DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Venres, 16 de decembro de 2005 Páx. 19.747

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CENTRO DE ESTUDOS XUDICIAIS E SEGURIDADE PÚBLICA DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 30 de novembro de 2005 pola que se convoca un curso básico de capacitación para gardas de policía local.

Dentro das actividades programadas para o ano 2006, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2005, do 4 de xaneiro, do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia, anúnciase a celebración dun curso básico de capacitación para gardas de policía local, segundo o previsto no artigo 23 da Lei 3/1992, do 23 de marzo, de coordinación das policías locais, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

O curso ten por obxectivos dotar os policías dunha formación teórico-práctica que complete os coñecementos adquiridos na preparación das correspondentes probas de oposición, para que os capacite para o posterior desempeño da súa actividade profesional.

Destinatarios.

O curso vai dirixido a todas aquelas persoas que superaron recentemente as correspondentes probas de acceso á categoría de garda da policía local dos diferentes concellos de Galicia.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta, debéndose comunicar esta antes do 12 de xaneiro de 2006 para efectuar a correspondente reserva de praza.

Prazas.

Sen límite.

Solicitudes.

1. Os concellos que se atopen nesta situación deberán remitir un escrito ao Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia solicitando a participación no curso, no que figure a lista de persoas que superaron as correspondentes probas de oposición á categoría de garda da policía local e cubrir o anexo con todos os datos nel reflectidos, para efectuar a correspondente reserva de praza para a realización do devandito curso.

2. O prazo para a remisión de escritos rematará o día 12 de xaneiro de 2006.

3. Os escritos deberán enviarse ao Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada. Previamente remitiranse por fax para axilizar os correspondentes trámites.

Contido e duración.

O curso desenvolverase no Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia en sesións de mañá e tarde, de luns a venres, e nel trataranse entre outros os seguintes módulos:

-Misión e funcións policiais.

-Policía de protección e seguridade.

-Policía de tráfico e transporte.

-Policía xudicial e de investigación.

-Policía administrativa.

-Módulo transversal.

-Módulo profesional: formación en centros de traballo (concellos).

O curso terá unha duración de nove meses, seis de formación teórica no Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia e tres de prácticas nos respectivos concellos de procedencia.

Datas.

O curso principiará o vindeiro día 16 de xaneiro de 2006.

O horario será das 9.00 ás 20.00 horas.

Desenvolvemento do curso.

Os alumnos do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia durante o seu período de permanencia neste rexeranse polo Regulamento de réxime interior deste, publicado no DOG do 28 de xullo de 1995, nº 144.

Certificado.

Para obter o correspondente diploma será requisito indispensable completar tanto a fase de formación teórica, onde o alumno ten que superar todas as materias que figuren no programa, como a fase de prácticas.

Modificacións.

O Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia poderá modificar o desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 30 de novembro de 2005.

Carlos Suárez-Mira Rodríguez

Director xeral do Centro de Estudos Xudiciais e

Seguridade Pública de Galicia