DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Martes, 27 de decembro de 2005 Páx. 20.190

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 30 de novembro de 2005 pola que se declara de interese para a Comunidade Autónoma de Galicia en materia de drogodependencias a Asociación Antidroga Vieiro.

Vista a solicitude presentada pola Asociación Antidroga Vieiro, con domicilio en Carballo, a través da que insta a súa declaración de interese para a Comunidade Autónoma Galega en materia de drogodependencias, e tendo en contas os seguintes:

Supostos de feito.

Primeiro.-A Asociación Antidroga Vieiro desenvolve as súas actividades no territorio da comunidade autónoma, levando a cabo exclusivamente programas de prevención e incorporación social no ámbito das drogodependencias.

Segundo.-Esta asociación á entrada en vigor do Decreto 74/2002, do 28 de febreiro, polo que se crea o Rexistro de Entidades Colaboradoras do Plan de Galicia sobre Drogas, e se regula a súa declaración de interese, modificado polo Decreto 58/2005, do 24 de febreiro, xa viña desenvolvendo actividades no ámbito das drogodependencias.

Terceiro.-O funcionamento dos programas desenvolvidos nos centros e servizos dos que é titular a citada asociación é coordinado dentro do Plan de Galicia sobre Drogas.

Cuarto.-Dado o anterior esta asociación figura inscrita no Rexistro de Entidades Colaboradoras do Plan de Galicia sobre Drogas, tendo asignado o número 2005/1973.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-O artigo 20.2º da Lei 2/1996, do 8 de maio, de Galicia sobre drogas, establece que a Xunta de Galicia poderá declarar de interese para a Comunidade Autónoma Galega aquelas entidades sen ánimo de lucro que estean levando a cabo programas ou servizos no ámbito das distintas drogodependencias e cumpran os requisitos que regulamentariamente se establezan.

Segundo.-Así mesmo o Decreto 58/2005, do 24 de febreiro, polo que se modifica o Decreto 74/2002, do 28 de febreiro, polo que se crea o Rexistro de Entidades Colaboradoras do Plan de Galicia sobre Drogas, e se regula o procedemento para a súa declaración de interese, establece no seu artigo 8 que a Xunta de Galicia, tras a solicitude do interesado, poderá declarar de interese para a Comunidade Autónoma galega, mediante orde da conselleira de Sanidade, as entidades sen ánimo de lucro inscritas no Rexistro de Entidades Colaboradoras do Plan de Galicia sobre Drogas. Para estes efectos, as devanditas entidades deberán estar levando a cabo exclusivamente programas ou servizos no campo das drogodependencias, sempre e cando se adecúen aos cri

terios e contidos dos programas recollidos no documento do Plan de Galicia sobre Drogas vixente en cada momento.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Declarar de interese para a Comunidade Autónoma galega a Asociación Antidroga Vieiro.

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2005.

Mª José Rubio Vidal

Conselleira de Sanidade