DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Martes, 27 de decembro de 2005 Páx. 20.185

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

ORDE do 20 de decembro de 2005 pola que se convocan bolsas para a formación de expertos turísticos en mercados emisores mediante a realización de prácticas profesionais de especialización en oficinas de turismo no estranxeiro durante o ano 2006.

Debido á grande importancia que o sector turístico ten no desenvolvemento da nosa economía requírese que, por parte das administracións públicas, se destinen recursos para xerar iniciativas con tendencia a mellorar cada día o sector para así manter a demanda existente e incrementala en todo o que sexa posible.

Entre esas iniciativas, a Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Turismo, desde o ano 1999, vén dedicando parte dos seus recursos en materia turística á convocatoria de bolsas para que, a través da realización de prácticas na rede de oficinas do Instituto de Turismo de España (Turespaña) no estranxeiro e na oficina de turismo de Galicia en Bos Aires, se formen expertos en promoción exterior do turismo e se estableza unha base de apoio á captación de demanda turística a Galicia.

Á vista dos frutíferos resultados obtidos nas anteriores edicións, a consellería considera de interese continuar con esta medida. Por iso, con cargo aos créditos asignados a esta finalidade no exercicio do

2006, consonte o establecido sobre medidas de fomento no artigo 73 da Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia en concordancia co sinalado no artigo 75.1º da dita lei, e tendo en conta as determinacións establecidas na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas do 27 de novembro de 2000 e 25 de outubro de 2001, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, en uso das facultades que teño atribuídas, dispoño a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, das bolsas enunciadas na epígrafe, de acordo coas seguintes bases:

Primeira.-Destino, número, duración e contido das bolsas.

Convócanse seis bolsas para a realización de prácticas profesionais de especialización de expertos turísticos en mercados emisores, que desenvolverán as súas funcións nas seguintes cidades: Bos Aires, Londres, Frankfurt, Roma, Copenhague e Sao Paulo. As prácticas comezarán en marzo e terán unha duración de nove meses e medio, salvo o destino de Sao Paolo, que durará nove meses. En ningún caso se considerarán períodos de vacacións.

Nas localidades de Londres, Frankfurt, Roma, Copenhague e Sao Paulo os bolseiros desenvolverán a súa actividade nas oficinas españolas de turismo no país de destino, baixo as ordes e supervisión do director da devandita oficina ou persoa a quen este asigne a titoría do bolseiro, onde se integrará como

membro desta, con suxeición ás normas da oficina sobre xornada laboral e de funcionamento, utilizando os medios dispoñibles no centro de traballo que sexan necesarios para a realización das tarefas que se lles encomenden por parte do director, e que serán compatibles co plan de actuación aprobado para cada un deles.

En Bos Aires, o beneficiario desenvolverá as súas funcións no Centro de Galicia desa localidade, sito na rúa Bartolomé Mitre 2538/60, onde desempeñará as actividades de información e promoción que desde a Dirección Xeral de Turismo lle sexan encomendadas, en coordinación co presidente do devandito centro, quen será o que acredite o cumprimento das tarefas encomendadas por parte do bolseiro.

A Dirección Xeral de Turismo reserva para si a facultade, se existen circunstancias que o xustifiquen e o órgano competente en OET's da Secretaría Xeral de Turismo do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio está conforme, de adscribir os bolseiros a outras oficinas temporal ou definitivamente. No caso de que iso implicase desprazamentos, a dirección xeral faríase cargo deles.

Segunda.-Requisitos dos solicitantes.

* Nacionalidade: española.

* Titulación: licenciado ou diplomado en turismo ou calquera titulado superior.

* Ter finalizada a licenciatura ou diplomatura nos 5 anos inmediatamente anteriores ao momento de remate do prazo de presentación das solicitudes e non máis de 35 anos.

* Idiomas: dominio oral e escrito da lingua do país de destino. No caso da bolsa en Copenhague, bastará o dominio do inglés.

* Non ter obtido con anterioridade ningunha bolsa para a formación de expertos turísticos en mercados emisores.

Terceira.-Dotación das bolsas e determinacións orzamentarias.

A concesión das bolsas farase con cargo á aplicación orzamentaria 10.06.651A.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006 habida conta que, en todo caso o gasto proxectado suxeitarase á existencia de crédito axeitado e suficiente para tal fin nos ditos orzamentos xerais e ao disposto na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada pola Orde de 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto.

O importe total do crédito destinado a esta convocatoria é de cento trinta e sete mil catrocentos (137.400) euros, que se repartirá como segue:

Cidade de destinoNº de bolsasDotación euros (total)

Sao Paolo123.600

Bos Aires122.200

Cidade de destinoNº de bolsasDotación euros (total)

Londres122.900

Roma122.900

Copenhage122.900

Frankfurt122.900

Na dotación de cada unha das bolsas están incluídos os gastos de desprazamento (ata e desde o lugar de destino). O crédito poderá incrementarse no suposto previsto no derradeiro parágrafo da base primeira.

Cuarta.-Condicións e incompatibilidades.

1. A condición e desfrute dunha bolsa non establece relación laboral ou contractual de calquera tipo coa Xunta de Galicia nin a inclusión na Seguridade Social.

2. A percepción da bolsa non será compatible co desfrute doutras axudas.

Quinta.-Obrigas dos bolseiros.

1. Desenvolver a actividade obxecto da bolsa, que se detalla no seu plan específico de actuacións, cuns niveis de dedicación e rendemento satisfactorios, presentando informes trimestrais de actividade á Dirección Xeral de Turismo, e calquera outro que determinen o director xeral de turismo ou o director da oficina na que estivesen destinados.

2. Presentar unha memoria final realizada polo bolseiro e visada polo responsable da oficina sobre as tarefas realizadas e os resultados obtidos con inclusión das propostas de mellora que se consideren oportunas.

3. Comezar o desfrute da bolsa dentro do prazo que se sinale en cada caso e desenvolver o seu labor sen que ningún outro compromiso anterior ou futuro o impida ou dificulte. O bolseiro comprométese a non renunciar á bolsa salvo causa de forza maior.

4. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino da bolsa obxecto desta orde.

Sexta.-Presentación de solicitudes.

1. Os interesados dirixirán a súa solicitude á Dirección Xeral de Turismo, segundo o modelo normalizado que se publica como anexo I á esta orde e está dispoñible na internet no enderezo: http//xunta.es/conselle/in. Deberá remitirse en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, no prazo dun mes contados a partir da entrada en vigor da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Coa solicitude achegarase a seguinte documentación:

a) Unha fotocopia compulsada (por ambas as dúas caras) do DNI ou documento análogo.

b) Unha fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal.

c) Certificación académica completa ou fotocopia compulsada dela, que inclúa as cualificacións obtidas na licenciatura, na diplomatura ou na materia de técnico de empresas e actividades turísticas. No caso de que o expediente académico non sexa español será preciso que este estea debidamente validado polas Administración educativa española.

d) Curriculum vitae, cos documentos acreditativos correspondentes. Valorarase con carácter preferente o coñecemento de idiomas estranxeiros, o coñecemento de informática, así como as actividades de formación, investigación e experiencia laboral no ámbito turístico.

A documentación que se atope en idioma distinto ao castelán ou galego deberá presentarse traducida debidamente por un tradutor xurado.

e) Declaración sobre bolsas das que estean beneficiándose ou solicitasen.

2. Os interesados poderán presentar dúas solicitudes como máximo. Nese suposto sinalarán o destino preferente.

3. As compulsas que procedan para toda a documentación que se especifica nesta orde faranse nos correspondentes servizos centrais ou provinciais da Consellería de Innovación e Industria e no rexistro auxiliar da Dirección Xeral de Turismo.

Sétima.-Proceso de selección e resolución.

1. A selección das solicitudes será realizada por unha comisión que se constituirá para o efecto e que se axustará ao disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Comporase polos seguintes membros:

Presidente: o subdirector/a xeral de Ordenación do Turismo.

Secretario: o xefe do Servizo de Formación, Cooperación Institucional e Documentación da Dirección Xeral de Turismo.

Vogais: un funcionario da Dirección Xeral de Turismo e un xefe de área de Turgalicia designados polo presidente da comisión.

Para as probas de idioma o conselleiro, por proposta da comisión, poderá designar asesores especialistas, que terán voz pero non voto nas sesións que esta celebre.

2. A valoración dos méritos alegados polos candidatos realizarase conforme o seguinte baremo:

A) Curriculum vitae:

Formación: ata 5 puntos.

Informática: por cursos relacionados coa informática e/ou internet, como mínimo de 20 horas: 0,10 puntos ata un máximo de 0,50.

Idiomas: por coñecemento dun idioma distinto daquel do país para o que se solicita a bolsa: 0,50 puntos ata un máximo de 1,50.

Cursos: por cada curso relacionado con turismo cun mínimo de 12 horas, 0,10 ata un máximo de 1; e por cursos de posgrao ou mestrado relacionados: 1 punto.

Investigación: por traballos de investigación en materia turística avalado por un organismo oficial: 1 punto.

Experiencia: ata 2 puntos. Por cada 3 meses de prácticas ou traballo no sector turístico: 0,50.

B) Probas:

Test sobre temas do anexo II: ata 3 puntos.

Idioma (proba oral): ata 3 puntos.

C) Entrevista persoal:

Valorarase ata un máximo de 6 puntos. Coa entrevista preténdese profundar sobre os coñecementos dos candidatos acerca do país para o que soliciten a bolsa e sobre comercialización e promoción turística, así como valorar as súas actitudes e aquelas outras circunstancias que se consideren de interese para o seu futuro traballo.

3. Proceso de selección:

3.1. A comisión, unha vez examinadas as solicitudes presentadas, elaborará unha lista cos aspirantes admitidos e excluídos, detallando neste caso a causa de exclusión, e convocará os primeiros á realización de dúas probas: unha tipo test sobre o temario que se inclúe como anexo II desta orde, e outra oral de idioma. A entrevista realizarase xunto coa proba de idioma.

3.2. A comisión de valoración valorará os méritos alegados polos candidatos conforme o baremo arriba indicado e propoñeralle ao conselleiro a adxudicación das bolsas aos candidatos de maior puntuación.

3.3. As listas de aspirantes admitidos e excluídos, as datas e lugar da celebración das probas e a puntuación obtida polos solicitantes para cada oficina faranse públicas nos taboleiros de anuncios da Dirección Xeral de Turismo e na páxina web da Consellería de Innovación e Industria. Entre a exposición da lista de aspirantes admitidos e excluídos e a realización da primeira proba debe mediar, polo menos, un período de dez días.

4. O prazo máximo para a resolución do expediente é de tres meses. A resolución do conselleiro pon fin á vía administrativa e contra ela poderá o interesado interpoñer recurso contencioso-administrativo diante do Tribunal Superior de Xustiza da Comunidade Autónoma de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a recepción da notificación da resolución ou ben interpoñer, no prazo dun mes desde a recepción da resolución, recurso de reposición diante do conselleiro de Innovación e Industria.

Aos adxudicatarios notificaráselles persoalmente a concesión da bolsa aos domicilios que sinalasen nas solicitudes. Están obrigados no prazo de cinco días naturais, a comunicar á Dirección Xeral de Turismo a súa aceptación ou renuncia. Se transcorridos os sinalados 5 días non se fixese manifestación en ningún sentido, tal feito entenderase como renuncia á bolsa e esta concederáselle ao seguinte candidato con mellor puntuación de entre os que solicitaron ese destino e non fose beneficiario doutra das bolsas convocadas.

No suposto de que non existise suplente porque non houbese máis candidatos ou estes tamén renunciasen, poderá ofertarse aos seguintes aspirantes por orde de puntuación sexa cal fose o destino solicitado, sempre que acreditasen suficiente coñecemento do idioma do país de destino ou se é o caso, polo menos de inglés.

5. Xunto co escrito de aceptación da bolsa, no que debe constar expresamente que o beneficiario coñece e comprométese a cumprir as bases da convocatoria, o adxudicatario deberá remitir a seguinte documentación:

a) Unha declaración de renuncia expresa a calquera outra bolsa ou axuda similar da que fose beneficiario ou que solicitase.

b) A certificación bancaria da conta onde se aboará a bolsa.

c) Unha declaración da súa situación familiar para os efectos do cálculo das retencións fiscais.

Oitava.-Aboamento das axudas.

1. Realizaranse catro aboamentos, unha vez recibidos de conformidade os documentos que se especifican a continuación. O primeiro pagamento equivalerá ao 30 por 100 do importe total da bolsa, e realizarase durante os dous primeiros meses; os dous pagamentos seguintes equivalerán ao 25 por 100 por cada un; e o cuarto pagamento, que se elevará ao 20 por 100 da bolsa, unha vez finalizadas as prácticas.

En todos os pagamentos efectuarase a correspondente retención á conta do imposto sobre a renda das persoas físicas.

2. Primeiro pagamento: para o aboamento deste será requisito ter enviado a seguinte documentación:

a) Escrito de aceptación da bolsa, onde conste o compromiso de cumprimento das normas e obrigas derivadas das bases desta convocatoria.

b) Fotocopias compulsadas das pólizas de seguro de asistencia sanitaria e accidentes, válidas no país onde se realicen as prácticas e que cubran a totalidade do período de duración da bolsa.

c) Fotocopia do billete ata o lugar de destino.

3. Pagamentos intermedios (segundo e terceiro): para o aboamento destes será requisito ter presentado:

a) Certificación, expedida polo director ou responsable da oficina onde se realicen as prácticas, de levar a cabo a súa actividade cun nivel de rendemento satisfactorio.

b) Informe trimestral no que alude a base quinta desta orde.

4. Pagamento final: para o aboamento do último pagamento será requisito ter presentado a seguinte documentación:

a) Certificación expedida polo director ou responsable da oficina onde se realicen as prácticas no mesmo senso do punto anterior.

b) Memoria realizada polo bolseiro e visada polo director ou responsable de oficina acerca das funcións

desempeñadas e cun balance que inclúa os resultados obtidos e as propostas de mellora, se é o caso.

Novena.-Cancelación da bolsa.

En calquera momento, o director da OET correspondente poderá propoñer á Subdirección de Comercialización Exterior de Turismo e OET -quen decidirá- a cancelación da adscrición do bolseiro á mesma por razóns de insuficiencia no seu rendemento, incumprimento do plan de actuación aprobado o inadaptación ás normas de funcionamento da oficina. Á vista diso, a Consellería de Innovación e Industria, logo do trámite de audiencia, poderá revogar a concesión ou suspender o desfrute dunha bolsa por incumprimento das obrigas contraídas polos adxudicatarios.

No suposto de renuncia durante o desfrute da bolsa, o conselleiro, tendo en conta o que manifeste o interesado e unha vez estudadas as circunstancias concorrentes no caso, resolverá se procede a devolución total ou parcial das cantidades percibidas ou soamente a anulación dos aboamentos pendentes e se se cubre a praza polo tempo restante.

Décima.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición transitoria

Todos os actos ditados nos expedientes de gasto regulados ao abeiro desta orde entenderanse condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que se produciron aqueles. A concesión das axudas reguladas nesta orde quedarán sometidas á condición suspensiva de existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución.

Disposicións derradeiras

Primeira.-En todo o non recollido nesta orde aplicarase o disposto para esta materia na Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 5/2000, do 28 de decembro, o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, a Lei xeral de subvencións 38/2003, do 17 de novembro, e a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia vixente na anualidade correspondente.

Segunda.-Facúltase o director xeral de Turismo para ditar cantas disposicións considere oportunas no desenvolvemento e interpretación desta orde.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2005.

Fernando X. Blanco ÁLvarez

Conselleiro de Innovación e Industria