DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Venres, 23 de decembro de 2005 Páx. 20.090

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

RESOLUCIÓN do 19 de decembro de 2005, da Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, pola que se establece o procedemento de autorización da concentración de aves de curral e outras aves cativas de acordo co disposto no artigo 4 da Orde APA/3553/2005, do 15 de novembro, pola que se establecen medidas específicas de protección en relación coa influenza aviaria.

A Decisión 2005/734/CE, da comisión, do 19 de outubro de 2005, modificada pola Decisión 2005/745/CE, do 21 de outubro de 2005 e mais pola Decisión 2005/855/CE, do 30 de novembro de 2005, establecen medidas adicionais de bioseguridade para reducir o risco da transmisión de gripe aviaria no ámbito da Unión Europea, en consonancia coas medidas previstas na Directiva 92/40/CE do Consello, do 19 de maio de 1992, pola que se establecen medidas comunitarias para a loita contra a influenza aviaria.

A Orde APA/3553/2005, do 15 de novembro, pola que se establecen medidas específicas de protección en relación coa influenza aviaria, regula medidas de bioseguridade adicionais, prohibindo de xeito concreto as concentracións de aves en todo o territorio do Estado español até o 15 de decembro de 2005, periodo que foi prorrogado pola Orde APA/3855/2005, do 9 decembro até o 31 de maio de 2006. Non obstante, o artigo 4, establece a posibilidade de que a autoridade competente da comunidade autónoma en materia de sanidade animal poida autorizar a concentración de aves de curral e outras aves cativas logo de avaliación do risco que dea un resultado favorabel.

A Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria da Consellería do Medio Rural, en virtude das competencias en materia de sanidade animal atribuídas polos decretos 232/2005, do 11 de agosto e 562/2005 do 1 de decembro, reforzou as actuacións de vixilancia activa (mostraxe de aves de curral e silvestre) e pasiva, así como, as medidas de control e alerta a través dun protocolo de actuación que permite realizar de xeito permanente unha análise do risco e do impacto das medidas adoptadas.

O programa de vixilancia que se vén realizando desde 2003 seguindo as directrices da UE, veuse reforzado durante 2005 tanto no subprograma de aves de curral como no de aves silvestres. O programa leva consigo unha recollida continuada de mostras e análises para a detección da circulación do virus tanto nas explotacións como nas poboacións silvestres, sen que até o de agora se detectasen resultados positivos das mostras analizadas.

De acordo coa información dispoñíbel sobre migracións de aves silvestres, na época de inverno os fluxos migratorios que se detectan rexistran unha intensidade moito menor que noutras épocas do ano, polo que se pode considerar que estamos nunha fase

de maior seguridade fronte ao risco de chegada do virus a través da migración de aves.

Atendendo a estas novas circunstancias temporais, e conforme o disposto na normativa de aplicación, que permite a autorización excepcional da celebración de concentración aviarias pola autoridade competente, regúlanse as condicións necesarias para autorizar temporalmente as devanditas concentracións, logo da análise do risco individual en cada suposto dentro do contexto dunha avaliación de riscos xerais, que terá en conta as dinámicas de migracións de aves silvestres, a situación epidemiolóxica internacional e os resultados das análises das mostras obtidas na execución continuada do programa de vixilancia.

Por todo o exposto

DISPOÑO:

Artigo 1º

Durante o prazo de vixencia das medidas especiais de prevención da gripe aviaria derivadas da Decisión 2005/734/CE, da comisión, do 19 de outubro de 2005, modificada pola Decisión 2005/745/CE, do 21 de outubro de 2005 e mais pola Decisión 2005/855/CE, do 30 de novembro de 2005, as institucións, ou outras entidades que pretendan celebrar concentracións de aves de curral ou doutro tipo en mercados, mostras, exhibicións e celebracións culturais, deberán formular solicitude que deberá vir acompañada da seguinte documentación:

1. Localización do lugar proposto para a celebración da concentración de aves que preferentemente incluirá as súas coordenadas xeográficas, ou no seu defecto, a representación a través dun plano a escala 1:10000.

2. Informe municipal sobre a existencia no raio de 1 quilómetro arredor do lugar proposto para a concentración de currais familares e parques ou xardíns onde se poidan manter aves.

3. Esbozo das instalacións do recinto onde se celebra a concentración.

4. Informe veterinario sobre as condicións sanitarias dispostas para a celebración da concentración solicitada que cando menos inclúa:

-Condicións sanitarias do recinto da concentración.

-Previsións de medidas de limpeza e desinfección anteriores e posteriores á celebración do certame.

-Referencia específica ás medidas destinadas e impedir o contacto directo ou indirecto entre aves silvestres e aves do certame.

-Descrición do sistema de rexistro que establecerá a organización do evento quen achegará todos os datos relativos a procedencia, número e tipo de aves entradas e saídas das mesmas.

-Orixes das aves cuxa participación estea prevista no evento. Indicarase se se tratar de currais familiares, granxas industriais ou operadores comerciais de aves, así como o ámbito de procedencia.

Artigo 2º

Daráselle preferencia á autorización de certames de aves de curral en que as aves procedan do ámbito territorial da mesma unidade veterinaria local onde se celebre a feira.

Artigo 3º

A organización acreditará a designación dun servizo veterinario responsable do cumprimento das condicións establecidas, da emisión de informes e de prestar o apoio ás actuacións que puideran solicitarlle os servizos veterinarios oficiais durante as horas de celebración da concentración aviaria.

Nos supostos que a continuación se explicitan e sempre que se trate de concentracións que poidan ser consideradas de escasa entidade, tanto polo escaso número de aves comercializadas como de produtores asistentes, a autoridade competente pode exeptuar do cumprimento deste requisito se estima que está suficientemente garantido o cumprimento das condicións establecidas para a autorización da concentración. En todo caso os solicitantes, designarán unha persoa encargada de prestar o apoio requirido nas actuacións de control que puideran demandarlles aos servizos veterinarios oficiais e asegurararán que a procedencia das aves é de ámbito exclusivamente local e produto do cebo realizado en currais familiares cuxos titulares deben con antelación comunicar aos servizos veterinarios oficiais a súa dispoñibilidade a participar na concentración de aves prevista.

Artigo 4º

As solicitudes presentaranse preferentemente nas oficinas da Consellería do Medio Rural, tamén nos demais lugares e formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, cunha antelación mínima de 21 días á data prevista da celebración da concentración solicitada.

O/a delegado/a provincial da Consellería do Medio Rural resolverá nun prazo máximo de 10 días, logo de informe técnico das solicitudes emitido polos servizos provinciais de gandaría, entendéndose denegada a solicitude no caso de falta de resolución expresa nese período.

Artigo 5º

A autorización deberá ser tramitada individualmente para cada concentración que se pretenda celebrar de xeito que non poderá autorizarse indefinidamente unha concentración que pretenda realizarse periodicamente.

Artigo 6º

As instalacións coas que deben contar as concentracións de aves garantirán tanto as condicións de benestar animal como de hixene, sanidade e bioseguridade que se indican no anexo I.

Artigo 7º

Non se autorizará ningunha concentración coa presenza de parrulos, gansos ou calquera especie de aves silvestres.

Artigo 8º

Os requisitos recollidos nos artigos anteriores serán exixíbeis mentres continúen vixentes as medidas de prevención fronte á gripe aviaria e poderán variar en función das circunstancias epidemiolóxicas que existan en cada momento.

Disposición transitoria

1. Non obstante o disposto no artigo 4, nos 21 días seguintes á data de publicación da presente resolución, as solicitudes para autorizar as concentracións de aves poderanse presentar cunha antelación mínima de 3 días á data de celebración.

2. Durante este período transitorio as solicitudes deben presentarse directamente por calquera medio válido diante dos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural.

3. Durante este período transitorio os servizos de sanidade animal resolverán coa maior dilixencia as solicitudes presentadas garantindo sempre a realización da preceptiva análise de riscos que deberá dar resultado favorábel para outorgar a autorización.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2005.

Antornio Oca Fernández

Director xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria

ANEXO I

As concentracións celebraranse preferentemente en construcións permanentes cubertas que impidan suficientemente a posibilidade de contacto entre as aves do certame e as silvestres.

De celebrarse a concentración en instalacións non permanentes, os organizadores asegurarán a dispoñibilidade dun espazo que deberá estar ben delimitado e cercado, destinado á descarga venda e comercialización das aves. Este espazo estará afastado por unha distancia mínima de 5 metros de calquera outra instalación comercial que puidera existir no mercado. O recinto delimitado disporá de cobertura total que impida o acceso de aves silvestres ou ben individualmente cada posto de exposición e venda de aves estará protexido por telas paxareiras lateral e superiormente que cubrirán totalmente o espazo onde se expoñan as aves cun saínte de 3 metros na súa parte frontal.

O piso das zonas destinadas á exposición e venda de aves estará protexido cunha lona ou outro material de fácil limpeza e desinfección que será limpada e desinfectada antes e despois do seu uso.

O recinto limparase e desinfectarase antes e despois da celebración da concentración utilizando produtos de recoñecida eficacia fronte ao virus da influenza aviaria.

Os animais que entren no recinto virán e permanecerán na medida do posíbel en gaiolas cuxo deseño e dimensións respecten as condicións de hixiene e benestar dos anima

Disporase cando menos de equipo portátil para a desinfección dos vehículos utilizados para o transporte das aves.

A organización establecerá un sistema de control do acceso de aves ao recinto, co obxecto de inspeccionar as aves, revisar a documentación sanitaria exixible e rexistrar datos da procedencia nº e tipo de aves presentadas. O servizo veterinario responsable do certame, tras a inspección das aves comunicará inmediatamente aos servizos veterinarios oficiais calquera indicio de enfermidade que faga sospeitar a presenza de influenza aviaria.

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA