DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 250 Venres, 30 de decembro de 2005 Páx. 20.548

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 570/2005, do 29 de decembro, polo que se establece o Plan de máquinas de xogo tipo B na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas de Galicia, establece no seu artigo 7 que poderá existir unha planificación de carácter territorial para a distribución das autorizacións que cumpran os requisitos exixidos.

Desde a publicación desta lei, a normativa sectorial de máquinas recreativas e de azar vén limitando de modo xenérico o outorgamento xeneralizado de máquinas de xogo tipo B co fin de cumprir cos principios constitucionais de defensa dos consumidores e coas limitacións do xogo establecidas na propia Lei do xogo respecto á prohibición do uso deste tipo de aparellos por parte de menores de idade e maiores que non se achen no seu pleno uso da súa capacidade de obrar.

Desde o ano 1986 no que o Decreto 374/1986, do 30 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de máquinas recreativas e de azar establecía que, mentres non se aprobe un Plan territorial de xogo que recolla o número e características das autorizacións, a consellería con competencias en materia de xogo outorgará as autorizacións por apreciación libre, as novas autorizacións limitáronse determinándose nos sucesivos regulamentos de máquinas respecto ao número de máquinas que se poden instalar nos locais, os requisitos para emitir as autorizacións e boletíns de instalación e as características das propias máquinas.

A Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e réxime administrativo dispón na disposición transitoria única que no prazo dun ano a partir da entrada en vigor desta lei, procederase, mediante decreto, á aprobación da planificación da oferta de máquinas de xogo tipo B na Comunidade Autónoma de Galicia.

A publicación desta disposición na Lei 14/2004 ten a súa orixe na Sentenza 551/2004, do 24 de xuño, da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que anula a disposición adicional segunda do Regulamento de máquinas recreativas e de azar, aprobado polo Decreto 106/1998, do 12 de febreiro. Este decreto, na súa disposición adicional segunda, limitaba o parque de máquinas ás existentes no momento de aprobación da dita norma, que eran 14.969 máquinas. A parte dispositiva da sentenza, publicada no DOG do 17 de xaneiro 2005, establece que se proceda de acordo co fundamento xurídico segundo. Este fundamento di que ao non establecerse un prazo para redactar o plan de máquinas, ou de ser o caso, para suspender a concesión de autorizacións ou outras medidas de carácter provisional, deben examinarse os requisitos legalmente exixidos para a concesión de autorizacións, porque a Lei de xogo de Galicia o que sinala é que, mentres que non se aprobe o dito

instrumento, as autorizacións deberán outorgarse sempre que se cumpran os requisitos legalmente exixidos sen que, por virtude do teor literal da devandita disposición, poida demorarse ad infinitud o outorgamento de autorizacións desta clase.

A limitación das autorizacións de máquinas recreativas tipo B céntrase na necesidade de planificar o xogo tendo en conta a realidade, a incidencia social nel, as súas repercusións económicas e tributarias, a necesidade de diversificar o xogo e non fomentar o seu hábito, así como impedir actividades monopolísticas.

A planificación das autorizacións en xeral e das máquinas tipo B en particular implica, segundo o artigo 7 da vixente Lei do xogo, establecer cal é a distribución deste tipo de aparellos no territorio da comunidade autónoma. O artigo 7 da lei ofrece aos responsables do xogo de Galicia a posibilidade de establecer un plan sen máis límites que os relativos á tramitación prevista nos artigos 22 e 25 da Lei do xogo e que fan referencia a que a planificación do xogo é competencia do Consello da Xunta e a que a Comisión do Xogo de Galicia deberá informar das medidas de planificación.

Os requisitos e demais normas para conceder ás autorizacións de máquinas de xogo tipo B están recollidas ao longo do articulado do Decreto 106/1998, do 12 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de máquinas recreativas e de azar. Estes requisitos e normas deron lugar a que, en todos estes anos, o sector das máquinas de xogo tivese unha relación fluída e nun ámbito de normalidade coa administración de xogo, que o acceso deste tipo de ocio

fose adecuado para todas as persoas que estaban interesadas en desfrutalo e que a protección dos menores, discapacitados e ludópatas quedaran garantidas.

A autorización sen control das máquinas de tipo B pode prexudicar o equilibro que a propia Lei do xogo e o catálogo de xogos da comunidade autónoma prevén entre os distintos tipos de xogo privado. Así mesmo, pode dar lugar a que medren as condutas ludópatas ou a falta de control administrativo sobre o acceso que menores e discapacitados poden ter a este tipo de xogos.

O propio mercado indica na actualidade que o número de máquinas autorizado cobre perfectamente a lei da oferta e a demanda existente. Así, dos datos que figuren no departamento de xogo obsérvase que das 14.969 posibles autorizacións de máquinas tipo B, o 8 de xaneiro de 2003, estaban instaladas tan só 12.359. Este número ten unha tendencia á baixa, sendo os datos de xaneiro de 2004 de 12.266 máquinas instaladas e en xaneiro deste ano 12.209 máquinas instaladas. En todo caso, na actualidade segundo os datos que consten no Rexistro do Xogo de Máquinas dependente da Dirección Xeral de Interior desta consellería o número de máquinas que están ou poden declararse en activo segundo a normativa vixente son 13.756.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, oída a Comisión do Xogo de Galicia, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e nove de decembro de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. O obxecto deste decreto é aprobar o Plan de máquinas de xogo tipo B no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme o establecido na Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas de Galicia.

2. O dito plan non será de aplicación ás máquinas que se integren noutras clasificacións ou que a normativa vixente declare como excluídas.

Artigo 2º.-Aplicación de medidas de planificación.

Durante os tres anos seguintes á data de entrada en vigor deste decreto, as autorizacións de explotación de máquinas recreativas de tipo B, que outorga a Comunidade Autónoma de Galicia, quedarán limitadas a 13.756, salvo que se trate da modificación dunha xa existente, polo procedemento de troco, regulado no artigo 57 do Decreto 106/1998, do 12 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de máquinas recreativas e de azar, ou de cambio de titularidade dunha das ditas máquinas, regulado no artigo 58 do devandito decreto.

Disposición adicional

Única.-Modificación do artigo 7 do Decreto 106/1998, do 12 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de máquinas recreativas e de azar.

O artigo 7 do decreto 106/1998, do 12 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de máquinas recreativas e de azar queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 7º.-Máquinas tipo B.

1. Son máquinas tipo B aquelas que a cambio dun prezo lle permiten ao usuario un tempo de recreo e, eventualmente, obter un premio en diñeiro que non pode exceder de catrocentas veces o prezo máximo da partida simple ou de seiscentas veces o prezo máximo da partida dobre simultánea.

2. Tamén se considerarán máquinas tipo B as expendedoras que incorporan algún elemento de xogo, envite ou azar, e non corresponde o importe solicitado para a obtención do produto ofertado co seu valor de mercado».

Disposición derradeira

Única.-Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e nove de decembro de dous mil cinco.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E TRANSPORTES