DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Luns, 19 de decembro de 2005 Páx. 19.794

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 14 de decembro de 2005 pola que se recoñece e declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación para o Desenvolvemento e Aproveitamento das Pontencialidades do Mundo Rural (Fun-Pro-Rural).

Examinado o expediente de recoñecemento e declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación para o Desenvolvemento e Aproveitamento das Potencialidades do Mundo Rural (Fun-Pro-Rural), dítase esta orde, baseada nos feitos e antecedentes de dereito que se expoñen a continuación:

Feitos.

1. José Luis Fernández Celis, en representación da fundación, mediante solicitude do 26 de outubro de 2005, formulou solicitude de clasificación e de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación para o Desenvolvemento e Aproveitamento das Potencialidades do Mundo Rural (Fun-Pro-Rural) foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela o día 20 de setembro de 2005, ante o notario Carlos de la Torre Deza, co número de protocolo mil setecentos vinte e nove, por Roberto García González (no seu nome e en nome e representación da organización profesional agraria Unións Agrarias UPA), Pablo García García (en nome propio), Javier Iglesias Fernández (en nome propio), José Luis Fernández Celis (en nome propio), María Páez Pérez (no seu nome e en nome e representación da Asociación Sectorial Forestal Galega), Miguel Soto Albores (no seu nome e en nome e representación da Asociación de Desenvolvemento Rural Odega), María Begoña Becerra Quinteiro (en nome propio), Rosa Arcos Caamaño (no seu nome e en nome e representación da Asociación para a Promoción e Integración das Mulleres Galegas do Rural -AGRA-) e Rosa María García Hermida (en nome propio).

3. A Fundación para o Desenvolvemento e Aproveitamento das Potencialidades do Mundo Rural (Fun-Pro-Rural) ten por obxecto, segundo establece o artigo 6 dos estatutos:

a) Promover e colaborar activamente en todas cantas tarefas e actividades estean encamiñadas á promoción social, económica e formativa dos habitantes do medio rural.

b) Promover e participar en programas de desenvolvemento rural.

c) Participar en mesas de traballo, reunións, congresos e comisións nas que se poida requirir a súa participación, calquera que sexa a entidade que as promova.

d) Servir de centro de información e asesoramento, facilitando a participación en proxectos e actividades de desenvolvemento rural.

e) Promover, colaborar ou asesorar na realización de actividades de carácter produtivo, innovador, formativo, cultural, deportivo, lúdico ou recreativas dentro dos ámbitos de traballo definidos pola propia fundación.

f) Elaboración de publicacións e calquera outra actividade informativa ou de divulgación que contribúa aos seus fins.

g) A realización de estudos sobre o medio rural, medio natural, agricultura e calquera outro relacionado co desenvolvemento rural.

h) A realización de programas e actividades que contribúan á modernización, implantación de procesos de calidade, protección do medio natural e calquera outra actividade de innovación e diversificación no medio rural, e que redunde na calidade de vida dos seus habitantes.

i) Organizar conferencias, coloquios, xornadas, congresos, cursos, mesas de traballo, paneis e en xeral actividades de divulgación, información e formación en relación coa calidade de vida no medio rural.

j) Calquera outra actividade que sexa acordada, conforme os estatutos, polos órganos de dirección da fundación.

4. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías elevoulle ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese social da Fundación para o Desenvolvemento e Aproveitamento das Potencialidades do Mundo Rural (Fun-Pro-Rural), dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese social e á súa adscrición á Consellería do Medio Rural.

5. Á vista da citada proposta da comisión de secretarios xerais, por orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 16 de novembro de 2005 (Diario Oficial de Galicia do 2 de decembro), clasificouse como de interese social a Fundación para o Desenvolvemento e Aproveitamento das Potencialidades do Mundo Rural (Fun-Pro-Rural) e adscribiuse á Consellería do Medio Rural para efectos do exercicio do protectorado sobre ela, en cumprimento do disposto no artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego.

6. Na constitución da fundación constan os extremos relativos á personalidade dos fundadores; á súa capacidade para constituíla e á súa vontade de facelo como de interese galego conforme os preceptos da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro; os estatutos; o capital da fundación constituído por un total de trinta mil euros (30.000 euros); e a designación das persoas naturais que constitúen o órgano de goberno inicial da fundación, coa aceptación dos seus cargos.

7. Nos estatutos da fundación constan os extremos relativos á súa denominación de Fundación para o Desenvolvemento e Aproveitamento das Potencialidades

do Mundo Rural (Fun-Pro-Rural) (artigo 1); o seu enderezo na rúa Doutor Maceira, nº 13, baixo, de Santiago de Compostela, 15705 (artigo 4); o seu obxecto e finalidade relacionados co desenvolvemento rural (artigo 6); as regras para a aplicación das rendas co obxecto fundacional e para a determinación dos beneficiarios (artigos 9 e 10); e a designación do padroado como órgano de goberno, representación e administración dela, con indicación do seu réxime de funcionamento (artigos 11 a 26).

8. En cumprimento do establecido no artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, con data do 13 de decembro de 2005, a Asesoría Xurídica emite informe favorable sobre a legalidade da declaración de interese galego da Fundación para o Desenvolvemento e Aproveitamento das Potencialidades do Mundo Rural (Fun-Pro-Rural).

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundacións para fins de interese xeral, consonte a lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía de Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo.-De acordo co disposto no artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, en relación co Decreto 50/2002, do 14 de febreiro, correspóndelle a esta Consellería do Medio Rural a declaración de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego de Fundación para o Desenvolvemento e Aproveitamento das Potencialidades do Mundo Rural (Fun-Pro-Rural), así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro.-Á vista dos artigos 2, 3, 4.1º, 5, 6, 7.1º. 2 e 5 e 11.1º da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, e 4º do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado delas, aprobado polo Decreto 248/1992, do 18 de xuño, deben entenderse substancialmente cumpridos os requisitos establecidos pola declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería do Medio Rural, da Fundación para o Desenvolvemento e Aproveitamento das Potencialidades do Mundo Rural (Fun-Pro-Rural), polo que procede a ditar esta orde. Por todo iso,

DISPOÑO:

Primeiro.-Recoñecer e declarar de interese galego a Fundación para o Desenvolvemento e Aproveitamento das Potencialidades do Mundo Rural (Fun-Pro-Rural).

Segundo.-Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería do Medio Rural.

Terceiro.-Que a dita fundación, expresamente sometida á Lei 7/1983, do 22 de xuño, modificada pola

Lei 11/1991, do 8 de novembro, e o seu regulamento aprobado polo Decreto 248/1992, do 18 de xuño, e demais normativa de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos e de solicitar as preceptivas autorizacións, quede suxeita ao protectorado da Xunta de Galicia, que será exercido por esta consellería.

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2005.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural