DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244 Xoves, 22 de decembro de 2005 Páx. 20.034

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 14 de decembro de 2005 pola que se modifica a do 4 de xuño de 2003 pola que se establecen as bases e condicións para a adopción de medidas complementarias na pesca costeira artesanal e se regula o procedemento de concesión de primas globais a tanto alzado.

A Orde do 4 de xuño de 2003 pola que se establecen as bases e condicións para a adopción de medidas complementarias na pesca costeira artesanal e se regula o procedemento de concesión de primas globais a tanto alzado (DOG nº 109, do 6 de xuño), establece no seu artigo 5 que os grupos de solicitantes poderán solicitar as axudas como persoas físicas ou constituídos en persoas xurídicas, cando cumpran entre outros o seguinte requisito: «Que formen o grupo dentro dun marco asociativo» coas seguintes condicións, «que estea formalmente constituído, da que formen parte todos os participantes do grupo e que sexa aprobada pola Administración xestora como marco asociativo idóneo».

A experiencia acumulada no tempo que leva en vigor esta orde e as necesidades detectadas entre determinados colectivos do sector para poder levar adiante algúns proxectos que necesitan da constitución dunha persoa xurídica con vocación empresarial, fai necesario incluír como promotores ás cooperativas, fórmula que, recollendo os requisitos marcados nos regulamentos comunitarios, permite conseguir máis eficazmente os obxectivos das axudas á pesca costeira artesanal.

Neste encadramento, as cooperativas como entidades asociativas de persoas con finalidade empre

sarial satisfan non só os requirimentos do regulamento comunitario en canto a asociar os solicitantes das axudas de pesca costeira artesanal, senón que a súa vocación empresarial lles permite cubrir aquelas necesidades para a posta en marcha de determinados proxectos onde a orientación produtiva ou comercializadora así o demandan, axilizando cando non permitindo a posta en marcha destes proxectos.

Mesmo neste marco é preciso establecer determinadas cautelas para que a finalidade das axudas para a pesca costeira artesanal se cumpra fielmente consonte o determinado no regulamento comunitario, polo que é preciso fixar os requisitos que deben cumprir estas entidades a maiores do establecido na Orde do 4 de xuño de 2003, para poder solicicitar as axudas.

Por outra banda, a modificación polo artigo 12 da Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, do artigo 78 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, que establece o réxime xeral de axudas e subvencións, fai necesario acomodar a redacción das disposicións da orde aos preceptos da dita lei, polo que se realizan os engadidos e as modificacións necesarias para tal adecuación.

Polo exposto, acometeuse unha reforma da orde citada que, recollendo as novas propostas, mantén as liñas básicas fixadas e favorece a súa eficacia.

Para tal obxecto, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º

Modificase o parágrafo 3º do artigo 5, que queda redactado como segue:

«Que formen o grupo dentro dun marco asociativo, que poderá ser unha organización de produtores pesqueiros, unha confraría de pescadores ou federación provincial destas, unha cooperativa do mar, de produción acuícola ou de traballo asociado das definidas nas seccións 8ª, 9ª ou 2ª do título III, capítulo 1 da Lei 5/1998, de cooperativas de Galicia, ou outro tipo asociativo que estea formalmente constituído, do que formen parte todos os participantes do grupo e que sexa aprobada pola Administración xestora como marco asociativo idóneo».

Artigo 2º

Modifícase o parágrafo 2º do artigo 7, que queda redactado como segue:

«Neste caso os promotores, agás os que adopten a fórmula cooperativa, non poderán ter ánimo de lucro e os destinatarios do proxecto serán igualmente os determinados no artigo 6º, garantíndose a participación equitativa de todos eles nas actividades do proxecto».

Artigo 3º

Engádese un novo parágrafo ao artigo 7, que se inserirá a continuación do 2º, coa seguinte redacción:

«As cooperativas que actúen como promotores, deberán estar formadas por socios que cumpran na

súa totalidade os requisitos establecidos no artigo 6º, sendo o número mínimo de socios non inferior a 8 ou ao 10% do número de beneficiarios posibles dentro da agrupación sectorial correspondente á confraría ou marco asociativo de referencia».

Artigo 4º

Modifícanse os parágrafos 6º e corríxese o erro de numeración do parágrafo que figura como 8º do artigo 8, que queda redactado como segue:

«6. Coa solicitude e coa petición de pagamento da axuda deberán presentar declaración relativa a todas as subvencións concedidas ou solicitadas, para o mesmo proxecto, e dar cumprimento a todo o establecido no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, tal como foi modificada polo artigo 12 da Lei 14/2004, do 29 de decembro.

7. En toda a documentación pública relacionada co investimento obxecto da axuda farase constar que estas se realizarán cunha axuda da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e da Unión Europea, a través do IFOP».

Artigo 5º

Engádenselle tres parágrafos ao artigo 8º, coa seguinte redacción:

«8. Acreditar perante a entidade concedente ou, se é o caso, perante a entidade colaboradora, a realización da actividade ou a adopción do comportamento, así como o cumprimento dos requisitos ou das condicións que determinan a concesión ou o gozo da axuda. O cumprimento desta obriga de xustificación realizarase nos termos previstos no artigo 30 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na normativa regulamentaria de desenvolvemento e do disposto nas bases reguladoras ou nos instrumentos de concesión.

9. Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión que se atopa ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, na forma na que se determine regulamentariamente e sen prexuízo do establecido na disposición adicional décimo oitava da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

10. A subcontratación das actividades subvencionadas polos beneficiarios deberá axustarse ao disposto no artigo 29 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións».

Artigo 6º

Modifícase o parágrafo 1º do artigo 9, que queda redactado como segue:

«Os beneficiarios que incumpran as condicións de concesión da axuda, incluído o compromiso de mantemento da actividade, estarán obrigados a reintegrar o importe total ou parcial da axuda percibida e os xuros de demora segundo corresponda, conforme

o establecido no artigo 78.9º da Lei de réxime financeiro e orzamentario, texto refundido aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, segundo modificación realizada polo artigo 12 da Lei 14/2004, do 29 de decembro».

Artigo 7º

Modifícase o artigo 14º, que queda redactado como segue:

«Unha vez recibidas as instancias e a documentación, estas serán examinadas pola Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, que se observase algunha deficiencia lle concederá ao solicitante un prazo de 10 días para emendala, conforme o artigo 71 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999. Transcorrido este prazo sen que se producise a emenda, considerarase desistido da súa petición, logo de resolución.

O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva. A proposta de concesión formularáselle á conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, na contía que se considere oportuna en función das dispoñibilidades do crédito existente por un órgano colexiado, a comisión de selección, a través do órgano instrutor, designados ambos os dous pola conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos.

A comisión de selección, no seu estudo e valoración, elaborará un informe de viabilidade e interese para a zona onde se realice o investimento, solicitará a ampliación de datos ou outros informes que considere necesarios e efectuará as comprobacións pertinentes; seguidamente, formulará a proposta de resolución favorable ou denegatoria de cada solicitude. A determinación dos gastos subvencionables axustarase ao disposto no artigo 31 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

A conselleira ditará resolución de concesión ou denegación da axuda solicitada, tendo en conta as prioridades e limitacións establecidas nesta disposición, no prazo máximo de 6 meses contados a partir da finalización do correspondente período de selección estipulado no artigo 11.

No caso de non recaer resolución expresa de concesión, a solicitude quedará desestimada.

Conforme o establecido no artigo 78.3º da Lei de réxime financeiro e orzamentario, texto refundido aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, segundo modificación realizada polo artigo 12 da Lei 14/2004, de medidas tributarias e de réxime administrativo, delégase na directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro a resolución destas axudas.

Artigo 8º

Modifícase o artigo 20, letra b), que queda redactado como segue:

«b) Que os beneficiarios figuren ao día do cumprimento das súas obrigas tributarias -estatais e autonómicas- e da Seguridade Social, non sexan debedores en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou non teñan débeda ningunha, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.

Artigo 9º

Engádese un último parágrafo ao artigo 21, coa seguinte redacción:

Os rendementos financeiros que se xeren polos fondos librados aos beneficiarios incrementarán o importe da subvención concedida e aplicaranse igualmente á actividade subvencionada».

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A concesión destas primas globais a tanto alzado queda condicionada á autorización expresa ou por silencio positivo da Comisión Europea do réxime de axudas establecidas nesta orde.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2005.

Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA