DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Martes, 27 de decembro de 2005 Páx. 20.181

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 20 de decembro de 2005 pola que se regula o procedemento para o reintegro individual de gastos por asistencia a actividades de formación do profesorado non universitario.

Os plans de formación do profesorado de niveis non universitarios da Comunidade Autónoma de Galicia perseguen, como obxectivos xerais, mellorar a competencia profesional do profesorado, fomentar a reflexión crítica sobre a súa actividade cotiá e crear actitudes proclives á investigación e á experimentación educativas.

Coa finalidade de facilitar a participación do profesorado en actividades de formación que contribúan á consecución dos obxectivos anteriormente sinalados, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria organiza distintas actividades de formación oirientadas a conxugar as necesidades derivadas do propio sistema educativo coas demandas xurdidas do mesmo profesorado.

Malia o anterior, a especificidade dalgunhas actividades de formación, ou as características especiais que a súa realización exixe, desancosella a súa organización pola propia consellería ou polos centros de formación e recursos dependentes dela, sen que

iso poida supoñer a imposibilidade para o profesorado de asistir a este tipo de actividades, e que, de non facilitarse a dita opción, suporía discriminar o profesorado afectado por tales circunstancias.

É por iso polo que procede establecer un sistema que permita o reintegro, cando menos parcial, dos gastos orixinados pola asistencia a este tipo de actividades de formación do profesorado.

En consecuencia, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro.

1. Establecer o procedemento para o reintegro individual de gastos derivados de asistencia a actividades de formación non organizadas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, ou os centros de formación e recursos dela dependentes que se desenvolvan na Comunidade Autónoma de Galicia, no resto do territorio español, ou no estranxeiro, e que comecen entre os días 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2006.

2. Para facilitar a distribución do orzamento ao longo do ano estableceranse dúas quendas. A primeira abranguerá as actividades que comecen entre

os días 1 de xaneiro e 30 de xuño de 2006, e terá unha dotación orzamentaria de 42.500 euros. A segunda será para actividades que comecen entre os días 1 de xullo ao 31 de decembro de 2006 e terá unha dotación orzamentaria de 42.500 euros. No caso de que o orzamento dedicado á primeira quenda non se esgotase, pasará a incrementar o orzamento da segunda quenda.

3. En ningún caso se concederán reintegros para a asistencia a actividades de formación de carácter regrado conducentes á obtención dun título, así como para actividades de formación inherentes a estudos regrados.

4. Os reintegros individuais financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.02.322I.640.1. Unha vez repartidas as devanditas contías, as solicitudes de reintegro serán automáticamente denegadas por ter esgotado o orzamento.

En todo caso, o gasto proxectado queda sometido á condición suspensiva da existencia de crédito axeitado e suficiente para tal fin nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, e ao disposto na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001.

Segundo.

Poderán solicitar os devanditos reintegros os profesores de niveis non universitarios, con destino en centros docentes públicos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, en equipos de orientación específicos e os profesores adscritos aos centros de formación e recursos así como os membros da Inspección educativa dependentes desta comunidade e sempre que para a asistencia á mesma actividade non perciban axudas de ningún tipo e que non recibisen reintegros individuais nas dúas últimas convocatorias (anos 2004 e 2005). Así mesmo, non se concederán reintegros a aquelas persoas que estean gozando de licenza por estudos durante o período de realización de actividad de formación.

Terceiro.

Os reintegros concederanse para actividades de formación, cursos, xornadas, encontros, conferencias, congresos e outras análogas, directamente relacionadas coa disciplina, área, ciclo ou especialidade que imparta o solicitante, e segundo os seguintes tipos e límites que se indican:

Tipo I, na Comunidade Autónoma de Galicia, ata un máximo de 300 euros.

Tipo II, no resto do territorio español, ata un máximo de 510 euros.

Tipo III, no estranxeiro, ata un máximo de 1.021 euros.

Cuarto.

1. Os/as interesados/as deberán dirixir a súa solicitude, segundo o modelo que figura no anexo I desta orde, á Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da que dependan, directamente ou mediante calquera dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, polo menos 20 días naturais antes do comezo da actividade para a que solicitan o oportuno reintegro.

2. Á solicitude engadiráselle a seguinte documentación:

a) Orixinal ou fotocopia da convocatoria da actividade para a que se solicita o reintegro.

b) Certificación da dirección do centro na cal se xustifique que o solicitante exerce actualmente nel e se especifique a disciplina, área, ciclo ou especialidade que imparte. A dita certificación substituirase por outra expedida pola servizo de inspección correspondente no caso de que o solicitante estea destinado nunha escola unitaria.

c) Orzamento dos gastos de matrícula e desprazamento exclusivamente. En ningún caso se farán constar gastos de mantenza e aloxamento.

d) Breve explicación dos motivos polos que se desexa asistir á actividade e repercusión da asistencia a esta na súa función docente.

e) Declaración xurada de non ter recibido reintegro individual nas dúas últimas convocatorias (anos 2004 e 2005), así como de non estar gozando de licenza por estudos durante o período de celebración da actividade de formación.

f) Declaración xurada de non percibir outro tipo de axuda para a mesma actividade.

De acordo co establecido no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a delegación provincial correspondente requirirá a aqueles solicitantes que non acheguen os requisitos anteriormente sinalados, para que nun prazo de dez días emenden as faltas ou xunten os documentos preceptivos; de non o faceren, considerarase que desistiron da súa petición e arquivarase o expediente.

Quinto.

As delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, coa maior bre

vidade, e sempre dentro dos 10 días seguintes ao da súa recepción, remitiranlle á Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais os expedientes de solicitude co informe da Inspección educativa e a súa proposta, segundo o modelo que figura no anexo II desta orde.

Sexto.

1. O reintegro concederase de forma individual e a súa contía fixarase tendo en conta o centro en que estea destinado/a o candidato/a no momento de cursar a instancia, as características da actividade, o lugar de realización, os gastos de inscrición e a adecuación ao nivel de docencia ou especialización que imparta o solicitante. En todo caso, terán preferencia aqueles solicitantes que nunca obtiveron reintegro individual.

2. A valoración dos méritos e demais circunstancias da solicitude para a concesión de reintegros serán estimadas por unha comisión que estará integrada por:

Presidente: subdirector xeral de Ensinanzas Especiais e Formación Permanente.

Vogais:

-O xefe do Servizo de Formación do Profesorado.

-Un funcionario destinado no Servizo de Formación do Profesorado.

-Un funcionario da Subdirección Xeral de Inspección Educativa.

-Un funcionario desta consellería, que actuará como secretario.

3. A Dirección Xeral de Formación Profesional e ensinanzas Especiais, á vista da proposta da devandita comisión, resolverá a concesión ou denegación do reintegro solicitado.

Sétimo.

1. A concesión ou denegación do reintegro seralle notificada directamente ao interesado/a, mediante resolución da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais. Contra a devandita resolución os/as interesados/as poderán interpoñer recursos de alzada, perante a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da recepción da notificación, de acordo co disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda, e en todo caso a obtención concorrente de axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

3. As solicitudes entenderanse desestimadas de non existir resolución expresa no prazo de tres meses, contados a partir da data de entrada no rexistro xeral da solicitude do reintegro individual.

Oitavo.

O aboamento do reintegro tramitarase unha vez que finalice a actividade. Só se aboarán os gastos xustificados. Para iso, o/a interesado/a deberá remitir á Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, dentro de dez días seguintes a ter recibida notificación da concesión da axuda por parte desta dirección xeral, e unha vez rematada a actividade, a seguinte documentación:

a) Breve memoria con informe crítico da actividade desenvolvida.

b) Documento orixinal que xustifique o pagamento da matrícula ou inscrición na actividade e que especifique o importe do gasto realizado.

c) Xustificación dos gastos de desprazamento, segundo corresponda (billete de avión, de tren, factura de axencia ou declaración xurada de ter realizado o desprazamento en vehículo propio), tal como se establece no Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG do 25 de xuño). Todo iso en documentos orixinais.

d) Fotocopia debidamente compulsada do certificado de asistencia, expedido pola entidade organizadora. No caso daquelas actividades que rematen no ano seguinte, compromiso expreso de entregar copia do certificado no momento da súa emisión.

e) Declaración xurada de non percibir outro tipo de subvención para a mesma actividade.

Noveno.

Unha vez concedida a totalidade dos reintegros publicarase no DOG a relación dos profesores beneficiarios desta convocatoria.

Décimo.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2005.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria