DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Xoves, 15 de decembro de 2005 Páx. 19.654

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

RESOLUCIÓN do 23 de novembro de 2005, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo de Promotora Industrial Sadense, S.A.

Visto o expediente do convenio colectivo de Promotora Industrial Sadense, S.A. (código convenio 1503771), que tivo entrada nesta delegación provincial o día 17-10-2005, complementado o día 17-11-2005 e subscrito pola parte económica pola empresa e pola parte social polo delegado de persoal o día 13-6-2005, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordenar a súa inscrición no Libro Rexistro de Convenios Colectivos de Traballo, que consta nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordenar o depósito do citado acordo no Servizo de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 23 de novembro de 2005.

María Debén Alfonso

Delegada provincial da Coruña

Acta de acordo

Artigo 1º.-Partes signatarias.

Son partes asinantes deste convenio colectivo, dunha parte a empresa Promotora Industrial Sadense, S.A., e doutra a representación legal dos traballadores da mencionada empresa, que se recoñecen mutuamente lexitimación para a negociación deste convenio.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

Este convenio afectará todo o persoal que preste os seus servizos na empresa, no centro de traballo da provincia da Coruña, directamente vinculado aos cultivos mariños, nos seus diversos postos de traballo, así como aos de novo ingreso durante a vixencia deste convenio.

Artigo 3º.-Vixencia e duración.

Este convenio entrará en vigor o un de xaneiro de dous mil cinco e estará vixente para todos os efectos ata o día trinta e un de decembro de dous mil oito, independentemente da súa data de publicación no BOP.

Artigo 4º.-Procedemento de revisión do convenio.

A revisión do convenio poderá ser realizada, por escrito, por calquera das partes asinantes con dous meses de antelación ao remate da súa vixencia.

A parte que formule a denuncia deberá entregar unha proposta concreta sobre os puntos e contido que desexa modificar. Seguiranse os trámites administrativos procedentes.

Mentres non se alcance un acordo para un novo convenio, manterase prorrogada a vixencia do anterior.

De non existir denuncia, o convenio prorrogarase tacitamente por períodos anuais, revisándose os conceptos económicos de acordo co índice de prezos para o consumo (en diante IPC) previsto e axustándose esta previsión ao IPC real no momento que se teña coñecemento deste.

Artigo 5º.-Condicións máis beneficiosas.

Respectaranse as condicións máis beneficiosas que os traballadores teñan recoñecidas á entrada en vigor deste convenio, pero as melloras salariais serán absorbibles e compensables coas que actualmente perciban os traballadores.

Malia o mencionado no parágrafo anterior, durante a vixencia deste convenio, a empresa soamente poderá absorber e compensar as melloras existentes sobre a táboa salarial do anexo, no que exceda do importe do IPC real.

Artigo 6º.-Vinculación á totalidade.

Sendo as condicións pactadas un todo orgánico e indivisible, este convenio será nulo e quedará sen efecto no suposto que a xurisdición competente anule ou invalide algún dos seus pactos. Se se dese este suposto, as partes asinantes deste convenio comprométense a reunirse dentro dos dez días seguintes á firmeza da resolución correspondente, con obxecto de resolver o problema formulado. Se no termo de 45 días a partir da firmeza da resolución en cuestión, as partes que asinan non chegasen a un acordo, comprométense a fixar un calendario de reunións para a renegociación do convenio na súa totalidade.

Artigo 7º.-Comisión mixta paritaria.

Acórdase establecer unha comisión paritaria como órgano para a conciliación, interpretación e vixilancia do pactado neste convenio colectivo, integrada por un representante da empresa e un representante dos traballadores, podendo solicitar o asesoramento de especialistas na materia, para o cumprimento das funcións que lle son propias.

A comisión reunirase para resolver todas aquelas cuestións da súa competencia que xurdan durante a vixencia deste convenio e que non precisen de trámite de urxencia; neste caso, a comisión reunirase e resolverá nun prazo non superior a 15 días.

As decisión adoptadas pola comisión paritaria vincularán as partes, aínda que a decisión final sobre os acordos adoptados corresponderalles aos órganos xudiciais.

Artigo 8º.-Horario de traballo e xornada.

A xornada fíxase en 40 horas efectivas á semana, repartíndose de luns a venres a razón de 8 horas diarias.

Xornada de mañá: das 8.30 ás 13.00 horas.

Xornada de tarde: das 14.30 ás 18.00 horas.

A xornada establécese de mañá e tarde, sen prexuízo de que poida modificarse, sen alterar o número total de horas, por razóns de carga de traballo acumulada por vendas, marea vermella ou calquera outra circunstancia obxectiva.

Artigo 9º.-Vacacións.

A licenza anual regulamentaria consistirá en 30 días naturais, que serán aboados a razón de 30 días de salario real.

A empresa proporalles aos traballadores, dentro do primeiro trimestre do ano, a distribución dos diversos períodos de vacacións.

Artigo 10º.-Salario.

O salario, a menos que se indique outra cousa no contrato de traballo, corresponderá sempre a unha dedicación do traballador por unha actividade produtiva normal e dentro da xornada establecida. Polo tanto, quen non realice a xornada prevista neste convenio colectivo, de forma inxustificada, percibirá o salario proporcional á xornada real e efectiva que desenvolva.

O salario será aboado por meses vencidos, o último día hábil ou, como máis tarde, dentro dos cinco días do mes seguinte. As cargas fiscais e de Seguridade Social por conta do traballador serán satisfeitas por este, sendo nulo todo pacto en contrario.

O persoal poderá recibir anticipos, a partir dos seis meses de antigüidade na empresa, por importe dunha mensualidade e que se devolverá en períodos ao longo dun ano da petición. En caso de baixa na empresa, esta poderá exixir no momento da liquidación a devolución do importe íntegro da cantidade pendente de devolución.

En anexo desagréganse as categorías e a súa retribución.

Artigo 11º.-Estrutura do salario.

Na estrutura do salario distinguirase entre o salario base e os complementos do salario.

Considerarase salario base a parte da retribución do traballador fixada por unidade de tempo ou de obra en función da súa cualificación profesional.

Considerarase complemento do salario as cantidades que, se é o caso, se lle teñan que engadir ao salario base, fixadas en función das circunstancias relativas ás condicións persoais do traballador ou do traballo realizado.

Artigo 12º.-Antigüidade.

Para o persoal incorporado á empresa con anterioridade ao un de xullo de dous mil cinco, o complemento de salario de antigüidade consistirá en trienios, sendo a súa contía un cinco por cento cada trienio de salario base.

Para o persoal incorporado á empresa con posterioridade ao un de xullo de dous mil cinco non se devengará ningún complemento en concepto de antigüidade, debendo establecerse entre a empresa e o traballador un plan de carreira individualizado. A definición deste plan de carreira deberase facer, en todo caso, antes de que o traballador obteña a categoría de oficial de 2ª B.

Na definición individual dos plans de carreira, establecerase entre a empresa e o traballador un programa de prazos e ascensos establecido en función dos logros profesionais, considerando moi especialmente os obxectivos que se determinen en canto a formación, iniciativa, responsabilidade, autonomía, mando e complexidade dos traballos que se asuman.

Artigo 13º.-Gratificacións extraordinarias.

Durante os meses de marzo, xullo e decembro aboaráselles aos traballadores unha paga extraordinaria consistente no aboamento de 30 días de salario base e antigüidade.

Artigo 14º.-Licenzas con soldo.

Os traballadores afectados por este convenio terán dereito, avisando coa posible antelación e posterior xustificación, aos seguintes permisos retribuídos:

a) Quince días naturais en caso de matrimonio.

b) Tres días nos casos de nacemento de fillos ou enfermidade grave de parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade e cinco días en caso de falecemento de parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Cando o traballador, polo dito motivo, teña que efectuar un desprazamento fóra da provincia onde estea situado o centro de traballo, o permiso amplíase a catro e seis seis días respectivamente.

c) Un día por traslado do domicilio habitual.

d) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal.

e) Para realizar funcións sindicais ou de representación dos traballadores.

f) As traballadoras, por lactación dun fillo menor de nove meses, terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións. A muller, pola súa vontade, poderá substituír este dereito por unha redución da xornada laboral en media hora na mesma finalidade. Este permiso poderá ser exercido indistintamente polo pai ou pola nai, en caso de que ambos os dous fosen traballadores.

g) Polo tempo indispensable para asistir a exames ou probas de capacitación.

Artigo 15º.-Seguridade no traballo.

Todo o persoal será dotado pola empresa de roupa de traballo adecuada.

Artigo 16º.-Traballos de categoría superior.

Todos os traballadores englobados nas categorías de subalterno ata oficial primeira realizarán todas as funcións propias do seu grupo profesional, independentemente da categoría que teñan.

Artigo 17º.-Complemento de IT.

A empresa complementará ata o 100% do salario base e antigüidade durante o primeiro ano.

Artigo 18º.-Seguro de accidentes.

A empresa subscribirá un seguro de accidentes, de cobertura no traballo, cunha entidade aseguradora que cubrirá os seguintes capitais:

En caso de morte: 30.000 euros.

En caso de invalidez permanente total: 48.000 euros.

En caso de gran invalidez: 48.000 euros.

En caso de invalidez permanente absoluta: 48.000 euros.

Artigo 19º.-Extinción do contrato de traballo.

As causas, formas, procedementos e efectos tanto das suspensións como das extincións colectivas do contrato de traballo son as establecidas na lexislación vixente ou por acordo entre os traballadores e a dirección da empresa.

No referente á extinción individual do contrato de traballo establécese que quen desexe cesar voluntariamente no servizo á empresa estará obrigado a poñelo en coñecemento desta, por escrito, cumprindo os seguintes prazos mínimos de aviso previo:

Persoal superior, técnico ou administrativo: un mes natural.

Resto do persoal: 15 días.

O incumprimento por parte do traballador desta obriga de avisar previamente coa suficiente antelación dará dereito a que se lle desconte da liquidación final o importe do salario real dun día por cada día de atraso no aviso previo, ou o seu equivalente en partes proporcionais.

Artigo 20º.-Réxime disciplinario.

1. Faltas.

As faltas laborais dos traballadores poderán ser leves, graves ou moi graves.

a) Serán faltas leves:

-A incorrección cos compañeiros e subordinados.

-O atraso, neglixencia ou descoido no cumprimento das súas tarefas.

-Dúas faltas de puntualidade ao traballo nun mes.

-A falta de asistencia ao traballo sen causa xustificada.

-O descoido na conservación dos bens da empresa.

b) Serán faltas graves:

-A falta de disciplina no traballo ou de respecto debido aos superiores, compañeiros ou subordinados.

-O incumprimento das ordes e instrucións dos superiores e das obrigas concretas do posto de traballo, así como os atrasos, neglixencias ou descoidos dos que poida derivar un prexuízo grave para a empresa.

-Dúas faltas de asistencia ao traballo sen causa xustificada nun prazo dun mes.

-Catro faltas de puntualidade nun prazo de dous meses.

-O abandono do posto de traballo sen causa xustificada e sen que este abandono supoña un prexuízo grave para a empresa.

-O incumprimento das normas hixiénico-sanitarias que estableza a empresa.

-O incumprimento ou abandono das medidas de seguridade que estableza a empresa para cada posto de traballo.

-A utilización ou difusión de datos ou asuntos dos que teña coñecemento por razón do seu traballo na empresa.

-A reincidencia de tres faltas leves nun prazo de tres meses.

c) Serán faltas moi graves:

-A fraude, a deslealdade e o abuso de confianza nas xestións encomendadas, así como calquera conduta constitutiva de delito doloso.

-A insubordinación manifesta.

-O falseamento voluntario dos datos e informacións da empresa.

-O abandono do posto de traballo que supoña un prexuízo grave para a empresa.

-A diminución voluntaria e continuada no rendemento.

-A reincidencia en dúas faltas graves nun prazo dun ano ou cando destas deriven tales consecuencias que poidan ser consideradas moi graves

En materia de prescrición de faltas, haberá que aterse ao disposto na lexislación xeral.

2. Sancións.

A potestade disciplinaria está atribuída á dirección da empresa, que poderá sancionar os traballadores pola comisión dos incumprimentos laborais citados no punto 1 anterior, de acordo coas seguintes gradacións das sancións:

-Por faltas leves, amoestación por escrito e suspensión de emprego e soldo de ata dous días.

-Por faltas graves, suspensión de emprego e soldo de tres a trinta días.

-Por faltas moi graves, suspensión de emprego e soldo dun a tres meses ou despedimento disciplinario.

Para a tramitación destas sancións haberá que aterse ao disposto na lexislación laboral vixente.

En proba de conformidade asínase este convenio en Sada, 1 de setembro de 2005.

Polos traballadoresPola empresa

Miguel A. Gómez FernándezMaría Dolores Fernández Vázquez

DNI: 10900102DNI: 32752367

ANEXO I

Categorías e retribucións

A táboa de categorías e retribucións fíxase do modo seguinte:

CategoríaSalario base

mensual

Salario base

anual

Peón623,96 A9.359,40 A
Oficial 2ª B693,29 A10.399,35 A
Oficial 2ª A745,29 A11.179,35 A
Oficial 1ª 797,28 A11.959,20 A
Técnico859,68 A12.895,20 A
Técnico superior970,61 A14.559,15 A
Xefe equipo1.227,12 A18.406,80 A
Condutor797,28 A11.959,20 A
Biólogo797,28 A11.959,20 A

O salario fixouse tendo en conta a previsión do IPC realizada polo Goberno para o ano 2005 (2%). No suposto de que o IPC real sexa superior ao 2% previsto procederase, durante a primeira quincena do mes de febreiro de 2006, a regularizar a táboa salarial anterior na diferenza entre o IPC real e o IPC previsto.

Para o ano 2006, 2007 e 2008, unha vez coñecido o IPC real do ano anterior, incrementarase esta táboa salarial ou a táboa salarial resultante do parágrafo anterior, na previsión do Goberno para este ano. No suposto de que o IPC real sexa superior ao previsto procederase, durante a primeira quincena do mes de febreiro dos anos 2007, 2008, 2009 a regularizar a táboa salarial anterior na diferenza entre o IPC real e o IPC previsto.

A categoría oficial 2ª B correspóndese coa categoría de oficial 2ª do convenio anterior, de tal forma

que o persoal que actualmente ten a categoría de oficial 2ª pasará automaticamente á nova categoría de oficial 2ª B.

O acceso da categoría de peón a oficial de segunda B producirase como máximo ao cabo de 9 meses de permanencia na empresa.

As demais categorías serán de libre designación por parte da empresa.