DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Mércores, 14 de decembro de 2005 Páx. 19.582

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 25 de novembro de 2005 pola que se aproban os estatutos do Colexio Oficial de Enfermería de Lugo.

De acordo co establecido no artigo 150.2º da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asumiuse polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia, asignándolle as funcións á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (na actualidade Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza en virtude do Decreto 211/2005, do 3 de agosto).

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da devandita competencia, na súa disposición transitoria establece a obriga dos colexios profesionais galegos e os consellos galegos de colexios que estivesen constituídos á entrada en vigor desta lei, de adaptar os seus estatutos a ela.

De acordo coa devandita lei, os estatutos elaborados polos colexios profesionais, así como as súas modificacións, serán comunicados á consellería competente en materia de colexios profesionais para a súa aprobación definitiva.

En cumprimento da devandita disposición, o Colexio Oficial de Enfermería de Lugo acordou na Asemblea Xeral celebrada o 23 de xaneiro de 2003, a aprobación dos estatutos. Posteriormente foron comunicados a esta consellería para os efectos da súa aprobación definitiva, logo da cualificación de legalidade, tal como dispón o artigo 18.1º da Lei 11/2001, do 18 de setembro.

Tendo en conta o exposto, e verificada a adecuación á legalidade dos estatutos e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobar os estatutos do Colexio Oficial de Enfermería de Lugo, que figuran como anexo a esta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2005.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza

ANEXO

Estatutos do Ilustre Colexio Oficial de Enfermería

de Lugo

TÍTULO I

Disposicións xerais

Capítulo I

Concepto. Natureza, fins e funcións

Artigo 1º

O Colexio Oficial de Diplomados en Enfermería de Lugo é unha corporación de dereito público, integrante da organización colexial de enfermería, amparada pola lei e recoñecida polo Estado e pola Comunidade Autónoma de Galicia, no ámbito das súas respectivas competencias, con personalidade xurídica propia e plena capacidade para cumprir os seus fins.

É requisito indispensable para o exercicio desta profesión estar incorporado ao colexio correspondente, sendo suficiente a incorporación a un só colexio, que será o do domicilio profesional único ou principal.

Nembargantes, os profesionais titulados vinculados coa Administración pública mediante relación de servizos de carácter administrativo ou laboral non precisan estar colexiados para o exercicio de funcións puramente administrativas nin para actividades propias da correspondente profesión por conta da administración á que pertenzan, cando o destinatario inmediato daquelas sexa esa Administración. Si será necesaria para o exercicio da actividade privada.

Artigo 2º

O Colexio regulado nos presentes estatutos denominarase Ilustre Colexio Oficial de Enfermería de Lugo; e o seu ámbito de actuación esténdese ao territorio da provincia de Lugo, radica o seu domicilio na avenida da Coruña número 104, entreplanta, (código postal 27003) da cidade de Lugo. Por acordo da Asemblea Xeral poderá variarse o dito domicilio, así como establecer delegacións colexiais no territorio da provincia.

No intre da aprobación destes estatutos, existen dúas delegacións colexiais, unha para a área norte da provincia de Lugo e outra para a área sur, debendo manterse polo menos, estas dúas delegacións.

Así mesmo, por acordo da Xunta Xeral establecerase o escudo, a bandeira e demais distintivos colexiais, que terán que respectar en todo caso os que sexan establecidos polo Consello Xeral ou polo Consello Galego para o conxunto da organización colexial, estatal ou autonómica.

O Colexio Oficial de Enfermería de Lugo terá o tratamento de ilustre, e o seu presidente gozará da consideración de autoridade no ámbito corporativo e no exercicio das funcións da presidencia. O/a presidente/a terá o tratamento de ilustrísimo/a señor/a (ilmo./a. sr./a.).

Artigo 3º

Son fins esenciais do Ilustre Colexio Oficial de Enfermería de Lugo ordenar o exercicio da profesión de enfermaría, representar esta en exclusiva, defender os intereses profesionais dos/as colexiados/as no seu ámbito de actuación, promover constantemente a mellora da calidade das prestacións profesionais dos/as colexiados/as a través da formación e do seu perfeccionamento, cooperar coa mellora dos estudos que conducen a obter o título que habilita para exercer a profesión e as súas especialidades, colaborar coas administracións públicas no exercicio das súas competencias nos termos previstos nas leis, velar pola satisfacción dos intereses xerais relacionados co exercicio da profesión de enfermaría para que a actividade profesional se adecue aos intereses dos cidadáns, e pola deontoloxía profesional dos seus membros no exercicio das súas funcións, todo iso sen prexuízo das competencias das administracións públicas, nin da representación sindical no ámbito específico das súas funcións.

Artigo 4º

Para conseguir os seus fins, o Ilustre Colexio Oficial de Enfermería de Lugo, no seu ámbito territorial exercerá as funcións que lle atribúen a lexislación básica estatal, a autonómica, e as funcións seguintes:

a) Cantas lles sexan encomendadas pola Administración e a colaboración con esta mediante a realización de estudos, emisión de informes, elaboración de estatísticas e doutras actividades relacionadas cos seus fins, que lle poidan ser solicitadas ou acorden formular por propia iniciativa.

b) Exercer a representación que establezan as leis para cumprir os seus fins.

c) Participar nos consellos ou órganos consultivos da administración e universidades, en materia da súa competencia e de acordo coa normativa vixente en cada caso.

d) Nos termos previstos na normativa vixente, participar na elaboración dos plans de estudo e informar sobre as normas de organización dos centros docentes correspondentes á profesión, manter permanentemente contacto cos mesmos centros, polo que deben preparar a información necesaria para facilitarlles o acceso á vida laboral dos novos profesionais.

e) Colaborar coas entidades de formación dos futuros titulados na mellora do ensino nos termos previstos na normativa vixente.

f) Exercer, no seu ámbito, a representación e a defensa da profesión ante a Administración, institucións, tribunais, entidades e particulares, con lexitimación para ser parte en cantos litixios lles afectan aos intereses profesionais e exercer o dereito de petición, conforme a lei.

g) Facilitarlles aos tribunais, segundo as leis, a relación de colexiados que puidesen ser requiridos para interviren como peritos nos asuntos xudiciais ou designalos por si mesmos, segundo proceda.

h) Ordenar, no ámbito da súa competencia, a actividade profesional dos/as colexiados, velando pola ética, a dignidade profesional e pola conciliación dos seus intereses co interese social e cos dereitos dos usuarios, así como polo cumprimento das normas deontolóxicas, que terán carácter de cumprimento obrigado.

i) Intervir como mediador nos conflitos profesionais que xurdan entre os/as colexiados/as, logo de solicitáreno os/as interesados/as.

j) Adoptar as medidas que conducen a evitar a intrusión profesional e a competencia desleal.

k) Exercer funcións arbitrais nos asuntos que lle sexan sometidos, conforme a lexislación xeral de arbitraxe.

l) Facilitarlles aos colexiados a máis extensa gama de prestacións e servizos, como lecer, vivendas, seguros, medios técnicos e calquera outro análogo, así como crear, fomentar e, se é o caso, participar en sociedades, cooperativas, fundacións, empresas e colaboracións comerciais.

m) Organizar e promover actividades e servizos de carácter profesional, asistencial, de previsión, de cobertura de posibles responsabilidades civís contraídas no exercicio profesional, ou outras actividades de natureza análoga que sexan de interese para os/as colexiados/as.

n) Elaborar e aprobar os seus propios estatutos, así como as súas modificacións, de acordo coa normativa vixente, polo que se informará diso o Consello Xeral e o Consello Autonómico.

o) Exercer a facultade disciplinaria na orde profesional e colexial, nos termos establecidos nos presentes estatutos de acordo coa normativa aplicable.

p) Encargarse de cobrar as percepcións e remuneracións ou honorarios profesionais, cando o/a colexiado/a o solicite, nos casos en que o colexio teña creados os servizos adecuados e nas condicións que se determinen.

q) Establecer baremos de honorarios con carácter orientativo, sen prexuízo da normativa de aplicación.

r) Elaborar e aprobar os seus orzamentos anuais de ingresos e gastos, así como as súas contas e liquidacións orzamentarias.

s) Establecer e exixir as contribucións económicas dos/as colexiados/as, exercendo as accións procedentes para reclamar en caso de falta de pagamento.

t) Colaborar e informar dos procedementos xudiciais ou administrativos no ámbito da súa competencia, que lles afecten aos/ás profesionais ou á profesión de enfermaría.

u) Informar os proxectos das normas da Comunidade de Galicia que poidan afectar aos/ás profesionais que agrupen, ou se refiran aos fins e funcións a eles/as encomendados.

v) Organizar actividades encamiñadas á formación, ao perfeccionamento profesional, ao fomento da investigación e ao desenvolvemento científico profesional entre os/as colexiados/as.

w) Manter regularmente informados os/as colexiados/as das actividades desempeñadas así como calquera cuestión que puidese ser do seu interese.

x) Manter con outros colexios profesionais e consellos de colexios autonómicos e Consello Xeral, as relacións que correspondan segundo a normativa vixente.

y) Cumprir e facerlles cumprir aos/ás colexiados/as as leis xerais, específicas e estes estatutos, así como as normas e decisións adoptadas polos órganos colexiados en materia da súa competencia.

z) Cantas outras funcións redunden en beneficio dos intereses profesionais dos/as colexiados/as e se encamiñen a cumprir os fins colexiais.

Artigo 5º

O Ilustre Colexio Oficial de Enfermería de Lugo poderá establecer os regulamentos de réxime interior que considere convenientes para cumprir mellor os seus fins, logo de acordalo coa Xunta Xeral.

Capítulo II

Dos colexiados e as súas clases. Adquisición, denegación e perda da condición de colexiado/a

Artigo 6º

No Colexio Oficial de Diplomados en Enfermería de Lugo incorporarase con carácter obrigatorio e con igualdade de dereitos corporativos quen posúa o correspondente título de diplomado/a en enfermaría, ATS, practicante (entendendo por practicante aquel persoal sanitario que se regule polo Decreto do 27 de novembro de 1953, polo que se aproba o Regulamento de persoal de servizos sanitarios locais), enfermeira ou matrona, ou calquera outro que no futuro se poida establecer en relación e vinculado á profesión de enfermaría, que teña o propósito de exercer a súa profesión e cumpra os demais requisitos que poida establecer o Consello Xeral, o Consello Autonómico ou o propio colexio nestes estatutos, tendo en conta a ordenación da profesión e a práctica profesional de acordo coas normas deontolóxicas.

Cando os profesionais de enfermaría desenvolvan a súa maior actividade profesional na provincia de Lugo, deberán incorporarse ao ilustre Colexio Oficial de Enfermería de Lugo.

Tamén se poderá incorporar voluntariamente como colexiado/a non exercente, no caso de posuír algún dos títulos referidos no parágrafo anterior, quen non estivese exercendo a profesión no ámbito territorial do colexio.

Ademais dos/as colexiados a que se refiren os parágrafos anteriores deste artigo, poderán ser colexiados de honra aquelas persoas que, malia non reuniren as ditas condicións, reciban este nomeamento por

acordo da Xunta Xeral, atendendo aos méritos ou servizos prestados a favor da profesión ou da sociedade en xeral. Os/as colexiados/as así nomeados non poderán formar parte da Xunta de Goberno.

Os/as profesionais que exerzan ocasionalmente en territorio diferente ao de colexiación, non necesitan habilitación ningunha nin o pagamento de contraprestacións económicas distintas daquelas que exixan habitualmente aos seus colexiados pola prestación dos servizos dos que sexan beneficiarios e non se atopen cubertos pola cota colexial. Isto sen prexuízo de que os estatutos xerais ou autonómicos poidan obrigar os profesionais que exerzan nun lugar distinto ao de colexiación de comunicarlles aos colexios distintos aos da súa inscrición a actuación no seu ámbito territorial.

Artigo 7º

A pesar do exposto nos parágrafos anteriores, todo/a colexiado que posúa a titulación correspondente para exercer a profesión poderá levala a efecto, sen necesidade de estar inscrito neste colexio nos casos seguintes:

a) Cando a súa actuación se limite á atención de parentes dentro do cuarto grao de consanguinidade ou afinidade.

b) Cando o exercicio se limite a intervencións accidentais de carácter urxente.

Artigo 8º

Os nacionais dos estados membros da Unión Europea cumprirán os requisitos que estableza a normativa galega aplicable para prestar servizos de enfermaría con carácter ocasional.

Artigo 9º

Para adquirir a condición de colexiado/a será necesario presentarlle a solicitude correspondente ao presidente do colexio, coa que deberán xuntar os documentos seguintes:

a) Certificado de nacemento ou calquera outro documento que acredite a idade e a identidade do/a interesado/a.

b) Título profesional ou, se é o caso, certificación académica que acredite o remate dos estudos, con resgardo do pagamento dos dereitos de expedición do título, ata a entrega deste, momento no que deberá ser presentado no colexio para o seu rexistro.

c) Recibo que acredite ter pagado a cota de ingreso.

d) No caso de que o/a solicitante estivese colexiado/a noutro colexio de diferente ámbito territorial da provincia de Lugo, será suficiente que achegue a certificación do colexio de procedencia, que acredita o período de colexiación e o pagamento das cotas que lle correspondesen por tal período. O seu expediente remitirase desde o dito colexio.

A Xunta de Goberno resolverá sobre a solicitude, dentro do prazo máximo de trinta días posteriores á súa presentación, polo que lle deberá comunicar

por escrito ao solicitante a resolución que adoptou que, de ser negativa, terá que expresar con carácter preceptivo as causas da denegación. Contra a resolución poderá interpoñerse o recurso corporativo correspondente.

Artigo 10º

Sen prexuízo do disposto nos artigos anteriores respecto aos supostos de exercicio ocasional da profesión en territorio distinto ao da colexiación, o colexio poderá, tras acordalo a Xunta de Goberno, atribuírlle a condición de colexiados non exercentes aos/ás quen se atopen en posesión da titulación habilitante para o exercicio profesional da enfermaría, pero que non a estean exercendo nin de forma onerosa nin gratuíta.

Os/as colexiados/as non exercentes exercerán todos os dereitos previstos nestes estatutos salvo o acceso a cargos colexiais e os que deriven do exercicio profesional. A Xunta de Goberno poderá establecer cotas colexiais especiais ou mesmo eximir de pagar estas cotas a este colectivo. O pagamento das contribucións que lle correspondan ao Consello Xeral respecto dos/as colexiados/as que non exercen realizarase en función das cantidades efectivamente cobradas polo colexio.

En calquera caso, os/as colexiados/as non exercentes estarán obrigados/as a comunicarlle ao colexio a súa reincorporación ao exercicio profesional no ámbito da provincia de Lugo, no prazo de dez días desde que esta se produza, para incorporalos como colexiados/as exercentes.

Artigo 11º

A condición de colexiado/a perderase:

a) Por falta de pagamento de catro cotas ordinarias ou extraordinarias do colexio.

b) Por condena firme que leve consigo a accesoria de inhabilitación para o exercicio da profesión.

c) Por expulsión do colexio acordada por expediente disciplinario.

d) Por causar baixa voluntariamente.

En todo caso, a perda da condición de colexiado/a polas causas expresadas nas letras a), b) e c) deberalle ser comunicada ao/á interesado/a, momento no que producirá efectos, salvo o disposto nos casos de interposición de recursos.

Capítulo III

Dos dereitos e deberes dos/as colexiados/as

Artigo 12º

Os/as colexiados/as terán os dereitos seguintes:

a) Participar na xestión corporativa e, polo tanto, exercer o dereito de petición, o de voto e o de acceso aos postos e cargos directivos, segundo o regulado nestes estatutos. O voto dos/as colexiados/as exercentes terá igual valor que o dos/as non exercentes.

b) Ser defendidos por petición propia polo colexio, cando sexan vexados ou perseguidos con motivo do exercicio profesional.

c) Ser asesorados e defendidos polo colexio, cando necesiten presentarlles reclamacións fundadas ás administracións, autoridades, tribunais e entidades oficiais ou particulares.

d) Pertencer ás entidades de previsión que para protexer os profesionais estivesen establecidas.

e) Formular ante a Xunta de Goberno as queixas, peticións e iniciativas que consideren procedentes.

f) Examinar os libros de contabilidade e de actas do colexio, se o solicitan previamente; así como solicitar a expedición de certificación daqueles acordos que os afecten persoalmente.

g) Usar a insignia e o uniforme profesional que se teña creado e aprobado.

h) Usar as dependencias do colexio, nas condicións que este determine.

i) Eximir de pagar as cotas do colexio durante a prestación do servizo militar, prestación de servizos con carácter permanente, exclusivo e non remunerado nas ONG ou de carácter altruísta ou de beneficio social ou por outros motivos excepcionais análogos, despois do acordo da Xunta de Goberno.

j) Usar o documento acreditativo da súa identidade profesional, expedido polo órgano colexial correspondente.

k) Tramitar mediante o colexio, que cursará co seu informe preceptivo, toda petición ou reclamación que lle teñan que formular ao Consello Xeral ou ao Consello Autonómico.

Artigo 13º

Os/as colexiados/as teñen os deberes seguintes:

a) Cumprir o disposto nestes estatutos e as demais normas aplicables ao exercicio da profesión.

b) Estar ao día no pagamento das cotas colexiais, tanto ordinarias como extraordinarias.

c) Denunciarlle ao colexio todo acto de intrusión que se produza na provincia e chegue ao seu coñecemento, así como os casos de exercicio ilegal, tanto por non colexiación como por se atopar suspendido ou inhabilitado o/a denunciado/a.

d) Comunicarlle ao colexio os seus cambios de domicilio ou de residencia, así como as ausencias superiores a catro meses.

e) Emitir o seu informe ou dar o seu parecer cando fosen convocados para iso polo colexio.

f) Cumprir as prescricións do código deontolóxico da enfermaría española.

g) Aceptar, salvo xusta causa, e desempeñar fielmente os cargos colexiais para os que foron nomeados ou escollidos.

h) Amosar o documento de identidade profesional cando legalmente sexa requirido para iso.

TÍTULO II

Da estrutura e do funcionamento do colexio

Capítulo I

Dos órganos de goberno do colexio. Estrutura e funcións

Artigo 14º

O Ilustre Colexio Oficial de Enfermería de Lugo está rexido polos seguintes órganos: a Xunta Xeral, a Xunta de Goberno e a Presidencia.

Artigo 15º

A Xunta Xeral é o órgano soberano de decisión do colexio e reunirase con carácter ordinario dúas veces ao ano. Unha, no último trimestre, para examinar e aprobar o orzamento e outra, no primeiro semestre, para proporcionar información xeral sobre a marcha do colexio en todos os aspectos.

Artigo 16º

A Xunta Xeral, ademais da xuntanza ordinaria a que se refire o artigo anterior, poderá reunirse en sesión extraordinaria. Tanto unha como a outra serán convocadas por acordo da Xunta de Goberno, cun mínimo de quince días de anticipo mediante unha comunicación dirixida a todos/as os/as colexiados/as, na que se indicará o lugar, a data e a hora da xuntanza, tanto en primeira como en segunda convocatoria, e a orde dos asuntos que se han de tratar. Non se poderán adoptar acordos sobre asuntos que non comprende a orde dos asuntos que se van tratar.

Artigo 17º

A Xunta Xeral, tanto ordinaria como extraordinaria, quedará constituída coa asistencia da metade máis un dos colexiados, na primeira convocatoria, e con calquera que fose o número de asistentes na segunda, que terá lugar polo menos trinta minutos despois da hora na que fose convocada a primeira.

Os acordos serán adoptados por maioría dos asistentes, e será por votación secreta cando así o solicite o 15% dos/as colexiados/as que asistan á xunta. En calquera caso, será secreto o voto cando lle afecte a cuestións relativas ao decoro dos/as colexiados/as.

Serán presidente e secretario da Xunta Xeral os que o sexan do colexio. O presidente abrirá e rematará a sesión e fará de moderador, que poderá delegar esta función en calquera colexiado/a.

Artigo 18º

A Xunta Xeral extraordinaria deberá ser convocada cando así o acorde a Xunta de Goberno ou o solicite o 10% dos/as colexiados/as debidamente censados e que estean ao día nas súas obrigas colexiais.

Neste último caso a Xunta Xeral extraordinaria deberá ser convocada dentro dos 30 días seguintes á data de presentar a solicitude.

Artigo 19º

Cos requisitos establecidos no artigo anterior para solicitar a convocatoria da Xunta Xeral extraordinaria, poderáselles solicitar a inclusión na orde do día dunha moción de censura a membros da Xunta de Goberno, ou a esta en xeral, onde se deben expresar con claridade as razóns nas que se funde, polo que estará obrigada a Xunta de Goberno a incluíla na orde dos asuntos que ten que tratar na primeira Xunta Xeral extraordinaria que teña lugar. Se a moción de censura fose aprobada, os membros censurados ou, se é o caso, toda a xunta deberán dimitir, e convocar inmediatamente eleccións dos novos cargos.

En todo caso, para que prospere unha moción de censura será necesaria a asistencia á Xunta Xeral na que se trate, da metade máis un dos/as colexiados/as e a aprobación polos dous terzos dos asistentes.

Artigo 20º

Son competencias exclusivas da Xunta Xeral, as seguintes:

a) A aprobación e reforma dos estatutos e normas deontolóxicas colexiais.

b) A elección do órgano de goberno e do seu presidente, e a remoción destes por medio da moción de censura.

c) A aprobación dos orzamentos e contas do colexio.

d) A aprobación da xestión do órgano de goberno e do seu presidente.

Artigo 21º

A Xunta de Goberno será o órgano executivo e representativo do Colexio Oficial de Enfermería de Lugo.

Artigo 22º

A Xunta de Goberno estará constituída por un Pleno e unha Comisión Permanente.

O Pleno estará integrado polos seguintes membros: presidente, vicepresidente, secretario, tesoureiro e cinco vogais, dentro dos que un deles pertencerá ao colectivo de APD con praza definitiva e outro ao de matronas.

O presidente, secretario e tesoureiro da Xunta de Goberno tamén o son do colexio.

En casos de ausencia, enfermidade, recusación ou vacante; o presidente será substituído polo vicepresidente e o secretario e tesoureiro polos vogais, pola súa orde.

No caso de producirse vacante nos cargos de vogais, a Xunta de Goberno designará un substituto entre os suplentes.

A Comisión Permanente estará integrada polos seguintes membros: presidente, vicepresidente, secretario e tesoureiro; debendo ser elixidos de entre

os propios membros da Xunta de Goberno, agás un deles que non terá por que ser membro da Xunta, e que nunca poderá ocupar o cargo de presidente da Comisión Permanente.

No suposto en que se produza unha vacante de máis da metade dos membros do órgano de goberno, este limitarase unicamente a adoptar decisións ou resolver sobre cuestións de extrema urxencia, procedendo á inmediata convocatoria de eleccións para a cobertura das prazas vacantes.

Artigo 23º

Os cargos da Xunta de Goberno percibirán as indemnizacións ou retribucións por gastos de representación que, pola súa dedicación, lle sexan asignados ou consignados nas partidas correspondentes dos orzamentos anuais.

Artigo 24º

Serán funcións da Xunta de Goberno:

a) Executar os acordos adoptados pola Xunta Xeral.

b) Dirixir e administrar o colexio en beneficio da corporación.

c) Exercer as facultades disciplinarias e impoñer sancións de acordo co establecido nestes estatutos.

d) Confeccionar os orzamentos anuais e aprobar o anteproxecto destes, así como elaborar o balance do ano anterior para a súa presentación e aprobación pola Xunta Xeral.

e) A representación do colexio ante os tribunais de Xustiza e ante a Administración pública, salvo cando por lei lle corresponda ao presidente.

f) Aprobar os regulamentos de réxime interior.

g) Convocar eleccións para cubrir as vacantes producidas na propia Xunta de Goberno, dándolle conta destas ao Consello Autonómico e ao Consello Xeral.

h) Crear comisións de traballo ou seccións colexiais de colectivos de enfermaría cando se crea necesario, e designar o seu coordinador ou responsable.

i) Fixar as cantidades correspondentes a gastos de locomoción, axudas de custo ou outras retribucións que se determinen.

j) Nomear o presidente e os vogais que se considere conveniente da Comisión Deontolóxica provincial.

k) Nomear o presidente e as dúas vogais da mesa electoral cos correspondentes substitutos.

l) Adoptar os acordos para establecer os honorarios, que terán carácter orientativo.

m) A xestión ordinaria dos intereses da corporación.

n) Recadar e administrar os fondos do colexio.

ou) Establecer e organizar os servizos necesarios para cumprir mellor as funcións colexiais.

p) Acordar ou denegar a admisión de colexiados/as.

q) Atribuírlles aos vogais do Pleno as áreas de traballo que lles correspondan.

Artigo 25º

A Xunta de Goberno reunirase ordinariamente unha vez cada mes, agás os meses de xullo e agosto, sen prexuízo de podelo facer con maior frecuencia cando a importancia dos asuntos o requira.

As convocatorias para a xuntanza do Pleno faraas a Secretaría logo do mandado da Presidencia, con cinco días de antelación como mínimo. Formularanse por escrito e irán acompañadas da orde do día correspondente. Fóra deste, non se poderán tratar outros asuntos de non ser que estean presentes todos os membros e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría. Para a válida constitución requirirase a presenza do presidente e secretario ou, de ser o caso, daqueles que os substitúan, e a de polo menos a metade dos seus membros. Os acordos serán adoptados por maioría de votos dos asistentes, co que se deben reunir na primeira convocatoria a maioría dos membros que integren o Pleno. Os acordos adoptados en segunda convocatoria serán válidos, sexa cal for o número de asistentes. O presidente terá voto de calidade.

Ás xuntanzas do Pleno poderán asistir asesores convocados polo presidente, así como os suplentes da candidatura e o presidente da Comisión Deontolóxica, con voz, pero sen voto.

Artigo 26º

Non poderán formar parte da Xunta de Goberno:

a) Os/as colexiados/as que fosen condenados por sentenza firme, que leve consigo a inhabilitación para cargos públicos.

b) Os/as colexiados/as aos/ás que se lles impuxese unha sanción disciplinaria por falta grave ou moi grave e non fose cancelada.

c) Os/as colexiados/as expresados no artigo 10 destes estatutos.

Artigo 27º

Os membros da Xunta de Goberno serán depostos polas causas seguintes:

a) Expiración do termo ou prazo para o que foron escollidos.

b) Renuncia do/a interesado/a.

c) Falta de asistencia inxustificada a tres sesións consecutivas ou a cinco alternas.

d) Por concorrer neles as causas sinaladas no artigo 11º.

e) Aceptar a moción de censura segundo establecen estes estatutos.

Artigo 28º.-O presidente.

O presidente exercerá a representación máxima do colexio en todas as súas relacións cos poderes

públicos, entidades, corporacións e persoas xurídicas ou naturais de calquera orde, velará dentro do seu ámbito territorial por cumprir as prescricións regulamentarias, os acordos e as disposicións que sexan ditadas pola Xunta de Goberno.

Ademais, correspóndenlle os seguintes cometidos:

a) Exercer as accións que lle correspondan en defensa dos dereitos dos/as colexiados/as e do colexio ante os tribunais de xustiza e autoridades de toda clase, outorgando e revogando os poderes que sexan necesarios para iso.

b) Presidir, abrir e rematar todas as sesións dos órganos do colexio, dirixir o seu debate, exercer o voto de calidade se fose preciso.

c) Visar as certificacións e as actas realizadas polo secretario.

d) Autorizar os informes e comunicacións que deban cursar e visar os nomeamentos e as certificacións do colexio.

e) Autorizar a apertura de contas bancarias, as imposicións que se fagan, os talóns ou cheques para retirar as cantidades, ordenar os pagamentos e os libramentos para dispoñer de fondos, todo iso conxuntamente co tesoureiro.

f) Adoptar as resolucións que procedan por razóns de urxencia, das que lle dará conta ao órgano correspondente do colexio das decisións adoptadas para ratificalas na sesión seguinte.

g) Subscribir acordos ou convenios de colaboración con asociacións, corporacións e calquera outra entidade para fomentar, crear e organizar actividades, servizos e institucións de interese para a profesión que teñan por obxecto a asistencia social e sanitaria, a cooperación, o mutualismo, o fomento da ocupación, a promoción cultural e outros, logo de acordalo a Xunta de Goberno.

h) Conceder poderes para o exercicio das accións de todo tipo que lle correspondan en cada caso ao colexio.

i) Contratar no nome do colexio produtos financeiros conxuntamente co tesoureiro, despois de que o acordase a Xunta de Goberno.

j) Nomear os asesores que considere necesarios e darlle conta disto á Xunta de Goberno, sempre que exista dotación orzamentaria.

k) Representar o colexio ante outras autoridades e organismos, e exercela nos actos oficiais.

Artigo 29º.-O vicepresidente.

O vicepresidente levará a cabo todas aqueloutras funcións que lle confira o presidente, polo que asumirá as deste en caso de ausencia, enfermidade, abstención, recusación ou vacante.

Artigo 30º.-O secretario.

Serán funcións do secretario as seguintes.

a) Redactar as actas das sesións dos órganos do colexio.

b) Redactar e dirixir os oficios de citación para todos os actos do colexio, segundo as ordes que reciba do presidente e coa anticipación debida.

c) Ocupar a xefatura de persoal.

d) Propoñerlles aos órganos correspondentes o establecemento dos medios e dos mecanismos que garantan a custodia dos libros, selos, arquivos e documentos do colexio, polo que deberá existir aquel no que se anoten as correccións que se lles impoñan aos/ás colexiados/as, así como o libro de rexistro de títulos.

e) Recibir e darlle conta ao presidente de todas as solicitudes e comunicacións que se lle remitan ao colexio.

f) Expedir as certificacións que soliciten os/as interesados/as.

g) Organizar e dirixir as oficinas.

h) Levar o libro rexistro de bolsa de traballo.

i) Redactar a memoria anual ao remate do exercicio.

Artigo 31º.-O tesoureiro.

Serán funcións do tesoureiro e, en caso de ausencia, enfermidade, abstención, recusación ou vacante deste, do vogal que o substitúe as seguintes:

a) Expedir e cubrir, por instancia do presidente, os libramentos e demais medidas previstas no artigo 30º, conxuntamente co presidente.

b) Propoñerá e xestionará cantos extremos conduzan á boa marcha contable do colexio, polo que subscribirá co presidente os libramentos de pagamento que aquel como ordenador de pagamentos realice.

c) Levará os libros necesarios para rexistrar os ingresos e gastos e, en xeral, o movemento patrimonial.

d) Daralle conta ao presidente, ao Pleno e á Comisión Executiva das necesidades observadas e da situación de tesouraría.

e) Anualmente formulará a conta xeral e presentaralle o proxecto de orzamentos á Xunta de Goberno do colexio, polo que efectuará as operacións contables que correspondan dunha maneira regular e periódica, para a cal e dado o seu carácter non profesional, poderá servirse dos medios, asesores e empregados necesarios tras acordalo a Xunta de Goberno.

f) Levar o inventario dos bens do colexio.

Artigo 32º

Cando así se crea necesario, calquera dos membros da Xunta de Goberno poderá dedicarse en réxime de dedicación exclusiva ao colexio, polo que a Xunta de Goberno lle recoñecerá as retribucións econó

micas que considere procedentes, de acordo coa dotación orzamentaria correspondente.

Capítulo II

Execución de acordos e libros de actas

Artigo 33º

Tanto os acordos da Xunta Xeral como os da Xunta de Goberno serán inmediatamente executivos, polo que servirán de base naquilo que sexa necesario certificar un acordo que conste na acta correspondente, expedida polo secretario co visto e prace do presidente.

Artigo 34º

No colexio levaranse dous libros de actas onde se transcribirán separadamente as correspondentes á Xunta Xeral, e á Xunta de Goberno, sen prexuízo da posibilidade de incorporar os medios e técnicas avanzadas admitidas en dereito, sempre que se garanta a autenticidade do contido das ditas actas.

As actas correspondentes á Xunta de Goberno serán asinadas por todos os membros que asistan.

As actas da Xunta Xeral serán asinadas por tres interventores designados pola Xunta Xeral, polo secretario e visadas polo presidente.

Capítulo III

Do réxime electoral

Artigo 35º

a) Poderán ser membros da Xunta de Goberno todos/as os/as colexiados/as non comprendidos no artigo 26 destes estatutos e colexiados neste Ilustre Colexio Oficial de Enfermería de Lugo.

b) A elección dos membros da Xunta de Goberno e a dos suplentes, será por votación persoal, directa e secreta dos colexiados, polo que poderán acudir á sede colexial a depositar persoalmente o voto ou ben emitilo por correo certificado. Os sobres para emitir o voto por correo serán editados en formato único oficial pola Xunta de Goberno do Colexio, seguindo as características que figuran neste artigo.

c) A convocatoria de eleccións deberá efectuala a Xunta de Goberno. Nela deberá sinalar a data ou as datas nas que estas teñan lugar, en concordancia cos prazos establecidos no parágrafo d) deste artigo, así como as horas de apertura e remate da votación e a relación de cargos e suplentes que conforman a candidatura -pechada e completa da Xunta de Goberno, que deben ser elixidos de acordo coa composición da Xunta de Goberno que establecen estes estatutos. Neste acto, a Xunta de Goberno nomeará o presidente e as dúas vogais da mesa electoral, así como cadanseu substituto entre os colexiados que se atopen ao día das súas obrigas co colexio. A composición da mesa electoral publicaranse xunto coa convocatoria.

d) As candidaturas deberán presentarse na sede central do colexio, en listas pechadas e completas, cos/as colexiados/as que se presenten como candi

datos para a elección, en relación por cargos; e cos suplentes, no formato determinado pola Xunta de Goberno, dentro dos oito días naturais seguintes a aquel no que se publique a convocatoria, e unha vez transcorridos eses oito días, a Xunta de Goberno, dentro dos tres días hábiles seguintes, deberá publicar as candidaturas, co nome e apelidos dos/as candidatos/as e suplentes, así como os cargos a que optan estes/as en cada candidatura.

e) Ao publicar as candidaturas, a Xunta de Goberno deberá publicar o censo colexial, que conterá o nome e apelidos dos/as colexiados/as, así como o seu DNI e o número de colexiado/a. O dito censo deberá estar exposto, para consultáreno os/as interesados/as no local ou locais que ocupa o colexio, durante o prazo de sete días naturais, durante o cal, quen o considere necesario poderá formular unha reclamación para corrixir os erros nos que puidesen incorrer. Despois de corrixiren os ditos erros, o que terá lugar no prazo máximo de tres días hábiles, será publicado, na mesma forma que o anterior, o censo definitivo do que se entregará, logo de que o solicitase cada candidatura, un exemplar, e será este o único censo válido para efectuar as eleccións. As candidaturas receptoras deste censo electoral deberán empregalo respectando en todo caso a normativa en vigor en materia de tratamento de datos de carácter persoal.

f) Se por calquera circunstancia algún dos candidatos a membros da Xunta de Goberno, unha vez proclamado, decidise retirarse antes de que tivese lugar o proceso electoral, a candidatura conxunta deberá comunicarlle á Xunta de Goberno o nome do/a colexiado/a que o/a deberá substituír.

g) O feito de que algunha candidatura resulte incompleta, unha vez presentada, por renuncia de ata o corenta por cento dos seus candidatos iniciais e suplentes, antes da data da votación, non implica a anulación da candidatura.

h) No día e na hora sinalados na convocatoria constituirase na sede do colexio ou nas dependencias escollidas para o efecto, que en tal caso serán concretadas na convocatoria, a mesa electoral única, que estará composta polas persoas designadas pola Xunta de Goberno. Así mesmo, a Xunta de Goberno designará a mesa electoral con todos os medios informáticos e persoal auxiliar e xurídico que considere necesarios.

i) O presidente da mesa que, dentro do local electoral ten a autoridade exclusiva para asegurar a orde, garantir a liberdade dos electores e a observancia da lei, poderá ordenar a expulsión inmediata das persoas que de calquera modo entorpezan o desenvolvemento das votacións e o escrutinio.

j) As candidaturas poderán, pola súa parte, designar entre os colexiados, un interventor que os represente no desenvolvemento das votacións e do escrutinio, co que lle deberán notificar o nome do representante á Xunta de Goberno cunha antelación mínima de cinco días naturais anteriores á data na que

teña lugar a elección. A Xunta de Goberno redactará a credencial oportuna.

k) Na mesa electoral deberá haber dúas urnas: a primeira, destinada aos votos dos/as colexiados/as que acudan persoalmente, (urna xeral); a segunda, destinada aos votos que foron emitidos por correspondencia ata o momento do escrutinio, no que se procederá conforme o estabelecido na letra t) deste artigo.

l) As urnas deberán estar pechadas e deixarán unha rañura para depositar os votos. O contido de cada urna deberá estar sinalado claramente no exterior: urna xeral, voto por correo.

m) Tras constituír a mesa electoral, o seu presidente, á hora fixada na convocatoria, indicará o comezo da votación, que finalizará á hora, así mesmo, sinalada para tal efecto na convocatoria. Será o dito presidente da mesa quen así o comunique ao chegar o remate, antes do escrutinio.

n) As papeletas de voto deberán ser todas brancas, do mesmo tamaño e da mesma cor; para estes efectos a Xunta de Goberno fixará un formato único para todas as candidaturas, que deberán levar impresos e correlativamente os cargos e nomes que procede elixir, así como a listaxe numerada dos suplentes, para os efectos previstos nestes estatutos, e que serán editadas de balde polo colexio. Igualmente, a Xunta de Goberno establecerá o modelo único dos sobres que conteñan as papeletas de voto, que será o mesmo tanto para os votos que sexan emitidos por correo como para os que sexan emitan persoalmente. Serán brancos do mesmo tamaño e sen ningún tipo de inscrición. As diversas candidaturas poderán, se o cren conveniente, solicitarlle ao colexio, ao presentalas, a impresión das papeletas en número igual ao de colexiados que figure no censo, cos nomes dos candidatos, o cargo a que cada un destes/as aspira, así como a listaxe de suplentes para os efectos destes estatutos; estas serán editadas

gratuitamente polo colexio.

o) Na sede na que teñan lugar as eleccións deberá haber sobres e papeletas de votación suficientes que deberán ser impresas de acordo coas normas xa sinaladas e estarán en fileiras debidamente separadas.

p) Os votantes que acudan persoalmente a exercer o seu dereito a votar deberán acreditarlle á mesa electoral a súa identidade co carné de colexiado, documento nacional de identidade, pasaporte ou carné de conducir. A mesa comprobará a súa inclusión no censo establecido para as eleccións e pronunciará en voz alta o nome e apelidos do votante, co que indica que vota, momento no que introducirá o sobre coa papeleta dobrada no seu interior na urna correspondente.

q) Os colexiados que desexen emitir o seu voto por correo ou o solicitasen por escrito, persoalmente ou por correo certificado dirixido ao presidente da mesa electoral, domiciliada na sede central do colexio, no prazo de 8 días hábiles a partir de publi

car a convocatoria de eleccións, na que se indicará o nome, os apelidos, o número de colexiado e o enderezo ao que quere que se lle envíen os sobres e as papeletas para exercer o voto por correo.

r) Despois de que o presidente da mesa electoral recibiu a solicitude de voto por correo e tras comprobar que a dita solicitude cumpre todos os requisitos previstos no punto anterior e a súa inscrición no censo electoral, remitiralle ao elector, ao domicilio designado por el na solicitude, as papeletas e os sobres electorais.

s) Os votantes que queiran exercer o dereito ao voto por correspondencia deberán introducir a papeleta de votación, dobrada, nun sobre branco, o cal se introducirá á súa vez noutro sobre; no seu anverso constará a palabra eleccións e no reverso o nome, os dous apelidos, o enderezo da votante e a súa sinatura; o formato único de ambos os sobres e a papeleta serán os establecidos pola Xunta de Goberno. Estes votos deberán dirixirse ao presidente da mesa electoral, o cal se responsabilizará da súa custodia ata o momento de iniciar as eleccións, que os introducirá na urna designada para o efecto. Serán válidos os sobres de voto por correspondencia que se reciban ata o momento do escrutinio. Serán declarados nulos sen máis trámite os votos por correo que sexan emitidos en sobres diferentes aos oficiais, así como os que non lle fosen solicitados á mesa electoral segundo o regulado nas letras q) e r) deste artigo.

t) Unha vez que o presidente da mesa electoral sinale o remate das votacións, en público e nun mesmo acto, abriranse as urnas e seguirase a orde que a continuación se sinala. En primeiro lugar, abrirase a urna destinada aos votos emitidos por correo, e logo de comprobar que o votante se atopa inscrito no censo electoral, e non votou de presenza, abrirase o sobre exterior e introducirase o sobre interior na urna xeral. Despois de rematar esta primeira operación, desprecintarase a urna xeral, a continuación abriranse cada un dos sobres que conteñen as papeletas do voto, e nomearase en voz alta as candidaturas para o seu escrutinio.

u) Deberán ser declarados nulos ademais dos xa sinalado para os votos por correspondencia, todos aqueles votos que aparezan asinados ou riscados, ou con expresións alleas ao contido estrito da votación.

v) Tras finalizar o escrutinio, o presidente da mesa publicará os votos obtidos por cada unha das candidaturas; de todo iso redactarase a acta que será asinada polo presidente da mesa e os vogais; nela anotaranse o número de votos obtidos por cada candidatura, o número de votos en branco e o número de votos nulos, así como as reclamacións efectuadas e os incidentes habidos que lle afectasen á orde da votación ou da redacción da acta. Seguidamente proclamaranse todos os candidatos escollidos, con indicación dos suplentes da candidatura máis votada.

Os sobres e papeletas extraídos das urnas destruiranse, en presenza dos concorrentes, logo de proclamar a candidatura gañadora, con excepción daqueloutros aos que se lles negase a validez ou que fosen obxecto dalgunha reclamación, os cales se unirán á acta e se arquivarán con ela unha vez que a rubricaron os membros da mesa.

w) Cando no proceso electoral concorrese unha candidatura soa, ou se retirasen as xa presentadas, quedando só unha delas, a mesa electoral proclamará esta sen máis trámites.

x) O presidente da mesa, tras declarar rematada a xornada electoral, entregaralle a acta do proceso ao secretario do colexio, quen a rexistrará e inserirá no libro de actas e publicaraa no taboleiro de anuncios.

y) Seguidamente e no prazo de dez días, toman posesión os candidatos escollidos. Logo disto, o secretario redactaralles as credenciais oportunas aos membros da Xunta de Goberno, nas que figurará o visto e prace do presidente e no mesmo prazo, contado a partir desta toma de posesión, deberá dárselle a coñecer ao organismo competente da Comunidade Autónoma de Galicia, do Consello Autonómico e Consello Xeral. En todo caso, a Xunta de Goberno terá a obriga de exercer os seus cargos e funcións ata a toma de posesión da nova Xunta de Goberno.

Artigo 36º

Todos os nomeamentos de cargos directivos terán un mandado de duración de catro anos, e poderán ser reelixidos.

Capítulo IV

Do réxime xurídico dos actos colexiais e a súa impugnación

Artigo 37º

a) Os acordos dos órganos colexiais, mentres estean suxeitos ao dereito administrativo, serán impugnables en alzada ante o Consello Autonómico ou, se é o caso, ante o Consello Xeral. O recurso será interposto ante o colexio que ditou o acordo, que lle deberá remitir os antecedentes e o informe que proceda ao Consello Autonómico ou, se é o caso, ao Consello Xeral, dentro dos quince días seguintes á data de presentación do recurso. Logo de transcorreren tres meses desde que foi interposto o recurso sen que haxa ningunha resolución, poderase entender desestimado, e quedará expedita a vía procedente. Unha vez esgotado o recurso de alzada, interpoñerase o recurso contencioso-administrativo ante o xulgado contencioso-administrativo que corresponda, ou ben ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia nos prazos e formas establecidos na Lei reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

b) Non obstante, os actos dos órganos dos colexios que finalicen a vía administrativa poderán ser recorridos potestativamente en reposición ante o

mesmo órgano que os ditase, ou seren impugnados directamente ante a citada orde xurisdicional contencioso-administrativa.

c) Logo de interpoñer o recurso dentro do prazo establecido, o órgano competente para resolver poderá suspender de oficio ou por petición da parte interesada a execución do acto recorrido, cando a dita execución puidese causar prexuízos de reparación imposible ou difícil ou cando a impugnación fose por algunha causa de nulidade de pleno dereito.

Capítulo V

Do réxime de distincións, premios e medidas disciplinarias

Artigo 38º

Os/as colexiados/as poderán ser distinguidos/as ou premiados/as coas recompensas ou premios que a continuación se especifican, e que se farán constar no expediente persoal, mediante un acordo:

-A Xunta Xeral, por proposta da Xunta de Goberno ou por iniciativa dun ou de varios/as colexiados/as:

a) Medalla de ouro ao mérito profesional.

b) Medalla de prata ao mérito profesional.

-A Xunta de Goberno:

a) Bolsas de estudo ou viaxes para perfeccionar coñecementos profesionais.

b) Proposta á Administración pública para conceder condecoracións ou calquera outro tipo de honras.

Artigo 39º

Os/as colexiados/as que infrinxan os seus deberes profesionais, o Código deontolóxico da enfermaría española, estes estatutos, os do Consello Autonómico, os do Consello Xeral ou os acordos adoptados por calquera das corporacións anteriores poderán ser sancionados/as.

Artigo 40º

As faltas que poden implicar unha sanción disciplinaria clasifícanse en moi graves, graves e leves.

Son faltas moi graves:

a) Os actos ou omisións que constitúan ofensa grave á dignidade da profesión ou ás regras éticas que a gobernan.

b) O atentado contra a dignidade, honestidade ou honra das persoas con ocasión do exercicio profesional ou de cargos corporativos.

c) A comisión de delitos, en calquera grao de participación, como consecuencia do uso ou do exercicio da profesión ou de cargos corporativos.

d) A realización de actividades, constitución de asociacións ou pertenza a estas cando teñan como fins ou realicen funcións que sexan propias dos colexios ou contrapostas nalgún modo.

e) A reiteración nas faltas graves cando non fose cancelada a anterior.

f) As infraccións graves nos deberes que a profesión impón.

Son faltas graves:

a) O incumprimento das normas estatutarias ou dos acordos adoptados polo Consello Xeral, o Consello Autonómico ou o propio colexio, salvo que constitúa falta doutra entidade.

b) Os actos de desconsideración cara a calquera dos demais colexiados.

c) A competencia desleal.

d) Negarse a aceptar a designación de instrutor en expedientes disciplinarios sen causa xustificada.

e) Os actos ou omisións descritos nas letras a), b) e c) do punto anterior, cando non tivesen entidade suficiente para seren considerados como moi graves.

f) A embriaguez con ocasión do exercicio profesional ou de cargos corporativos.

Son faltas leves:

a) A neglixencia no cumprimento de normas estatutarias.

b) Os actos enumerados na epígrafe relativa ás faltas graves, cando non tivesen entidade para ser consideradas como tales.

As faltas moi graves prescribirán aos tres anos, as graves aos dous anos e as leves aos seis meses.

O prazo de prescrición das infraccións comezará a contarse desde o día en que a infracción se cometese. Non obstante, interromperá a prescrición a iniciación, con coñecemento do interesado, do procedemento disciplinario, e retomarase o prazo de prescrición se o expediente estivese paralizado máis dun mes por causa non imputable ao presunto responsable.

Artigo 41º

As sancións que se poden impoñer por faltas moi graves son:

a) Suspensión da condición de colexiado/a e do exercicio profesional por prazo superior a tres meses e non maior a un ano.

b) Suspensión para desempeñar cargos corporativos por un prazo superior a cinco anos e non maior de dez anos.

As sancións que se poden impoñer por faltas graves son:

a) Amoestación escrita, na que se advertirá da suspensión.

b) Suspender a condición de colexiado/a e do exercicio profesional por prazo non superior a tres meses.

c) Suspensión para desempeñar cargos corporativos por un prazo non superior a cinco anos.

As sancións que se poden impoñer por faltas leves son:

a) Amoestación verbal.

b) Reprensión privada.

c) Amoestación escrita sen constancia no expediente persoal.

O prazo de prescrición das sancións impostas por faltas moi graves prescribirá aos tres anos, por faltas graves aos dous anos e as impostas por faltas leves ao ano.

O prazo de prescrición das sancións empeza a contabilizarse desde o día seguinte a aquel en que adquira firmeza a resolución pola que se impón a sanción.

Non obstante, interromperá a prescrición a iniciación, con coñecemento do interesado, do procedemento de execución, volvendo a transcorrer o prazo se aquel está paralizado durante máis dun mes por causa non imputable ao infractor.

Artigo 42º

As faltas graves e moi graves serán sancionadas pola Xunta de Goberno:

As faltas leves sancionaranse sen necesidade de expediente previo e logo da audiencia ou descargo do inculpado, e así mesmo, por acordo da Xunta de Goberno.

As faltas graves e moi graves sancionaranse despois de abrir un expediente disciplinario, conforme o artigo seguinte.

Artigo 43º

A Xunta de Goberno, logo de coñecer a comisión dun feito que puidese ser constitutivo de falta grave ou moi grave, poderá acordar o trámite dunha información previa e, en vista do seu resultado, acordará se procede a apertura de expediente disciplinario. Nel obsérvanse as seguintes regras:

a) A Xunta de Goberno notificaralle ao interesado a apertura do expediente, coa que xuntará a designación de instrutor e de secretario, o que lles comunicará así mesmo aos designados.

b) O instrutor, con asistencia do secretario, logo de oír o interesado e a práctica dos medios de proba que considere precisos, formulará o correspondente prego de cargos, que será redactado de modo preciso con mención detallada dos feitos que lle imputan.

c) No prazo de quince días hábiles a partir do seguinte ao de recibir o prego de cargos, o interesado poderá formular o de descargo, no que propoñerá a proba que lle interese ao seu dereito.

d) Tras recibir o prego de descargo, o instrutor someterao a axuizamento previo do que resultara o acordo de sobresemento, se considerase acreditada a inocencia do inculpado; neste caso arquivaranse as actuacións, ou ben acordará proseguir o expediente.

e) De conformidade co previsto na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a Xunta de Goberno poderá adoptar en calquera momento, mediante un acordo motivado, as medidas de carácter provisional que resulten necesarias para asegurar a eficacia da resolución que puidese recaer, o bo fin do procedemento, evitar o mantemento dos efectos da infracción e as exixencias dos intereses xerais.

f) O instrutor e o secretario, no prazo de tres días hábiles, que comezarán a contar desde o seguinte ao de notificarlle o nomeamento, poderán manifestar por escrito ante a Xunta de Goberno as causas de escusa ou abstención que crean concorrer nel. A Xunta de Goberno resolverá sobre estas alegacións no prazo de dez días. Se as encontrase aceptables, nomeará un novo instrutor na mesma forma.

g) O/a colexiado/a expedientado/a, tras notificárselle a identidade do instrutor, poderá manifestar por escrito ante a Xunta de Goberno, no prazo dos catro días hábiles seguintes, as causas de recusación que crese concorrer nel; esta farallas saber ao instrutor para que formule as alegacións que crea oportunas no prazo de tres días. Cumprido este trámite, a Xunta de Goberno resolverá o incidente no prazo de dez días, sen que contra a súa decisión caiba ningún recurso.

h) Serán causa de abstención ou de recusación: a amizade íntima ou a inimizade manifesta co/a expedientado/a; o interese directo ou persoal no asunto; o parentesco por consanguinidade dentro do cuarto grao ou por afinidade dentro do segundo; e calquera outra circunstancia análoga.

i) No caso de que a Xunta de Goberno ordenase proseguir o expediente conforme a letra d) remitiralle ao instrutor o expediente completo e este, no termo de dez días, determinará as probas que se deben practicar. Todas elas se levarán a cabo ante o propio instrutor, no prazo de vinte días hábiles, a partir do acordo polo que se abrirá este período. Durante a práctica da proba o instrutor contará coa asistencia do secretario.

j) Practicada a proba, o instrutor remitiralle o expediente á Xunta de Goberno, coa proposta de resolución no prazo de dez días hábiles. A Xunta de Goberno concederalle ao interesado un prazo de dez días hábiles para que poida formular por escrito as alegacións finais na súa defensa e, se é o caso, solicitar as probas que precise. Se a Xunta de Goberno non considerase suficiente a proba practicada ante o instrutor, poderá ordenar que se leve a cabo ante ela a que crea pertinente no prazo que a propia xunta estableza, polo que poderá solicitar os asesoramentos técnicos e legais que considere oportunos para unha máis xusta resolución.

k) Cumpridos, de ser o caso, os trámites citados, a Xunta de Goberno resolverá dentro do prazo de dez días hábiles. A resolución seralle notificada ao interesado e será motivada; deberá conter os recursos que caiban contra ela, os prazos de interposición

e os órganos ante os que haxa que a presentar. Para aplicar as sancións a Xunta de Goberno terá en conta as probas practicadas e as circunstancias agravantes ou atenuantes que puidesen concorrer no feito ou feitos imputados.

l) A Xunta de Goberno coidará que a tramitación do expediente non teña unha duración superior a seis meses, contados desde o momento da apertura, a non ser que concorran causas xustificadas, as cales deberán ser mencionadas na resolución final.

m) Se dous ou máis colexiados/as fosen presuntos partícipes nun mesmo feito que puidese ser constitutivo de falta, poderase formar un único expediente. Non obstante, deberán ser observadas todas as precaucións necesarias para que a participación e circunstancias de cada interveniente queden suficientemente individualizadas.

Artigo 43º bis

A Xunta de Goberno designará de entre os colexiados con máis de 5 anos de exercicio, unha comisión disciplinaria composta de 10 membros, aos que por quenda se lles encargará tramitar expedientes disciplinarios.

Capítulo VI

Do réxime económico e financeiro

Artigo 44º

Os recursos do colexio estarán constituídos polas cotas de ingreso; as cotas ordinarias ou extraordinarias; os legados, doazóns ou subvencións debidamente aceptadas; os ingresos que proceden de ditames ou de asesoramentos que realice o colexio e as taxas por expedición de certificacións; a prestación doutros servizos que o colexio poida establecer; os produtos do alleamento de bens mobles ou inmobles; os xuros que orixinan os depósitos bancarios e, en xeral, todos aqueles bens que por calquera outra vía poida adquirir o colexio.

Pagamento de cotas:

a) A cota de ingreso é única.

b) Todos/as os/as colexiados/as están obrigados/as a aboar as cotas ordinarias, que poderán ser de distinta contía para exercentes e non exercentes.

c) O colexio poderá acordar en Xunta Xeral, por proposta da Xunta de Goberno, establecer cotas extraordinarias, o cal será así mesmo obrigatorio para todos os seus colexiados.

d) As cotas haberán de ser aboadas ao colexio, o cal redactará o recibo correspondente, que lle remitirá ao Consello Xeral e ao Consello Autonómico a relación numeraria dos cobrados e a achega económica que legalmente estea obrigado a cobrar. Do mesmo modo, o colexio remitiralles a ambos os dous consellos os seus orzamentos anuais para que os coñezan.

e) O importe das cotas ordinarias ou extraordinarias deberá ser aprobado en Xunta Xeral, por proposta da Xunta de Goberno.

f) A Xunta de Goberno regulará a periodicidade de cobrar as cotas colexiais ordinarias.

Artigo 44º bis

Realizarase unha auditoría da actividade económica do colexio cando se produza a renovación ordinaria, total ou parcial, dos seus órganos directivos, sen prexuízo da función fiscalizadora que lles corresponde aos organismos públicos legalmente habilitados para iso.

Artigo 45º

Para desenvolver as tarefas administrativas do colexio, a Xunta de Goberno poderá acordar a contratación daqueles empregados que sexan necesarios, os cales estarán suxeitos aos dereitos e obrigas previstos no convenio de aplicación e na lexislación laboral.

TÍTULO III

Disposicións comúns aos títulos anteriores

Artigo 46º

A Xunta de Goberno, por proposta do presidente, poderá nomear asesores xurídicos, fiscais, financeiros, etc. que emitirán un informe sobre toda clase de consultas que lles formulen en temas da súa competencia.

Os asesores dependerán do presidente, polo que as súas retribucións e relación de servizos serán aprobados pola Xunta de Goberno.

Artigo 47º

Para que se poida extinguir o colexio, requirirase o acordo do noventa por cento (90%) dos membros presentes na asemblea convocada para tal efecto con carácter extraordinario, sempre que o número de membros presentes supere o setenta e cinco por cento (75%) do total de colexiados existentes a esa data.

O proceso de liquidación efectuarao a Xunta de Goberno, constituída para tales efectos en Comisión de Liquidación.

Artigo 48º

En todo o que non dispoñen estes estatutos, ou no que deban de ser interpretados, tomarase como norma supletoria os estatutos do Consello Xeral e, se é o caso, do Consello Autonómico de Galicia, a Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, a Lei 2/1974, de colexios profesionais, e a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, así como cantas leis e disposicións poidan nun futuro aprobarse e sexan aplicables no ámbito dos colexios profesionais.