DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Luns, 19 de decembro de 2005 Páx. 19.791

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 13 de decembro de 2005 pola que se convocan axudas para financiar actividades das confederacións e federacións de pais de alumnos e das asociacións de pais de alumnos de centros de educación especial para o ano 2006.

O artigo 2.3º da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, establece como principio da actividade educativa a participación e colaboracións dos pais e titores para contribuíren á mellor consecución dos obxectivos educativos.

O Estatuto de autonomía de Galicia declara, no seu artigo 31, a competencia plena da Comunidade Autónoma galega para o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, sen prexuízo das limitacións impostas polos artigos 27 e 149 da Constitución española.

Coa finalidade de apoiar e potenciar a realización de actividades por parte das federacións e confederacións de pais de alumnos e das asociacións de pais de alumnos de centros de educación especial mediante a subvención dos gastos ocasionados polas citadas actividades, así como os derivados da xestión administrativa, adquisición de material non inventariable e mantemento ordinario das instalacións, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro.-Faise pública a convocatoria de axudas destinadas a subvencionar a realización de actividades por parte das federacións e confederacións de pais de alumnos legalmente constituídas e das asociacións de pais de alumnos de centros de educación especial, desde o 1 de xaneiro de 2006 ata o prazo límite de xustificación de gastos.

Segundo.-Poderán solicitar estas axudas as federacións e confederacións de pais de alumnos así como as asociacións de pais de alumnos de centros de educación especial que, con anterioridade á data de remate do prazo de presentación de solicitudes, estean inscritas no censo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Terceiro.-O importe máximo que se distribuirá nesta convocatoria de axudas será trinta e sete mil setecentos corenta euros (37.740 euros) e realizarase con cargo á aplicación orzamentaria 09.02.323A.480.3 da Dirección Xeral Ordenación e Innovación Educativa.

En todo caso, o gasto proxectado queda sometido a condición suspensiva de existencia de crédito axeitado e suficiente para tal fin nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, e ao disposto na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001.

Non obstante, o importe destas axudas poderá incrementarse se, antes da publicación da resolución de con

cesión no Diario Oficial de Galicia, se recibira transferencia do Ministerio de Educación e Ciencia para esta mesma finalidade, e así se publique no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto.-As axudas van destinadas tanto para a realización de actividades como para sufragar gastos derivados da xestión, administración, adquisición de material non inventariable e mantemento ordinario das instalacións que se orixinen no período subvencionado.

Quinto.-As solicitudes, segundo o modelo de instancia que figura como anexo á presente orde, deberán conter os datos actualizados do solicitante e deberán vir acompañadas da seguinte documentación:

a) Orzamento desagregado de cada unha das actividades, dos gastos derivados da xestión, administración, adquisición de material e mantemento das instalacións que se orixinen no período subvencionado.

b) Plan de actividades para as que se solicita a axuda, facendo constar unha breve memoria por cada unha das actividades.

c) Copia certificada do acordo do órgano competente polo que se decide solicitar a axuda.

d) Relación das asociacións de pais de alumnos que integran a federación ou das federacións que integran a confederación.

e) Declaración xurada de ter solicitado, ou non, outras axudas para a mesma finalidade doutras administracións ou entes públicos.

f) Orixinal ou copia compulsada de certificación bancaria, a nome da entidade solicitante, na que conste o número de conta na que desexe que se lle ingrese, se é o caso, o importe da axuda.

g) Copia compulsada do CIF.

Sexto.-As instancias e demais documentación presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, edificio administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou nos lugares e na forma previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro).

Se a solicitude fose remitida por correo, será necesaria a súa presentación en sobre aberto para que o funcionario de correos poida facer constar o selo e a data antes de proceder á súa certificación.

Sétimo.-O prazo de presentación de instancias será de corenta días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Presentada a solicitude, examinarase para ver se reúne os requisitos exixidos e se se acompaña da preceptiva documentación, requiríndose en caso contrario o solicitante para que, no prazo de dez días, emende e/ou complete os documentos e/ou datos que deben achegarse, advertíndolle que se así non o fixera, terase por desistido da súa petición e procederase ao seu arquivo sen más trámite, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Oitavo.-Baixo a presidencia da directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa ou persoa na que delegue, constituirase unha comisión integrada polos seguintes membros:

* A subdirectora xeral de Centros.

* Un representante da subdirección xeral da Inspección Educativa.

* O xefe do servizo de Xestión de Programas Educativos.

* A xefa de sección de Programas Educativos.

* Un funcionario da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, que actuará como secretario, con voz e sen voto.

Noveno.-A distribución das axudas farase do seguinte xeito:

a) As confederacións recibirán unha subvención que será o resultado de multiplicar o importe que se estableza por federación polo número de federacións que integran cada confederación.

b) As federacións recibirán unha subvención que será o resultado de multiplicar o importe que se estableza por asociación polo número de asociacións que integran cada federación.

c) As asociacións de pais de alumnos de centros de educación especial recibirán a contía que se estableza e que será igual para todas as asociacións.

Os importes resultantes poderán verse incrementados ata un máximo dun 25% en función dos seguintes aspectos:

a) Ata un máximo dun 10% pola realización de actividades ou programas de formación aos pais, debidamente acreditados.

b) Ata un máximo dun 15% pola atención a poboación escolar de condicións socioeconómicas desfavorecidas.

Décimo.-A comisión de selección elaborará a proposta de adxudicación das subvencións e elevaraa á conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, para a resolución que proceda.

A resolución de concesión das axudas, ditada pola conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, publicarase no Diario Oficial de Galicia no prazo máximo de 6 meses contados desde a publicación desta convocatoria.

No suposto de que non recaese resolución expresa dentro do prazo máximo previsto, os solicitantes deberán entender desestimadas as súas solicitudes.

A resolución, que esgotará a vía administrativa, poderá ser obxecto de recurso de reposición, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, perante a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro), ou ben os interesados poderán presentar directamente o recurso contencioso-administrativo, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, conforme se establece na Lei 23/1998, do 13 de xullo,

reguladora da xurisdición contencioso-administrativa (BOE do 14 de xullo).

Décimo primeiro.-O pagamento das axudas concedidas farase de conformidade co disposto nos artigos 16 e 17 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 11 de decembro).

Para poder dar curso aos libramentos, os beneficiarios presentarán, antes do 15 de outubro de 2006, a xustificación dos gastos realizados, mediante orixinais ou copias compulsadas de facturas, nóminas e outros documentos acreditativos.

Ademais, os beneficiarios deberán presentar unha declaración do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para a mesma finalidade, procedente das distintas administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

A xustificación indicada nos dous parágrafos anteriores será enviada no prazo indicado á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Subdirección Xeral de Centros, Servizo de Xestión de Programas Educativos, edificio administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela.

Décimo segundo.-A Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa poderá requirir do solicitante cantos documentos e aclaracións considere necesarios para complementar o expediente, e tamén poderá dispor que se leven a cabo as comprobacións oportunas dos datos achegados polos peticionarios.

Calquera alteración que se produza nos datos contidos na solicitude ou na documentación que a acompaña será comunicada polo solicitante á citada dirección xeral.

Décimo terceiro.-O beneficiario obrígase a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Décimo cuarto.-Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Décimo quinto.-Nas convocatorias públicas, publicidade e propaganda das actividades realizadas ao abeiro desta orde que realicen as confederacións, federacións e asociacións, deberá figurar que están subvencionadas pola Xunta de Galicia, Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, co seu respectivo anagrama ou logotipo.

Décimo sexto.-Procederá o reintegro, total ou parcial, da axuda percibida, xunto cos xuros de demora, nos casos indicados no artigo 78.10º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (DOG do 5 de novembro).

Décimo sétimo.-Esta orde adáptase ás normas básicas do texto articulado da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE do 18 de novembro) e ás do seu desenvolvemento.

Décimo oitavo.-Contra esta orde os interesados poderán interpor recurso contencioso-administrativo, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional

No non previsto nesta orde haberá que aterse ao disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (DOG do 5 de novembro) coas modificacións introducidas pola Lei 14/2004, do

29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo (DOG do 30 de decembro) e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións publicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2005.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación

Universitaria