DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Xoves, 29 de decembro de 2005 Páx. 20.329

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 23 de decembro de 2005 pola que se aproban as bases que rexerán o concurso público de axudas complementarias do programa de acción da Unión Europea de mobilidade de estudantes Sócrates-Erasmus e Suíza e se anuncia a súa convocatoria, correspondente ao curso académico 2005-2006.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

O Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro (BOE do 19 xaneiro de 1988, DOG do 17 de febreiro de 1988) transferiulle á comunidade autónoma competencias en materia de universidades. Estas competencias foron asumidas pola comunidade autónoma e asignadas á Consellería de Educación no Decreto 62/1988, do 17 de marzo (DOG do 8 de abril). A Lei 11/1989, do 20 de xullo (DOG do 16 de agosto), de ordenación do sistema universitario de Galicia, determina a constitución do sistema universitario de Galicia con tres universidades: a Universidade da Coruña, a de Santiago de Compostela e a de Vigo.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, está a levar adiante unha política de asistencia económica aos estudantes que queda concretada en diversas accións, co obxecto de favorecer, dentro das limitacións orzamentarias, a mobilidade de estudantes, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico.

Por esta orde, procédese a convocar as accións referentes á mobilidade estudantil, co obxectivo de favorecer novas oportunidades de formación e a incentivación do rendemento escolar.

Cómpre subliñar que estas accións son compatibles coas bolsas e axudas ao estudo de carácter xeral, convocadas polo MEC, e coas axudas que para este fin destina a Comunidade Europea no marco do Programa Erasmus. Como accións complementarias que son cobren un ámbito de actuación común coas convocatorias de carácter nacional e un ámbito propio que, nalgúns casos e polas súas propias bases, permiten aumentar a cantidade da axuda que recibe o solicitante por parte do MEC.

Estas accións son incompatibles, agás coas bolsas e axudas referenciadas no parágrafo anterior, con calquera outra destinada a ese mesmo fin por algunha das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Polo que antecede, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convócanse, en réxime de concorrencia competitiva axudas complementarias do programa de acción da Unión Europea (Sócrates-Erasmus), e Suíza destinadas aos estudantes universitarios matriculados nunha das tres universidades públicas galegas ou nos centros asociados da UNED en Galicia, durante o curso 2005/2006 nunha titulación de carácter oficial e validez nacional.

Artigo 2º.-Orzamento e dotación económica.

As accións derivadas desta convocatoria que ascenden a un total de 1.044.616 euros, sen prexuízo de poder ser incrementadas de acordo coas dispoñibilidades económicas da consellería, financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.04.322C.480.2 do proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, aprobado polo Consello da Xunta e presentado no Parlamento de Galicia para a súa aprobación, na que existe crédito axeitado e suficiente, tramitándose conforme o establecido na orde da Consellería de Economía e Facenda, di 11 de febreiro de 1998 modificada polas ordes da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2000 (DOG do 29 de novembro) e do 25 de outubro de 2001 (DOG do 29 de outubro) pola que se regula a tramitación anticipada de gastos, quedando condicionada a adxudicación definitiva á existencia de crédito na aplicación orzamentaria 09.04.322C.480.2 dos orzamentos da comunidade autonóma para o ano 2006.

Artigo 3º.-Período.

As actividades que se subvencionan nesta convocatoria serán realizadas durante o curso académico 2005-2006.

Artigo 4º.-Requisitos.

Poderán solicitar estas axudas os alumnos universitarios que cumpran os seguintes requisitos:

-Estar matriculado no curso 2005-2006, en calquera das universidades públicas desta comunidade autónoma (A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo) ou nos centros asociados da UNED en Galicia.

-Cursar estudos regrados de carácter oficial e validez nacional de 1ºciclo ou 1º e 2º ciclo.

-Ter concedida unha bolsa do programa Sócrateserasmus, ou do Goberno Suízo.

-Non ter desfrutado desta bolsa en convocatorias anteriores.

Artigo 5º.-Solicitudes e prazo de presentación.

a) As solicitudes, segundo o modelo ED417A que se publica como anexo I a esta orde, asinadas polo interesado, pais ou titores legais; presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, dirixidas á Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, Subdirección Xeral de Universidades (edi

ficio administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela); ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), para a presentación de instancias. Se no uso deste dereito a solicitude é remitida por correo presentarase en sobre aberto, para que sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de que proceda á súa certificación.

b) O prazo de presentación de solicitudes será de corenta días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no DOG.

Artigo 6º.-Documentación.

-As solicitudes, segundo modelo ED417A, deberán ir xunto coa da seguinte documentación:

a) Copia do DNI do solicitante.

b) Copia compulsada da declaración da renda, correspondente ao ano 2004 de cada membro da unidade familiar obrigado a declarar, ou documento acreditativo da axencia tributaria de non estar suxeito á declaración ante Facenda.

c) Certificación académica completa ou copia compulsada desta na que se fará constar a nota media simple do expediente académico, obtida de acordo co establecido no artigo 8º das bases da convocatoria.

d) Declaración xurada na que o solicitante indique se ten ou non solicitada ou concedida outro tipo de bolsa ou axuda para a mesma finalidade perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos, coa que se entenderá cumprido o mesmo requisito exixido previo ao pagamento.

e) Documento facilitado pola entidade bancaria a nome do interesado, no que conste o número da conta do cliente e os códigos que identifican o banco, a oficina, e o díxito de control.

Artigo 7º.-Tramitación.

Unha vez comprobado que todas as solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde de convocatoria, exporanse as listas provisionais das solicitudes admitidas e excluídas por documentación nos taboleiros de anuncios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, nas súas delegacións provinciais, e nas vicerreitorías de estudantes das tres universidades galegas, sinalando, se é o caso, as causas de exclusión.

Así mesmo, estas listas tamén poderán ser consultadas no portal educativo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria: www.edu.xunta.es/

As listas provisionais de admitidos e excluídos por documentación estarán expostas desde o 10 ao 20 de marzo de 2006 (ambos os dous incluídos). Os interesados poderán, durante ese mesmo prazo, formular as reclamacións para emendar erros e faltas de documentos ante a Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, presentando, se é o caso, a documentación necesaria.

Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión arquivarase o expediente, logo da resolución de arquivo nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8º.-Selección e contía.

A selección farase tendo en conta a nota media simple calculada cos parámetros reflectidos no protocolo de colaboración subscrito, con data do 21 de febreiro de 2005, entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, publicado no DOG do 23 de marzo de 2005 (resolución da Secretaría Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de marzo de 2005).

Todos os solicitantes que cumpran os requisitos establecidos na convocatoria, e teñan a documentación completa no prazo sinalado, recibirán unha axuda económica en función da súa permanencia no programa, que se distribuirá do seguinte modo:

Un trimestre: 100 euros.

Un cuadrimestre: 200 euros.

Curso completo: 300 euros.

As universidades do sistema universitario de Galicia e os centros asociados da UNED enviarán á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria listaxes completas dos estudantes bolseiros do Programa Sócrates-Erasmus ou do Goberno suízo, indicando a duración das estadías, segundo estes tramos. Nas listaxes indicarase o nome e apelidos do estudante, o DNI, o país de destino e a duración da estadía (trimestre, cuadrimestre ou curso completo).

Unha vez adxudicada a contía correspondente, tal como se sinala no parágrafo anterior, o orzamento restante adxudicarase entre aqueles solicitantes que posúan as mellores notas medias no seu expediente académico. A contía exacta determinarase en función de:

1. Expediente académico.

Segundo sexa a nota media do seu expediente académico a contía máxima que se vai a percibir non poderá superar os 1.500 euros.

2. País no que estea situado o centro universitario onde realiza os seus estudos, de acordo coa seguinte estruturación:

a) Dinamarca, Estonia, Finlandia, Suecia, Letonia, Lituania (contía 400 euros).

b) Alemaña, Austria, Bélxica, Holanda, Chipre, Francia, Grecia, Hungría, Eslovaquia, Eslovenia, Irlanda, Italia, Malta, Polonia, Reino Unido, República Checa, Luxemburgo (contía 300 euros).

c) Portugal (contía 180 euros).

d) Suíza e resto de países pertencentes ao Espazo Europeo de Educación Superior (contía 300 euros).

3. Ingresos familiares:

Ata un máximo de 220 euros en rendas inferiores a 3.000 euros por membro da unidade familiar.

A dotación económica asignada a cada beneficiario non poderá superar os 2.420 euros.

Artigo 9º.-Comisión avaliadora.

A selección dos candidatos será realizada por unha comisión avaliadora integrada por:

Presidente:

O director xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia ou, por delegación, a subdirectora xeral de Universidades.

Vogais:

Vicerreitor de Estudantes da Universidade da Coruña.

Vicerreitora de Estudantes e Relacións Institucionais da Universidade de Santiago de Compostela.

Vicerreitor de Extensión Universitaria e Estudantes da Universidade de Vigo.

O xefe do Servizo de Apoio e Orientación aos Estudantes Universitarios.

Secretario:

Un funcionario da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, que actuará con voz e voto.

Artigo 10º.- Resolución.

Efectuada a selección pola comisión, esta elevará, a través da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, un informe-proposta á conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, quen resolverá. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 11º.-Pagamento.

As axudas aboaranse na conta bancaria indicada polo interesado, unha vez presentada a declaración xurada do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas, como as pendentes de resolución para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión de axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asinado nos orzamentos para este fin, agás o estipulado no artigo 2º.

Segunda.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, segundo o disposto no artigo 78.10º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, de acordo coa redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro.

Terceira.-Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Cuarta.-Se por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examinar as solicitudes algún dos compoñentes non puidesen asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se nomee. O dito nomeamento deberá recaer noutra persoa da dirección xeral, ou da universidade correspondente, en virtude da súa representación.

Quinta.-Para os efectos establecidos no artigo 10 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro (DOG do 11 de decembro de 2000), pola que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, o prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de seis meses, contados a partir da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes entenderanse desestimadas de non ditarse resolución expresa no prazo sinalado no parágrafo anterior.

Sexta.-Os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da comunidade autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde adaptase ás normas básicas do texto articulado da Lei 38/2003, do 17 de novembro (BOE do 18 de novembro), de aplicación xeral de subvencións e ás do seu desenvolvemento, igualmente aos artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, de acordo coa redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2005.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria