DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Luns, 19 de decembro de 2005 Páx. 19.806

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 7 de decembro de 2005 pola que se convoca un seminario de formación sobre o Programa Xuventude en colaboración coa Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

Dentro do programa de actividades da EGAP para 2006, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase un seminario de formación sobre o Programa Xuventude en colaboración coa Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, que deberá desenvolverse segundo as seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Que os participantes adquiran unha formación ampla e eminentemente práctica sobre o Programa Xuventude, en todas as súas accións.

Que tomen conciencia do valor pedagóxico dos intercambios e do seu papel como vehículo intercultural.

Que adquiran unha formación básica e práctica na planificación, xestión e realización das distintas accións do programa.

Que sirvan de axentes multiplicadores do programa, potenciando e impulsando no seu medio a realización de proxectos.

Coñecer experiencias reais levadas a cabo por grupos de mozos/as e fomentar o mutuo coñecemento entre as organizacións e participantes.

Segunda.-Contido.

Marco xeral do Programa Xuventude. A Unión Europea e a xuventude. Acceso a fontes e programas da Unión Europea. Obxectivos, planificación e programación dun intercambio. Fases na elaboración dun proxecto: descrición e financiamento. Escolas, casos prácticos. Programa Sócrates e Leonardo da Vinci. Asociacionismo e participación xuvenil. Iniciativas de grupo, obxectivos e prioridades, experiencias prácticas. Medidas complementarias de apoio ao programa. Avaliación.

Terceira.-Destinatarios.

Responsables do programa na Dirección Xeral de Xuventude, servizos provinciais de Xuventude, técnicos xuvenís dos concellos, informadores xuvenís, responsables de asociacións, entidades e grupos xuvenís, directivos de escolas de tempo libre, animadores socioculturais, dinamizadores de xuventude que sexan posibles organizadores de proxectos de intercambio dentro do Programa Xuventude.

Cuarta.-Desenvolvemento

4.1. Duración: 30 horas.

4.2. Lugar: Centro Coordinador de Información e Documentación Xuvenil de Galicia, praza do Matadoiro, s/n 15703 Santiago de Compostela. Telf.: 981 58 39 78.

4.3. Datas: 16, 17, 23 e 30 de xaneiro.

4.4. Horario: das 9.00 ás 14.00 e das 16.00 ás 19.30 horas.

4.5. Prazas: 30.

Quinta.-Solicitudes.

As solicitudes de admisión para o seminario, segundo modelo que figura ao final da convocatoria, dirixiranse á Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade e presentaranse no rexistro xeral da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, San Caetano, s/n, ou en calquera das súas delegacións provinciais sen prexuízo do disposto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sexta.-Prazo.

O prazo de presentación de solicitudes será de quince días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Sétima.-Selección.

Os criterios de selección serán os sinalados con carácter xeral na resolución da Escola Galega de Administración Pública do 11 de febreiro de 2004 (DOG nº 34, do 18 de febreiro).

Oitava.-Certificado de asistencia.

Outorgaráselles o correspondente certificado de asistencia aos alumnos que participen con regularidade no seminario.

É obrigatoria a asistencia e puntualidade a todas as sesións do seminario. Toda ausencia deberá ser debidamente xustificada polo interesado. A falta de asistencia, aínda que sexa xustificada, a máis do 15% das horas lectivas programadas, impedirá a expedición da certificación anteriormente referida e dará lugar á baixa no seminario coa perda de todos os dereitos.

Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2005.

Antonio Izquierdo Escribano

Director da Escola Galega de Administración

Pública

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA