DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Xoves, 05 de xaneiro de 2006 Páx. 270

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

DECRETO 581/2005, do 15 de decembro, polo que se crea o Comité Interdepartamental de Desenvolvemento Sostible.

O sexto programa comunitario de acción en materia de ambiente, titulado Medio ambiente 2010: o futuro está nas nosas mans define as prioridades e os obxectivos da política ambiental da UE ata e alén de 2010 e detalla as medidas que se deberán adoptar para contribuír á aplicación da estratexia da Unión Europea en prol do desenvolvemento sustentable; deste xeito, o desenvolvemento sustentable pasa a ser o obxectivo prioritario desta política.

Un dos eixes prioritarios de acción estratéxica nel propostos é o de integrar o ambiente na ampla gama de políticas que teñen incidencia sobre os aspectos relacionados coa sustentabilidade, para reforzar a coherencia entre elas e procurar que todas teñan como prioridade o desenvolvemento sustentable, de

xeito que as súas consecuencias económicas, sociais e ambientais se analicen de forma coordinada e sexan tidas en conta no momento da súa elaboración e adopción, para acadar un enfoque transectorial global do desenvolvemento de cara ao futuro.

A Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible debe ser a impulsora deste proceso no exercicio da súa responsabilidade competencial, mediante os instrumentos estratéxicos que establecen as pautas que se van seguir en materia de sustentabilidade, en particular, o documento Cara a unha estratexia para o desenvolvemento sostible de Galicia: integración da variable ambiental nas políticas sectoriais, a Estratexia Galega de Desenvolvemento Sostible, a Estratexia Galega fronte ao Cambio Climático e a Estratexia Galega de Educación Ambiental.

De conformidade co exposto, considérase precisa a creación do órgano administrativo que promova e impulse a harmonización das actividades que leven a cabo todas as consellerías co obxecto de que conduzan o desenvolvemento de Galicia polo camiño da sustentabilidade, e vele por que as políticas da Administración autonómica cumpran os criterios establecidos nas citadas estratexias.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e tras a deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día quince de decembro de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Creación.

Créase o Comité Interdepartamental de Desenvolvemento Sostible como órgano de coordinación das distintas políticas sectoriais en materia de sustentabilidade, con carácter técnico-administrativo e adscrito á Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia.

Artigo 2º.-Funcións.

Serán funcións do Comité Interdepartamental de Desenvolvemento Sostible:

a) O estudo e a análise das directrices das políticas da UE e da Administración xeral do Estado en materia de sustentabilidade, e a formulación das suxestións oportunas sobre o seu correcto cumprimento e a aplicación das súas respectivas lexislacións.

b) Elaborar propostas de integración entre as políticas sectoriais da Xunta de Galicia e adoptar medi

das para o seu desenvolvemento, en particular en aplicación do documento Cara a unha estratexia para o desenvolvemento sostible de Galicia: integración da variable ambiental nas políticas sectoriais.

c) Promover a coordinación administrativa das actuacións sectoriais que poidan ter incidencia no eido da sustentabilidade, atendendo ás directrices contidas na Estratexia Galega de Desenvolvemento Sostible, a Estratexia Galega fronte ao Cambio Climático e a Estratexia Galega de Educación Ambiental.

d) Impulsar a aplicación das devanditas estratexias, e levar a cabo o seu seguimento, elaborando os informes correspondentes.

e) Emitir os informes que, no eido da sustentabilidade, lle sexan solicitados polas distintas consellerías unha vez que sexa determinada a súa pertinencia.

f) Aqueloutras funcións que lle encomende o seu presidente.

Artigo 3º.-Composición.

O Comité Interdepartamental de Desenvolvemento Sostible estará integrado polos seguintes membros:

1. Estará presidido polo conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

2. O vicepresidente será o director xeral de Desenvolvemento Sostible, quen substituirá o presidente en caso de ausencia, vacante ou enfermidade ou calquera outra causa que poida ser debidamente xustificada.

3. Actuará como secretario do comité un funcionario da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible designado polo conselleiro, con voz pero sen voto.

4. O comité estará composto polo presidente, polo secretario xeral e os directores xerais da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e, ademais, por 1 vogal pertencente á Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia e 11 vogais en representación de cada unha das restantes consellerías que conforman o organigrama da Xunta de Galicia.

5. O vicepresidente e os conselleiros correspondentes designarán os vogais titulares e suplentes. Os vogais titulares terán rango de director xeral.

Artigo 4º.-Convocatoria.

1. O Comité Interdepartamental de Desenvolvemento Sostible será convocado polo seu presidente con carácter ordinario unha vez cada seis meses.

Cando exista motivo de especial transcendencia que así o requira e dentro do ámbito das súas competencias, ou ben sempre que sexa convocado polo

seu presidente, por iniciativa propia ou por petición dunha maioría simple dos vogais que o integran, procederase de inmediato á súa convocatoria extraordinaria.

2. A convocatoria das sesións será efectuada polo secretario por orde do presidente, remitindo aos vogais, cunha antelación mínima de 48 horas, a orde do día que conterá a relación dos asuntos que se tratarán e a documentación necesaria para a súa deliberación.

3. Os membros do comité serán os interlocutores en representación da Vicepresidencia e das consellerías competentes para todas as materias susceptibles de ser tratadas nas súas sesións.

Artigo 5º.-Comisións de traballo.

Para o mellor cumprimento das súas funcións, o Comité Interdepartamental de Desenvolvemento Sostible, por proposta do seu presidente, poderá acordar a creación de comisións de traballo de carácter temporal, que desempeñarán as tarefas que lles sexan encomendadas por este.

Artigo 6º.-Funcionamento.

1. O réxime xurídico aplicado ao seu funcionamento será o preceptuado no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. No demais será de aplicación o disposto no regulamento interno do comité, aprobado pola maioría do seu Pleno.

Disposición transitoria

Establécese un prazo dun mes, contado desde a publicación deste decreto, para que tanto a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar como as consellerías que conforman a estrutura da Xunta de Galicia determinen as correspondentes direccións xerais que formarán parte deste órgano, para proceder á constitución do Comité Interdepartamental de Desenvolvemento Sostible.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 72/1998, do 30 de xaneiro, polo que se crean os comités de Integración e Coordinación Ambiental.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible para ditar as disposicións precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, quince de decembro de dous mil cinco.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Manuel Vázquez Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento

Sostible