DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Martes, 03 de xaneiro de 2006 Páx. 70

II. AUTORIDADES E PERSOAL

NOMEAMENTOS:

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 576/2005, do 22 de decembro, polo que se designan representantes da comunidade autónoma na Comisión Galega de Cooperación Local.

A Comisión Galega de Cooperación Local foi creada pola Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, como órgano permanente de colaboración para a coordinación entre a Administración autonómica e as entidades locais, e foi desenvolvida polo Decreto 280/1998, do 24 de setembro, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento da Comisión Galega de Cooperación Local.

En cumprimento do disposto no artigo 189 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, a dita comisión atópase integrada, paritariamente, por representantes da comunidade autónoma e por representantes das entidades locais galegas, correspondéndolle a representación da comunidade autónoma ao presidente da Xunta de Galicia, ao conselleiro competente en materia de réxime local e a aqueles outros membros que designe o Consello da Xunta de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e dous de decembro de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-Os representantes da Comunidade Autónoma de Galicia na Comisión Galega de Cooperación Local serán os seguintes:

-O secretario xeral e de Relacións Institucionais da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

-O secretario xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-O secretario xeral da Consellería de Innovación e Industria.

-O secretario xeral da Consellería do Medio Rural.

-O secretario xeral da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

-O secretario xeral da Consellería de Traballo.

-O secretario xeral da Consellería de Vivenda e Solo.

-A directora xeral de Administración Local.

-O director xeral de Orzamentos.

-O director xeral de Urbanismo.

Asistirá, no seu caso, como suplente de cada un dos representantes anteriormente indicados, un titular dunha subdirección xeral pertencente ao departamento correspondente.

Disposición derrogatoria.

Quedan derrogadas todas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto neste decreto.

Santiago de Compostela, vinte e dous de decembro de dous mil cinco.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA