DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 250 Venres, 30 de decembro de 2005 Páx. 20.546

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 569/2005, do 29 de decembro, polo que se asumen as funcións transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia pola Deputación Provincial de Pontevedra sobre o centro educativo Fogar Provincial Príncipe Felipe e se aproba o traspaso dos correspondentes medios persoais e materiais.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 31 que é competencia plena da Comunidade Autónoma galega a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis, graos, modalidades e especialidades, sen prexuízo

do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que, conforme o punto primeiro do artigo 81 desta, o desenvolvan, das facultades que atribúe ao Estado o número 30 do punto 1º do artigo 149 da Constitución, e da alta inspección necesaria para o seu cumprimento e garantía.

En virtude do disposto naquel momento polo artigo 10.2º da Lei orgánica 8/1985, do dereito á educación, na disposición adicional quinta da Lei orgánica 9/1995, de participación, avaliación e goberno dos centros docentes, na disposición adicional sétima do Real decreto 2377/1985, de concertos educativos, e na existencia dun convenio entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Deputación Provincial de Pontevedra, asinado o 20 de xuño de 2001, permitíase o funcionamento do instituto de educación secundaria Fogar Provincial Príncipe Felipe, dependente da deputación, como centro público en réxime de convenio.

Por acordo do Consello da Xunta de Galicia do 28 de xullo de 2005, visto o artigo 64 da Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro, autorízase a sinatura dun convenio de cooperación entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Deputación Provincial de Pontevedra, para o establecemento das condicións de traspaso dos medios materiais e persoais do instituto de educación secundaria Fogar Provincial Príncipe Felipe, dependente da institución provincial, á Administración autonómica.

Por outra banda, a Deputación Provincial de Pontevedra, en sesión plenaria extraordinaria celebrada o 29 de xullo de 2005, acorda a transferencia do centro de formación profesional da cidade infantil Príncipe Felipe da Deputación Provincial de Pontevedra á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, polo que se presta aprobación ao convenio de colaboración indicado e se acorda a cesión en propiedade a título gratuíto, á Xunta de Galicia do conxunto inmobiliario constituído pola totalidade das dependencias e instalacións afectas ao funcionamento do centro educativo, así como do persoal docente e non docente dependente do padroado reitor que rexe o centro.

O referido convenio de cooperación entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Deputación Provincial de Pontevedra asínase con data do 29 de xullo de 2005.

Por isto, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinte e nove de decembro de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Comunidade Autónoma de Galicia asume as funcións transferidas pola Deputación Provincial de Pontevedra sobre o centro educativo Fogar Provincial Príncipe Felipe.

Artigo 2º

En consecuencia, quedan traspasadas á Comunidade Autónoma de Galicia tales funcións, así como o persoal, bens inmobles, dereitos e medios materiais que figuran nas relacións adxuntas ao convenio de cooperación asinado con tal fin pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Deputación Provincial de Pontevedra o 29 de xullo de 2005, o cal se inclúe como anexo a este decreto, nos termos e condicións que nel se especifican.

Artigo 3º

A transferencia de funcións e medios persoais e materiais ao que se refire este decreto terá efectividade a partir do 1 de xaneiro de 2006.

Artigo 4º

1. Asígnanselle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria as funcións e os medios asumidos de conformidade co disposto neste decreto.

2. O centro educativo adquirirá o carácter de centro público docente dependente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria para ditar, no ámbito das súas competencias, cantas resolucións sexan necesarias para a execución deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e nove de decembro de dous mil cinco.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza

ANEXO

Convenio de cooperación entre a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, e a Deputación Provincial de Pontevedra, para o establecemento das condicións de traspaso do instituto de educación secundaria Fogar Provincial Príncipe Felipe:

Pontevedra, 29 de xullo de 2005.

Reunidos, dunha parte, Celso Currás Fernández, conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, actuando no nome e representación da Xunta de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e doutra parte, Rafael Louzán Abal, presidente da Deputación Provincial de Pontevedra, en uso das competencias sinaladas no artigo 34 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.

As partes recoñécense mutuamente a condición en que cada unha intervén e a capacidade legal sufi

ciente para o outorgamento deste convenio de cooperación.

Expoñen que, de acordo co previsto no artigo 131 do Estatuto de autonomía de Galicia, é da competencia plena da Comunidade Autónoma galega a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que, conforme o punto 1º do artigo 81 desta, o desenvolvan, das facultades que atribúe ao Estado o número 30 do punto 1º do artigo 149 da Constitución, e da alta inspección necesaria para o seu cumprimento e garantía.

Que, en virtude do disposto no artigo 10.2º da Lei orgánica 8/1985, do dereito á educación, na disposición adicional quinta da Lei orgánica 9/1995, de participación, avaliación e goberno dos centros docentes e na disposición adicional sétima do Real decreto 2377/1985, de concertos educativos, asinouse o 20 de xuño de 2001 un convenio entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Deputación Provincial de Pontevedra, mediante o cal se permitía o funcionamento do instituto de educación secundaria Fogar Provincial Príncipe Felipe, dependente da deputación, como centro público en réxime de convenio.

Que, no momento actual e ante a inminencia da renovación das condicións de funcionamento do instituto recollidas no convenio anteriormente referido, resulta evidente para ambas as dúas partes implicadas, a conveniencia de rematar con esta situación especial, procedéndose ao traspaso definitivo dos medios materiais e persoais afectos ao centro á Administración pública que exerce a día de hoxe as competencias na materia.

Polo exposto, as partes citadas no encabezamento deciden formalizar este convenio de cooperación con suxeición ás seguintes cláusulas:

Primeira.-A Deputación Provincial de Pontevedra cederá en propiedade e a título gratuíto á Xunta de Galicia o conxunto inmobiliario, constituído pola totalidade das dependencias e instalacións afectas ao funcionamento do instituto de educación secundaria Fogar Provincial Príncipe Felipe, delimitado fisicamente no anexo I e nos planos que se xuntan a este convenio, así como o mobiliario e enxoval correspondentes, relacionados igualmente no dito anexo I.

Satisfeitas as formalidades legais inherentes á cesión que efectuará a deputación e á aceptación dela pola Xunta de Galicia, de ser aprobado o decreto correspondente, o instituto adquirirá o caracter de centro público docente dependente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, rexéndose en todos os aspectos relativos á súa ordenación educativa polo réxime xeral aplicable aos institutos públicos de formación profesional de Galicia, quedando sometido ás disposicións que adopte neste campo a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Segunda.-O persoal docente e non docente relacionado no anexo II deste convenio, que depende do padroado reitor que rexe o instituto de educación secundaria, integrarase, de conformidade co procedemento legal previsto para o efecto e de ser establecido así no decreto, como persoal laboral fixo a extinguir da Administración da comunidade autónoma, nos grupos e categorías do vixente convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia que resulten trala asimilación de categorías profesionais que se efectúe entre as que posúan na actualidade e as previstas no convenio único.

Este persoal seguirá desenvolvendo o seu traballo no instituto de educación secundaria Escola Fogar Príncipe Felipe, nas mesmas condicións laborais e cos mesmos dereitos, obrigas e retribucións que o persoal de iguais categorías laborais destinado na Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Así mesmo, a este persoal teráselle en conta o tempo de servizos prestado no instituto, para os efectos do recoñecemento da súa antigüidade laboral.

Terceira.-En concepto de compensación polos gastos que a asunción do traspaso do instituto de educación secundaria Fogar Provincial Príncipe Felipe vai a ocasionar á Xunta de Galicia, a Deputación Provincial de Pontevedra anualmente comprométese a pagar a cantidade, expresada en euros do ano 2004, de 71.232,98 euros á Administración autonómica, actualizable en cada ano no IPC galego correspondente. As transferencias que realizará a deputación realizaranse por cuartas partes, no primeiro mes de cada trimestre.

No suposto de que, chegado o derradeiro mes de cada trimestre, este pagamento non se fixera efectivo, a Xunta de Galicia, dentro do último mes de cada trimestre antes referido, procederá directamente a descontar a cantidade da suma para transferir á deputación provincial como participación nos ingresos por tributos estatais.

Cuarta.-De non facerse efectivo o traspaso do instituto de educación secundaria Fogar Provincial Príncipe Felipe á Xunta de Galicia antes do vindeiro 31 de agosto, data na que remata o actual convenio asinado o 20 de xuño de 2001, entenderase este prorrogado, nas mesmas condicións nel establecidas, ata acadar a completa efectividade do traspaso que, en todo caso, non poderá exceder do 31 de decembro do ano en curso.

Quinta.-As cuestións litixiosas que poidan xurdir na interpretación, cumprimento e eficacia deste convenio de cooperación serán de coñecemento e competencia da orde xurisdicional contencioso-administrativa, sen prexuízo de que as partes poderán constituír unha comisión de seguimento paritaria que entenda destas.

E manifestando a súa conformidade con este convenio de cooperación, a expresan mediante as súas sinaturas, no lugar e data indicados ao comezo.

Celso Currás Fernández, conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria. Rafael Louzán Abal, presidente da Deputación Provincial de Pontevedra.

Relación número 1: medios persoais.

Apelidos e nomeDNIGrupoCategoría

Aramburu Núñez, Pilar35244865ITitulado/a superior (4)

Carro Cons, Juan35239112ITitulado/a superior (4)

Cimadevila Penado, José M.35249564ITitulado/a superior (4)

Covelo Cartelle, Carmen35259240ITitulado/a superior (4)

Martínez Marín, Ángeles35234281ITitulado/a superior (4)

Solla Martínez, Pilar35249884ITitulado/a superior (4)

Trinidad Merallo, Aurora06938708ITitulado/a superior (4)

Abalo Novoa, Mercedes35303438IIIOficial administrativa (62)

Alvite Iglesias, Áurea35319255VPorteira (3)

Relación número 2: medios materiais.

Nome e usoEnderezoLocalidadeSuperficie

Centro educativo Fogar Provincial Príncipe FelipeAvda. de Montecelo, s/nPontevedra17.000 m