DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Luns, 19 de decembro de 2005 Páx. 19.799

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

RESOLUCIÓN do 23 de novembro de 2005, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Hispanomoción, S.A. (Mosa-Vigo).

Visto o texto do convenio colectivo da empresa Hispanomoción, S.A. (Mosa-Vigo), con nº de código 3600522, que tivo entrada no rexistro único do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Vigo o día 10-10-2005, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social, polos delegados de persoal, en data 27-9-2005. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordenar a súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e na notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordenar o seu depósito no Servizo de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 23 de novembro de 2005.

Pedro Borrajo Rivas

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo 2005 e 2006

para Hispanomoción, S.A. (Mosa-Vigo)

Artigo 1º.-Obxecto do convenio.

Este convenio colectivo formalízase conforme o Estatuto dos traballadores, co fin de fomentar o espírito de xustiza social, mellorando o nivel de vida dos traballadores e incrementando a súa produtividade.

Artigo 2º.-Ámbito funcional.

Este convenio afectará a todos os centros de traballo da empresa situados en Vigo.

Artigo 3º.-Ámbito territorial.

O ámbito territorial deste convenio é o da empresa Hispanomoción, S.A. (Mosa-Vigo), nos seus centros de traballo mencionados e nos que durante a súa vixencia se poidan abrir na provincia.

Artigo 4º.-Ámbito persoal.

Este convenio colectivo afectará a todo o persoal da empresa Hispanomoción, S.A. (Mosa-Vigo) e dos centros comerciais dependentes dela que estea no cadro de persoal no momento da súa sinatura e o que se contrate durante a súa vixencia.

Artigo 5º.-Ámbito temporal.

A vixencia deste convenio é para o período abranguido entre o 1 de xaneiro de 2005 e o 31 de decembro de 2006.

Artigo 6º.-Denuncia do convenio.

Calquera das partes poderá denunciar o convenio, con tres meses de antelación, como máximo, á súa data de caducidade, en escrito do que notificará a recepción a parte receptora.

Artigo 7º.-Comisión paritaria.

Queda constituída unha comisión paritaria de catro membros: dous representantes dos traballadores e dous da empresa, para interpretar o convenio e como órgano de arbitraxe, conciliación e vixilancia do cumprimento.

Artigo 8º.-Unidade de convenio.

Este convenio aplicarase con exclusividade de calquera outro e constitúe un todo orgánico, único e indivisible, quedando as partes vinculadas ao cumprimento da súa totalidade, agás que as partes acordasen modificacións parciais del.

Artigo 9º.-Condicións máis beneficiosas; garantía persoal.

O persoal que, con anterioridade a este convenio, viñese desfrutando de condicións máis vantaxosas cás que aquí se establecen, globalmente, deberá conservalas.

Artigo 10º.-Compensación.

As condicións económicas e sociais pactadas neste convenio, no seu cómputo global e anual, son compensables coas que anteriormente rexesen por imperativo legal, por mellora da empresa ou pacto de calquera clase.

Artigo 11º.-Non absorción de melloras.

Todas as melloras que, por disposición legal, se establezan, non serán absorbidas por este convenio no que excedan o nivel deste, considerado anual e globalmente. Si o serán na medida en que non superen o dito nivel.

Artigo 12º.-Prelación de normas.

As normas contidas neste convenio regularán as relacións entre a empresa o seu persoal. Con carácter supletorio, no non previsto neste convenio observarase o disposto no Estatuto dos traballadores e demais normas laborais vixentes.

Artigo 13º.-Organización do traballo.

En todo o relativo á organización do traballo na empresa, observarase o disposto no Estatuto dos tra

balladores e demais disposicións laborais vixentes sobre a materia.

Artigo 14º.-Xornada de traballo e horario.

Agás nos meses de xuño, xullo e agosto, o persoal de administración, talleres e recambios traballará a xornada partida común que se establece no cadro horario anexo I.

O calendario laboral será de 1.800 horas de traballo efectivo ao ano ou 40 horas semanais.

Decláranse festivos aboables e non recuperables os días 24 e 31 de decembro.

Artigo 15º.-Vacacións.

As vacacións anuais serán de trinta (30) días naturais para todo o persoal que leve un ano ou máis de permanencia na empresa.

A data de desfrute das vacacións será preferentemente entre os días 1 de xuño e 30 de setembro; en caso de desacordo observarase o previsto na lei.

As vacacións desfrutaranse ininterrompidamente, agás pacto en contrario.

Nas vacacións, ao persoal produtivo de taller aboaráselle a media dos tres últimos meses dos incentivos.

Artigo 16º.-Prestacións económicas en caso de incapacidade temporal.

1. IT derivada de enfermidade común ou accidente non laboral.

a) A todo o persoal que se encontre de baixa por enfermidade común, constatada pola Seguridade Social mediante o preceptivo parte de baixa, que deberá entregar o traballador á empresa nos 3 días seguintes, aplicaránselle as seguintes regras:

-Do 1º ao 3º día aboarase o 100% da retribución que segundo este convenio perciba o traballador

-A partir do 4º día e ata o período máximo de 12 meses, complementarase o necesario para alcanzar o 100% da retribución total que no mes anterior á data de baixa perciba o traballador (sen incluír o importe das horas extraordinarias, gardas, primas de devengo superior ao mensual e conceptos non cotizables). Este complemento poderá ampliarse ata os 18 meses, sempre que se obteña un informe favorable dos servizos médicos.

b) O aboamento dos citados complementos realizarase tendo en conta que a baixa se considere xustificada. Ante un informe negativo dos especialistas da Seguridade Social ou en caso de incomparecencia inxustificada do traballador ás citacións realizadas polos servizos médicos, poderase retirar o aboamento dos citados complementos.

2. IT derivada de accidente de traballo ou enfermidade profesional.

A todo o persoal que estea de baixa por accidente de traballo ou enfermidade profesional, logo de informe favorable dos especialistas da mutua de acci

dentes de traballo, se lle completará a porcentaxe establecida segundo a lei, ata alcanzar desde o primeiro día de baixa, o 100% da retribución total correspondente ao mes anterior ao da baixa (sen incluír o importe das horas extraordinarias, gardas, primas de devengo superior ao mensual e conceptos non cotizables).

Non obstante o anterior, en caso de incomparecencia inxustificada do traballador ás citacións realizadas pola mutua de accidentes, poderase retirar o aboamento do citado complemento.

Os complementos establecidos neste artigo aplicaranse mentres se manteñan a cargo da Seguridade Social as porcentaxes establecidas actualmente. En caso de producirse algunha modificación destes, procederase á revisión deste artigo.

Artigo 17º.-Produtividade.

O persoal afectado por este convenio porá o máximo interese e boa vontade na prestación do seu traballo para que a súa produtividade permita compensar as retribucións económicas e prestacións sociais pactadas neste convenio.

Artigo 18º.-Salarios.

Para o ano 2005, os salarios vixentes serán os recollidos nas táboas que se xuntan ao anexo II para cada categoría. Os ditos salarios estarán en vigor desde o 1 de xaneiro de 2005 ata o 31 de decembro do mesmo ano.

Para o ano 2006, os salarios aplicables serán os recollidos nas táboas que se xuntan no anexo III para cada categoría profesional. Estes salarios entrarán en vigor desde o día 1 de xaneiro de 2006 ata o día 31 de decembro de 2006.

Artigo 19º.-Antigüidade.

Os premios por antigüidade consistirán en cuadrienios ao 5% sobre o soldo convenio.

Para o cómputo do premio de antigüidade considerarase a data inicial de ingreso na empresa, calquera que sexa a categoría en que se realizase, e conservarase en caso de ascenso.

Os cuadrienios por antigüidade iranse computando durante a vida do produtor, e consideraranse tempo hábil para estes efectos a aprendizaxe e o aspirantado, percibíndoos mesmo aprendices, aspirantes, auxiliares de caixa, persoal de limpeza, etc., sempre que reúnan catro anos ao servizo da empresa.

O persoal que se incorpore a partir do 1 de enero de 2000 non xerará antigüidade para efectos de percepción económica e, en compensación, percibirá a cantidade de 9,38 euros mensuais ao cumprir catro anos ao servizo da empresa.

Artigo 20º.-Gratificacións extraordinarias.

O persoal afectado por este convenio terá dereito a percibir catro pagas extraordinarias, dunha mensualidade cada unha delas, a salario real, en cada un dos meses seguintes: marzo, xullo, outubro e

decembro Nadal. As pagas de marzo e outubro deben ser aboadas non despois do día 15 dos ditos meses e a extraordinaria de Nadal antes do día 20 do mes de decembro.

Artigo 21º.-Licenzas retribuídas.

As licenzas retribuídas regularanse polo disposto na lexislación laboral vixente, coas modificacións que a seguir se expoñen:

-En caso de matrimonio do traballador, 15 días naturais.

-En caso de parto da esposa, enfermidade grave ou falecemento do cónxuxe ou fillos, 5 días naturais.

-En caso de traslado de domicilio habitual, 2 días naturais.

-En caso de falecemento de pais, sogros, irmáns, cuñados, netos, avós ou avós políticos, 3 días naturais.

Para os permisos non especificados no parágrafo anterior, os traballadores terán dereito a permisos retribuídos conforme o estipulado nos artigos 22 e 37 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 22º.-Excedencias.

En materia de excedencias observarase o preceptuado no artigo 46 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 23º.-Prestacións sociais.

A) Premios de natalidade e nupcialidade:

Ao persoal da empresa concederánselle os seguintes premios nos casos que se citan a seguir:

a) Ao contraer matrimonio: 60,10 euros.

b) Polo nacemento de cada fillo: 72,12 euros.

A empresa poderá exixir certificación acreditativa polo feito que orixine as percepcións mencionadas.

B) Axuda por defunción:

No caso de falecemento do traballador, a empresa aboará á persoa que aquel designase como beneficiaria, mediante escrito á dirección daquela, unha mensualidade por cada ano de servizo na empresa, cun máximo de seis mensualidades.

En defecto de designación expresa, o citado dereito atribuirase ao cónxuxe supervivente ou persoa que con el conviva ou aos que sexan declarados herdeiros legais do causante.

C) Fondo de estudos:

A empresa, logo da relación presentada polo comité de empresa ou outra comisión asignada para o efecto, aboará 60,10 euros en concepto de axuda escolar por cada fillo dos traballadores abranguidos en idade escolar entre os 3 e os 16 anos. Esta cantidade estará destinada a facilitar os estudos do traballador ou dos seus fillos abranguidos na idade citada. A empresa aboará a dita cantidade no mes de outubro, con criterio fundamentalmente social.

D) Seguro de vida:

A empresa establece un seguro de vida, a favor do seu persoal ata que o traballador cause baixa na compañía por calquera motivo.

O capital asegurado será de 27.045,54 A para os traballadores con postos de responsabilidade na empresa (xefes de departamento) e de 18.030,36 A para o resto do persoal.

Este seguro garante os riscos alternativos seguintes:

-Morte natural ou incapacidade permanente derivadas de enfermidade: aboamento do capital asegurado.

-Morte ou incapacidade permanente derivadas de accidente: aboamento do capital asegurado máis un capital complementario de 27.045,54 euros.

Os traballadores contratados a tempo parcial cunha xornada inferior ao 80% da xornada fixada no artigo 14º deste convenio, reducirán os capitais asegurados en proporción á xornada contratada.

Adicionalmente, a empresa cubrirá mediante un seguro complementario de accidentes, o persoal que, por necesidades do servizo, teña que desprazarse fóra do seu centro de traballo. Este seguro garantirá os riscos de falecemento e incapacidade permanente por un importe adicional de 38.182,26 euros.

No suposto de incapacidade permanente total, a cobertura asegurada farase efectiva no momento de causar baixa no cadro de persoal da empresa e do recoñecemento legal de tal situación.

E) Axuda para diminuído psíquico:

A aqueles produtores que teñan descendentes diminuídos psíquicos, de calquera cualificación, que deles dependan, aboaránselles 42,07 euros mensuais por cada un, logo de xustificación polo INSS.

F) Fondo de anticipos:

Mantense o fondo de anticipos reintegrables ata a suma de un millón cincocentas mil pesetas (9.015,18 euros) destinado a atender necesidades económicas urxentes e graves do persoal do cadro de Mosa-Vigo.

O dito fondo de anticipos poderá solicitarse, como máximo, por unha contía equivalente a catro mensualidades de salario do solicitante. O reintegro verificarase por deducións periódicas en nómina e por un tempo máximo dun ano fraccionado mes a mes. Non poderá solicitar un novo préstamo o traballador que teña pendente de amortizar outro anterior, ata a súa total cancelación. O comité de empresa de Mosa-Vigo é o encargado de conceder, denegar ou diminuír os préstamos solicitados, á vista das peticións habidas e da importancia e urxencia delas, comprobando previamente a existencia de anticipos anteriores e fondos existentes. A solicitude de préstamos á caixa de anticipos realizarase mediante carta dirixida á dirección, coa aprobación do comité de

empresa e xunto cos documentos que acrediten a urxencia e necesidade deles.

G) Gastos de locomoción:

Establécese en 76,06 euros a axuda para locomoción, que se percibirá durante todos os meses do ano, agás o correspondente a vacacións. No caso de enfermidade xustificada polo INSS non se perde o dereito a esta axuda por locomoción.

H) Traballos tóxicos, penosos ou perigosos:

Ao persoal das seccións de camións, chapa, pintura e turismos que efectúe traballos tóxicos, penosos e/ou perigosos incrementaráselle o seu salario base nun 20%. Se concorresen dous traballos da mesma natureza expresada, o incremento do salario sería do 25% e do 30% se fosen tres ou máis.

I) Roupa de traballo:

O persoal produtivo de talleres e recambios, o mesmo que vén recibindo na actualidade, terá dereito a que a empresa o provexa de tres pezas de roupa e de dúas toallas ao ano. En caso de que por razóns excepcionais unha peza de roupa de traballo sexa inservible, seralle reposta pola empresa; cada caso será estudado individualmente polo comité de seguridade e a dirección. As pezas de roupa novas anuais serán entregadas nos meses de xaneiro, maio e setembro.

J) Seguridade e hixiene:

No ámbito da prevención de riscos laborais, a empresa observará o disposto na Lei 31/1995, do 8 de novembro, e normas de desenvolvemento.

K) Recoñecemento médico:

Os traballadores terán dereito a un recoñecemento médico ao ano, nos centros sanitarios que a empresa determina e, con preferencia, no ISH de Rande.

L) Traballadores diminuídos:

Os traballadores afectados de capacidade diminuída, logo de certificación médica, poderán ser aplicados a outra actividade distinta á da súa categoría profesional, adecuada á súa aptitude, respectándose o salario que tivesen acreditado antes de pasar á dita situación e conservando o dereito aos aumentos que por convenio, pactos, etc., experimentase no sucesivo a categoría que tivesen no momento de producirse o feito determinante da diminución da súa capacidade.

A asignación destes postos farase de común acordo entre a dirección e o comité de empresa. A incapacidade certificada polos servizos médicos da Seguridade Social debe conformala o médico de empresa.

Artigo 24º.-Xubilación.

1. Como medida de fomento de emprego e de conformidade co disposto no R.D. 1194/1985, do 17 de xullo, os traballadores con 64 anos cumpridos poden acollerse á xubilación total co 100% dos dereitos sen aplicación do coeficiente redutor e cos beneficios que terían de ter cumprido os 65 anos,

sempre que a empresa substitúa asemade o traballador xubilado por unha persoa desempregada.

Será necesario, previamente ao inicio do trámite de xubilación, o acordo entre o traballador e a empresa.

2. Co fin de propiciar a consolidación da empresa e dos seus postos de traballo, así como a posibilidade de creación de novos empregos, establécese a xubilación obrigatoria á idade de 65 anos. En consecuencia, cumpridos os 65 anos, o traballador causará baixa no cadro de persoal da empresa, coas dúas únicas seguintes excepcións:

a) Se ao cumprir os 65 anos non lle correspondese na Seguridade Social o 100% de porcentaxe, poderá continuar traballando polo tempo necesario, para completar o dereito á seguinte porcentaxe maior a aquela que lle correspondería ao cumprir os 65 anos. En ningún caso este período poderá ser superior a un ano.

b) No caso de que lle faltara tempo de carencia para adquirir dereito á prestación de xubilación na Seguridade Social, poderá continuar na empresa ata completalo.

3. Para as incorporacións anteriores ao 1 de xaneiro de 2006, no momento da baixa na empresa por xubilación ata os 65 anos, aboarase a cantidade de 8.047,55 euros ou 6.190,42 euros se a baixa se produce por recoñecemento oficial de incapacidade. Para as novas incorporacións a partir do día 1 de xaneiro de 2006, establécese un sistema de premio á xubilación aos 65 anos que se regula polo regulamento que figura en documento para o efecto.

As cantidades fixadas neste regulamento, que para o ano 2005 se concretan en 154,80 euros e 116,43 euros, segundo os casos, actualizaranse anualmente, de acordo coa porcentaxe de incremento salarial e revisión que proceda, de ser o caso, pactadas no convenio colectivo para o ano anterior.

En ambos os casos, perderanse as cantidades previstas como premio por xubilación, se o traballador continuase prestando servizos despois do mes do seu 65 aniversario, salvo que non reúna o tempo mínimo necesario para causar dereito á pensión pública de xubilación, caso no que, poderá continuar traballando o tempo indispensable para iso.

Artigo 25º.-Sala de reunións.

A empresa facilitará unha sala destinada ás reunións do comité de empresa, conforme a lexislación vixente.

Artigo 26º.-Contratación.

Acórdase a adhesión ao disposto no convenio colectivo do comercio do metal para a provincia de Pontevedra, no referido á duración máxima do contrato eventual, segundo o disposto no artigo 15.1º b) do Estatuto dos traballadores.

Con obxecto de facilitar a xubilación parcial dos traballadores e para os efectos da realización do con

trato de relevo, as categorías profesionais reflectidas na táboa salarial agrúpanse nos seguintes grupos profesionais:

Grupo profesional de persoal ocupacional:

-Xefe de departamento.

-Xefe de sección.

-Dependente.

-Axudante de dependente.

-Oficial 1ª especialista.

-Oficial 1ª.

-Oficial 2ª.

-Oficial 3ª.

-Mozo.

-Subalterno.

Grupo profesional de persoal de estrutura:

-Xerente.

-Xefe de departamento.

-Xefe de sección.

-Vendedores.

-Oficial administrativo.

-Auxiliar administrativo.

-Subalterno.

Artigo 27º.-Dereitos sindicais.

Os dereitos sindicais serán os que dispoñan as leis vixentes en cada momento.

Artigo 28º.-Clasificación profesional.

A clasificación profesional que se establece neste convenio ten como principio fundamental a non discriminación por razón de sexo.

O encadramento profesional deste convenio colectivo estrutúrase sobre a base de cinco grupos profesionais, aos que se asimilan as categorías profesionais, en función dos criterios de coñecementos, autonomía, responsabilidade, iniciativa, mando, complexidade e funcións que se vaian desenvolver.

Grupo profesional I.

Competencias requiridas. Os traballadores pertencentes a este grupo teñen a responsabilidade directa na xestión dunha ou varias áreas funcionais da empresa, ou realizan tarefas técnicas da máis alta complexidade e cualificación. Toman decisións ou participan na súa elaboración, así como na definición de obxectivos concretos. Desempeñan funcións cun alto grao de autonomía, iniciativa e responsabilidade.

Formación. Titulación universitaria de grao superior ou medio ou coñecementos equivalentes equiparados pola empresa e/ou con experiencia consolidada no exercicio do seu ámbito profesional.

Comprende as seguintes categorías:

-Xerente.

-Xefe de departamento.

-Titulado superior.

-Titulado medio.

Grupo profesional II.

Competencias requiridas. Son traballadores que, con ou sen responsabilidade de mando, realizan funcións cun contido medio de actividade intelectual e de interrelación persoal, nun marco de instrucións precisas de complexidade técnica media, con autonomía dentro do proceso. Realizan funcións que supoñen a integración, coordinación e supervisión de tarefas homoxéneas, realizadas por un conxunto de colaboradores, nun ámbito organizativo menor.

Formación. Titulación de grao medio, técnico especialista de segundo grao e/ou con experiencia dilatada no posto de traballo.

Comprende as seguintes categorías:

-Xefe de sección.

-Oficial 1ª especialista.

-Vendedor.

Grupo profesional III.

Competencias requiridas. Tarefas que se executan baixo dependencia de mandos ou profesionais de máis alta cualificación dentro da empresa, normalmente con alto grao de supervisión, pero con certos coñecementos profesionais, cun período intermedio de adaptación.

Formación.-Formación básica ou media, con formación específica no posto de traballo ou coñecementos adquiridos no desempeño da profesión.

Comprende as seguintes categorías:

-Oficial 1ª taller.

-Oficial administrativo.

-Dependente maior.

Grupo profesional IV.

Competencias requiridas. Tarefas que se executen cun alto grao de dependencia con instrucións específicas. Pode requirir esforzo físico, con coñecementos elementais e pode necesitar un pequeno período de adaptación.

Formación. Niveis básicos obrigatorios e nalgún caso, de iniciación para tarefas de oficina, así como coñecementos adquiridos no desempeño da súa profesión.

Comprende as seguintes categorías:

-Oficial 2ª taller.

-Axudante dependente.

-Auxiliar administrativo.

Grupo profesional V.

Competencias requiridas. Tarefas que se executen cun alto grao de dependencia, con instrucións concretas, claramente establecidas, que requiran preferentemente esforzo físico e/ou atención e que non necesitan de formación específica nin período de adaptación.

Formación. Niveis básicos de formación regrada.

Comprende as seguintes categorías:

-Oficial 3ª taller.

-Mozo.

-Subalterno.

Artigo 29º.-Período de proba.

Os períodos de proba para o persoal de novo ingreso serán os seguintes:

Grupo I: 6 meses.

Grupo II: 3 meses.

Grupo III: 2 meses.

Grupo IV e V: 1 mes.

Durante estes períodos, tanto o traballador como a empresa poderán proceder á resolución do contrato sen necesidade de aviso previo, debéndose notificar por escrito. O período de proba quedará interrompido sempre que se suspenda o contrato de traballo, continuando a partir da data da incorporación efectiva ao traballo.

Artigo 30º.-Disposición derradeira. Cumprimento do convenio.

Se algunha das partes incumpre o acordado neste convenio, a outra parte ten dereito a denuncialo, total ou parcialmente, perante a autoridade competente, agás que haxa pacto en contrario por modificacións parciais.

Artigo 31º.-Partes asinantes.

Asinan este convenio, pola parte social, os membros do comité de empresa: Enrique Román Romero, Humberto Villaverde López e Javier Freiría Fernádez, e pola parte empresarial: Javier Lago Varela, Simón López-Coronas Asenjo e Darío del Pozo Vega.

ANEXO I

Convenio colectivo ano 2005-2006

Cadro horario.

A) Departamento comercial.

a) De luns a venres:

De mañá: das 9.00 ás 13.16 horas.

De tarde: das 16.00 ás 19.20 horas.

b) O sábado:

Só de mañá: das 9.00 ás 13.00 horas, librando un sábado de cada dous.

B) Departamento de administración: talleres e recambios.

a) De luns a venres (excepto o verán):

De mañá: das 8.00 ás 13.00 horas.

De tarde: das 15.30 ás 18.30 horas.

b) Verán (meses de xuño, xullo e agosto):

Xornada continuada de 7.00 a 15.00 horas e igualmente de luns a venres.

c) Quenda para a mañá dos sábados.

Establécese unha quenda dun administrativo e un dependente de recambios para a mañá dos sábados, que será cuberto polo persoal afectado, mediante compensación en tempo ou en metálico.

d) Quenda para as tardes de verán.

Para atender as necesidades dos servizos de administración e recambios establécese unha quenda dun administrativo e un dependente que farán a xornada partida.

A partir do 1 de xaneiro de 2006, a empresa poderá negociar e acordar cos traballadores de nova incorporación a realización de xornadas de traballo en horario partido ou continuado durante os meses de xuño, xullo e agosto.

C) Departamento Peugeot rápido.

Establécese o horario do departamento, de luns a venres das 8.00 ás 20.00 horas, e sábados das 9.30 ás 13.30 horas. As horas realizadas en sábado serán compensadas economicamente.

No caso de que o persoal actual do cadro de servizo renunciase a cubrir este servizo, a empresa poderá contratar novo persoal cos horarios adecuados para o efecto.

ANEXO II

Táboa de salarios 2005

CategoríasSalario

Xerente1.028,13 A

Xefe de departamento951,37 A

Titulado superior951,36 A

Titulado medio872,09 A

Xefe de sección812,96 A

Oficial de 1ª especialista778,20 A

Oficial de 1ª taller739,18 A

Oficial de 2ª taller730,65 A

Oficial de 3ª taller727,00 A

Oficial administrativo769,67 A

Auxiliar administrativo728,21 A

Vendedor778,20 A

Dependente769,67 A

Axudante de dependente726,91 A

Mozo727,00 A

Subalterno727,00 A

Táboa de salarios 2006

CategoríasSalario

Xerente1.056,25 A

Xefe de departamento979,49 A

Titulado superior979,49 A

Titulado medio900,22 A

Xefe de sección841,09 A

Oficial de 1ª especialista806,33 A

Oficial de 1ª taller767,31 A

Oficial de 2ª taller758,77 A

Oficial de 3ª taller755,12 A

Oficial administrativo797,79 A

Auxiliar administrativo756,34 A

Vendedor806,33 A

Dependente797,79 A

Axudante de dependente755,04 A

Mozo755,12 A

Subalterno755,12 A

ANEXO III

Este convenio queda automaticamente denunciado no momento da súa presentación na Consellería de Traballo e Seguridade Social (Xunta de Galicia).