DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Luns, 19 de decembro de 2005 Páx. 19.795

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

RESOLUCIÓN do 2 de decembro de 2005, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, pola que se fixan as normas dos sorteos de permisos de pesca en coutos para a tempada 2006.

Segundo establece o artigo 34º do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio), os sorteos de permisos de pesca en coutos realizaranse nos servizos provinciais de Conservación da Natureza segundo a normativa que fixe a Dirección Xeral de Conservación da Natureza para cada tempada.

De conformidade co anterior, as normas dos sorteos de permisos de pesca en coutos para a tempada 2006 serán as seguintes:

Número de sorteos.

En cada servizo provincial de Conservación da Natureza realizaranse dous sorteos, un para permisos de salmón e outro para permisos de troita, incluíndose neste último, de ser o caso, os permisos de reo. Deste xeito, o número total de sorteos será de oito.

Tipos de solicitudes.

Poderán presentarse solicitudes individuais ou en grupo, cun máximo de tres pescadores por solicitude.

No sorteo de permisos de salmón da provincia de Lugo só se admitirán solicitudes en grupos de tres pescadores.

Os modelos de solicitude son os que figura nos anexos desta resolución. Así mesmo, os impresos de solicitude estarán á disposición dos interesados nos servizos provinciais de Conservación da Natureza ou nesta dirección xeral.

Número máximo de solicitudes.

Cada interesado só poderá figurar nunha solicitude para cada un dos sorteos. Deste xeito, un pescador poderá figurar nun máximo de oito solicitudes, unha para cada un dos oito sorteos que se realizarán.

Para un sorteo concreto, se un pescador figura en máis dunha solicitude serán anuladas todas elas. No caso de solicitudes en grupo anularase unicamente o solicitante repetido, agás no caso do sorteo de salmón de Lugo, no cal se deberá anular a todo o grupo.

Presentación das solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación desta resolución e rematará o 10 de xaneiro de 2006 ás 14.00 horas.

As solicitudes presentaranse no servizo provincial de Conservación de la Naturaleza que corresponda, ou mediante calquera dos procedementos descritos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

No caso de que a solicitude non se presente directamente no servizo provincial, deberán constar con total claridade a provincia e mais o sorteo que se solicitan.

Cando a solicitude non se presente directamente no servizo provincial só se admitarán aquelas que, presentadas dentro do prazo establecido, sexan recibidas polo servizo provincial antes da data de celebración dos sorteos.

Tanto nas solicitudes individuais coma nas solicitudes en grupo, deberá figurar a sinatura de cada un dos solicitantes. Así mesmo, a cada solicitude xuntaráselle unha copia do DNI de cada un dos solicitantes.

Realización dos sorteos.

En cada sorteo, as solicitudes numeraranse correlativamente, comezando polo 1, segundo a orde de entrada no servizo provincial.

Os sorteos serán públicos. En cada sorteo disporase dun conxunto de números coincidentes cos das solicitudes. Do conxunto de números extraerase un aleatoriamente. A solicitude que se corresponda co número extraído será a primeira en elixir, continuándose a elección por orde correlativa.

Os sorteos terán lugar nos servizos provinciais de Conservación de la Naturaleza o día 20 de xaneiro de 2006 ás 12.00 da mañá.

Elección de permisos.

A cada solicitante notificaráselle o día e mais a hora en que poderá escoller os permisos. No caso de solicitudes en grupo só recibirá a notificación o primeiro solicitante.

Para a elección de permisos, os servizos provinciais establecerán grupo de coutos. A listaxe dos grupos de coutos será exposta no taboleiro de anuncios de cada servizo provincial e seralles remitida aos solicitantes xunto coas notificacións dos resultados dos sorteos.

Á hora da escolla, cada solicitante só poderá seleccionar dous permisos en cada grupo de coutos, dos

cales só un poderá corresponderse cun sábado, domingo ou festivo. Nos sorteos de salmón de Lugo e Pontevedra só se poderá escoller un permiso por cada grupo de coutos.

A escolla poderá realizarse persoalmente no servizo provincial, mediante representante acreditado ou mediante chamada telefónica ao número que se indique na notificación, na cal tamén se sinalarán a data e rango horario en que deberá realizarse esta chamada.

Expedición de permisos.

No prazo de dez días, contados desde a data da escolla, os permisos seleccionados deberán ser recollidos no servizo provincial logo do pagamento do seu importe.

En cada servizo provincial facilitaranse os impresos de liquidación de prezos públicos/privados, necesarios para o pagamento do importe dos permisos nas oficinas bancarias autorizadas. Así mesmo, estes impresos serán remitidos xunto coas notificacións dos resultados dos sorteos.

Nos casos en que o solicitante non compareza persoalmente á escolla, o pagamento deberá acreditarse remitíndolle por correo ao servizo provincial a copia do impreso de liquidación en que conste o ingreso. Nestes casos, os permisos serán remitidos por correo ao enderezo do solicitante.

Outras normas.

En función do número de solicitudes recibidas e da demanda habida en cada un dos sorteos, os servizos provinciais poderán realizar unha segunda volta de escolla, circunstancia esta seralles debidamente notificada aos interesados. Os permisos non escollidos e aqueles non retirados nos prazos fixados serán postos á venda unha vez rematada a escolla de todos os participantes nos sorteos.

A normativa de funcionamento dos coutos será a que estableza a orde anual que regula os períodos hábiles de pesca e normas relacionadas con ela nas augas continentais da Comunidade Autónoma de Galicia durante a tempada de 2006. Os permisos serán outorgados con esta condición e sen que os posibles cambios na normativa poidan dar lugar a cambios de permisos, agás no caso concreto de que se prohiba a práctica da pesca na data ou no couto obtido.

Segundo o establecido no artigo 7.3º do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais (Decreto 130/1997), os permisos de pesca teñen carácter persoal e intransferible. Logo da expedición dun permiso, non se poderá anular nin transferir a outra persoa nin obter o reintegro do seu importe.

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2005.

Xosé Benito Reza Rodríguez

Director xeral de Conservación da Natureza