DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Martes, 10 de xaneiro de 2006 Páx. 535

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

DECRETO 586/2005, do 29 de decembro, polo que se deroga o Decreto 195/1994, do 16 de xuño, polo que se regulan as subvencións ás organizacións profesionais representativas do sector agrario.

Coa finalidade de crear un marco xurídico de apoio a favor das organizacións profesionais agrarias, en tanto que entidades representativas dos labregos e labregas nos distintos foros de debate e órganos de consulta para a toma de decisións da Administración, ditouse o Decreto 195/1994, do 16 de xuño, polo que se regulaban as subvencións ás ditas organizacións profesionais representativas do sector agrario. No devandito decreto establecéronse medidas de apoio en favor das organizacións profesionais agrarias, en forma de subvención e de convenios de colaboración. De acordo con este, establecéronse, ao longo dos últimos anos, diversas medidas de apoio institucional ás organizacións profesionais agrarias.

A modificación do réxime de axudas e subvencións en Galicia, logo da reforma realizada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, outorga a competencia para a concesión de subvencións ou axudas públicas aos conselleiros, presidentes ou directores de organismos autónomos e demais órganos reitores dos demais entes, segundo as súas leis de creación, correspondéndolles a eles, con carácter previo á disposición dos créditos, o establecemento das bases reguladoras aplicables á concesión das axudas.

Polo anterior, procede derrogar o dito Decreto 195/1994, do 16 de xuño, e acomodar as novas axudas e subvencións que se lles outorguen ás organizacións profesionais agrarias ao novo réxime de axudas e subvencións de Galicia, posibilitando o ditado da correspondente orde polo conselleiro con competencias na materia á vista das disposicións orzamentarias da consellería.

Xa que logo, por proposta do conselleiro do Medio Rural, e en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e nove de decembro de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-Queda derrogado o Decreto 195/1994, do 16 de xuño, polo que se regulan as subvencións ás organizacións profesionais representativas do sector agrario.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e nove de decembro de dous mil cinco.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA