DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Xoves, 29 de decembro de 2005 Páx. 20.397

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

ORDE do 23 de decembro de 2005 pola que se convoca e regula o réxime de concesión de axudas destinadas a entidades locais de Galicia para o transporte de residuos sólidos urbanos ás estacións de transferencia de residuos ou plantas de xestión.

A Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ao que corresponde o exercicio das competencias e funcións que en materia de ambiente e conservación da natureza se establece no artigo 27, puntos 10º, 11º, 15º e 30º, así como no artigo 29.4º do Estatuto de autonomía de Galicia e demais normativa de aplicación. Neste sentido, correspóndelle a autorización, vixilancia, inspección e sanción das actividades de produción e xestión de residuos no marco dos plans autonómicos de residuos, tal como se preceptúa no artigo 4.2º da Lei 10/1998, do 21 de abril, de residuos.

Pola súa banda os concellos son competentes para a xestión dos residuos, nos termos establecidos nas Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local; na Lei 10/1998, do 21 de abril, de residuos, e na Lei 10/1997, do 22 de agosto, de residuos sólidos urbanos de Galicia e demais normativa de aplicación.

De acordo co que se vén de sinalar, e tal como se preceptúa no artigo 4.3º da mencionada Lei básica de residuos en relación co artigo 3 desta mesma disposición normativa, correspóndelles aos concellos, como servizo obrigatorio, a recollida, o transporte, e, polo menos, a eliminación dos residuos.

Tanto a Estratexia Galega de Xestión de Residuos, como o Plan de Xestión de Residuos Sólidos Urbanos de Galicia establecen como opcións prioritarias para a xestión dos residuos xerados a recollida selectiva e a valorización fronte á eliminación.

Nesta dirección encamíñanse as actuacións que se veñen desenvolvendo desde a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible en materia de xestión de residuos. En particular, con ese obxectivo a Xunta de Galicia puxo á disposición dos concellos o Complexo Medioambiental de Cerceda, xestionado por Sogama, e unha rede de estacións de transferencia que teñen por finalidade abaratar os custos de transporte que teñen que sufragar os concellos.

Acontece que, nestes intres, a rede de estacións de transferencias previstas non está completada e isto determina que os concellos teñan que soportar uns custos de transporte superiores ao que as súas economías lles permite polo que a execución do Plan de Xestión de Residuos de Galicia podería experimentar atrasos.

Deste xeito, co ánimo de posibilitar e favorecer o desenvolvemento deste plan, en concreto no que atinxe á clausura e selaxe dos vertedoiros que aínda quedan

pendentes, por non dispor de instalacións a que destinar o lixo que se xera diariamente, esta consellería deseñou un programa de axudas destinadas ás entidades locais de Galicia que reunindo os requisitos desta orde soliciten estas subvencións.

Perséguese con estas axudas, cun horizonte temporal que se estende aos vindeiros exercicios económicos, pechar o ciclo da xestión dos residuos urbanos en Galicia, de acordo co seguinte esquema programático: primeiro, acadar que os concellos da nosa comunidade autónoma que aínda seguen recorrendo á eliminación dos residuos sólidos urbanos vía vertedoiro se incorporen a algún dos sistemas de xestión autorizados; segundo, completar a rede de instalacións destinadas á eliminación dos residuos que se estaban levando ao vertedoiro, coa conseguinte redución dos custos de transporte soportados polos concellos; por último, e como consecuencia do anterior, abordar as obras de adecuación e clausura destes espazos.

Un dos principios que rexe a Estratexia Galega de Xestión de Residuos é o de subsidiariedade. Segundo este principio a Xunta de Galicia actuará nos ámbitos que non sexan da súa exclusiva competencia na medida en que os obxectivos da acción pretendida non poidan ser alcanzados de maneira suficiente polos axentes directamente involucrados.

Deste xeito, no ano 2004 publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG nº 183, do 20 de setembro) a Orde do 14 de setembro de 2004 pola que se convocaron as primeiras axudas destinadas ás entidades locais de Galicia para o transporte de residuos sólidos urbanos ás estacións de transferencia ou plantas de xestión máis próximas.

Unha segunda convocatoria destas subvencións efectuouse a través da Orde do 8 de abril de 2005 (Diario Oficial de Galicia nº 73, do 18 de abril) coa finalidade de permitir a participación nestas axudas a todos aqueles concellos, mancomunidades ou agrupacións de municipios legalmente constituídos da Comunidade Autónoma de Galicia que na anterior ocasión non resultaron beneficiados polas mesmas.

Téndose constatado a boa acollida e os resultados positivos que estas axudas teñen significado para unha adecuada xestión dos RSU na nosa comunidade autónoma, considérase axeitado darlle continuidade a estas subvencións mediante a publicación dunha nova convocatoria das mesmas que, tramitada como anticipado de gasto, abranguería o período que vai desde o 1 de novembro de 2005 ata o 31 de outubro de 2007.

Por todo isto, en uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e destinatarios.

Esta orde ten por obxecto a concesión de axudas, consonte os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade, para o transporte de residuos sólidos urbanos de bolsa negra ata as estacións de transferencia ou plantas de xestión máis próximas, des

tinadas a concellos, mancomunidades e outras agrupacións de municipios legalmente constituídos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Conceptos subvencionables e requisitos para a concesión.

Serán obxecto da axuda os custos derivados do transporte de residuos sólidos urbanos de bolsa negra desde os concellos ata a estación de transferencia ou planta de xestión máis próxima, sempre que se cumpran os seguintes requisitos:

a) A estación de transferencia ou planta de xestión máis próxima deberá estar afastada máis de 25 quilómetros da casa do concello. O cómputo desta distancia non poderá ser o resultado de sumar os quilómetros de ida os de volta. Este requisito determinará que a solicitude presentada pola entidade local sexa admitida ou non.

Non obstante o anterior, e unha vez admitida a solicitude, debe significarse que para o cómputo dos quilómetros subvencionables terase en conta a distancia existente, tanto de ida como de volta, desde a parroquia máis afastada da planta de transferencia que lle corresponda á entidade local solicitante. Para estes efectos só se subvencionarán os quilómetros que resulten a partir do quilómetro 26.

No caso de mancomunidades e agrupacións de municipios legalmente constituídos, só se poderá solicitar a axuda correspondente para os concellos que cumpran tal condición.

Cando o concello pase a dispor dunha estación de transferencia ou planta de xestión a unha distancia igual ou inferior a indicada no parágrafo anterior, deixará de beneficiarse das axudas dispostas nesta orde a partir do día 1 do mes seguinte á entrada en funcionamento da dita estación ou planta.

b) Ter subscrito contrato coa Sociedade Galega de ambiente ou con outro xestor final de residuos de Galicia para a xestión dos residuos sólidos urbanos de bolsa negra producidos no concello.

c) Non ter pendentes de pagamento débedas contraídas coa Sociedade Galega de ambiente ou con outro xestor final de residuos de Galicia pola xestión dos residuos sólidos urbanos de bolsa negra producidos no concello, ao día 31 de decembro de 2005.

Artigo 3º.-Solicitudes.

1. As solicitudes irán dirixidas ao conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e deberán ser presentadas no modelo de solicitude normalizada para o efecto no anexo I desta orde. Sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, as solicitudes de axuda poderán ser presentadas na Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, nas delegacións provinciais ou nos servizos centrais.

No caso de mancomunidades ou agrupacións de municipios legalmente constituídos, as solicitudes pre

sentaranse nunha petición única cursada polo seu representante legal ou ben pola persoa designada para o efecto como representante dela.

2. As solicitudes deberán presentarse no prazo de 40 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Xunto co modelo de solicitude deberá presentarse a seguinte documentación:

a) Certificado do acordo adoptado polo órgano competente da entidade local polo que se aproba a súa participación nesta convocatoria de axuda.

b) Fotocopia compulsada do contrato subscrito coa Sociedade Galega de Medio Ambiente ou con outro xestor final de residuos de Galicia para a xestión dos residuos sólidos urbanos de bolsa negra producidos no concello.

c) Certificado de non ter pendentes de pagamento débedas contraídas coa Sociedade Galega de Medio Ambiente ou con outro xestor final de residuos de Galicia pola xestión dos residuos sólidos urbanos de bolsa negra producidos no concello, no día 31 de decembro de 2005.

d) Certificación do secretario da entidade local, co visto e prace do presidente, na que se faga constar a poboación de dereito o 31 de decembro de 2005, segundo os datos do último padrón de habitantes da entidade local.

e) Certificación na que se sinale cal é a parroquia do concello máis afastada da estación de transferencia ou planta de xestión que lles corresponda.

f) Declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para o mesmo fin ante outras administracións públicas competentes ou entes públicos (anexo II desta orde).

3. Unha vez presentada a solicitude revisarase a súa documentación e se esta no reunise os requisitos exixidos requirirase o solicitante para a súa emenda outorgándolle un prazo de 10 días hábiles para facelo, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999, con indicación de que, se así non o fixese, terase por desistido da súa petición arquivándose o expediente sen máis trámite cos efectos previstos no artigo 42 da citada lei.

Artigo 4º.-Criterios de admisión.

Serán tidas en conta todas as solicitudes que se presenten á concesión da axuda e cumpran cos requisitos dispostos no artigo 2º desta orde.

Artigo 5º.-Resolución da convocatoria.

1. Presentada a solicitude xunto coa documentación correspondente, procederase á súa valoración e á formulación dunha proposta de resolución por unha comisión de avaliación constituída polo director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a subdirectora xeral de Calidade Ambiental e o xefe de Servizo de Xestión de Residuos.

2. A resolución da concesión será dictada polo conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible nun prazo de tres meses a partir da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Transcorrido o prazo para resolver sen que o interesado recibise comunicación expresa, entenderanse desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo, sen prexuízo da obriga legal de resolver expresamente conforme o disposto nos artigos 42 e 44 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e pola Lei 24/2001, do 27 de decembro.

3. O outorgamento da axuda debe ser aceptado polo beneficiario no prazo de 15 días, coas condicións específicas recollidas nesta orde. No caso de que o beneficiario non comunique a súa aceptación no prazo indicado, entenderase que desiste da súa petición.

4. En canto á compatibilidade das axudas ás que se refire esta orde, debe terse en conta que o importe das mesmas non poderá en ningún caso, illada ou conxuntamente con outras, superar o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario, segundo dispón o artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Con esta finalidade, xunto coa comunicación da aceptación da axuda, a entidade subvencionada presentará unha certificación na que se faga constar que non existen outras subvencións aplicables ao obxecto desta axuda ou de existiren que todas as subvencións aplicables non superan a totalidade da actividade subvencionada.

Artigo 6º.-Recursos.

A resolución da axuda porá fin á vía administrativa e contra ela poderá interpor consonte dispoñen os artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses se a resolución fose expresa, ou de seis meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo.

Artigo 7º.-Período subvencionable e contía das axudas.

1. O período subvencionable abarcará os gastos de transporte desde 1 de novembro de 2005 ata o 31 de outubro de 2007, ambos inclusive.

2. A contía da axuda que a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible lle outorgará a cada concello calcularase en función da estimación dos residuos sólidos urbanos de bolsa negra producidos por cada concello.

Para o cálculo desta estimación deberase ter en conta o coeficiente de 0,66 quilogramos/habitante/día asignado aos concellos considerados rurais e de 0,99 quilogramos/habitante/día para os concellos semiurbanos.

Polo tanto, a estimación dos residuos producidos por cada concello será o resultado de multiplicar o número de habitantes polo coeficiente correspondente de 0,66 ou 0,99.

A contía da axuda para aboar será como máximo de 0,16 euros/tonelada/quilómetro subvencionable en función do número de solicitudes que resulten beneficiarias e do crédito orzamentario establecido nesta orde.

Artigo 8º.-Pagamentos.

O pagamento da axuda efectuarase cada mes, logo da presentación por parte da entidade local do certificado expedido pola Sociedade Galega de Medio Ambiente ou xestor final de residuos, da cantidade de residuos recibidos nas súas instalacións no referido período.

Así mesmo, para o pagamento do mes de xaneiro do ano 2007, deberase achegar certificación de non ter pendentes de pagamento débedas contraídas coa Sociedade Galega de Medio Ambiente ou do xestor final de residuos de Galicia pola xestión dos residuos urbanos de bolsa negra producidos no concello, a día 31 de decembro de 2006.

Será preciso tamén, no momento de realizarse o primeiro pagamento, ter subscrito convenio coa Xunta de Galicia para a implantación da recollida selectiva de envases lixeiros e vidro ou, se optou por realizar a implantación da recollida por medios propios, tela implantada.

Artigo 9º.-Alteracións das condicións da subvención.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente doutras subvencións ou axudas concedidas por calquera outra administración ou entes públicos, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión da axuda. Para estes efectos ditarase a oportuna resolución de liquidación, na que se reaxustarán os importes da axuda concedida, podendo supoñer, nos casos que así procedese, a devolución dos importes recibidos en exceso.

Artigo 10º.-Incumprimento e procedemento de reintegro.

Procederá o reintegro, total ou parcial, da subvención ou axuda pública percibida e dos xuros de demora devengados, desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos seguintes:

a) Incumprimento da obriga da xustificación ou xustificación insuficiente;

b) Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que a impediran;

c) Incumprimento total ou parcial do obxectivo que fundamentou a concesión da subvención;

d) Incumprimento das condicións impostas a entidade beneficiaria con motivo da concesión da subvención ou axuda;

e) En xeral, cando se incumpra algunha das obrigas establecidas nesta orde, na resolución de concesión ou nos demais supostos previstos na normativa reguladora das subvencións, segundo o establecido na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 11º.-Obriga de facilitar información.

Ademais da documentación complementaria que, durante a tramitación do procedemento, lles poida ser exixida polos órganos correspondentes da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, os beneficiarios das axudas previstas nesta orde teñen a obriga, consonte o artigo 31 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas.

Artigo 12º.-Financiamento.

Para a concesión das axudas convocadas nesta orde destinaranse ata un máximo de 662.500 euros con cargo á aplicación orzamentaria 15.03.342A.760.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006 e de 662.500 euros con cargo á mesma partida dos orzamentos para o ano 2007, quedando condicionada á existencia de crédito axeitado e suficiente por parte da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible nos citados orzamentos.

Disposición adicional

Esta orde de axudas tramítase ao abeiro do establecido na Orde do 25 de outubro de 2001, pola que se modifica a Orde do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, estando condicionada a concesión das axudas á aprobación polo Parlamento de Galicia da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-En todo o non previsto nesta orde, rexerá o disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia coas particularidades introducidas a través da Lei 14/2004, de 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, pola que se adapta o tratamento xurídico aplicable ás subvencións segundo o establecido na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2005.

Manuel Vázquez Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente

e Desenvolvemento Sostible