DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Xoves, 05 de xaneiro de 2006 Páx. 270

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 22 de decembro de 2005 que desenvolve o artigo 23.5º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia en canto a anulación e baixa de contabilidade de determinadas débedas.

A Orde da Consellería de Economía e Facenda do 30 de xaneiro de 2004, de anulación e baixa en contabilidade de liquidacións cuxa xestión en período executivo corresponda a esta consellería, desenvolvía o artigo 23.5º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Este artigo autoriza o conselleiro de Economía e Facenda para que poida dispor a non-liquidación de débedas ou a anulación e baixa en contabilidade de débedas xa liquidadas cando a súa execución resulte antieconómica; para desenvolver o que afecta a primeira parte da autorización, a non-liquidación de débedas, esta consellería ditou a Orde do 19 de febreiro de 1999 en referencia a impostos xestionados pola Consellería de Economía e Facenda ou as oficinas liquidadoras de distrito hipotecario e fixou en 1.000 pesetas (6,01 A) o importe do que non debía exceder a liquidación.

Co obxecto de desenvolver a segunda parte da autorización do artigo citado ditouse a orde á que se fai referencia ao inicio, cun ámbito de aplicación máis extenso ca a anterior e fixando o límite cuantitativo en referencia a esta, aínda que aplicándoo a «liquidacións xiradas a un mesmo debedor e integradas nun expediente executivo»; a excesiva complexidade deste criterio, así como a experiencia práctica fan que resulte aconsellable cambialo polo único de débeda, autónoma e independente.

Por todo iso, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º

As débedas de dereito público, tributarias ou non tributarias, cuxa xestión recadatoria en período executivo lles corresponda por lei aos órganos da Consellería de Economía e Facenda, serán anuladas e dadas de baixa en contabilidade cando, no caso de terse notificado en período voluntario e de que se trate de contías exixibles que non excedan de 6 A, transcorrese o prazo de ingreso voluntario sen que fosen satisfeitos, non admitíndose por parte dos órganos antes citados tales débedas para a súa xestión de cobramento en período executivo.

Artigo 2º

Anualmente, mediante resolución conxunta da Dirección Xeral de Tributos e da Intervención Xeral da comunidade autónoma, poderase acordar a anulación e baixa en contabilidade de todas aquelas liquidacións que se atopen en período executivo e que correspondan a recursos de dereito público da facenda da comunidade autónoma das que resulte unha débeda pendente de recadar por importe inferior a 3 euros, sempre que reúnan os requisitos que precisamente se determinen na citada resolución.

Disposición derrogatoria

Derrógase a orde da Consellería de Economía e Facenda do 30 de xaneiro de 2004, de anulación e baixa en contabilidade de liquidacións cuxa xestión en período executivo lle corresponde a esta consellería.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2005.

José Ramón Fernández Antonio

Conselleiro de Economía e Facenda