas onde se enmarcan as ditas accións.

-Duración total do programa (nº de meses), indicando a data de inicio e fin de cada unha das accións propostas.

-Lugar onde se van desenvolver as accións, especificando o enderezo completo.

-Colectivos a que vai dirixido o proxecto.

-Número de participantes.

-Valoración económica do custo total do proxecto, detallando os conceptos de gastos subvencionables e a estimación del por persoa atendida e inserida, conforme o previsto nesta orde, así como o cofinanciamento da entidade subvencionada.

-Actividades, sectores e ámbito territorial nos cales se pretende actuar.

-Relación de medios materiais e recursos humanos dos que se dispón ou dos que se dotará o solicitante, en que se especifiquen as condicións daqueles, o seu historial formativo e laboral, e as súas capacidades, con indicación dos que se van afectar para levar a cabo as accións propostas.

-Obxectivos de inserción laboral previstos, que deberán ser polo menos os indicados no artigo 4º.1 desta orde.

b) Copia compulsada da escritura pública de constitución e dos estatutos, onde conste que a entidade solicitante dispón de personalidade xurídica e carece de fins lucrativos. Quedan exceptuadas da presentación destes documentos as coorporacións locais.

c) Orixinal ou copia compulsada da documentación acreditativa da capacidade do representante legal da entidade solicitante para actuar en nome e representación dela.

d) Copia compulsada da tarxeta de identificación fiscal da entidade solicitante.

e) Documentación que acredite a experiencia da entidade solicitante en actuacións de acompañamento da inserción laboral e mellora da ocupabilidade dos demandantes de emprego.

f) Datos bancarios onde se desexe percibir a subvención (anexo II).

g) Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas ou de calquera dos seus organismos autónomos, entes ou sociedades (anexo III).

h) Declaración de non estar incursa nalgunha das circunstancias recollidas no artigo 13.2º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

3. De conformidade co establecido no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, as entidades solicitantes poderán ser requiridas, se é o caso, polo órgano competente para a instrución para que completen ou emenden os requisitos preceptivos sinalados nos puntos anteriores, no prazo de 10 días hábiles, a partir do seguinte ao da recepción da notificación correspondente.

4. As solicitudes presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Traballo ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na redacción dada pola Lei 4/1999, que a modifica.

Artigo 9º.-Prazo.

O prazo para a presentación de solicitudes será de corenta días naturais, contados desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 10º.-Criterios de valoración dos programas.

Nos plans integrais de emprego, valoraranse os seguintes aspectos:

1. O número e as características dos colectivos desempregados que hai que atender, tendo en conta as especiais dificultades da súa inserción laboral. 35 puntos.

2. Recursos humanos e materiais axeitados para a atención aos colectivos correspondentes. 15 puntos.

3. Os compromisos adquiridos en materia de inserción laboral no mercado de traballo dos demandantes que hai que atender. 15 puntos.

4. O maior esforzo investidor da entidade solicitante no financiamento total do proxecto.15 puntos.

5. A experiencia acreditada da entidade solicitante en actuacións de acompañamento da inserción laboral e mellora da ocupabilidade dos demandantes de

emprego en xeral, e particularmente respecto das ditas actuacións sobre colectivos de desempregados con especiais dificultades nos ditos procesos. 15 puntos.

6. Carácter innovador do programa que se vai desenvolver. 5 puntos.

Artigo 11º.-Procedemento de concesión de subvencións.

1. O procedemento de concesión das subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

2. A instrución dos expedientes corresponderalle á Dirección Xeral de Formación e Colocación.

3. Unha vez analizadas as solicitudes presentadas, os expedientes serán sometidos ao informe dunha comisión de valoración composta polo subdirector xeral de Colocación e dous funcionarios da citada subdirección, un deles actuará como secretario.

4. O director xeral de Formación e Colocación, á vista da proposta formulada pola comisión de valoración, ditará proposta de resolución motivada, que lles será notificada aos interesados.

5. O procedemento de concesión finalizará coa sinatura dos correspondentes convenios de colaboración logo da súa fiscalización pola intervención delegada.

6. A resolución dos expedientes deberá producirse nun prazo de seis meses contados desde o día seguinte ao da entrada da solicitude no correspondente rexistro. Transcorrido o devandito prazo, esta entenderase desestimada.

7. A devandita resolución esgota a vía administrativa, polo que contra ela se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o órgano xurisdicional competente, na forma e no prazo previstos no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contenciososo-administrativa.

8. Potestativamente, e con anterioridade á interposición do citado recurso contencioso-administrativo, poderá interpoñerse recurso de reposición perante o mesmo órgano que ditou o acto administrativo, na forma e prazos establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, sen prexuízo da interposición de calquera outro recurso que se considere oportuno para a defensa dos dereitos e intereses das entidades solicitantes e outros posibles interesados.

9. No caso de que unha vez resolto o procedemento de concesión das subvencións non se teñan atendidas as necesidades de actuación detectadas e existise dispoñibilidade orzamentaria suficiente, a Consellería de Traballo poderá abrir un novo prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 12º.-Xustificación.

A acreditación dos diferentes conceptos de gastos subvecionables realizarase achegando a seguinte documentación:

a) Retribucións de persoal.

-Copia compulsada do contrato.

-Copia compulsada do TC1 e TC2 correspondentes aos meses imputados.

-Copia compulsada das nóminas correspondentes aos meses imputados.

-Copia compulsada do impreso de liquidación nominal do IRPF.

-Copia do documento autenticado (transferencia bancaria ou cheque nominativo), que xustifique o pagamento das nóminas do persoal.

b) Gastos imputables ás accións realizadas en concepto de axudas de custo e desprazamentos, contratación de medios externos, gastos de amortización de materiais ou equipamentos e gastos xerais, materiais e técnicos necesarios.

A acreditación deste bloque de gastos farase mediante as facturas correspondentes, orixinais ou copias compulsadas, tendo en conta que todas as facturas achegadas como xustificantes deberán estar referidas de forma inequívoca á entidade subvencionada e ao período que abranga a subvención.

Artigo 13º.-Forma de pagamento.

1. O pagamento da subvención realizarase do seguinte xeito:

Procederase ao aboamento do 50 por 100 do total da subvención concedida para os anos 2006 e 2007, a partir do momento en que a entidade subvencionada presente a seguinte documentación:

a) Certificado de inicio das accións (anexo IV).

b) Copia compulsada do contrato ou contratos do persoal que realizará as accións.

c) Certificado de alta na Seguridade Social do dito persoal.

d) Copia compulsada dos DNI das persoas que van participar nas accións.

e) Copia das tarxetas de demanda de empego das persoas que van participar nas accións.

f) Ficheiro informático, en formato de folla de cálculo, no que figure o nome, apelidos e NIF de cada unha das persoas que van participar nas accións.

g) Fichas de control de accións, correspondentes ao inicio delas, asinada por cada un dos desempregados participantes no plan.

2. O anticipo indicado no parágrafo 1 deste artigo non poderá superar en ningún caso o importe da subvención concedida para o ano 2006.

3. Poderán acordarse pagamentos parciais á conta da liquidación definitiva a medida que o beneficiario xustifique os libramentos anteriores, que nunca poderán superar o orzamento asignado para cada

anualidade nin serán superiores ao 75% do total da subvención concedida para os anos 2006 e 2007.

4. As entidades subvencionadas deberán efectuar a liquidación parcial da subvención no mes de xaneiro de 2007, polo que deberán presentar a xustificación de todos os gastos realizados con cargo á subvención ata o 31-12-2006 conforme o previsto no artigo 14º desta orde, e por parte da Dirección Xeral de Formación e Colocación procederase a liquidar o importe que corresponda, de acordo coa xustificación presentada e cos anticipos percibidos pola entidade correspondentes á subvención concedida para o ano 2006.

5. Unha vez presentada a documentación requirida para a liquidación final, e feitas as actuacións sinaladas no artigo 15º desta orde, a Dirección Xeral de Formación e Colocación procederá á liquidación da subvención, sen prexuízo do establecido no artigo 17º, tendo en conta que os gastos correspondentes a cada anualidade deberán ser imputados ao orzamentos concedido para cada ano.

6. En todo caso, as certificacións e xustificacións presentadas polas entidades participantes nos programas experimentais deberán axustarse ao disposto no artigo 15 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 14º.-Requisitos para o aboamento final.

1. Unha vez finalizadas as actividades, as entidades beneficiarias deberán acreditar mediante certificación selada e asinada polo representante da entidade a realización das accións descritas.

2. Así mesmo, finalizadas as accións, e antes de proceder ao último pagamento, a entidade beneficiaria deberá presentar unha declaración de conxunto de todas as solicitudes de axudas presentadas ou concedidas para o mesmo proxecto das distintas administracións ou entes públicos ou privados, nacionales ou internacionais.

Artigo 15º.-Liquidación final.

1. Durante o mes seguinte ao de finalización da execución das accións obxecto da subvención, a entidade subvencionada presentará liquidación final dos gastos realizados, que conterá polo menos, os seguintes datos:

a) Relación dos demandantes de emprego atendidos e dos inseridos. Esta relación remitirase nun ficheiro informático, en formato de folla de cálculo, en que figure o nome e apelidos de cada usuario así como o seu NIF.

b) Copia dos contratos de traballo dos usuarios inseridos, ou alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou, de ser o caso, colexio profesional e mutualidade que corresponda.

c) Fichas de control de accións, correspondentes ao fin deles, asinada por cada un dos desempregados participantes no plan.

d) Certificación de gastos realizados (anexo V), onde deberán constar os gastos de persoal e a relación de facturas, xunto coa documentación especificada no artigo 12º desta orde.

2. Xunto coa xustificación sinalada no punto anterior, a entidade beneficiaria deberá presentar ao Servizo Público de Emprego unha memoria final de actividades onde se faga constar unha descrición detallada da execución do programa, dos colectivos atendidos e a identificación das persoas atendidas e/ou inseridas no mercado de traballo.

3. O Servizo Público de Emprego verificará o nivel de inserción efectivo que a entidade beneficiaria certifica, de acordo cos termos establecidos no convenio de colaboración. Se nesa verificación se comprobase que a porcentaxe de inserción laboral dos usuarios atendidos é menor do obxectivo previsto no programa, a Dirección Xeral de Formación e Colocación procederá a realizar o desconto correspondente, de tal xeito que as cantidades resultantes, segundo corresponda, ben deixarán de ser aboadas pola Dirección Xeral de Formación e Colocación ou ben serán reintegradas pola entidade beneficiaria, consonte o disposto no artigo 19º desta orde.

4. Ás entidades que, transcorrido o prazo dun mes desde a finalización das accións, non presentasen a documentación de xustificación final dos gastos, poderá serlles exixido o reintegro das cantidades percibidas en concepto de anticipo, consonte o disposto no artigo 19º desta orde.

En caso de que a xustificación fose incorrecta, requirirase a entidade para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días, advertíndolle de que, de non facelo, se procederá, se é o caso, a reclamar o reintegro, total ou parcial, da axuda concedida, nos termos e coas condicións sinalados no artigo 78 do texto refundido da Lei 11/1992, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto legislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Artigo 16º.-Contido do convenio.

O convenio de colaboración especificará necesariamente:

a) Ámbito de aplicación.

b) Obxectivo xeral do programa e as diferentes liñas de actuación que desenvolverá a entidade beneficiaria para acadalo.

c) O número de desempregados que se van atender.

d) Os dereitos e obrigas das partes asinantes do convenio entre os que figurarán: os obxectivos de inserción, a definición da inserción por conta allea, a subvención outorgada con especificación das cantidades que van ser percibidas por persoa atendida e persoa inserida e as cláusulas de redución da subvención no caso de incumprimento dos obxectivos.

e) No convenio poderán facerse constar as cláusulas que en cada caso sexan necesarias para asegurar o seu perfecto desenvolvemento, así como as

accións de control por parte da consellería. Para os citados efectos crearase unha comisión mixta de seguimento do convenio.

f) A documentación necesaria para a acreditación dos diferentes conceptos de gastos subvecionables.

g) Requisitos para o aboamento e liquidación final.

Artigo 17º.-Obrigas das entidades beneficiarias.

1. As entidades beneficiarias das axudas previstas na presente orde están obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas, ou polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

2. As entidades beneficiarias están obrigadas a lle comunicar á Consellería de Traballo a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas no mesmo momento que se produzan.

3. Igualmente, as entidades beneficiarias están obrigadas a lle comunicar á oficina de emprego correspondente os datos básicos das persoas desempregadas que se incorporan ao programa experimental, así como as baixas e as novas incorporacións a el.

4. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, o incumprimento dalgunha das obrigas sinaladas nesta orde, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 18º.-Seguimento das accións.

1. Sen prexuízo das facultades inspectoras que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado e da Comunidade Autónoma, a Consellería de Traballo poderá realizar as comprobacións e verificacións que considere precisas para a constatación do cumprimento do disposto nesta orde e demais normativas vixentes que resulten de aplicación.

2. Así mesmo, a Consellería de Traballo poderá realizar comprobacións e verificacións, presenciais e aleatorias co obxecto de avaliar cuantitativa e cualitativamente o desenvolvemento das accións previstas na presente orde en calquera das entidades beneficiarias da subvención.

No caso de levarse a cabo visitas de seguimento por parte da Consellería de Traballo, as entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta orde facilitarán o acceso ás instalacións nas que se realizan as accións, así como toda a documentación de carácter técnico, administrativo, informático ou contable que teña relación coa subvención concedida que se lles solicite.

Nas visitas de seguimento elaborarase un informe que asinarán o responsable da visita e o responsable

da entidade. A sinatura do responsable da entidade non implicará a conformidade co contido do informe.

Artigo 19º.-Reintegro das subvencións.

1. Procederá o reintegro das cantidades percibidas nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificar a realización da actividade.

b) Incumprimento da finalidade para a que a axuda foi concedida.

c) Incumprimento por parte da entidade subvencionada das obrigas sinaladas nesta orde.

d) Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos na presente orde ou na normativa que a desenvolva.

e) Obstaculización das actuacións de seguimento e control polas institucións facultadas para elas, e incumprimento da obriga de información de datos.

2. Así mesmo, procederá o reintegro por parte da entidade subvencionada das cantidades que excedan da contía que se vaia percibir polas accións realizadas, unha vez deducidas outras subvencións ou axudas recibidas pola entidade subvencionada para a mesma finalidade, e en todo caso seguirase o diposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Transcorridos seis meses desde a finalización do prazo previsto para a execución dos proxectos, o Servizo Público de Emprego poderá comprobar, se non fose posto en coñecemento neses momentos pola entidade beneficiaria da subvención, se o nivel de inserción laboral se corresponde co acreditado na liquidación da subvención, exixindo, no caso contrario, a devolución proporcional da subvención indebidamente percibida. O procedemento de reintegro axustarase ao previsto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. No caso de que as insercións certificadas pola entidade beneficiaria correspondan a traballadores inseridos por conta propia, a comprobación sinalada no punto anterior levarase a cabo transcorrido un ano desde a finalización do prazo previsto para a execución dos proxectos.

Artigo 20º.-Participación institucional.

A participación dos axentes sociais para os efectos do Servizo Público de Emprego efectuarase a través do Comité Autonómico de Emprego.

Disposicións adicionais

Primeira.-As accións incluídas na presente orde financiaranse con cargo ás consignacións orzamentarias que

figuran no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2006 nas seguintes aplicacións: 16.03.241A.482.0, cun importe de 1.335.823 euros na anualidade de 2006 e de 1.000.000 euros na anualidade de 2007, e 16.03.241A.460.0, cun importe de 600.000 euros na anualidade de 2006, e de 700.000 na anualidade de 2007.

Estas consignacións estarán supeditadas ás modificacións orzamentarais que se poidan realizar como consecuencia de incrementos das cantidades asignadas á Comunidade Autónoma pola Administración do Estado.

A forma de pagamento prevista no artigo 13º desta orde estará condicionada á autorización do Consello da Xunta de Galicia.

Segunda.-A concesión das subvencións terá como límite global o crédito asignado para este fin nos orzamentos xerais da comunidade autónoma de cada ano, e o límite dos compromisos plurianuais que se adquiran ao abeiro do artigo 58.1º b) do texto refundido da Lei 11/1992, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto legislativo 1/1999, do 7 de outubro, logo da autorización do compromiso plurianual por parte do Consello da Xunta de Galicia.

Terceira.-Apróbase a delegación de atribucións do conselleiro de Traballo no director xeral de Formación e Colocación para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos.

Cuarta.-En todo o non previsto na presente disposición, será de aplicación a normativa do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais relativa a programas experimentais en materia de emprego (Orde TAS/2643/2003, do 18 de setembro e Orde TAS/816/2005, do 21 de marzo), así como o establecido na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no artigo 78 do texto refundido da Lei 11/1992, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Formación e Colocación para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2005.

Ricardo Jacinto Varela Sánchez

Conselleiro de Traballo