DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Luns, 02 de xaneiro de 2006 Páx. 6

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 575/2005, do 15 de decembro, polo que se desenvolve o artigo 5 da Lei 1/2005, do 4 de xaneiro, do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia.

No artigo 5 da Lei 1/2005, do 4 de xaneiro, do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia, establécese a composición do seu Consello Reitor. No punto 3 do devandito artigo disponse que serán vogais do Consello Reitor, entre outros: «d) Dous representantes do persoal ao servizo da Administración de xustiza, designados na forma en que regulamentariamente se estableza», «e) Catro representantes dos concellos de Galicia, designados na forma en que regulamentariamente se determine, garantindo a representatividade e a pluralidade política existente no ámbito municipal», «f) Un representante do profesorado do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia»,«g) Ata catro representantes, un por cada unha das asociacións de bombeiros ou voluntarios civís, se é o caso, que estean legalmente constituídas en Galicia, segundo se determine regulamentariamente» e «i) Catro representantes das policías locais».

Na disposición derradeira primeira da devandita Lei 1/2005, facúltase a Xunta de Galicia para ditar as disposicións necesarias para o seu desenvolvemento e cumprimento.

A fin de poder constituír o Consello Reitor do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia, é necesario que o Consello da Xunta de Galicia determine o xeito de designación de vogais nos casos das alíneas d), e), f) e i) do devandito artigo 5 da Lei 1/2005, e a distribución dos representantes entre as asociacións de bombeiros e voluntarios civís, da alínea g).

Por isto, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día quince de decembro de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Este decreto ten por obxecto regular a designación de determinados vogais do Consello Reitor do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia en desenvolvemento do artigo 5 da Lei 1/2005, do 4 de xaneiro.

Artigo 2º

Os dous representantes do persoal ao servizo da Administración de xustiza no Consello Reitor do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia serán designados polos dous sindicatos máis representativos nese ámbito.

Artigo 3º

Os catro representantes dos concellos de Galicia no Consello Reitor do Centro de Estudos Xudiciais

e Seguridade Pública de Galicia serán designados polas asociacións de concellos legalmente constituídas respectando, en todo caso, a obriga legalmente establecida de asegurar a representatividade e a pluralidade existente no ámbito municipal.

Artigo 4º

O representante do profesorado no Consello Reitor do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia será designado polo presidente do centro por proposta do seu director.

Artigo 5º

As asociacións de voluntarios civís, legalmente constituídas, designarán dous representantes no Consello Reitor do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia, e outros dous serán designados polas asociacións de bombeiros legalmente constituídas.

Artigo 6º

Os catro representantes das policías locais no Consello Reitor do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia serán designados polos sindicatos máis representativos no ámbito municipal.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, quince de decembro de dous mil cinco.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E TRANSPORTES