DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Luns, 26 de decembro de 2005 Páx. 20.134

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 14 de decembro de 2005 pola que se clasifica como de interese social a Fundación Neurológica Leite Río.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Neurológica Leite Río, con domicilio en Lugo.

Supostos de feito.

1. Jesús Luis Lence Ferreiro, en calidade de presidente da fundación, en escrito do vinte e nove de setembro de 2005 formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Lugo, o día vinte e tres de setembro de 2005, ante o notario José Manuel López Cedrón, co número mil oitocentos cincuenta e catro do seu protocolo, por Jesús Luis Lence Ferreiro, en representación das sociedades Leite Río, S.L., Transleche, S.A., Logitrans Río, S.L., Fonxesta, S.L., Complejo San Cristóbal, S.L., Estación de Servicio Santiago, S.L. e Lence Torres, S.L.

3. Segundo consta no artigo dous dos seus estatutos, o obxecto da fundación é a asistencia e prestación de servizos de fisioterapia e rehabilitación neurolóxica a personas con minusvalidez.

4. O padroado da fundación estará integrado por Jesús Luis Lence Ferreiro como presidente, Luis Jesús Lence Ferreiro como secretario e María Jesús Lence Ferreiro e María del Carmen Lence Ferreiro como vogais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese social da Fundación Neurológica Leite Río dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos exixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese social e a súa adscrición á Consellería de Sanidade.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, quen exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais coma regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día trece de decembro de dous mil cinco.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese social a Fundación Neurológica Leite Río e adscribila á Consellería de Sanidade, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2005.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza