DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Venres, 16 de decembro de 2005 Páx. 19.743

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

RESOLUCIÓN do 9 de novembro de 2005, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, da sentenza ditada pola sala do social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, relativa á impugnación do convenio colectivo da empresa Proyect 3001, S.L.

Vista a sentenza do recurso de suplicación 2/2005, da Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, sobre a impugnación do convenio colectivo da empresa Proyect 3001, S.L., e en cumprimento do Real decreto lexislativo 2/1995, do 7 de abril, polo que se aproba o texto refundido da Lei de procedemento laboral, e o Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo.

Esta Dirección Xeral de Relacións Laborais

ACORDA:

Primeiro.-Ordenar a inscrición da referida sentenza no rexistro xeral de convenios desta dirección xeral.

Segundo.-Remitir o texto orixinal ao correspondente servizo deste centro directivo.

Terceiro.-Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2005.

Pilar Cancela Rodríguez

Directora xeral de Relacións Laborais

Francisco Javier Gamero López-Peláez, secretario da Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, certifico que no recurso de suplicación do que logo se fará mención, ditou esta sala a seguinte resolución:

Demanda 2/2005:

José Manuel Mariño Cotelo, presidente.

Juan Luis Martínez López, José Fernando Lousada Arochena.

A Coruña o 6 de outubro de 2004.

A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, composta polos maxistrados citados á marxe e en nome de El-Rei, ditouse a seguinte sentenza.

En autos número 2/2005, seguidos por instancia de Unión Xeral de Traballadores de Galicia (UGT-Galicia) contra a empresa Proyect 3001, S.L. e Rosa Ana Fernández Blanco, sobre impugnación de convenio colectivo con intervención do Ministerio Fiscal, sendo relator José Manuel Mariño Cotelo.

Antecedentes de feito.

Primeiro.-O día 2 de febreiro de 2005 recibiuse na secretaría desta sala do social a demanda de impugnación de convenio colectivo formulada por Unión Xeral de Traballadores de Galicia (UGT Galicia) contra a empresa Proyect 3001, S.L. e Rosa Ana Fernández Blanco e, por providencia da mesma data, rexistrouse e admitiuse a trámite a dita demanda, convocándose as partes á celebración dos actos de conciliación e xuízo para o día 3 de marzo de 2005 ás dez trinta horas, tendo comparecido as partes, agás a codemandada Rosa Ana Fernández Blanco, e o Ministerio Fiscal no lugar, no día e na hora sinalados e levantándose a acta correspondente que consta en autos recaendo providencia con data do 3 de marzo de 2005 en que a sala, con suspensión do termo para ditar sentenza e para mellor prover, acordou a práctica de diversas dilixencias alí salientadas.

Segundo.-Con data do 6 de abril de 2005 ditouse providencia na que, á vista de que foran remitidos diversos informes dos solicitados no provido antes citado pero non o informe solicitado á Inspección Provincial de Traballo e Seguridade Social de Vigo, Pontevedra, se acordou reiterar o no seu día solicitado, o que se lles notificou ás partes e, recibido nesta sala o oficio correspondente, por provido con data do 26 de abril de 2005 se acordou dar vista do actuado ás partes co fin de que fixesen as manifestacións que tivesen por convenientes. Por dilixencia de ordenación con data do 4 de xullo de 2005 deixouse constancia de que, sendo ineficaz a noti

ficación do provido á codemandada Rosa Ana Fernández Blanco a través de carta certificada con xustificante de recepción que pretendera por dúas veces no domicilio que se fixaban en demanda e igualmente ineficaz a citación por exhorto, se remitiu o contido da providencia ao BOP de Pontevedra para inserción do edicto para o efecto e, publicado o edicto no citado xornal oficial con data do 17 de agosto de 2005, se deixou constancia do transcurso do prazo sen que conste que se efectuaran alegacións por parte da citada codemandada e, logo de deliberación da sala, pasaron os autos ao relator para os efectos oportunos.

Feitos probados.

Primeiro.-O letrado Pedro Blanco Lobeiras, en nome e representación da Unión Xeral de Traballadores de Galicia (UGT-Galicia), en virtude das facultades que para o efecto lle foron conferidas, segundo resulta da escritura de poder que acompañou, presentou ante esta Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia demanda de impugnación de convenio colectivo fronte á empresa Proyect 3001, S.L. e Rosa Ana Fernández Blanco, na que a parte demandante solicitou que se dite sentenza pola que, estimando a demanda, se anule e deixe sen efecto o convenio colectivo impugnado, condenando as demandadas a estar e pasar por tal declaración e ordenando a publicación da sentenza que se dite no Diario Oficial de Galicia en que o convenio se ditou con expresa imposición aos demandados, caso de oposición á demanda, dunha sanción de 600 euros, así como a condena ao aboamento dos honorarios do letrado da parte demandante.

Segundo.-A Resolución do 3 de agosto de 2004, da Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia, dispuxo o rexistro, depósito e publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo da empresa Proyect 3001, S.L. ordenando a inscrición do citado convenio colectivo no rexistro xeral de convenios da dirección xeral, inseríndose no exemplar do Diario Oficial de Galicia nº 193 correspondente ao día 4 de outubro de 2004.

Terceiro.-No capítulo 1 do convenio en cuestión, baixo a rúbrica Unidades de Negociación, consta o artigo 1º no que, tras citar a mención, as «Partes concertantes» se establece o seguinte: «A comisión negociadora deste convenio está integrada pola representación da empresa Proyect 3001, S.L. na persoa de Carlos Garrido Dorronsoro, apoderado da empresa e pola representación dos traballadores na persoa de Rosa Ana Fernández Blanco, delegada de persoal da empresa. Ambas as dúas partes recoñécense como interlocutores válidos con lexitimación abonda para a negociación deste convenio colectivo».

Cuarto.-No capítulo II baixo o título «Ámbito de aplicación» plásmase no artigo 2º do convenio colectivo o seguinte: «O ámbito persoal e funcional deste convenio colectivo obriga a dirección e a todos os

traballadores que prestan os seus servizos na empresa Proyect 3001, S.L. independentemente das actividades que teña a empresa, presente ou futuras, reguladas no artigo 2 dos estatutos sociais. Este convenio regula as relacións de traballo entre Proyect 3001, S.L. e o persoal que depende directamente ou preste os seus servizos en calquera centro que a empresa teña actualmente ou poida establecer no futuro, dentro da Comunidade autónoma galega independentemente da súa zona habitual de traballo ou na cal poidan realizar a súa actividade, de conformidade coas necesidades de atención aos pedidos de subcontratación que sexan solicitados a Proyect 3001, S.L. ou calquera contrato de explotación industrial que se vaia realizar e no artigo 4º exponse que a entrada en vigor deste convenio colectivo será o 1 de xaneiro de 2004, con independencia da data da súa publicación, pactándose unha duración de catro anos a partir da citada data de publicación. Calquera das partes poderá solicitarlle á

outra a revisión deste convenio avisando previamente, polo menos cun mes de antelación ao seu vencemento e mencionando na dita solicitude os artigos obxecto de nova negociación. Mentres duren as negociacións dun novo convenio seguirán sendo de aplicación as condicións pactadas neste convenio colectivo. Se, chegado o vencemento polo transcurso dos catro anos pactados, ningunha das partes denunciase o seu contido nos termos pactados, este prorrogarase automaticamente de forma anual».

Quinto.-No artigo 1º dos estatutos da mercantil demandada establécese que, coa denominación de Proyect 3001, S.L., se constitúe unha sociedade mercantil en forma de sociedade de responsabilidade limitada que se rexerá polas normas establecidas na escritura de constitución e nos estatutos incorporados a esta, sen prexuízo do disposto na Lei de sociedades de responsabilidade limitada e lexislación concordante, mentres que no artigo 2º dos propios estatutos se fixo constar Obxecto social. A actividade da empresa ou a clase de operacións para cuxa explotación a sociedade se constitúe e á que se destina o seu capital social é: a construción total ou parcial, reparación e conservación de toda clase de edificacións en xeral. A realización de toda clase de servizos auxiliares da construción, reparación e conservación de toda clase de obras. A fabricación de toda clase de manufacturas tanto fabrís como industriais relativas á industria agroalimentaria, siderometalúrxica, petroquímica e outras

de análoga natureza. Preparación, explanación, urbanización de toda clase de terreos para a súa venda total ou parcial, ou para a realización de calquera clase de montaxe ou construción sobre estes, tanto directamente como a través de contratistas, subcontratistas ou en administración. A prestación de servizos de xestión administrativa ante calquera administración, asesoría xurídica, mercantil, contable, informática e tratamento mecánico da información, creación de software e hardware e todas as súas formas de explotación a terceiras persoas tanto físicas como xurídicas. Traballos e servizos accesorios prestados en

relación con instalacións e montaxes en xeral e toda clase de fabricación de manufacturas en xeral. Prestación de servizos técnicos, de enxeñaría, arquitectura, urbanismo, prospeccións e estudos xeolóxicos, delineación e topografía a terceiras persoas tanto físicas como xurídicas. Intervención en calquera clase de servizos, procesos e sistemas de produción. A prestación de servizos de cobramento de débedas e confección de facturas. A prestación de servizos de publicidade, relacións públicas e similares a terceiras persoas tanto físicas como xurídicas. A realización de estudos de mercado, de opinión de hábitos de compra e outros servizos independentes de información e investigación comercial. Realización de toda clase de servizos a domicilio incluíndo coidado e vixilancia de persoas maiores de idade e infantes, custodia e prestación de todas clases de servizos sociais ou en relación coa saúde. Organización, xestión e mercadotecnia de toda clase de temas, seminarios, concursos,

congresos de calquera tipo, tanto para o sector privado como para o sector público. Realización de toda clase de xestión e organización do tempo libre, actividades turísticas en xeral e todas aquelas de análoga natureza en relación co ocio. Realización de servizos de vixilancia, garda e custodia de persoas, tanto físicas como xurídicas, animais ou cousas. Actividades de ensino tales como idiomas, corte e confección, mecanografía, taquigrafía, informática, formación para a inserción profesional e similares. As ditas actividades poderán ser desempeñadas pola sociedade directamente ou a través da súa participación noutras sociedades de idéntico ou análogo obxecto ou de persoas físicas. Para o exercicio daquelas actividades nas que se requira a posesión dalgún título oficial ou cualificación administrativa, a sociedade deberá exercitalas a través da persoa física ou xurídica que reúna os requisitos legalmente establecidos para a dita actividade. A realización e execución de servizos

auxiliares na actividade inmobiliaria, tales como promoción de edificacións, intermediación e realización de compravenda de inmobles sexa cal sexa a súa natureza; rústicos, urbanos ou doutra índole, xestión da propiedade inmobiliaria, xestión de terreos tanto rústicos, urbanos como industriais, así como outras actividades de igual ou análogas e interrelacionadas con este obxecto social tales como mantemento de comunidades de propietarios, taxación inmobiliaria e valoracións e estudo de investimentos».

Sexto.-A empresa Proyect 3001, S.L. deu ocupación para o desenvolvemento de determinados traballos que subcontratará en Ourense ata un total de 10 traballadores algúns dos cales, en concreto seis deles, con alta anterior, e en relación con outros coetánea á data da votación celebrada o 4-3-2004 en Lugo, e unicamente coa intervención dos empregados con centro de traballo na dita provincia, relativa á elección de delegados de empresa, sendo elixida a codemandada Rosa Ana Fernández Blanco, que desempeñara o cargo de administradora única e sendo desde o ano 2003 apoderada dunha empresa deno

minada Emprex ETT, S.L., da que é socio, e agora administrador único, o único socio e administrador da aquí codemandada, Proyect 3001, S.L., Carlos Garrido Dorronsoro. A mercantil codemandada tivo como domicilio social na provincia de Pontevedra un inmoble alugado na rúa Antonio Palacios, 38, baixo, interior, do Porriño desde xaneiro de 2005 o seu domicilio mudou á rúa Domingo Bueno, 5, 3º, A do Porriño nun inmoble alugado, mentres que en Lugo tiña o seu domicilio na rúa Ourense, nº 70, local dedicado a oficina, e en Ourense o domicilio da actividade declarado pola empresa situábase na rúa Ramón Puga, 54-56 da dita capital.

Sétimo.-No artigo 21º do convenio colectivo impugnado establécese o seguinte: retribucións. As retribucións do persoal comprendido no ámbito de aplicación deste convenio estarán constituídas polo salario global que inclúe todos os conceptos salariais e en todo momento correspondente a xornada de traballo incluídos os traballos en horario nocturno. A táboa salarial aplicable durante os anos 2004 e seguintes aos traballadores da empresa Proyect 3001, S.L. vén determinada no anexo 1 deste convenio. Anualmente incrementaranse as táboas salariais no IPC previsto polo Goberno a nivel nacional para o dito ano. O pagamento do salario efectuarase por meses vencidos e farase efectivo entre os días 10 e 15 de cada mes. Os traballadores percibirán a súa retribución anual rateada en 12 mensualidades podendo percibila tamén por hora efectiva de traballo. A hora efectiva de traballo calcularase dividindo o salario anual polo número de horas efectivas de traballo establecida no convenio. A empresa,

de acordo cos representantes dos traballadores, poderá substituír o sistema retributivo anterior por percepcións fixas por unidades de produción que quedará reflectido por escrito», mentres que no anexo citado se establece como salario bruto anual, en euros e por catorce pagas, para o nivel 1: 6.447, 00 euros; para o 2: 6.602, 36 euros; para o 3: 6.755, 62 euros; para o 4: 6.908,87 euros; para o 5: 7.062,13 euros; para o 6: 7.215,39 euros e para o 7: 7.368, 65 euros». No artigo 25 do propio convenio da empresa codemandada, baixo a rúbrica: «Complemento persoal: antigüidade» determínase que se pacta expresamente a supresión deste complemento para todos aqueles traballadores que, no momento da entrada en vigor deste convenio, non o estivesen percibindo, quedando, ademais, conxelado na contía que se estivese percibindo» e no artigo 17, parágrafo primeiro, do tan citado convenio aquí impugnado establécese que «Xornada de traballo. A duración da xornada de traballo en cómputo anual será

de 1.800 horas para os anos 2004, 2005, 2006 e 2007».

Oitavo.-No artigo 3 do convenio colectivo provincial de siderometal e talleres de reparación de vehículos da provincia de Ourense anos 2004-2005 determínase o seguinte: «Vixencia e duración»: «O presente convenio entrará en vigor para todos os efectos o 1 de xaneiro de 2004, independentemente da súa publicación no BOP. Será de aplicación ata

que se asine outro ou outros que o/s substitúan. Establécese unha duración de dous anos, é dicir, ata o 31 de decembro de 2005 prorrogable tacitamente de ano en ano a partir de 2005 en períodos anuais, sempre que non sexa denunciado por ningunha das partes que o subscribe antes do termo da súa vixencia inicial ou de calquera das súas prórrogas. Os requisitos formais e efectos da denuncia quedan establecidos no artigo 89 do Estatuto dos traballadores», mentres que no artigo 22 do propio convenio citado se refire a «Complemento persoal de antigüidade: o complemento persoal de antigüidade continúa fixado en quinquenios do 6% sobre o salario base», e o artigo 21 da mesma norma convencional establece que «Salario base: o salario base especifícase no anexo 1º do convenio (1ª columna)», en tanto que no parágrafo primeiro do artigo 33, relativo a «Xornada de traballo e horarios», especifícase que «A xornada de traballo durante a vixencia do presente convenio será de 40 horas semanais. A dita

xornada será en cómputo anual de 1.784 horas e na táboa salarial do convenio colectivo de traballo para as empresas do metal sen convenio propio para o ano 2004, fíxanse salarios anuais para os diversos grupos que van desde os 23.713,50 euros para o grupo 1, enxeñeiros e licenciados ata os 11.267,67 euros para o grupo 7, A. Peón, vixilante, porteiro e ordenanza, e 8.217, 89 euros para axudantes de oficio menores de 18 anos».

Noveno.-O artigo 40 do convenio básico de industrias cárnicas para os anos 2004-2005-2006, remítese, para os efectos da fixación de xornada, ao anexo nº 2 en cuxo parágrafo primeiro se establece que «A xornada anual de traballo efectivo, tanto para a xornada continuada coma para a xornada partida será de 1.770 horas», en tanto que o artigo 55º da propia norma refire que «No anexo 5 fixaranse os niveis retributivos correspondentes ás diferentes categorías profesionais. Estes niveis retributivos estarán fixados en cómputo anual e a súa distribución de cobramento durante o ano será fixada no anexo nº 5. Igualmente poderá ser determinado no anexo a fixación dun módulo ou prezo hora de traballo polo que poida retribuírse aos traballadores comprendidos neste convenio básico en función ao tempo efectivamente traballado», determinando o anexo 5 a táboa de salarios para 2004 que vai desde os 17.859,026 euros para a categoría de técnico titulado superior ata os 1.058,441 euros para a categoría

de peón. O anexo 8 del convenio básico de cárnicas referido, no tocante á «Antigüidade» deixa patente que «Como queira que desde o 31-12-1999 ningún traballador devenga novos bienios nin quinquenios por razón de antigüidade, ao concluír o período transitorio, a antigüidade consolidada ao 31-12-2003 incrementarase desde o 1-1-2004 nun 3%».

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-No acto do xuízo, a representación da empresa Proyect 3001, S.L., alegou, en primeiro lugar, a excepción de «defecto legal no modo de

propoñer a demanda por falta de solicitude de impugnación de oficio ante a autoridade laboral» invocando a conculcación do artigo 161.1º e 3º en relación co 154.1º e 155.2º, todos eles da Lei de procedemento laboral argüíndo, en esencia, que, ao estar xa rexistrado o convenio, a impugnación deberá realizarse mediante comunicación á autoridade laboral para que impugnase o convenio e, se non contestase no prazo de quince días, entón abriríase a vía para iniciar o proceso de impugnación sendo así que, do parágrafo 3 do artigo 161 da Lei de procedemento laboral a que se refire a demanda, se desprende que, para o caso de que o convenio colectivo xa fose rexistrado, a impugnación poderá ser instada directamente polos lexitimados polos trámites do proceso de conflito colectivo, sendo así que no caso que nos ocupa por resolución da Dirección Xeral de Relacións Laborais de data 3-8-2004, se dispuxo o rexistro, o depósito e a publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo en

cuestión e a demanda rectora do procedemento tivo entrada nesta sala con data do 2-2-2005, de maneira que, a teor do exposto, non existe óbice que lle impida á sala entrar a resolver sobre o fondo do asunto litixioso a que se contrae o presente procedemento de impugnación de convenio colectivo.

Segundo.-No que atinxe ao fondo do asunto, interesa a parte demandante que se dite sentenza pola que, estimando a demanda reitora do proceso, se anule e deixe sen efecto o convenio colectivo impugnado, condenando as demandadas a estar e pasar por tal declaración e se ordene a publicación da sentenza que se dite no Diario Oficial de Galicia, con expresa imposición á parte demandada, caso de oposición á demanda, dunha sanción de 600 euros, así como o aboamento dos honorarios do letrado da demandante e, así as cousas, cabe establecer que aínda cando no presente procedemento, non é obxecto de litixio a consideración de se a elección para delegados de empresa en que saíu elixida a codemandada sra. Fernández Blanco se axustou á normativa reguladora de tal materia, isto é, se seguiron os trámites exixidos para os efectos da validez de tales comicios pois nin sequera consta que a elección fose impugnada en tempo e forma pero si é procedente salientar que, en atención ao actuado, chega a sala

á consideración da existencia de fraude de lei, e podería dicirse que de abuso de dereito, en tanto que a empresa instrumentalizou o proceso electoral co fin de facilitar a elección da codemandada Rosa Ana Fernández Blanco, que nin sequera compareceu ao acto do xuízo para, de consideralo oportuno, aclarar ou explicar o concernente ao seu estatus na empresa, sendo, á sazón, aquela apoderada desde o ano 2003 dunha empresa denominada Emprex ETT, S.L. da que é socio, e agora único administrador, o único socio e administrador da aquí codemandada Proyect 3001, S.L., Carlos Garrido Dorronsoro e desempeñando o cargo de administradora única daquela empresa, o que a convertía en persoa de confianza do titular da mercantil aquí

codemandada e, por ende, idónea para aparecer como representante dos traballadores da empresa na negociación do convenio colectivo aquí impugnado sen que conste que no proceso electoral tivesen participación outros traballadores que prestaban servizos para a empresa en centros de traballo distintos ao de Lugo en concreto en Ourense, desprendéndose a existencia de tales traballadores da documental de autos, así os informes da Inspección de Traballo e Seguridade Social e os propios contratos de traballo que constan en autos, de maneira que, a empresa, ou, por mellor dicir, o empresario, aproveita o momento en que ten poucos traballadores ao seu servizo e, o que é máis, circunscribíndose aos do centro de traballo de Lugo, para situar, ou posibilitar que así acaecese, unha persoa do seu ámbito como delegada do persoal, o que vén corroborado polo feito de que se subscribiu un convenio colectivo cuxas condicións económicas e sociais, en termos xerais, se revelan inferiores, cualitativa e

cuantitativamente, ás establecidas nas normas legais e convencionais de sectores profesionais en que puidesen incardinarse algunhas das actividades que constitúen o obxecto social en prexuízo dos operarios ao servizo da mercantil, todo o cal determina que haxa de ter acollida a pretensión auspiciada pola parte demandante relativa á declaración de que se anule e deixe sen efecto o convenio colectivo a que se contrae o proceso, se ben non accedemos á solicitude atinente á imposición dunha sanción económica e as custas do proceso á parte demandada, ao non ofrecerse concorrentes circunstancias de tal entidade que avalasen tales pretensións.

En consecuencia,

Decidimos:

Estimando no esencial a demanda de impugnación de convenio colectivo interposta por Unión Xeral de Traballadores de Galicia (UGT Galicia) contra a empresa Proyect 3001, S.L. e Rosa Ana Femández Blanco anulamos e deixamos sen efecto o convenio colectivo impugnado, condenando a parte demandada a estar e pasar por tal declaración e ordenando a publicación desta sentenza no Diario Oficial de Galicia. Contra esta resolución cabe interpoñer recurso de casación.

Así, por esta nosa sentenza, pronunciámolo, mandámolo e asinámolo.

Seguen as sinaturas dos maxistrados designados no encabezamento da resolución así como a dilixencia de publicación desta, referendada polo secretario que subscribe.

O anterior concorda ben e fielmente co orixinal ao que remito e para que así conste para os efectos oportunos, expido e asino esta resolución na Coruña o 6 de outubro de 2005.

Rubricado