DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Martes, 27 de decembro de 2005 Páx. 20.191

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

ORDE do 22 de decembro de 2005 pola que se establece a convocatoria pública para a programación de cursos do Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio de 2006.

Mediante o Decreto 69/1993, do 10 de marzo, a Comunidade Autónoma de Galicia asume as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado en materia de formación profesional ocupacional.

Nesta transferencia a Administración do Estado reserva para si, entre outras funcións, a da aprobación do Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional (Plan FIP). En exercicio desta competencia dítase o Real decreto 631/1993, do 3 de maio, no que se marcan as pautas e as directrices que deben seguir tanto o Instituto de Emprego-Servizo Público de Emprego Estatal como as comunidades autónomas con competencias na materia, e establécese a necesidade de realizar unha convocatoria pública durante o trimestre anterior ao comezo do exercicio anual para aquelas entidades que desexen participar na correspondente programación, indicando os termos, prazos e condicións en que as solicitudes se deben presentar e as accións executar.

O Decreto 536/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo, atribúelle a esta, a través da Dirección Xeral de Formación e Colocación, o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, relativas á formación profesional ocupacional; o Decreto 287/2000, do 21 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, establece que a concesión de axudas e subvencións se axustará aos principios de publicidade, concorrencia e obxectividade, en aplicación do disposto no artigo 78 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, texto refundido aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, aos que se axusta esta disposición.

A Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, regula os requisitos de concesión e xustificación das subvencións concedidas na Administración do Estado. Nesta lei recóllense artigos que teñen carácter básico, polo que son de aplicación á normativa desta comunidade autónoma, e, consecuentemente a esta orde de convocatoria.

O obxecto desta orde é concretar os principios xerais contidos na Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, no relativo ás axudas para os cursos de formación profesional ocupacional dirixidos aos traballadores desempregados, que teñen por obxecto a súa cualificación para o acceso a un emprego.

Todas estas accións de formación profesional ocupacional conforman un dos elementos máis salientables das políticas activas de emprego, como medida de mellora da empregabilidade dos desempregados dentro da Estratexia Europea de Emprego acordada polo Consello Europeo extraordinario de Luxemburgo, e da estatal, de acordo co Plan Nacional de Acción para o Emprego. Así mesmo, o Plan Galego de Formación Profesional establece que a formación profesional ocupacional constitúe unha vía fundamental para conseguir un incremento da competencia, da empregabilidade e das posibilidades de inserción laboral dos traballadores desocupados.

A orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, na redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000, que a modifica, establece no seu artigo 3.3º que se poderán tramitar, no exercicio inmediatamente anterior ao que se vaian imputar os correspondentes gastos, os expedientes relativos ás bases reguladoras ou convocatorias de axudas e subvencións derivadas da aplicación de regulamentos comunitarios con financiamento procedente dos fondos europeos, sempre que exista regulación das axudas pola Unión Europea, ou de ámbito estatal ditada en desenvolvemento ou transposición dela, e que existan compromisos de financiamento destinados á aplicación das medidas citadas.

Así, o financiamento das axudas previstas nesta orde de convocatoria farase con cargo aos créditos dos programas 16.03.241A.440.1 (300.000 A), 16.03.241A 460.1 (9.924.716 A) 16.03.241A 471.0 (14.526.308 A), 16.03.241A 480.0 (17.847.040 A), que figuran no proxecto de Lei de orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2006. Destas cantidades o 75% será achegado polo Fondo Social Europeo e o 25% pola Administración do Estado.

Consecuentemente con todo o anterior, consultados o Consello Galego de Formación Profesional e o Consello Galego de Relacións Laborais, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta

e do seu presidente, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto a convocatoria pública como a execución das accións formativas do Plan FIP, correspondentes ao exercicio do 2006, xestionadas pola Consellería de Traballo, a través das súas delegacións provinciais e da Dirección Xeral de Formación e Colocación.

2. A convocatoria das subvencións previstas nesta orde, agás as recollidas no artigo 2.1º c), realizarase mediante réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 2º.-Impartición.

1. A impartición das accións de formación profesional ocupacional realizarase, ademais de nos centros de formación profesional propios da Xunta de Galicia, naqueles dos que dispoñan as entidades que a continuación se indican e que, consecuentemente, poderán participar na convocatoria pública:

a) As que de conformidade co disposto no Decreto 158/2001, do 29 de xuño, polo que se regula o procedemento para a homologación de especialidades formativas e para a inscrición no Censo de centros colaboradores de formación ocupacional da Consellería de Traballo, dispoñan de centros que estean inscritos nel, para impartir aquelas especialidades formativas que teñan homologadas ou solicitada a súa homologación antes do 30 de xuño de 2005, aínda que estas solicitudes estarán supeditadas á resolución positiva de homologación.

b) As organizacións empresariais ou sindicais, os organismos paritarios de formación de ámbito sectorial e as organizacións representativas da economía social que dispoñan de centros con especialidades homologadas de conformidade co establecido na alínea a).

c) As empresas ou grupos de empresas que presenten un proxecto formativo específico para elas con compromiso de contratación. Estes proxectos regularanse polo establecido nesta orde, coas especificidades que se recollen no capítulo IV.

2. As entidades beneficiarias de axudas para a impartición de cursos de formación profesional ocupacional non poderán subcontratar ou cederlle a un terceiro a execución dos cursos aprobados, sen prexuízo do establecido no artigo 4.1º relativo ao servizo externo docente.

Artigo 3º.-Axudas.

1. As accións formativas impartidas ao abeiro desta orde serán obxecto de subvención para compensar os custos derivados da súa execución.

2. Cada curso constará de tres módulos: «A» custos aboables de profesorado e titores, «B» resto dos custos aboables do curso e «C» bolsas e axudas aos alumnos. A cada un destes módulos fixaráselles un importe máximo; a suma deles constitúe o importe total do curso.

3. O importe dos módulos que se aplicará a cada curso recóllese no anexo IV desta orde.

4. O importe das subvencións concretarase no produto de horas do curso polo número de alumnos e polo importe dos módulos que lle correspondan ao propio curso. O importe do módulo B calcularase en función da media de alumnos que teña o curso no seu primeiro cuarto. Para estes efectos non terá a consideración de baixa cando esta se produza por colocación ou cando un alumno, coa preceptiva autorización, cause baixa nun curso para incorporarse a outro.

5. No caso de cursos que teñan un mínimo de tres alumnos con certificación de minusvalía e a entidade impartidora o solicite expresamente, poderase incrementar o importe que se pode imputar en concepto de persoal de apoio ata un máximo de 9 A por hora lectiva, mentres que o importe dos gastos relativos á adaptación curricular ou do material didáctico necesario será o gasto realmente efectuado. Para o aboamento deste importe, que se deberá xustificar de acordo coa normativa FIP, ditarase unha resolución complementaria co importe total dos gastos por estes conceptos.

6. O cobramento desta subvención será incompatible coa percepción de calquera outra axuda pública ou privada da mesma natureza para a mesma actuación.

Artigo 4º.-Custos subvencionables.

1. Poderanse imputar como custos aboables ou subvencionables correspondentes ao módulo A os gastos de profesorado, que comprenderán os soldos ou honorarios do persoal docente, contratado fixo ou eventual ou o prezo do servizo externo docente. Poderanse incluír tamén os custos de preparación, seguimento, control da actividade docente e os gastos de Seguridade Social por conta do centro colaborador cando contratase os profesores por conta allea, coa obriga da súa afiliación e/ou alta na Seguridade Social. Neste módulo teranse en conta as seguintes indicacións:

-A xustificación do pagamento aos docentes dos cursos das súas retribucións deberá facerse, en todo caso, mediante apuntamento bancario.

-Os gastos de preparación, seguimento e control da actividade docente non poderán superar o 20% do módulo A.

2. Poderanse imputar como custos aboables ou subvencionables correspondentes ao módulo B os seguintes gastos:

a) Gastos de seguro de accidentes dos alumnos e, de ser o caso, importe da póliza de responsabilidade civil para facer fronte aos riscos que se

poidan derivar da realización de actividades relacionadas co curso para os bens e as persoas. O seguro deberá ter a seguinte cobertura mínima:

-No caso de morte: 36.000 A.

-No caso de invalidez permanente: 42.000 A.

-Asistencia médico farmacéutica: durante un ano a partir do sinistro.

b) Gastos de medios e materiais didácticos, como textos e materiais dun só uso polo alumno e os materiais de traballo funxibles utilizados durante as actividades de formación.

c) Gastos de amortización de instalacións, equipamentos e maquinaria, de duración superior a un exercicio anual, de acordo coas seguintes normas:

-En ningún caso os gastos de amortización dos bens, que terán unha relación directa coa actividade docente da entidade, poderán superar unha imputación do 25 por 100 do módulo B.

-Poderase amortizar todo aquel material didáctico non funxible de acordo cos seguintes criterios:

1º Amortización do mobiliario e material inventariable: poderá amortizarse durante os cinco anos sucesivos á súa adquisición. Para o cálculo do importe que hai que amortizar dividirase o custo do ben entre 60 meses e o resultado multiplicarase polo número de meses que dure a acción formativa.

2º Amortización de material informático e instrumentos de precisión e laboratorio: poderá realizarse durante os tres anos sucesivos á súa adquisición. Para o cálculo do importe que hai que amortizar dividirase o custo do ben entre 36 meses e o resultado multiplicarase polo número de meses que dure a acción.

3º Para que se poidan aboar os gastos previstos neste artigo, será imprescindible a posesión da correspondente factura orixinal de compra dos bens que se pretendan amortizar.

4º Amortización de instalacións: enténdese por instalación o lugar onde se imparte o curso máis a porcentaxe dos elementos comúns.

Período de amortización: 20 anos. Non deben transcorrer máis de 20 anos desde a construción ou adquisición do elemento que hai que amortizar:

Deberán xuntar á amortización:

-Copia do título de propiedade ou escritura de compra ou certificación da obra.

-Certificado do responsable da entidade de que a obra non se realizou con subvención ningunha de calquera Administración. Neste caso, só se poderá solicitar a amortización da parte non subvencionada.

-Só serán amortizables:

* Os metros cadrados onde se imparta o curso.

* A porcentaxe de elementos comúns.

-Contía que se vai amortizar: a porcentaxe correspondente do importe da factura de construción do edificio ou instalación.

-Fórmula:

Porcentaxe utilizada do importe da compra ou do importe da obra/240 meses = custo mensual.

(custo mensual) x (número de meses de acción) = importe amortización.

Non se amortizarán en ningún caso instalacións construídas ou adquiridas con anterioridade a 20 anos, contados desde a resolución de concesión do curso de que se trate.

5º Os materiais didácticos de traballo susceptibles de usos continuados por diferentes grupos de alumnos poderán ser amortizados (a tres anos) sempre que non sexan entregados aos alumnos primeiros usuarios.

6º A Dirección Xeral de Formación e Colocación ou a respectiva delegación provincial poderán exixir a xustificación das avaliacións sinaladas nos parágrafos 1º e 2º deste artigo.

d) Gastos de enerxía eléctrica, de combustibles, así como de mantemento das instalacións e equipamentos formativos. Admitiranse exclusivamente gastos de reparación e mantemento de maquinaria ou equipamentos que sexan propios da entidade que imparta o curso.

e) Gastos xerais, que comprenderán os seguintes conceptos, que deberán ter a súa orixe na actividade do curso: seguros; comunicacións; gastos de persoal directivo e administrativo estritamente necesario; gastos de transporte necesarios para a realización de viaxes didácticas previstas no programa formativo ou as que sexan apreciadas como necesarias e autorizadas expresamente pola Dirección Xeral de Formación e Colocación ou pola correspondente delegación provincial, segundo proceda. Neste caso tamén se poderá incluír o importe das entradas para alumnos e profesores, pero non a manutención durante as visitas; gastos de limpeza do lugar ou lugares de impartición do curso: aulas, talleres e elementos comúns; gastos de publicidade do curso necesarios para a incorporación dos alumnos, de conformidade co establecido nesta disposición ou na súa normativa de desenvolvemento, para a execución dos cursos aprobados dentro do Plan FIP. Os importes que as entidades impartidoras imputen por este

concepto non poderán superar o 30 por cento do módulo B.

f) Gastos de alugueres de instalacións e de maquinaria.

-O importe dos gastos de alugueres de instalacións non poderá superar o 30% do módulo B. Para a xustificación deste concepto as entidades impartidoras deberán achegar fotocopias compulsadas das facturas ou dos recibos correspondentes. O cálculo do importe do aluguer dos locais realizarase segundo o número de meses de duración do curso e proporcionalmente á aula ou aulas utilizadas.

-Cando os gastos de alugueres se refiran á maquinaria necesaria para a impartición dos cursos, o seu importe non poderán superar o 30% do módulo B.

Non obstante, o órgano encargado da resolución dos cursos poderá autorizar excepcionalmente que se poida superar esa porcentaxe, logo de petición da entidade impartidora. Na solicitude deberá figurar unha memoria explicativa facendo constar os motivos alegados para solicitar esta excepcionalidade, acompañada de tres orzamentos de tres empresas diferentes.

-Terase en conta que a imputación de alugueres entre os conceptos de instalacións e maquinaria non poderá superar o 40% do módulo B.

3. O módulo C do curso estará constituído polas axudas e bolsas aos alumnos, coas condicións establecidas nas seguintes normas:

-Para ter dereito a calquera das axudas e bolsas reguladas neste artigo será requisito imprescindible que o curso teña unha duración igual ou superior ás catro horas diarias e vinte semanais.

-A percepción de calquera destas axudas será incompatible entre si.

-Terán dereito a percibir a axuda de asistencia todos os alumnos dos cursos de formación profesional ocupacional. O seu importe será de 6 A alumno/día lectivo, tendo en conta que os alumnos non percibirán esta axuda os días de ausencia, sexan ou non xustificadas as faltas.

-Os alumnos minusválidos terán dereito a unha bolsa, co único requisito de acreditar documentalmente a súa minusvalía. O dereito á percepción desta bolsa acreditarase mediante a presentación do informe de cualificación de minusvalía ou de certificación oficial do órgano competente. O seu importe será de 6 A alumno/día lectivo, e os alumnos beneficiarios non percibirán a bolsa correspondente aos días lectivos que, sen causa xustificada, deixasen de asistir ao curso.

-Os alumnos poderán percibir a axuda de aloxamento e manutención cando a distancia entre o seu domicilio e o lugar de impartición sexa, como mínimo, de 50 quilómetros.

Ademais da duración do curso e da distancia, para percibir a axuda de aloxamento e manutención deberán cumprirse os seguintes requisitos:

-Que a asistencia ao curso implique que o alumno deba aloxarse no lugar de impartición.

-Que o alumno xustifique documentalmente que estaba censado no concello de residencia como mínimo seis meses antes do inicio do curso.

-Que a especialidade que se vai impartir sexa algunha das seguintes:

-AUCV10. Chapista pintor de vehículos.

-AURS30. Mecánico de motores e equipos de inxección.

-EMZZ86. Técnico en control de calidade (normas ISO).

-EOAC60. Colocador de lousa.

-EOAL10. Albanel.

-EOAL50. Escaiolista.

-EOAL60. Colocador de prefabricados lixeiros.

-EOCP10. Canteiro.

-EOCP30. Cachoteiro.

-EOCP40. Pavimentador con lastros.

-EOIA60. Instalador mantedor reparación calefacción e auga quente.

-EOMQ10. Operador de maquinaria de escavación.

-EOMQ80. Operador de guindastre.

-EOTA20. Auxiliar técnico de obra.

-EOTA42. Analista de formigóns.

-FEE10. Electricista industrial.

-FEMI20. Axustador mecánico.

-FEMI30. Matriceiro moldista.

-FEMI60. Preparador-programador de maquinas ferramentas con CNC.

-IAIC20. Carniceiro.

-IAIL40. Elaborador de produtos lácteos e ovoprodutos.

-IMIS30. Editor-montador de imaxe.

-IPCM10. Caldeireiro.

-IPCM30. Carpinteiro metálico e de PVC.

-IPCM61. Soldador de aceiro inoxidable.

-IPCM70. Soldador tubos e recipientes de alta presión.

-IPCM71. Soldador de tubaxe de alta presión con TIF e electrodo.

-IQLQ22. Analista fisicoquímico instrumental.

-MDFC10. Proxectista de carpintaría e moble.

-MDFC30. Mecanizado de madeira e taboleiros.

-MDFC40. Operador de armado e montaxe carpintaría e moble.

-MDFC50. Vernizador-lacador.

-MDFC60. Tapiceiro de mobles.

-MDFS40. Ebanista.

-MDPT20. Operador secado e tratamentos protectores da madeira.

-MOFC10. Frigorista.

-MREE10. Electricista de mantemento.

-MREE12. Mantemento e reparación de máquinas e equipamentos eléctricos.

-MRMI10. Mecánico de mantemento.

-MRMI14. Mecánico de mantemento hidráulico.

-MRMI15. Mecánico de mantemento pneumático.

-MRMI20. Electromecánico de mantemento.

-MRMI24. Mantedor de sistemas electrohidráulicos.

-MRMI25. Mantedor de sistemas electropneumáticos.

-PRER20. Instalador de sistemas solares térmicos.

-PTER10. Instalador de sistemas fotovoltaicos e eólicos.

Esta axuda aboarase por mes natural, e a súa contía será o importe do indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) fixado para o ano 2006, rateándose a parte correspondente aos meses de inicio e finalización cando non sexan completos.

O gasto real de aloxamento xustificarase por medio do contrato de arrendamento ou factura de hospedaxe.

Artigo 5º.-Pagamento.

1. Con carácter xeral, o aboamento da subvención farase efectivo da seguinte forma:

a) Ata o 50 por 100 do total do orzamento de gastos de cada curso, en concepto de anticipo, no momento en que a delegación provincial da Consellería de Traballo, ou a Dirección Xeral de Formación e Colocación, segundo proceda, reciban comunicación da entidade impartidora en que se notifique o inicio de cada curso.

b) O importe restante, unha vez rematadas todas as accións formativas e xustificados os gastos realmente efectuados en cada unha mediante certificación do responsable da entidade por conceptos orzamentarios. A xustificación realizarase curso a curso dentro dos quince días seguintes ao da súa finalización.

2. Poderán acordarse pagamentos parciais á conta da liquidación definitiva a medida que o beneficiario xustifique os libramentos anteriores, que nunca serán superiores ao 80% da subvención concedida.

3. Poderanse aboar anticipos de ata o 50% da subvención concedida, unha vez que a entidade acredite o inicio do primeiro dos cursos, sempre que se constitúa garantía a favor da Consellería de Traballo (Xunta de Galicia), nos termos e condicións sinalados no artigo 17 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 6º.-Dereitos e deberes dos alumnos.

1. A formación será gratuíta para todos os alumnos das accións formativas derivadas desta orde.

2. Dentro da programación de formación profesional ocupacional da Consellería de Traballo, os alumnos que resulten seleccionados para un curso non poderán asistir en ningún caso a outro simultaneamente. Tampouco poderán causar baixa nun curso para acceder a outro incluído dentro da pro

gramación de formación profesional ocupacional da Consellería de Traballo, salvo autorización expresa do director xeral de Formación e Colocación ou do/a respectivo/a delegado/a provincial, por causas excepcionais debidamente xustificadas.

3. Terán a obriga de asistir e de seguir con aproveitamento os cursos, e de facilitar a documentación que lles sexa solicitada pola entidade impartidora, dentro dos 10 primeiros días lectivos; será causa de exclusión incorrer en máis de dúas faltas de asistencia non xustificadas nun mes ou non seguir o curso con aproveitamento a criterio do seu responsable. Serán consideradas faltas xustificadas as que teña o alumno que sexa contratado, cun máximo de cinco ao mes. A súa xustificación farase cunha copia do contrato de traballo.

4. A xustificación das faltas deberá facerse mediante documentos ou calquera outro medio que acredite de modo fidedigno o motivo da non asistencia. As faltas de asistencia por actividade laboral, cun máximo de cinco ao mes, xustificaranse cunha copia do contrato de traballo. Os alumnos disporán dun prazo de cinco días hábiles para presentar no centro colaborador os xustificantes das súas faltas de asistencia. Unha vez transcorrido este prazo sen que os presentasen, a falta será considerada sen xustificar.

5. Diplomas.

5.1. Cursos non modulados.

Os alumnos que rematen os cursos con aproveitamento, e asistisen como mínimo ao 75% das súas horas lectivas, recibirán un diploma oficial, no modelo que se elaborará na Dirección Xeral de Formación e Colocación, acreditativo desta circunstancia.

Así mesmo, terán dereito ao diploma os alumnos que causen baixa no curso por colocación, cando o docente coide que teñen os coñecementos equivalentes ao nivel do curso e asistisen, como mínimo, ao 75 por 100 das horas lectivas.

5.2. Cursos modulados.

Os alumnos que rematen con aproveitamento unha ou varias unidades de competencia dun curso, independentemente de que se programase a especialidade completa ou modularmente, recibirán un diploma oficial acreditativo desta circunstancia, que será elaborado pola Dirección Xeral de Formación e Colocación.

5.3. Nos dous casos anteriores, os alumnos que non teñan dereito a diploma poderán recibir, se o solicitan, unha certificación polas horas e módulos aos que asistisen.

5.4. Dentro do programa do curso que debe figurar na parte posterior do diploma, figurará separadamente do resto do programa a realización do módulo Formación para a igualdade e o módulo elixido pola entidade en cada curso, así como a súa duración e horas.

6. Os alumnos deberán acudir á súa oficina de emprego, unha vez rematado o curso, para cancelar a suspensión da demanda.

Artigo 7º.-Obrigas dos centros colaboradores.

Ademais das obrigas establecidas con carácter xeral para todos os centros colaboradores no artigo 12 do Decreto 158/2001, do 29 de xuño, as entidades beneficiarias das axudas deberán enviar a documentación que se indica nos prazos sinalados, tendo en conta que os datos da xestión do curso deberán introducirse en liña a través da aplicación informática SIFO que a Dirección Xeral de Formación e Colocación poñerá á disposición dos centros. Para que este proceso en liña se poida realizar, os centros colaboradores deberán dispoñer de saída a internet a través dunha liña RDSI, ADSL ou outra de calidade equivalente ou superior.

1. Requirir de cada alumno, no momento da súa incorporación, a seguinte documentación, que deberá arquivarse separadamente por cada curso:

-Copia simple do DNI.

-Ficha individual.

-Documentación acreditativa de ter dereito á percepción das bolsas e axudas, de ser o caso.

2. Remitir á delegación provincial correspondente.

a) Como mínimo cinco días antes do inicio do curso:

-As datas de inicio e remate e o horario de impartición.

-A planificación temporal dos módulos do curso, indicando a previsión das visitas didácticas ao longo do curso.

-O enderezo completo do lugar de impartición.

-A relación dos docentes que van impartir o curso, así como a documentación acreditativa da súa formación e experiencia, cando esta non estea en poder da Consellería de Traballo, facendo constar a súa formación metodolóxica e relación dos módulos que impartirá cada un deles.

-A identificación do persoal de dirección, seguimento e control da actividade docente.

b) O día de inicio de cada curso:

-Certificación xustificativa do seu comezo e, de ser o caso, das modificacións producidas respecto dos datos sinalados no punto anterior.

3. Remitir á Dirección Xeral de Formación e Colocación ou á correspondente delegación provincial, segundo proceda:

a) Nos 10 días lectivos seguintes ao inicio do curso:

-Informaticamente:

-A ficha SIFO de inicio que se cubrirá na aplicación informática na epígrafe Seguimento de cursos onde se incluírán os seguintes datos:

-Datas de inicio e finalización.

-Planificación temporal.

-Programa completo.

-Enderezo completo.

-Profesorado.

-Documentalmente:

-Fotocopia simple do DNI dos alumnos.

-Certificación municipal de residir, como mínimo, a 50 quilómetros do lugar de impartición do curso, se teñen dereito a axuda de aloxamento e manutención. Esta distancia poderá ser inferior cando por problemas das comunicacións se faga difícil o desprazamento, circunstancia que deberá ser valorada e autorizada polo órgano competente en cada caso.

-Certificación de minusvalía, no caso de bolsas de minusválidos.

-Certificación asinada polo responsable do centro, na cal se relacionen os alumnos, especificando os que teñen dereito a algunha axuda ou bolsa.

-A solicitude de anticipo, de ser o caso.

b) Mensualmente:

-A folla de control de asistencia.

-As nóminas dos alumnos perceptores de axudas ou bolsas. Poderá optarse por enviar documentalmente a orde de transferencia de fondos ás súas contas bancarias.

Estes dous documentos poderán xerarse no SIFO unha vez cuberta a información necesaria, e deberán arquivarse os orixinais asinados, separadamente por cada curso.

c) No prazo de 15 días desde o remate de cada curso:

Informaticamente.

-Completar a información relativa á finalización do curso.

Documentalmente.

A xustificación dos custos inherentes a el, a través da seguinte documentación, que deberá presentarse por cada curso selada e asinada:

-Solicitude de liquidación final.

-Certificación dos gastos por módulos.

-Relación de nóminas e facturas.

Estes tres documentos realizaranse mediante a epígrafe de Solicitude de pagamentos do SIFO.

-Orixinal ou fotocopia compulsada de todas as facturas, nóminas e xustificantes de pagamento de todos os gastos imputables ao curso.

-Amortizacións, de ser o caso.

-Declaración complementaria do conxunto de todas as axudas solicitadas (aprobadas, concedidas ou pendentes de resolución), para a mesma acción

formativa, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Exceptúanse do cumprimento deste prazo as entidades que teñan un mínimo de 15 cursos programados, que poderán presentar a xustificación dos gastos de todos os cursos de maneira conxunta.

En todos os casos, a data límite para a presentación da xustificación final dos cursos será o 30 de novembro de 2006, sen prexuízo do establecido no artigo 10º desta orde.

4. Revisada a xustificación efectuada polas entidades beneficiarias e sempre que esta se axuste ao disposto nesta orde, o Servizo de Xestión Administrativa de Formación Ocupacional e Continua da Dirección Xeral de Formación e Colocación, nos servizos centrais, ou o Servizo de Formación e Colocación, nas respectivas delegacións provinciais, emitirán certificacións para poder facer efectiva a correspondente liquidación da axuda concedida.

5. As entidades adxudicatarias de subvencións deberán acreditar, con independencia da súa contía, tanto antes ditarse a resolución de concesión como de proceder ao cobramento das subvencións, que están ao día nas súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, agás que o beneficiario xunte á solicitude a debida autorización, segundo o anexo V, para que a citada información sexa solicitada polo órgano xestor das axudas. Non obstante, non terán que acreditar esta circunstancia aquelas entidades exentas pola lei de orzamentos para o exercicio de 2006.

6. Expoñer no taboleiro de anuncios do centro o programa completo do curso temporizado por módulos, os dereitos e deberes dos alumnos e dos centros colaboradores, así como a relación dos docentes e o horario do curso. No anuncio farase referencia expresa aos organismos cofinanciadores do curso, e seguiranse os criterios de publicidade establecidos nos puntos 15 e 16 deste artigo.

7. Aboar mensualmente aos alumnos as axudas previstas no artigo 4.3º, así como aos profesores a súa remuneración. Non exime desta obriga o feito de que a entidade impartidora non percibise os anticipos previstos nesta orde.

8. Someterse ás actuacións de supervisión e control que, en calquera momento, poidan acordar os servizos competentes da Consellería de Traballo, tanto no relativo ao desenvolvemento das accións formativas como á súa xestión e tramitación administrativa.

9. Contratar un seguro de accidentes para os alumnos, que cubra tanto os riscos que poidan ter durante o desenvolvemento do curso, como os do traxecto ao lugar de impartición das clases e das prácticas. A súa duración abranguerá estritamente o período do curso, incluíndo expresamente as prácticas en empresas cando estas se realicen, sen que poida

admitirse restrición nin exclusión ningunha por razón do medio de transporte utilizado.

10. Cando se realicen prácticas en empresas ou outras actividades relacionadas co curso, contratar unha póliza de responsabilidade civil para facer fronte aos riscos que se poidan derivar da súa realización para os bens e as persoas.

11. Comunicarlles ás delegacións provinciais da Consellería de Traballo calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente á execución dos cursos programados, no prazo de cinco días desde que se produza.

12. Solicitarlles ás delegacións provinciais, con cinco días de antelación, autorización para realizar calquera modificación no desenvolvemento dos cursos.

13. Aceptar as modificacións que, de ser o caso, introduza o órgano encargado da resolución dos expedientes en relación cos termos de impartición sinalados na solicitude.

14. Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Dirección Xeral de Formación e Colocación, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas, polo Consello de Contas ou polo órgano competente da Unión Europea, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

15. Incluír en toda a documentación relativa ao curso o logotipo da Unión Europea (Fondo Social Europeo) e da Xunta de Galicia (Consellería de Traballo).

16. Informar os alumnos do cofinanciamento dos cursos por parte da Xunta de Galicia (Consellería de Traballo) e da Unión Europea (Fondo Social Europeo), así como dos obxectivos destes fondos.

Artigo 8º.-Incumprimento de obrigas e reintegro.

Cando se produza incumprimento de calquera das obrigas previstas nesta orde ou se dea calquera dos supostos previstos no artigo 78 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, texto refundido aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, procederá o reintegro, total ou parcial, da axuda concedida, nos termos e coas condicións sinalados na citada lei.

Artigo 9º.-Seguimento e control dos cursos.

1. Para verificar o cumprimento do disposto nesta orde, a Dirección Xeral de Formación e Colocación e as delegacións provinciais aplicarán un sistema de seguimento e control, que consistirá na realización de visitas a todos os cursos aprobados. Así mesmo, aplicarase o modelo de excelencia baseado no modelo europeo de calidade EFQM para centros de formación e a conseguinte avaliación mediante este sistema.

2. As entidades impartidoras deberán remitir á Dirección Xeral de Formación e Colocación ou á delegación provincial correspondente, segundo pro

ceda, xunto co resto da documentación exixida nesta orde, a folla de control de asistencia debidamente asinada polos técnicos da delegación provincial que visiten o curso. No caso de que non coincida a folla de control de asistencia que conste en poder dos técnicos coa remitida posteriormente polas entidades, presumirase a veracidade da primeira.

Capítulo II

Das accións formativas

Artigo 10º.-Remate das accións.

O remate e xustificación dos cursos terán como data límite o 30 de novembro de 2006. Excepcionalmente, por causas xustificadas, e sempre logo de autorización do órgano competente, os cursos poderán rematar con posterioridade a esa data, en todo caso dentro do ano 2006.

Artigo 11º.-Beneficiarios dos cursos.

Todos os cursos regulados nesta orde van dirixidos a desempregados inscritos no Servizo Público de Emprego en data anterior á súa incorporación ao curso. Non obstante, se durante o desenvolvemento dun curso algún alumno é contratado, poderá continuar asistindo á acción formativa sempre que haxa total compatibilidade entre o horario formativo e o laboral.

Artigo 12º.-Selección de alumnos.

1. A selección dos alumnos asistentes aos cursos realizarase polo seguinte procedemento:

-Os alumnos que asistan aos cursos de formación profesional ocupacional, tanto de programación ordinaria como con compromiso de contratación, deberán ser seleccionados a través de calquera dos sistemas descritos neste punto.

-Terán preferencia absoluta para a participación nos cursos os parados de longa duración, as mulleres e os discapacitados. Para estes efectos enténdese por parados de longa duración os desempregados menores de 25 anos que leven inscritos máis de seis meses como demandantes de emprego, os maiores de 25 anos que leven máis de 12 meses inscritos como demandantes de emprego.

-A selección dos alumnos farase do seguinte xeito:

a) Con 10 días hábiles de antelación á realización da proba de selección, os centros colaboradores beneficiarios solicitaranlle directamente á oficina de emprego que corresponda, mediante o impreso normalizado para o efecto, unha lista de desempregados que se adecuen ao perfil requirido para a realización de cada curso, en función dos requisitos de acceso do alumno ao curso especificados no certificado de profesionalidade ou ben no programa de curso aprobado polo Consello Xeral da Formación Profesional ou, nos proxectos formativos con compromiso de contratación, no programa aprobado pola Delegación Provincial da Consellería de Traballo, de ser o caso.

b) A oficina de emprego, mediante sondaxe entre os demandantes de emprego inscritos no Servizo Público de Emprego, seleccionará dúas persoas por praza vacante en cada curso e convocará, mediante carta certificada ou telegrama con xustificante de recepción, os demandantes preseleccionados para que asistan á proba de selección que deberá realizar o centro colaborador. Esta proba de selección deberá ser visada previamente pola oficina de emprego. O centro colaborador non debe predeterminar o colectivo ao que vai dirixido o curso: limitarase a identificar os requisitos de acceso do alumnado.

c) Remitida a lista á entidade solicitante, esta procederá á selección dos alumnos preseleccionados mediante a realización das probas que estime pertinentes, de conformidade cos criterios predeterminados na solicitude, que deberán poñerse en coñecemento dos candidatos antes da súa realización, levantando a correspondente acta no modelo normalizado establecido para o efecto. Na realización desta proba poderá estar presente un representante da Consellería de Traballo.

A acta de selección, cuberta en todos os epígrafes do modelo normalizado, remitirase á oficina de emprego, e non se poderá iniciar o curso ata que esta dea o visto e prace á selección realizada.

d) Os demandantes propostos pola oficina de emprego só poderán ser rexeitados para a realización do curso cando concorran causas que así o determinen e sexan fidedignamente xustificadas pola entidade colaboradora e neste sentido se aprecie pola oficina de emprego propoñente. Se se detecta o inicio dun curso sen que a selección dos alumnos fose autorizada pola oficina de emprego, este poderá ser cancelado.

e) No caso de que transcorran 10 días desde a petición de candidatos por parte do centro colaborador e a oficina de emprego non remitise demandantes, ou os enviados fosen insuficientes, deberase realizar a correspondente convocatoria pública mediante anuncio nun dos xornais de maior tiraxe da provincia. Estes anuncios terán os seguintes requisitos:

-Todas as convocatorias públicas para a selección de alumnos que se fagan mediante anuncio en prensa deberán publicarse en domingo. Excepcionalmente, estes anuncios poderán publicarse en día distinto a domingo, logo de autorización do da Dirección Xeral de Formación e Colocación ou da correspondente delegación provincial segundo proceda.

-Os anuncios cubriranse en modelo normalizado, no que necesariamente se deberá facer constar o financiamento da acción por parte da Dirección Xeral de Formación e Colocación da Consellería de Traballo e do Fondo Social Europeo, debendo figurar neles os logotipos de ambos os organismos. Neles especificarase claramente, como mínimo: a institución ou centro ofertante, as vacantes existentes, o curso de que se trata, perfil requirido dos alumnos, enderezo e teléfono do lugar de realización das pro

bas de selección así como a data e deberán publicarse, polo menos, a través dun dos xornais de maior tiraxe da provincia.

-O custo dos anuncios que non se adapten aos requisitos establecidos nesta orde, ou a calquera outro que puidese establecer a Dirección Xeral de Formación e Colocación, non será aboado con cargo ás axudas previstas.

-Todos os anuncios deberán ser visados e autorizados pola oficina de emprego correspondente. Calquera excepción a esta norma deberá ser autorizada polo órgano competente en cada caso.

-Desta selección daráselle conta á oficina de emprego encargada da preselección dos alumnos.

f) Cada nova alta ou baixa de alumnos que se produza no curso deberá ser comunicada á oficina de emprego correspondente no prazo máximo de 3 días hábiles desde que se produza.

g) Aqueles alumnos que realizasen un curso e teñan dereito a diploma non poderán volver realizar outro curso da mesma especialidade. No caso de detectarse esta circunstancia, deberán ser dados de baixa.

2. O número máximo de alumnos participantes en cada curso será de 15, e non se poderá iniciar a acción formativa se non se reúne un mínimo de 10. No suposto de que o curso se inicie con 10 ou máis alumnos e menos de 15, deberá completarse o dito número dentro do primeiro cuarto deste; no caso contrario, deduciranse do cómputo da subvención os alumnos que falten para completalo, de conformidade co disposto no artigo 3.4º Para os efectos do número mínimo de alumnos, consideraranse o número máis alto de alumnos asistentes acadado nos tres primeiros días do curso.

3. Se non se incorporan os alumnos seleccionados ou se producen baixas dentro do primeiro cuarto do curso, poderán substituírse por novos alumnos, sempre que estes teñan o nivel formativo correspondente ao módulo do curso ao que se incorporen. Neste caso, a persoa responsable da súa impartición deberá comprobar, mediante as probas e/ou a xustificación documental pertinente, o nivel do alumno.

4. Nos cursos nos que, malia se intentar completar o número de alumnos, diminúa o número de participantes ata unha cantidade inferior ao 50 por 100 do número programado, agás que as baixas se produzan por colocación dos alumnos, poderán ser cancelados polo órgano competente da Consellería de Traballo. No caso de cancelación, a entidade terá dereito a unha indemnización, que será proposta pola comisión de valoración prevista no artigo 18º desta orde e aprobada polo conselleiro de Traballo ou, de ser o caso, polo/a respectivo/a delegado/a provincial por delegación do conselleiro, calculada de acordo co principio de proporcionalidade.

Artigo 13º.-Especialidades formativas.

1. Os cursos serán de carácter presencial.

2. As especialidades formativas poderán programarse completas, ou por unidades de competencia no caso de especialidades incluídas polo Instituto de Emprego-Servizo Público de Emprego Estatal na programación modular, sempre que se completen unha ou varias unidades de competencia.

3. Con carácter xeral, todas as especialidades formativas que se impartan dentro da programación do Plan FIP deberán estar incluídas no Ficheiro de especialidades formativas do Instituto de Emprego-Servizo Público de Emprego Estatal e comprenderán as especificacións técnico docentes e o contido formativo axeitado, de acordo co seu nivel e co grao de dificultade establecido.

4. Con carácter excepcional, a Dirección Xeral de Formación e Colocación poderá autorizar a impartición de especialidades formativas que non estean incluídas no ficheiro sinalado no punto anterior, como proxectos experimentais ou innovadores.

5. O programa que se impartirá en cada curso será o previamente incluído no Ficheiro de especialidades formativas do Instituto de Emprego-Servizo Público de Emprego Estatal, salvo nos proxectos formativos con compromiso de contratación cando sexa expresamente autorizado, e nas accións formativas experimentais e innovadoras previstas no punto anterior.

Artigo 14º.-Módulos transversais.

1. En todos os cursos programados ao abeiro desta orde, agás nos proxectos formativos con compromiso de contratación, incluirase, con carácter obrigatorio tanto para as entidades impartidoras como para os alumnos, o módulo Formación para a igualdade, que ten unha duración de cinco horas lectivas.

2. Ademais deste módulo, as entidades terán a obriga de impartir un curso da familia profesional Formación Complementaria ou o módulo Creación de Empresas.

Código DenominaciónHoras

XUTRO1Formación para a igualdade 5

XUTRO2Creación de empresas20

FCAM02Sensibilización ambiental 9

FCIN01Alfabetización informática: internet10

FCIN02Alfabetización informática: informática e internet25

FCAM01Manipulador de alimentos10

FCOL01Inserción laboral: técnicas de busca de emprego15

FCAM03Medio ambiente en agricultura25

3. As entidades no momento de solicitar os cursos deberán indicar no anexo II desta orde os módulos transversais que desexan impartir.

4. A valoración económica dos módulos transversais será a mesma dos módulos do curso ocupacional no

que se inclúan, agás os seguintes que terán a valoración económica que se indica:

Código DenominaciónMódulo AMódulo B

FCIN01Alfabetización informática: internet2,751,88

FCIN02Alfabetización informática: informática e internet2,751,88

5. A duración destes módulos será a maiores das horas do curso de que se trate.

6. O material para a impartición dos módulos Formación para a igualdade, Creación de empresas e sensibilización ambiental será facilitado pola Dirección Xeral de Formación e Colocación.

Artigo 15º.-Prácticas en empresas.

Nos cursos do Plan FIP poderán desenvolverse dous tipos de prácticas en empresas: as que están incluídas no programa formativo do curso e aquelas que teñen lugar a maiores das súas horas lectivas.

a) Prácticas incluídas no programa formativo do curso.

1. Esta modalidade poderá desenvolverse, de acordo cos requisitos do programa e respectando a súa duración, en empresas ou en entidades públicas. Poderanse realizar en calquera especialidade e terán carácter voluntario para os centros impartidores e obrigatorio para os alumnos, no caso de que o centro opte pola súa realización. Os gastos que se deriven da súa realización deberán imputarse ao orzamento do curso no que están incluídas. O procedemento que se seguirá para a súa xestión é o seguinte:

Con vinte días hábiles de antelación á data prevista para a realización das prácticas, o centro impartidor presentará a correspondente solicitude na Dirección Xeral de Formación e Colocación ou na correspondente delegación provincial, segundo proceda, á que deberá xuntar a seguinte documentación:

-Convenio asinado entre o centro colaborador e á/s empresa/s ou organismo público onde se realizarán, ou, no seu defecto, documento acreditativo do responsable da empresa ou organismo público en que se faga constar a súa autorización para realizalas.

-Sistema de titorías para o seu seguimento e avaliación.

-Datas, lugar de realización, horario e duración.

-Documento que acredite a vixencia do seguro de accidentes dos alumnos que cubra os riscos do curso, que deberá incluír os do traxecto ao lugar de realización das prácticas e contraéndose estritamente na súa duración ao período da súa realización.

-Documento que acredite a contratación dunha póliza de responsabilidade civil para facer fronte aos riscos que para os bens e as persoas poidan derivarse da realización das prácticas en empresas.

-Licenza municipal de apertura da actividade de que se trate, ou, no seu defecto, declaración responsable do seu representante legal en que se faga constar a idoneidade dos locais de impartición onde

se van desenvolver as prácticas no caso de empresas, ou calquera outro documento acreditativo da idoneidade dos locais para a realización das prácticas, no caso de centros públicos.

2. As empresas onde teñan lugar as prácticas deberán reunir os requisitos establecidos no programa da especialidade en que se van realizar as prácticas.

3. Os centros deberán imputar os gastos por este concepto ao módulo B do curso e os alumnos terán dereito exclusivamente á percepción das axudas ou bolsas ás que, de ser o caso, lles correspondan.

4. A duración das prácticas non pode exceder en ningún caso da duración da parte práctica que se fixa no programa formativo, e non poderán rematar con posterioridade á finalización do curso.

b) Prácticas a maiores das horas lectivas do curso. Poderán realizarse en calquera especialidade e terán carácter voluntario tanto para os centros impartidores como para os alumnos. No caso de realización, os centros interesados deberán facer constar esta circunstancia na solicitude de programación de cursos, o que poderá ser valorado polas correspondentes comisións de valoración na baremación dos expedientes dos cursos. O procedemento que se seguirá para a súa xestión é o seguinte:

1. O centro colaborador deberá presentar con vinte días hábiles de antelación á data prevista para a realización das prácticas, unha comunicación ao órgano competente, na que reiterará a súa intención de realizar as prácticas, xuntando a seguinte documentación:

-Convenio asinado entre o centro colaborador e á/s empresa/s ou organismo público onde se realizarán, ou, no seu defecto, documento acreditativo do responsable da empresa ou organismo público no que se faga constar a súa autorización para realizalas.

-Sistema de titorías para o seu seguimento e avaliación.

-Datas, lugar de realización, horario e duración.

-Documento que acredite a vixencia do seguro de accidentes dos alumnos que cubra os riscos do curso, que deberá incluír os do traxecto ao lugar de realización das prácticas e contraéndose estritamente na súa duración ao período da súa realización.

-Documento que acredite a contratación dunha póliza de responsabilidade civil para facer fronte aos riscos que para os bens e as persoas se poidan derivar da realización das prácticas en empresas.

-Licenza municipal de apertura da actividade de que se trate, ou, no seu defecto, declaración responsable do seu representante legal no que se faga constar a idoneidade dos locais de impartición onde se van desenvolver as prácticas no caso de empresas, ou calquera outro documento acreditativo da idoneidade dos locais para a realización das prácticas, no caso de centros públicos.

2. Os centros deberán imputar os gastos por este concepto ao módulo B do curso, e os alumnos terán dereito exclusivamente á percepción dunha compensación económica de 10 A por día de práctica, para a que se ditará unha resolución complementaria.

3. As prácticas poderán ter lugar ben simultaneamente á realización do curso, ou unha vez finalizado este, e deberán estar rematadas en todo caso antes do 30 de novembro de 2006, salvo que a entidade impartidora do curso de referencia estea autorizada para finalizar con posterioridade a esa data. Neste último caso deberán rematar, como data tope, cando finalice o curso no que estean incluídas.

c) Disposicións comúns ás dúas modalidades de prácticas.

1. Antes do comezo das prácticas porase en coñecemento dos representantes legais dos traballadores na empresa e da Inspección de Traballo unha relación dos alumnos que as realizarán, e as datas e horario de realización. A notificación aos representantes dos traballadores deberá facela a empresa, e á Inspección de Traballo a Dirección Xeral de Formación e Colocación ou á delegación provincial, segundo proceda.

2. As empresas nas cales se realicen as prácticas deberán cumprir a normativa de prevención de riscos laborais.

3. As empresas non percibirán ningún tipo de compensación económica pola realización de calquera das dúas modalidades de prácticas.

4. Os gastos do seguro dos alumnos e da póliza de responsabilidade civil deberán imputarse ao orzamento do correspondente curso ocupacional.

5. As prácticas que realicen os alumnos de formación profesional ocupacional non suporán en ningún caso a existencia de relación laboral entre os alumnos e as empresas ou organismos da Administración

6. Unha vez autorizadas as prácticas, as entidades deberán comunicar ao órgano competente calquera incidencia que se produza no seu desenvolvemento.

Capítulo III

Da convocatoria pública

Artigo 16º.-Solicitudes.

1. As entidades incluídas no artigo 2º que desexen colaborar na impartición das accións formativas correspondentes ao Plan FIP, deberán formalizar a correspondente solicitude no modelo normalizado que se publica como anexo I a esta orde e que se subministrará nas delegacións provinciais da consellería, na Dirección Xeral de Formación e Colocación ou en calquera das oficinas administrativas de Información ao Cidadán, subscrita polo titular ou representante legal da entidade e deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da representatividade suficiente para asinar a solicitude.

b) Copia compulsada do CIF ou NIF da entidade.

c) Unha ficha por cada un dos cursos solicitados no modelo normalizado (anexo II).

d) Declaración de conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma acción formativa das distintas administracións públicas competentes.

e) Declaración responsable de non estar incurso en supostos de prohibicións para obter a condición de beneficiario de subvencións (anexo VI).

f) Acreditación documental de estar ao día nas obrigas tributarias e sociais e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, de ser o caso.

g) Cando as especialidades formativas se soliciten como proxectos experimentais ou innovadores e, polo tanto, non estean incluídas no Ficheiro de especialidades formativas, as entidades deberán achegar a seguinte documentación:

-Informe motivado das necesidades de formación nesa especialidade en relación co mercado de traballo.

-Descrición do programa formativo segundo a estrutura dun curso normalizado de formación profesional ocupacional.

-Valoración estimada do custo da formación de acordo co sistema de cálculo establecido pola Dirección Xeral de Formación e Colocación.

-Planos e unha descrición dos inmobles e instalacións: aulas e talleres onde se vai realizar a acción formativa, concretando as respectivas superficies en metros cadrados, así como a relación de equipos e material que se vai empregar.

2. As solicitudes presentaranse nas delegacións provinciais da Consellería de Traballo que correspondan ao domicilio do solicitante ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 17º.-Prazo.

1. O prazo para a presentación das solicitudes será corenta días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde.

2. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria ou a documentación presentada conteña erros ou sexa insuficiente, requirirase o solicitante para que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se considerará desistido da súa solicitude, logo de resolución que así o declare.

Artigo 18º.-Procedemento.

1. Os órganos instrutores do procedemento serán a Dirección Xeral de Formación e Colocación, para as entidades con centros homologados en máis dunha provincia, e as correspondentes delegacións provinciais da Consellería de Traballo, para as entidades con centros homologados nunha soa provincia.

2. O procedemento que se seguirá na tramitación e instrución dos expedientes será o establecido no Decreto 287/2000, do 21 de decembro, coas concrecións que se establecen nos parágrafos seguintes.

3. Unha vez realizados os trámites sinalados no número 1 do artigo 6º do antedito decreto, a tramitación será a seguinte:

No ámbito provincial, os expedientes remitiránselle á comisión de valoración para o seu informe, proposta de resolución e posterior elevación ante o/a delegado/a provincial.

Nos expedientes de resolución centralizada, o director xeral de Formación e Colocación, tendo en conta o informe da comisión de valoración, elevará proposta de resolución ante o órgano competente para resolver.

4. Para os efectos do previsto neste artigo, a comisión de valoración estará composta polos seguintes membros:

a) Nas delegacións provinciais, polo secretario provincial, que a presidirá, e serán vogais o xefe do Servizo de Formación e Colocación, que actuará como secretario, e un membro do persoal do Servizo de Formación e Colocación designado polo delegado provincial da Consellería de Traballo.

b) Nos servizos centrais, pola subdirectora xeral de Formación Ocupacional e Continua, que a presidirá, e serán vogais os xefes dos servizos de Xestión Administrativa e de Planificación de Formación Ocupacional e Continua; este último actuará como secretario.

c) Se, por calquera causa, no momento en que as comisións de valoración teñan que examinar as solicitudes algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto designe o/a respectivo/a delegado/a provincial da Consellería de Traballo ou o director xeral de Formación e Colocación, segundo proceda.

4. A comisión de valoración, para avaliar as solicitudes, terá en conta os seguintes criterios:

a) A existencia dun compromiso de contratar alumnos que realicen o curso por parte das entidades previstas no artigo 2.1º a) e b).

b) A impartición de accións formativas en exercicios anteriores cun grao de cumprimento, de calidade da formación impartida e de inserción laboral de alumnos satisfactorio.

c) O número de desempregados e a adecuación ás necesidades de formación detectadas no territorio para o que se soliciten os cursos.

d) A inclusión dunha fase de prácticas en empresas, a maiores das horas lectivas do curso, axeitadas aos coñecementos impartidos.

e) A realización acreditada de actuacións previas tendentes a detectar as necesidades de formación nas especialidades que se impartirán entre as empresas do sector, co fin de acadar a promoción ou inserción laboral dos alumnos no mercado de traballo.

f) A existencia doutros recursos formativos na zona, de acordo co mapa integrado de recursos de formación profesional en Galicia, editado pola Consellería de Traballo.

g) A impartición de especialidades que se axusten aos certificados de profesionalidade e/ou se refiran a novas actividades profesionais ou viveiros de emprego.

h) A prioridade da especialidade na área funcional para a que se solicita o curso, segundo a análise do Observatorio Ocupacional da Consellería de Traballo.

i) Número de alumnos que obtiveron diploma ou foron baixa por colocación no exercicio anterior.

Artigo 19º.-Resolución.

1. A resolución dos expedientes de axudas, logo do informe da comisión de valoración, do Consello Galego de Formación Profesional ou dos comités provinciais de emprego e seguimento da contratación laboral, segundo proceda, do cumprimento do trámite de audiencia cando proceda, e fiscalizada a proposta pola respectiva intervención, corresponderalle ao conselleiro de Traballo, cando se trate de entidades con centros homologados en máis dunha provincia, ou, no ámbito provincial, aos respectivos delegados provinciais por delegación do conselleiro de Traballo. As resolucións deberán ser notificadas aos interesados no prazo de 10 días desde que se diten.

2. A resolución dos expedientes deberá producirse no prazo de seis meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Transcorrido o citado prazo sen que recaese resolución expresa, esta entenderase desestimatoria.

3. As resolucións ditadas poñen fin á vía administrativa, e contra elas poderá interpoñerse, potestativamente, recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes desde a súa notificación, de acordo co disposto no artigo 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, ou, directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Capítulo IV

Dos proxectos formativos con compromiso

de contratación

Artigo 20º.-Proxectos formativos con compromiso de contratación.

A impartición dos proxectos formativos con compromiso de contratación previstos no artigo 2.1º c) regularase polo establecido nesta orde, tendo en conta as peculiaridades recollidas nos artigos seguintes.

Artigo 21º.-Requisitos.

1. As entidades solicitantes deberán ser empresas ou grupos de empresas que se comprometan a contratar polo menos o 60 por cento dos alumnos que inicien o curso, por un período mínimo inicial de seis meses a xornada completa, ou tempo equivalente no caso de que a contratación non sexa a xornada completa. Neste último caso non se admitirán contratos inferiores ás catro horas diarias.

2. Só poderán acudir a este procedemento aquelas empresas que non reducisen o número total de traballadores, nin o número total de traballadores con contrato indefinido nos 12 meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude do curso, agás que se trate de empresas que tivesen un expediente de regulación de emprego nese período. Así mesmo, deberán xustificar que non reduciron o número de traballadores con contrato indefinido nin o número total de traballadores da empresa durante a realización do curso.

3. A maiores da acreditación dos requisitos formais exixidos para o compromiso de contratación nesta orde e no resto da normativa aplicable, o órgano competente da Consellería de Traballo poderá facer as indagacións e comprobacións necesarias e solicitar da entidade solicitante ou dos organismos públicos competentes a documentación que considere axeitada para garantir a viabilidade do proxecto formativo: grao de cumprimento de contratación e mantemento do emprego en proxectos formativos impartidos anteriormente, de ser o caso; balances da empresa; documentación de Seguridade Social, etc. Esta documentación e informes, xunto co resto da documentación exixida, servirán para valorar a concesión do proxecto formativo á entidade solicitante.

Artigo 22º.-Lugar de impartición.

No caso de que a entidade careza de instalacións axeitadas para a impartición do proxecto formativo, poderá autorizarse a súa impartición nas instalacións dun centro inscrito no Censo de centros colaboradores de formación profesional ocupacional, ou en calquera outro centro, que deberá homologarse previamente con carácter provisional, de acordo cos requisitos e tramitación regulados no Decreto 158/2001, do 29 de xuño. Os centros impartidores deberán estar en posesión da licenza municipal de apertura da actividade de que se trate. No seu defecto, este documento poderá ser substituído por unha declaración responsable do seu representante legal

no que se faga constar a idoneidade dos locais de impartición (deberá axustarse ao anexo VII desta orde).

Se os cursos teñen lugar en espazos cedidos por outras entidades, a licenza de apertura poderá ser substituída por algún dos documentos seguintes:

a) Centros de titularidade municipal: certificación do secretario municipal no cal se acredite que os lugares de impartición dos cursos son aptos para esta finalidade.

b) Entidades públicas (centros de formación, centros sanitarios, etc.): calquera outro documento que acredite a súa idoneidade para impartir formación.

En calquera dos casos, esta circunstancia deberá acreditarse tanto nos locais onde se imparta a parte teórica como a práctica.

Artigo 23º.-Obrigas.

A acreditación de estar ao día nas súas obrigas tributarias e sociais e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia deberá facerse por todas as empresas que participen no proxecto. Así mesmo, as empresas vinculadas a unha mesma dirección deberán achegar a documentación relativa ás súas diferentes razóns sociais.

Artigo 24º.-Pagamento.

1. Para o aboamento de anticipos ata o 50% da subvención concedida, as entidades impartidoras deberán achegar, en todo caso, xunto co resto da documentación exixida, garantía a favor da Consellería de Traballo (Xunta de Galicia), nos termos e condicións sinalados no artigo 17 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Poderán aboarse pagamentos parciais á conta da liquidación definitiva a medida que o beneficiario xustifique os libramentos anteriores, que nunca serán superiores ao 80% da subvención concedida.

Artigo 25º.-Contratos de traballo.

1. A contratación realizarase dentro do ano de impartición do curso, agás nos cursos que rematen no último trimestre do ano, que terán de prazo para a presentación dos contratos aos que se comprometeron no momento da solicitude ata o 28 de febreiro do ano seguinte. Por causas excepcionais, logo de petición motivada da entidade, este prazo poderá ser ampliado polo director xeral de Formación e Colocación.

2. Non se aboará a liquidación final en canto a empresa non remita as copias dos contratos de traballo rexistrados que supoñan unha relación indefinida ou temporal de seis meses como mínimo, e acredite que se mantén a ratio desde a data da solicitude entre traballadores con contrato indefinido e sen contrato indefinido.

3. Se algún traballador contratado a través do proxecto formativo causa baixa antes dos seis primeiros meses de contrato, a entidade terá a obriga de comunicar esta circunstancia á Dirección Xeral de Formación e Colocación no prazo de sete días desde que se produza. No comunicado deberá incluírse toda a documentación acreditativa relativa á baixa producida.

Artigo 26º.-Remate dos proxectos formativos.

A data límite para a finalización e xustificación dos cursos será o 30 de novembro de 2006. Excepcionalmente, por causas xustificadas, e sempre logo de autorización do órgano competente, os proxectos formativos poderán rematar con posterioridade a esa data, en todo caso dentro do ano 2006.

Artigo 27º.-Solicitudes.

1. O prazo de presentación de solicitudes rematará o 30 de setembro de 2006.

2. A documentación que se deberá presentar é a seguinte:

a) Anexos I, II e III que figuran nesta orde de convocatoria debidamente cubertos.

b) Documentación acreditativa da representatividade suficiente para asinar a solicitude.

c) Código de identificación fiscal (CIF) ou número de identificación fiscal (NIF).

d) Estatutos ou normas debidamente legalizadas polas que se rexe a entidade.

e) Xustificante da propiedade, arrendamento ou título lexítimo que habilite para a utilización de inmobles e instalacións correspondentes, equipo didáctico, talleres ou campos de práctica.

f) Licenza municipal de apertura da actividade que se trate, ou, no seu defecto, declaración responsable do seu representante legal en que se faga constar a idoneidade dos locais de impartición onde se vai desenvolver tanto a parte teórica como a práctica (anexo VII).

g) Compromiso de contratación asinado polo/s representante/s da/s empresa/s vinculada/s inicialmente no proxecto presentado.

h) Declaración responsable de non estar incurso en supostos de prohibicións para obter a condición de beneficiario de subvencións (anexo VI).

i) Acreditación documental de estar ao día nas obrigas tributarias e sociais e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

j) Para todas as especialidades, relación detallada de dotacións e equipamentos, medios materiais que se van utilizar no seu desenvolvemento e unha descrición das aulas e talleres indicando metros cadrados, condicións de luminosidade, de seguridade, etc., xuntando planos.

k) Cando as especialidades formativas solicitadas non estean incluídas no Ficheiro de especialidades formativas, as entidades solicitantes deberán achegar un programa formativo elaborado pola propia entidade co seguinte esquema:

-Denominación do curso.

-Duración total do curso e de cada un dos seus módulos.

-Descrición dos módulos.

-Medios, materiais e maquinaria da que dispoñen.

-Requisitos dos docentes.

-Valoración económica.

-Os programas deberán ser remitidos inescusablemente en soporte informático, e virán redactados polo menos en lingua castelá, para o seu posterior envío ao Instituto de Emprego-Servizo Público de Emprego Estatal, para a súa aprobación previa ao inicio da acción formativa.

l) Importe da subvención económica solicitada, correspondente aos módulos A, B e C de cada curso, en función do número de alumnos para os que se solicita o proxecto formativo.

m) Declaración de conxunto de todas as solicitudes de axudas efectuadas ou concedidas para a mesma acción formativa das distintas administracións públicas competentes.

3. A xustificación do cumprimento do compromiso de contratación realizarase no momento no que se proceda á xustificación final dos custos do curso mediante a presentación dos correspondentes contratos laborais visados polo Servizo Público de Emprego.

4. O cumprimento do requisito de non redución do número total de traballadores da empresa, nin do número total de traballadores con contrato indefinido, acreditarase do seguinte xeito:

a) No momento da solicitude da acción formativa presentarase o anexo III debidamente cuberto, no que figurará o número de traballadores da empresa, tanto con contrato indefinido como totais, dos 13 meses inmediatamente anteriores á data da solicitude do curso.

b) Cando se presente a solicitude de liquidación final do curso, achegaranse os documentos TC2 dos trece meses anteriores ao inicio do curso e o do mes no que consten os alumnos da acción formativa contratados en virtude do compromiso adquirido.

c) No caso de empresas que non tivesen traballadores nos trece meses anteriores, por ser de nova creación ou por crearse durante ese período, presentarán os TC-2 dos meses dos que teñan eses documentos, ou, no seu defecto, xustificante da data de creación da empresa.

5. No caso de que haxa máis de 15 alumnos, terase en conta que na aplicación das contías do módulo A a subvención máxima será a considerada para 15 alumnos, de acordo co establecido no anexo IV desta orde de convocatoria.

Artigo 28º.-Número de alumnos.

O número de alumnos participantes nos cursos poderá variar entre un mínimo de 10 e un máximo de 20.

Artigo 29º.-Gastos de amortización.

As empresas ou grupos de empresas que impartan proxectos formativos con compromiso de contratación non poderán recoller como custo aboable gastos de amortización.

Artigo 30º.-Resolución.

A resolución, que lle corresponderá ditar, en todo caso, ao conselleiro de Traballo, deberá producirse no prazo de tres meses desde que a solicitude do interesado teña entrada no rexistro correspondente, e deberá ser comunicada ao interesado no prazo de 10 días desde que se produza. Transcorrido o citado prazo sen que se ditase resolución expresa, esta entenderase desestimatoria.

Disposicións adicionais

Primeira.-A realización das accións de formación previstas nesta orde e a conseguinte concesión de subvencións estará supeditada á existencia de crédito suficiente nos programas 16.03.241A.440.1, 16.03 241 A 460.1, 16.03.241A 471.0, e 16.03.241A 480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2006. A forma de pagamento prevista nos artigos 5º e 24º desta orde estará condicionada á autorización do Consello da Xunta de Galicia.

Segunda.-Non se autorizarán cambios de titularidade de centros no tempo que transcorra entre o inicio dun curso e o seu remate.

Terceira.-Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Cuarta.-Poderán ditarse resolucións complementarias cando existan fondos provenientes de renuncias de subvencións inicialmente concedidas, de incrementos das cantidades asignadas á comunidade autónoma pola Administración do Estado, ou doutros remanentes dos módulos. Neste caso, agás que se acuda a unha convocatoria complementaria, non poderán terse en conta outras solicitudes nin outras homologacións distintas ás tidas en conta para a resolución inicial.

Quinta.-Poderán financiarse con cargo ás axudas e subvencións reguladas nesta orde os proxectos for

mativos con compromiso de contratación previstos no artigo 2.1º c), aínda que as accións formativas se inicien, por razóns excepcionais debidamente acreditadas e xustificadas pola entidade solicitante, antes de que se dite a correspondente resolución de concesión, sempre que se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a solicitude fose presentada con anterioridade ao inicio das accións.

b) Que as accións formativas se inicien e rematen dentro do ano 2006.

c) Que se cumpran todos os requisitos formais e de procedemento, aínda que sexa a posteriori, previstos nesta orde.

d) Que a entidade solicite autorización de inicio á Dirección Xeral de Formación e Colocación, expoñendo as razóns excepcionais polas que pretenden comezar anticipadamente. No caso de autorización, a empresa deberá comunicar o inicio do proxecto formativo á delegación provincial correspondente con cinco días de antelación ao seu comezo.

Sexta.-Apróbase a delegación de atribucións do conselleiro de Traballo no director xeral de Formación e Colocación para a autorización, disposición, recoñecemento da obriga e proposta de pagamento das subvencións reguladas nesta orde, así como para ditar as correspondentes resolucións, e nos/as delegados/as provinciais da Consellería de Traballo, no ámbito das súas respectivas competencias, para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións reguladas nesta orde.

Sétima.-En todo o non disposto nesta orde será de aplicación o Real decreto 631/1993, do 3 de maio, polo que se regula o Plan FIP, así como a súa normativa de desenvolvemento, e, de ser o caso, o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro e o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións en canto lle sexa de aplicación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Formación e Colocación para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e execución desta disposición.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2005.

Ricardo Jacinto Varela Sánchez

Conselleiro de Traballo