DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Xoves, 29 de decembro de 2005 Páx. 20.396

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 26 de decembro de 2005 pola que se particulariza para o exercicio orzamentario 2006 o procedemento de concesión de axudas á modernización dos buques pesqueiros, tramitada como expediente anticipado de gasto.

A Orde do 14 de xullo de 2000 pola que se establecen as bases e condicións e se regula o procedemento de concesión de axudas á renovación da frota e á modernización dos buques pesqueiros (DOG nº 149, do 2 de agosto), modificada pola Orde do 1 de xullo de 2002 (DOG nº 129, do 5 de xullo) e pola Orde do 4 de abril de 2005 (DOG nº 71 do 14 de abril), establece no seu artigo 4 que nos exercicios sucesivos da vixencia do actual programa operativo

IFOP 2000-2006 as axudas outorgaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias que para esta mesma finalidade se determinen na Lei de orzamentos xerais da comunidade autónoma do ano correspondente.

Aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2006, cómpre establecer as condicións particulares para a concesión destas axudas no vindeiro exercicio.

O artigo 1, 1.1º da Orde do 11 de febreiro de 1998 (DOG nº 34, do 19 de febreiro) sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (DOG nº 231, do 29 de novembro) e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (DOG nº 209, do 29 de outubro), establece que os expedientes de gasto relativos a subvencións se poderán iniciar sempre que as necesidades que se teñan que satisfacer poidan ser razoablemente previstas anticipadamente no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, mesmo cando a súa execución se realice nunha ou en varias anualidades; no primeiro caso, sempre que exista crédito axeitado e suficiente no proxecto dos orzamentos xerais da comunidade autónoma aprobado polo Consello da Xunta de Galicia que corresponda ao exercicio orzamentario en que se vaia materializar a contraprestación, e no segundo, sempre que exista crédito para a primeira anualidade e que se

cumpran os requisitos do artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Ademais, o artigo 3, 3.3º estende expresamente esta posibilidade de tramitación anticipada aos expedientes relativos ás bases reguladoras ou convocatorias de axudas derivadas da aplicación de regulamentos comunitarios con financiamento procedente de fondos europeos, sempre que exista regulación das axudas pola Unión Europea ou de ámbito estatal ditada en desenvolvemento ou transposición dela e existan compromisos de financiamento destinados á aplicación das correspondentes medidas.

En atención a razóns de celeridade e operatividade, establécese que a documentación, da chamada na orde reguladora, segunda fase ou de concesión das axudas, se presente toda coa solicitude nun único prazo, que se establece nesta orde.

As obras deberán estar rematadas dentro do prazo que se sinala na resolución, e, en todo caso, dentro do exercicio orzamentario correspondente a concesión da axuda.

Por todo o exposto, e en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Para o exercicio orzamentario 2006, as axudas á modernización dos buques pesqueiros, ao abeiro da Orde do 14 de xullo de 2000 pola que se establecen

as bases e condicións e se regula o procedemento de concesión de axudas á renovación da frota e á modernización dos buques pesquerios (DOG nº 149, do 2 de agosto), outorgaranse con cargo á aplicación 14.03.721B.770.3, código de proxecto: 2002 12829, que figura dotada no proxecto de orzamento de gastos da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos para 2006, na cal normalmente existirá crédito axeitado e suficiente, e ata o importe máximo de 5.852.546 euros, reservándose para o efecto o correspondente crédito.

Este importe poderá ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario, na orde que se publique para o efecto.

De conformidade co disposto na Orde do 11 de febreiro de 1998 (DOG nº 34, do 19 de febreiro) sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (DOG nº 231, do 29 de novembro) e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (DOG nº 209, do 29 de outubro), a concesión das correspondentes axudas queda sometida en todo caso á condición suspensiva da existencia de crédito axeitado e suficiente nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2006 no momento da resolución.

Artigo 2º

Para a concesión de axudas á modernización de buques pesqueiros, ao abeiro da devandita Orde do 14 de xullo de 2000 con cargo ao exercicio orzamentario 2006, o prazo de presentación de solicitudes e toda a documentación, será de corenta (40) días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, salvo no caso de que a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano correspondente estableza o contrario.

Neste último caso quedará fixado o prazo de presentación de solicitudes segundo o disposto nesta lei.

Artigo 3º

A elección da oferta dos proveedores en gastos superiores a 30.000 euros no suposto de custo de execución de obra, ou de 12.000 euros no suposto de subministración de bens de equipo deberá adaptarse ao contido do punto 3º do artigo 31º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE nº 276, do 18 de novembro). O solicitante presentará un único orzamento coa solicitude da axuda, tendo en conta os criterios de eficacia e economía, debendo xustificar expresamente nunha memoria segundo elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2005.

María Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos