DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Xoves, 29 de decembro de 2005 Páx. 20.409

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

FONDO GALEGO DE GARANTÍA AGRARIA

RESOLUCIÓN do 27 de decembro de 2005 pola que se regula o procedemento para a concesión de restitucións á produción no sector dos cereais e se convocan para o ano 2006.

O Regulamento (CE) núm. 1784/2003, do Consello, do 29 de setembro, polo que se establece a organización común de mercados (OCM) no sector dos cereais, prevé a concesión de restitucións á produción para o amidón obtido a partir de millo e trigo, ou para fécula de pataca, así como para certos produtos derivados utilizados na fabricación de determinadas mercadorías.

As disposicións de aplicación do dito regulamento veñen establecidas no Regulamento (CEE) 1722/1993, da Comisión, do 30 de xuño.

Esta resolución ten en conta o procedemento para a tramitación e concesión de axudas na Comunidade Autónoma de Galicia, previsto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se

aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas na nosa comunidade autónoma; asemade incorpora ao seu articulado as normas da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, que polo seu carácter de básicas sexan de aplicación.

Segundo a Lei 7/1994, do 29 de decembro, de creación do Fondo Galego de Garantía Agraria -Fogga- (así denominado en virtude da disposición adicional quinta da Lei 7/2002, do 27 de decembro, de medidas fiscais e de réxime administrativo), e o Decreto 128/1996, do 14 de marzo, que a desenvolve, correspóndelle ao dito organismo, entre outras funcións, a execución da política desta consellería en relación coas accións derivadas da aplicación da Política Agrícola Común (PAC) e a concesión de axudas para o funcionamento das distintas organizacións comúns de mercados na Comunidade Autónoma de Galicia.

Con baseamento no anterior, esta resolución establece na súa sección I o procedemento para a tramitación e concesión das restitucións á produción no sector dos cereais nesta comunidade autónoma, e na súa sección II a convocatoria destas axudas para o ano 2006.

Polo tanto, tendo en conta o disposto no artigo 78.3º e 8º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, no artigo 8 da Lei 7/1994, do 29 de decembro, pola que se crea o Fondo Galego de Garantía Agraria (denominado así en virtude da disposición adicional quinta da Lei 7/2002, de medidas fiscais e de réxime administrativo) e no artigo 14 d) e i) do Decreto 128/1996, do 14 de marzo, polo que se desenvolve a dita lei,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta resolución ten por obxecto regular, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, o procedemento de solicitude, tramitación e concesión de restitucións á produción pola utilización de amidón, obtido a partir de trigo, millo, arroz ou partidos de arroz, así como fécula de pataca, ou determinados produtos derivados na fabricación de mercadorías relacionadas no anexo I do Regulamento (CEE) 1722/1993, así como a súa convocatoria para o ano 2006, polo que se estrutura en dúas seccións, a Sección I dedicada ao establecemento das bases reguladoras e a Sección II referida á convocatoria da axuda para o ano 2006.

Sección primeira

Bases reguladoras

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Para poder acceder ás restitucións reguladas nesta resolución deberanse cumprir os seguintes requisitos:

a) Ter na Comunidade Autónoma de Galicia un centro de produción para os produtos a que se refire o artigo anterior.

b) Dispor da cualificación de fabricante autorizado, inscrita no rexistro de empresas autorizadas, de acordo co previsto no artigo seguinte.

c) Levar unha contabilidade material específica, detallando para cada produto final obtido, as materias primas que tivesen entrada na industria así como o seu proceso de transformación.

Non obstante, quedarán exentos da obriga de levar a antedita contabilidade material os compradores que utilicen por trimestre natural menos de 1.000 kg dos produtos co código NC 3505 10 50.

d) Presentar a solicitude de certificado de restitucións conforme ao previsto no artigo 4º desta resolución.

2. Ademais, os fabricantes autorizados que elaboren produtos da epígrafe NC 3505 10 50, deberán presentar, na forma prevista no artigo 6º.1 desta resolución, e no prazo dos vinte días hábiles seguintes á finalización de cada trimestre natural, copia das declaracións presentadas correspondentes ao dito trimestre, segundo o modelo do anexo III, así como unha declaración resumo, axustada ao modelo do anexo IV desta resolución.

3. En todo caso, os solicitantes deberán acreditar o cumprimento das obrigas impostas aos beneficiarios das subvencións e axudas públicas no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 3º.-Cualificación e rexistro de fabricante autorizado.

1. Para poder percibir as axudas previstas nesta resolución, as empresas terán que estar previamente cualificadas e inscritas no rexistro de fabricantes autorizados do Fogga. Para estes efectos, os novos fabricantes presentarán na mesma forma prevista no artigo 6º.1 desta resolución unha solicitude de cualificación conforme o modelo do anexo I (A e B), xuntándolle copia compulsada da tarxeta de identificación fiscal ou, no seu defecto, último recibo do imposto de actividades económicas (IAE).

2. Unha vez comprobado que os solicitantes cumpren os requisitos establecidos no artigo 4 do Regulamento (CEE) 1722/1993, o respectivo servizo provincial do Fogga eleverá, a través do delegado provincial proposta de inscrición rexistral ao director do Fogga para que dite a correspondente resolución.

3. Para os efectos de manter actualizado o dito rexistro, os fabricantes inscritos de acordo co previsto nos dous puntos anteriores, así como os inscritos con anterioridade polo Fogga ou polo Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) presentarán, tres meses antes do comezo da campaña e na forma prevista no no artigo 6º.1 desta resolución, unha declaración actualizada segundo o modelo que se xunta como anexo II.

4. As empresas inscritas que cesen na actividade de fabricación ou non presenten a declaración anual da actualización conforme o disposto no punto anterior, perderán a dita cualificación e serán dadas de baixa no rexistro.

Artigo 4º.-Certificado de restitución.

1. Para poder beneficiarse da restitución, as empresas inscritas no rexistro de fabricantes autorizados deberán presentar calquera día laborable antes das 17.00 horas e na forma prevista no artigo 6.1º desta resolución, unha solicitude de certificado segundo o modelo do anexo V, xuntándolle a seguinte documentación:

a) Garantía de 15 euros/t de amidón ou fécula base utilizados, multiplicada, se é o caso, polo coeficiente correspondente ao tipo que se utilice, de acordo co disposto no anexo II do Regulamento (CEE) 1722/1993 que se constituirá na forma prevista no artigo 9º.2 desta resolución.

b) Declaración do provedor de amidón ou fécula na que se indique que o produto que se vai utilizar se obtivo directamente a partir de millo, trigo ou patacas, excluíndo calquera outra utilización de subprodutos obtidos na fabricación doutros produtos agrarios ou mercadorías.

Non obstante, os provedores de amidón ou féculas que consten nas relacións do FEGA relativas á proba documental da procedencia do amidón, non terán que presentar a dita declaración.

2. O respectivo servizo provincial do Fogga comprobará a veracidade da declaración presentada e, de ser o caso, expedirá co visto e prace do seu delegado provincial o correspondente certificado.

3. Este certificado terá validez desde a data de presentación da solicitude ata o derradeiro día do quinto mes seguinte ao da súa expedición.

Malia o anterior, durante os meses de xullo e agosto, e ata o vinte e catro de setembro incluído, a validez dos certificados solicitados neses períodos estará limitado a trinta días, contados desde o da súa expedición, sen que, en ningún caso poida exceder a data do trinta de setembro.

4. Durante o prazo de validez, o tipo de restitución será o vixente no día de presentación da solicitude. Non obstante, se algunha das cantidades de amidón ou fécula que constan no certificado se transformase durante a campaña de comercialización seguinte a aquela en que se presentase a solicitude, a restitución aplicable aos produtos transformados na seguinte campaña axustarase en función da diferenza entre o prezo de intervención utilizado para o cálculo da restitución e o aplicable durante o mes de transformación, multiplicado polo coeficiente 1,60; neste caso, o tipo de conversión será o vixente o día de transformación do amidón ou fécula.

5. Os dereitos xerados como consecuencia do certificado de restitución serán intransferibles.

Artigo 5º.-Solicitudes de restitución.

Obtido o certificado de restitución, os fabricantes autorizados poderán solicitar o pagamento da restitución. As solicitudes, debidamente asinadas formalizaranse de acordo co modelo que se xunta como anexo VIII, e poderán referirse a toda ou a unha parte da cantidade que conste no certificado.

Se o produto autorizado no certificado está incluído no código NC 3505 10 50, xunto coa dita solicitude presentarase garantía por importe igual á cantidade solicitada e constituirase da mesma forma prevista no artigo 9.2º.

Artigo 6º.-Forma de presentación e prazo das solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse nos servizos provinciais do Fogga ou por calquera das canles previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, e dirixiranse ao director do Fogga.

2. O prazo de presentación será de 12 meses, contados a partir do derradeiro día de validez do certificado de restitución. Non obstante, admitiranse as solicitudes presentadas nos 18 meses seguintes ao remate do prazo anterior, cunha minoración neste caso do importe de restitución nun 15%.

Artigo 7º.-Tramitación.

1. Os servizos provinciais do Fogga, conforme os datos que figuran no certificado e logo dos controis pertinentes ou, de ser o caso, logo de comprobar a utilización do amidón ou fécula para a fabricación de produtos autorizados, elevarán a proposta que corresponda ao director do organismo para que en virtude das solicitudes achegadas dite a resolución que corresponda.

2. O prazo máximo para resolver e pagar as restitucións será de 150 días desde a finalización dos controis polo servizo provincial do Fogga que corresponda.

3. Entenderanse desestimadas por silencio administrativo as solicitudes presentadas cando no devandito prazo non houbese resolución expresa.

Artigo 8º.-Importe das restitucións.

1. As restitucións soamente se aboarán pola cantidade de amidón ou fécula realmente utilizado no proceso e, en ningún caso, a cantidade superará o 105% da que conste no certificado.

2. O importe da restitución calcularase de acordo co previsto no artigo 3 do Regulamento (CEE) 1722/1999, e cando se utilicen os produtos recollidos na alínea B do anexo II do dito regulamento, terá o coeficiente multiplicador que se especifica na mesma alínea.

En calquera caso, tanto se é amidón ou fécula base, como cando se trate dos seus produtos derivados, terase en conta o seu contido en materia seca efectuándose o axuste correspondente.

Artigo 9º.-Anticipos e garantías.

1. Non obstante o disposto no artigo 7º, números 1 e 2 desta resolución, utilizado o amidón e presentada a solicitude de pagamento da restitución o fabricante poderá solicitar o anticipo do seu importe achegando, na mesma forma prevista no artigo 6º.1, unha solicitude de acordo co modelo contido no anexo IX desta resolución, xuntando a esta, agás no suposto previsto no parágrafo dous do artigo 5º, unha garantía por importe igual á cantidade solicitada máis un 15% adicional.

2. Esta garantía constituirase ante a delegación provincial do Fogga en metálico, títulos de débeda pública, aval ou póliza de seguro de caución, conforme os modelos que se xuntan como anexos VI e VII desta resolución.

3. Logo da comprobación do dereito á axuda, o servizo provincial do Fogga que corresponda eleverá a oportuna proposta, a través da súa delegación provincial, ao director do organismo, para que este efectúe o pagamento dos anticipos.

4. O prazo para resolver sobre o anticipo solicitado será de trinta días hábiles contados a partir do seguinte ao da presentación da solicitude. Transcorrido este, poderase entender desestimada a solicitude de anticipo por silencio administrativo.

Artigo 10º.-Liberación de garantías.

Por instancia do interesado, o delegado provincial do Fogga que proceda, devolverá as garantías presentadas de acordo co seguinte:

a) As presentadas coa solicitude de anticipo (artigo 9.1º), cando se recoñeza o dereito á percepción da restitución pola cantidade anticipada, de acordo co artigo 7º.1 e 2 desta resolución, agás no suposto de que a restitución sexa concedida por cantidade inferior á anticipada, caso, no que poderá executarse a garantía pola diferenza entre ambas as dúas cantidades, de non ingresar o interesado a dita cantidade logo do requirimento do Fogga.

b) As presentadas coa solicitude do certificado de restitución (artigo 4º.1.a) cando se recoñeza o dereito á restitución derivada do dito certificado, logo de que o fabricante utilizase polo menos o 90% da cantidade de amidón ou fécula que conste no certificado.

c) As presentadas coa solicitude de pagamento (artigo 5º, parágrafo segundo), cando se acredite que o produto se utilizou para fabricar outros distintos aos sinalados no anexo II do Regulamento (CEE) 1722/1993.

Esta acreditación consistirá, dentro do territorio aduaneiro da comunidade, na presentación dunha declaración axustada ao modelo do anexo III desta resolución; e no caso de exportación a países terceiros, na presentación dunha fotocopia do exemplar para aduana (exemplar 1), da declaración de exportación (DUA) dilixenciada ao dorso pola correspondente aduana coa indicación da data de saída do territorio aduaneiro da comunidade.

Artigo 11º.-Controis administrativos.

Todos os controis administrativos e, se é o caso, sobre o terreo, serán efectuados polos servizos provinciais do Fogga, nun prazo máximo de 150 días desde a presentación da solicitude de pagamento da restitución.

Artigo 12º.-Modificación da resolución de concesión.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas previstas nesta resolución e, en todo caso, a obtención concorrente de

subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O importe da axuda concedida non poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas supere o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario.

Artigo 13º.-Reintegro da axuda.

Procederá o reintegro, total ou parcial, do importe da axuda e mais os xuros de mora producidos desde o pagamento no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos previstos no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 14º.-Penalizacións.

Sen prexuízo do previsto no artigo anterior, e de conformidade co disposto no punto 7º do artigo 10 do Regulamento (CEE) 1722/1993, no suposto de constatarse que non se cumpren as condicións establecidas no dito artigo, esixirase o pagamento do importe equivalente ao 150% da restitución máis elevada aplicable ao produto de que se trate, durante os 12 meses anteriores á dita constatación.

Artigo 15º.-Recursos administrativos.

Contra as resolucións que, en aplicación desta resolución, dite o director do Fogga, poderase interpoñer recurso de alzada ante o presidente do dito organismo no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co disposto nos artigos 107, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Se a resolución non fose expresa, o prazo será de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio administrativo.

Artigo 16º.-Obriga de facilitar información.

Ademais da documentación complementaria que, en calquera momento, lle poidan exixir os órganos correspondentes do Fogga, o beneficiario da restitución ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida polos órganos dependentes do organismo pagador, pola Intervención Xeral da comunidade autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas de Galicia, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lle sexa solicitada por calquera órgano comunitario de inspección e control.

Sección segunda

Convocatoria das restitucións

para o ano 2006

Artigo 17º.-Condicións e finalidade.

Para resultar beneficiario das restitucións á producción no sector dos cereais, deberanse cumprir

os requisitos establecidos no artigos 2º desta resolución, sen prexuízo de que os solicitantes deberán ademais acreditar o cumprimento das obrigas impostas aos beneficiarios das subvencións e axudas públicas no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 18º.-Solicitudes de axuda.

1. As solicitudes, debidamente asinadas, cubriranse consonte o disposto no artigo 5º desta resolución no modelo que se xunta como anexo VIII e na forma e prazo disposto no artigo 6º.

2. Conforme o previsto no artigo 2.3º da sección I desta resolución, cando na solicitude de pagamento (anexo VI) non autorizasen ao Fogga para solicitar da Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT) e da Consellería de Economía e Facenda a expedición dos certificados acreditativos de estar ao día das súas obrigas tributarias e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública desta comunidade autónoma, os solicitantes deberán achegar as ditas certificacións xunto coa solicitude de pagamento da axuda, agás no caso de que o importe da axuda non exceda de 1.500 euros, suposto no que quedarán exentos de achegar os xustificantes correspondentes.

Artigo 19º.-Financiamento.

1. O financiamento das restitucións á produción no sector dos cereais, efectuarase con cargo á aplicación orzamentaria 11.90.614A.779.0, do proxecto do orzamento de gastos do Fogga para 2006, por importe de 10.000 euros.

2. En todo caso, a concesión das axudas condicionarase á existencia de crédito axeitado e suficiente e limitarase ás dispoñibilidades orzamentarias, debendo procederse á tramitación do oportuno expediente de xeración e ampliación de crédito no caso de que a cantidade inicialmente consignada non resulte suficiente.

Disposición adicional

Única.-Sen prexuízo do disposto nos artigos 12º, 13º e 14º desta resolución, seralles de aplicación aos beneficiarios das restitucións reguladas nesta resolución o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición derradeira

Primeira.-Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e será de aplicación desde o 1 de xaneiro de 2006.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2005.

Edelmiro López Iglesias

Director do Fondo Galego de Garantía Agraria