DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Mércores, 11 de xaneiro de 2006 Páx. 614

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 592/2005, do 29 de decembro, polo que se modifica o Decreto 276/1999, do 21 de outubro, polo que se regula a composición e as funcións do Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia.

A estrutura orgánica da Xunta de Galicia e dos seus departamentos foi aprobada polos decretos 211/2005, do 3 de agosto, e 232/2005, do 11 de agosto, respectivamente, e os centros directivos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia estableceronse polo Decreto 231/2005, do 11 de agosto.

As consellerías e centros directivos que posúen competencias en materia de telecomunicacións e audiovisual deben estar axeitadas e correctamente referenciadas nas disposicións que regulan a composición do Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia.

Por iso, e con esa finalidade faise necesaria e aconsellable a modificación do Decreto 276/1999, do 21 de outubro, polo que se regula a composición e as funcións do Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia (DOG nº 211, do 2 de novembro), que xa se modificara polo Decreto 326/2003, do 24 de xullo (DOG nº 149, do 4 de agosto de 2003).

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e nove de decembro de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación do Decreto 276/1999, do 21 de outubro, polo que se regula a composición e as funcións do Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia.

Un.-O artigo 1, punto 2, queda redactado como segue:

«O Consello Asesor adscribese, sen prexuízo da súa independencia funcional, á Secretaría Xeral de Comunicación, a través da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual».

Dous.-O artigo 3 queda redactado como segue:

«O Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia estará composto por:

* Presidente: o presidente da Xunta de Galicia.

* Vicepresidente I: o/a titular do departamento competente en materia de comunicación.

* Vicepresidente II: o/a titular da consellería competente en materia de innovación.

* Vicepresidente III: o/a titular da consellería competente en materia de cultura.

* Vicepresidente IV: o/a titular da dirección xeral competente en materia de comunicación audiovisual.

* Vogais:

1. En representación da Administración autonómica, designados polo presidente do Consello Asesor e por proposta dos titulares dos departamentos respectivos:

-Dous vogais en representación da secretaría xeral con competencias en materia de comunicación.

-Dous vogais en representación do/s departamento/s con competencias en materia de creación e difusión cultural.

-Dous vogais en representación do/s departamento/s con competencias en materia de innovación.

-Dous vogais en representación do/s departamento/s con competencias en materia de sociedade da información.

-Dous vogais en representación do/s departamento/s con competencias en materia da rede corporativa de voz e datos.

-Dous vogais en representación do/s departamento/s con competencias en materia de protección civil.

-Dous vogais en representación do/s departamento/s con competencias en materia de comunicación audiovisual.

-Un vogal en representación de cada un dos restantes departamentos que integran a Xunta de Galicia.

2. En representación da Administración local:

-Un representante por cada unha das deputacións provinciais galegas, designados polo presidente do Consello Asesor, por proposta de cada deputación.

-Dous representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias, designados polo presidente do Consello Asesor, por proposta da dita federación.

-Un representante de cada unha das sete cidades maiores de Galicia, designados polo presidente do Consello Asesor, por proposta de cada concello.

3. En representación das universidades e organismos especializados:

-Un representante por cada unha das tres universidades de Galicia, especialistas en temas de telecomunicación e audiovisual, designados polo presidente do Consello Asesor, por proposta de cada un dos respectivos reitores.

-Un representante do Centro de Supercomputación de Galicia, designado polo presidente do Consello Asesor, por proposta do mencionado centro.

-Un representante de cada unha das escolas de Imaxe e Son, designado polo presidente do Consello Asesor, por proposta daquelas.

-Un representante da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións, designado polo presidente do Consello Asesor, por proposta daquela.

4. En representación dos sindicatos, designados polo presidente do Consello Asesor, por proposta das ditas organizacións:

-Un representante de cada un dos tres sindicatos máis representativos en Galicia.

5. En representación dos usuarios:

-Un representante das asociacións de usuarios industriais de servizos de telecomunicacións, designado polo presidente do Consello Asesor, por proposta daquelas.

6. En representación dos industriais e comercializadores, designados polo presidente do Consello Asesor, por proposta da Confederación de Empresarios de Galicia:

-Dous representantes da industria de fabricación de equipos de telecomunicacións.

-Un representante dos comercializadores e importadores de equipos de telecomunicacións.

7. En representación dos operadores de servizos de telecomunicacións, designado polo presidente do Consello Asesor, por proposta daqueles:

-Un representante por cada un dos operadores que presten servizos na nosa Comunidade Autónoma.

8. Tres representantes da Compañía de Radiotelevisión de Galicia, designados polo presidente do Consello Asesor, por proposta daquela.

9. Un representante do Consorcio do Audiovisual de Galicia, designado polo presidente do Consello Asesor, por proposta do presidente do Consorcio.

10. En representación da televisión e da radiodifusión sonora, un representante de cada un dos sectores seguintes, designado polo presidente do Consello Asesor, por proposta deles:

-Radio Televisión Española en Galicia.

-Televisións privadas de ámbito estatal con delegación en Galicia.

-Televisións privadas de cobertura autonómica.

-Televisións privadas de cobertura local, segundo demarcacións.

-Televisións públicas de cobertura local, segundo demarcacións.

-Cadeas de emisoras de radiodifusión sonora privadas, outorgadas pola comunidade autónoma. Neste

caso designarase un representante por cada unha das cadeas.

-Concesionarios do servizo público de radiodifusión sonora privada de ámbito local.

-Concellos concesionarios do servizo público de radiodifusión sonora.

-Asociacións de emisoras concesionarias de servizo público de radiodifusión sonora e de televisión local. Neste caso designarase un representante por cada unha das asociacións.

11. Un representante por cada un dos xornais impresos galegos, designado polo presidente do Consello Asesor, por proposta daqueles.

12. En representación das asociacións do audiovisual:

-Dous representantes das asociacións máis importantes do audiovisual de Galicia, designados polo presidente do Consello Asesor, por proposta conxunta de todas elas ou, no seu defecto, da Confederación de Empresarios de Galicia.

-Un representante das asociacións de telespectadores e radiooíntes, designado polo presidente do Consello Asesor, por proposta conxunta de todas elas.

-Un representante de empresas de servizos de publicidade, designado polo presidente do Consello Asesor, por proposta da Confederación de Empresarios de Galicia.

13. Un representante da Fundación Galicia-Europa, designado polo presidente do Consello Asesor, por proposta daquela.

14. Ata un máximo de once vogais, designados polo presidente do Consello Asesor, entre personalidades de recoñecido prestixio no sector das telecomunicacións e do audiovisual.

-Secretario: un funcionario da Secretaría Xeral de Comunicación, con voz e voto».

Tres.-O artigo 8, punto 1, queda redactado como segue:

«1. A Comisión Permanente estará composta polos seguintes membros:

A) Presidente: o vicepresidente I do Consello Asesor.

B) Vicepresidentes 1º, 2º e 3º: os vicepresidentes II, III e IV do Consello Asesor e con esta prelación.

C) Vogais:

a) Dous do punto 1, do artigo terceiro.

b) Un do punto 2, do artigo terceiro.

c) Un do punto 3, do artigo terceiro.

d) Un do punto 4, do artigo terceiro.

e) Un dos puntos 5 e 6, do artigo terceiro.

f) Dous do punto 7, do artigo terceiro.

g) Un do punto 8, do artigo terceiro.

h) O do punto 9, do artigo terceiro

i) Un do punto 10, do artigo terceiro.

j) Un do punto 11, do artigo terceiro.

k) Un do punto 12, do artigo terceiro.

l) O do punto 13, do artigo terceiro.

m) Tres do punto 14, do artigo terceiro.

D) Secretario: o secretario do Consello Asesor.

Para a constitución da comisión permanente, cada un dos grupos de entidades representadas que se citan propoñerán a designación, pola súa vez, de entre os seus membros electos, do vogal ou vogais que lles corresponda. No caso de non realizar ningunha proposta de designación, quedará aquela válidamente constituída cos vogais propostos, seguindo a orde numérica que expresa o artigo 3 deste decreto, referida a cada grupo representado».

Catro.-O artigo 9 queda redactado como segue:

«1. Para o estudo de temas concretos e como órganos de traballo do Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia poderanse constituír, de acordo co previsto no artigo 15 da Lei do audiovisual de Galicia, comisións especializadas integradas por ata un máximo de sete vogais designados pola comisión permanente, que serán presididas polo vogal que designe o presidente do Consello Asesor. Poderán estar asistidas por representantes destacados do sector ou por expertos nos temas obxecto de estudo.

2. Os informes emitidos polas comisións non terán carácter vinculante e elevaranse á comisión permanente que dará traslado deles ao Pleno e ao departamento competente por razón da materia».

Disposicións adicionais

Primeira.-Para os efectos deste decreto e de acordo co previsto nos artigos 3 e 10.1º do Decreto 81/2005, do 14 de abril, polo que se regula o réxime xurídico da xestión do servizo público de televisión dixital na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 79, do 26 de abril), considéranse televisións privadas, de ámbito local ou outonómico, as clasificadas como tales que posúan a correspondente concesión do servizo de televisión.

Segunda.-Para os efectos deste decreto e de acordo cos artigos mencionados na disposición adicional primeira, considéranse televisións municipais públicas as clasificadas como tales que posúan a concesión do servizo de televisión correspondente.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Queda facultado o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para ditar as normas necesarias para o desenvolvemento e a execución deste decreto, por proposta do secretario xeral de Comunicación.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela vinte e nove de decembro de dous mil cinco.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza