DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Martes, 13 de decembro de 2005 Páx. 19.518

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

DECRETO 562/2005, do 1 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Fondo Galego de Garantía Agraria.

Polo Decreto 232/2005, do 11 de agosto (DOG nº 155, do 12 de agosto), fixouse a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia.

Atendendo principalmente ás modificacións practicadas nesa estrutura, procede ao mesmo tempo determinar a estrutura orgánica e funcional que sexa necesaria para o cumprimento das funcións que se lle atribúen á Consellería do Medio Rural, respectando os principios de eficacia e economía que sempre deben presidir a actuación e a organización administrativa.

Xa que logo, e por proposta do conselleiro do Medio Rural, co previo informe das consellerías de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e Economía e Facenda, e en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día un de decembro de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Capítulo I

Da Consellería

Artigo 1º.-Competencias.

A Consellería do Medio Rural, baixo a superior dirección do titular do departamento, é o órgano da Administración galega encargado de propor e executar as directrices xerais do goberno no ámbito rural que engloba as competencias en materia de agricultura, gandaría, montes e prevención e defensa dos incendios forestais, desenvolvemento rural e ordenación comarcal, estruturas rurais e industrias agroalimentarias, de acordo co establecido na Constitución española e no Estatuto de autonomía de Galicia, e na forma establecida neste decreto.

Artigo 2º.-Órganos.

Para o exercicio das súas funcións, a Consellería do Medio Rural estrutúrase nos seguintes órganos:

I. O Conselleiro.

II. A Secretaría Xeral.

III. Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias.

IV. Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria.

V. Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural.

VI. Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal.

VII. Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais.

VIII. Delegacións provinciais.

IX. Órganos colexiados.

Artigo 3º.-Entidades adscritas.

Adscríbense á Consellería do Medio Rural as seguintes entidades:

-O organismo autónomo Fondo Galego de Garantía Agraria.

-O ente público Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

I. O Conselleiro.

Artigo 4º.-O Conselleiro.

O Conselleiro é a superior autoridade da consellería e con tal carácter está investido das atribucións que lle confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro.

II. A Secretaría Xeral.

Artigo 5º.-A Secretaría Xeral.

A Secretaría Xeral exercerá as competencias e funcións establecidas no Decreto 119/1982, do 5 de outubro, e todas aquelas que lle sexan encomendadas polo titular da consellería, contando, para o exercicio das súas funcións, coas seguintes unidades baixo a súa dependencia orgánica e funcional:

1. Subdirección Xeral de Contratación e Coordinación Orzamentaria, que exercerá as funcións de prestar asistencia ao secretario xeral en cantos asuntos lle encomende para a coordinación administrativa dos servizos da consellería, velar pola aplicación das instrucións que se diten para a elaboración dos orzamentos, confeccionar o anteproxecto de orzamento da consellería, informar e tramitar as propostas de modificacións orzamentarias, controlar a xestión económica e a execución do gasto polas diversas unidades, realizar o seguimento da aplicación dos fondos comunitarios e dos programas coordinados co Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e co Ministerio de Medio Ambiente, e así mesmo o seguimento, tramitación e control dos expedientes de contratación da consellería.

Para o exercicio das súas funcións contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

1.1. Servizo de Contratación, que efectuará o seguimento, tramitación e control de toda a contratación administrativa da consellería e das encomendas de traballos e actividades precisos para o exercicio das competencias e funcións dela, así como a tramitación administrativa dos convenios de colaboración e de todos aqueles asuntos ou materias que pola súa natureza análoga lle sexan encomendados.

1.2. Servizo de Xestión Orzamentaria, que exercerá, en coordinación cos órganos afectados, as funcións relativas á xestión dos orzamentos, tramitación dos expedientes de modificación orzamentaria e aqueloutras funcións que se lle encomenden en materia orzamentaria, en especial, a coordinación administrativa dos servizos, a xestión e control de

todos os vehículos do parque móbil da consellería e a habilitación de material; e por outra banda as relativas ao mantemento, inventariado, xestión e control dos bens inmobles e mobles adscritos á consellería.

1.3. Servizo de Programación, que exercerá as funcións de elaboración do anteproxecto anual do orzamento da consellería; o apoio técnico, coordinación, seguimento e consolidación da información técnica e financeira subministratada polos distintos centros xestores de fondos comunitarios e de programas coordinados co Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e co Ministerio de Medio Ambiente para a súa análise e avaliación; e a análise a avaliación dos programas de gasto da consellería en coordinación cos seus centros directivos.

2. Subdirección Xeral de Persoal e Informática coas funcións relativas á xestión do persoal funcionario e laboral e a informatización e racionalización administrativa dos servizos.

Para o exercicio das súas funcións, contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Persoal, que realizará funcións de control, xestión, habilitación e tramitación dos asuntos do persoal funcionario e laboral, a organización do rexistro, documentación e arquivos e demais asuntos de réxime de funcionamento interno.

2.2. Servizo de Informática, que terá por encargo a asesoría técnica, execución, proposta, coordinación e supervisión dos plans de informatización de todas as unidades administrativas da consellería e entidades dependentes dela para automatizar, axilizar e mellorar o seu funcionamento, sen prexuízo das competencias doutros departamentos da Administración galega nesta materia. Para estes efectos, corresponderanlle as funcións que se expoñen de seguido:

a) Administración de sistemas.

b) Administración das redes de voz e datos.

c) Atención aos usuarios.

d) Análise de novos desenvolvementos.

e) Políticas de seguridade e protección de datos.

f) Análise funcional do novo hardware e software.

g) Avaliación e coordinación das demandas de desenvolvemento informático das diversas unidades.

3. Servizo Técnico Xurídico, que terá ao seu cargo a elaboración de informes e ditames e o estudo das propostas de disposicións que elaboren os distintos centros directivos da consellería; a tramitación e a proposta de resolución dos expedientes de responsabilidade patrimonial, reintegros de subvencións, da revisión dos actos en vía administrativa e dos expedientes sancionadores cuxa resolución corresponda aos directores xerais, ao conselleiro ou ao Consello da Xunta de Galicia nas materias competencia da consellería; así mesmo, ocuparase da preparación e tramitación dos expedientes que se eleven ao Consello da Xunta de Galicia e as súas comisións delegadas e do traslado de acordos destas, así como da coordinación da publicación de toda

clase de disposicións e actos administrativos ditados polos órganos da consellería e entidades adscritas que deban ser publicados no Diario Oficial de Galicia; igualmente corresponderalle a realización de cantas actuacións sexan necesarias respecto das fundacións de interese galego sobre as que a consellería exerza o protectorado, levando para ese efecto os libros de rexistro correspondentes, e todos aqueles asuntos que, por razón da súa competencia, lles sexan encomendados polo secretario xeral.

4. Dependendo organicamente da secretaría xeral e con nivel orgánico de subdirección xeral, existirán as seguintes unidades:

A) Asesoría Xurídica, que se rexerá polo disposto no Decreto 343/2003, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia.

B) Intervención Delegada.

III. Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias.

Artigo 6º.-Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias.

Á Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias correspóndelle a elaboración, a proposta e o desenvolvemento das directrices da política agraria en materia de mellora das explotacións agrarias e do medio rural respecto da estrutura das explotacións agrarias e a modernización das infraestruturas rurais.

Para o exercicio das súas funcións contará coas seguintes unidades:

1. Subdirección Xeral de Explotacións Agrarias coas funcións de levar a termo as accións relativas á mellora das explotacións agrarias e a aplicación das medidas de acompañamento da Política Agrícola Común nos eidos agrícola e gandeiro, as accións referidas aos sistemas de produción agraria sustentable e de conservación do medio rural sen prexuízo das competencias da consellería competente en materia de ambiente, así como a xestión das cantidades de referencia e o rexistro de explotacións.

Para o desenvolvemento das súas funcións, contará coas seguintes unidades:

1.1. Servizo de Axudas Estruturais, ao que lle corresponderán as funcións relativas á mellora e modernización das estruturas de produción das explotacións agrarias, a xestión das cantidades de referencia para a produción do leite, mantemento e actualización do Rexistro de Explotacións Agrarias Prioritarias e xestión doutros programas de mellora específicos.

1.2. Servizo de Medidas Complementarias, responsabilizarase da xestión das medidas de acompañamento da Política Agrícola Común nos eidos agrícola e gandeiro, e particularmente dos programas referidos ao cesamento anticipado da actividade agraria, e das accións relativas aos sistemas de produción agraria sustentable e de conservación do medio rural, sen prexuízo das competencias da consellería competente en materia de ambiente.

2. Subdirección Xeral de Infraestruturas Agrarias, que se responsabilizará de cantas accións teñan como obxectivo directo a mellora da calidade de vida das zonas rurais, desenvolvendo as dotacións de equipamentos públicos básicos e de infraestrutura, sen prexuízo das competencias doutros departamentos da Xunta de Galicia, así como das actuacións en materia de modernización e creación de regadíos, así como todos os asuntos referentes á reforma das estruturas agrarias e á preparación, execución e vixilancia dos seus correspondentes plans e programas de reforma das estruturas.

Para o desenvolvemento das devanditas funcións contará coas seguintes unidades:

2.1. Servizo de Seguimento e Supervisión de Proxectos, que exercerá a planificación, supervisión, coordinación, control da execución e seguimento das obras de todos os proxectos de obras e servizos técnicos da dirección xeral e doutros centros directivos e departamentos cando así llo encomende o secretario xeral, así como as súas modificacións e a vixilancia do cumprimento das normas reguladoras na materia.

Poderá tamén redactar ou colaborar na redacción dos proxectos das obras que correspondan.

2.2. Servizo de Reforma das Estruturas, que desenvolverá as funcións relativas á concentración e agrupación parcelaria, arrendamentos rústicos e as demais actuacións para reorganizar a base territorial das explotacións agrarias, e todas as accións relacionadas coa modificación das estruturas, así como as medidas encamiñadas á mobilización de terras e xestión dos fondos e bancos de terras.

3. Servizo de Apoio, que dependendo organicamente da dirección xeral desenvolverá as funcións de apoio técnico en todas as cuestións relativas á reforma das estruturas, infraestruturas e aquelas que, ligadas a esta dirección, se lle encomenden.

IV. Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria.

Artigo 7º.-Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria.

Correspóndelle á Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria a elaboración, a proposta e o desenvolvemento das directrices de política agraria da consellería en materia de ordenación, fomento e mellora da produción agrogandeira; de protección da sanidade animal e vexetal; de formación, promoción e fomento do asociacionismo agrogandeiro; de industrias agroalimentarias; de promoción e defensa da calidade dos produtos agroalimentarios galegos e recoñecemento e vixilancia das denominacións de calidade.

Para o exercicio das súas funcións contará coas seguintes unidades:

1. Subdirección Xeral de Gandaría, á que lle corresponderá o exercicio das seguintes funcións:

a) A planificación, execución e seguimento dos programas de prevención, loita, erradicación, seguimento e control de enfermidades animais, epizootias e zoonoses e outras medidas para o establecemento

de garantías sanitarias e da rastrexabilidade das producións gandeiras.

b) A planificación e o desenvolvemento de actividades relacionadas coa ordenación básica da produción gandeira en xeral.

c) Ordenación, fomento e control das condicións hixiénico-sanitarias dos medios de produción gandeiros e do benestar animal.

Para o desenvolvemento das súas funcións, estrutúrase nas seguintes unidades:

1.1. Servizo de Sanidade Animal, que levará a termo a execución e o seguimento dos programas de prevención, loita, erradicación, seguimento e control de enfermidades animais, epizootias e zoonoses; así como da identificación e rexistro dos animais, do benestar animal e o control sanitario e inspección dos medios de produción gandeiros e outras medidas sanitarias semellantes.

1.2. Servizo de Producións Gandeiras, ao que lle corresponderá o desenvolvemento das accións necesarias para a ordenación, fomento e control da produción gandeira, a xestión dos rexistros e sistemas de control así como a elaboración e execución dos programas de mellora xenética do gando.

1.3. Servizo de Planificación Gandeira, encargado da elaboración, programación e avaliación dos plans e programas de actuación en materia de sanidade animal e produción gandeira.

1.4. Servizo de Seguridade Alimentaria nas Producións Gandeiras, que deseñará e executará as actuacións necesarias para o establecemento e control das condicións sanitarias aplicables ás empresas e operadores no sector da alimentación animal, así como o control do emprego neste sector de determinadas substancias e os seus residuos, o control dos medicamentos veterinarios e dos subprodutos de orixe animal non destinados ao consumo humano xerados nas explotacións gandeiras e a autorización e control das plantas de transformación destes subprodutos así como a elaboración e execución do programa de control da calidade do leite nas explotacións. Correspóndelle ademais o control da calidade e unicidade de criterio do exercicio da función inspectora dos servizos veterinarios oficiais.

1.5. Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia, levará a termo os estudos, análises e ditames en relación coa sanidade e hixiene dos animais así como das producións gandeiras e dos medios de produción gandeiros nas materias relativas a sanidade animal. Así mesmo, corresponderalle o control dos laboratorios privados dedicados ás materias antes sinaladas.

1.6. Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia, ao que lle corresponde a elaboración e o desenvolvemento dos programas de conservación e fomento de todas as razas autóctonas galegas en perigo de extinción.

2. Subdirección Xeral de Produción Agraria Sustentable e Fomento Asociativo, realizará a programación e o desenvolvemento de actividades de prevención e loita contra axentes nocivos para os vexe

tais, das actividades para o control da produción e comercialización de sementes, plantas de viveiro e material vexetal en xeral e das actividades relacionadas coa ordenación, fomento e control dos medios de produción agrícolas e o fomento do cooperativismo e a promoción do asociacionismo agrogandeiro.

Para o desenvolvemento das súas funcións, contará coas seguintes unidades:

2.1. Servizo de Produción Agraria Sustentable e Sanidade Vexetal, coas funcións de desenvolvemento das accións necesarias para a ordenación produtiva de cultivos e aproveitamentos, a xestión, control e inspección dos medios de produción agrícolas e os seus rexistros; as actividades necesarias para o control e inspección da produción e comercialización de sementes e plantas de viveiro de calidade; o fomento, a programación e desenvolvemento de sistemas produtivos agrícolas respectuosos co ambiente e das producións ecocompatibles; o impulso dos subsectores agrícolas e en especial a Organización Común do Mercado vitivinícola en materia de produción.

Tamén lle corresponde a planificación, organización, dirección, inspección e execución das accións relacionadas coa prevención e loita contra os axentes nocivos para os vexetais, a xestión e control dos medios de defensa sanitarios dos vexetais e o mantemento dos rexistros da consellería en materia de sanidade vexetal e a supervisión e coordinación das agrupacións de defensa en materia fitosanitaria.

2.2. Servizo de Fomento Asociativo Agrario, que promoverá o fomento, desenvolvemento e xestión de programas relativos ao cooperativismo agrario, a tramitación e rexistro das sociedades agrarias de transformación, a xestión dos programas de formación e promoción das asociacións e agrupacións agrogandeiras.

3. Subdirección Xeral de Industrias e Calidade Agroalimentaria, á cal lle compete a ordenación, fomento, coordinación, asesoramento e vixilancia das industrias agroalimentarias, a promoción e o fomento da comercialización dos produtos agroalimentarios, as propostas de recoñecemento das denominacións de orixe e de calidade, así como a vixilancia do prestixio das recoñecidas e a inspección e defensa contra as fraudes á calidade alimentaria.

Para o desenvolvemento das devanditas funcións estrutúrase nas seguintes unidades:

3.1. Servizo de Industrialización e Comercialización Agroalimentaria, que exercerá as accións de ordenación, inspección, asistencia e fomento das industrias agroalimentarias.

3.2. Servizo de Promoción da Calidade Agroalimentaria, ao que lle compete a xestión e a elaboración dos programas de promoción e fomento dos produtos agroalimentarios galegos así como as propostas de recoñecemento das denominacións de calidade.

3.3. Servizo de Control da Calidade Alimentaria, que desenvolverá todas as actuacións en materia de

defensa contra as fraudes á calidade alimentaria, así como as relativas á coordinación dos traballos do persoal que realiza funcións de inspección nesa materia.

4. Servizo de Coordinación de Programas, baixo a dependencia orgánica e funcional directa do director xeral, exercerá a coordinación e seguimento dos distintos plans e programas de actuación da dirección xeral.

V. Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural.

Artigo 8º.-Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural.

A Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural exercerá as funcións de impulso na elaboración, coordinación e seguimento do Plan de Desenvolvemento Comarcal e a proposta de configuración das distintas comarcas nas cales se divide o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Igualmente correspóndelle a realización de todas as actuacións de fomento do desenvolvemento económico no territorio rural galego, a dinamización das áreas rurais de Galicia, a formulación de iniciativas e programas de desenvolvemento das zonas rurais e a execución de cantas accións contribúen á diversificación económica e á modernización do tecido produtivo rural.

Para o desenvolvemento das súas funcións contará coa seguinte unidade:

1. Servizo de Desenvolvemento Comarcal, que se encargará de coordinar todas as actuacións relativas á estruturación das comarcas de Galicia, en colaboración coas distintas administracións.

VI. Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal.

Artigo 9º.-Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal.

Á Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal, correspóndenlle as funcións de programación, coordinación e impulso da investigación, a innovación tecnolóxica e a formación no sector agrícola, gandeiro, forestal e alimentario galego; propiciar e facilitar a transferencia e a adopción dos resultados da investigación; elevar o nivel tecnolóxico dos sectores produtivos a través de programas de formación e transferencia de tecnoloxía; e proporcionarlle ao complexo agroindustrial galego o soporte científico e tecnolóxico necesario para o seu desenvolvemento sustentable, con especial atención aos aspectos de seguridade e calidade das producións, así como ao fomento dos procesos de produción ecolóxica e integrada. Todo iso realizado en estreita colaboración cos representantes dos sectores interesados, impulsando a colaboración con empresas do sector agrario e alimentario na xeración de proxectos de I+D, e coordinado coa Dirección Xeral de Investigación,

Desenvolvemento e Innovación, da Consellería de Innovación e Industria. Correspóndelle igualmente, a coordinación e dirección dos Centros de Formación e Experimentación Agroforestal no desenvolvemento das súas actividades.

Para o desenvolvemento das súas funcións, contará coas seguintes unidades:

1. Subdirección Xeral de Investigación Agraria e Forestal, á cal lle corresponderá a programación e a coordinación da investigación nos distintos centros e laboratorios da consellería en materia agroalimentaria e forestal, tendo en conta os obxectivos, programas e instrumentos dos plans galegos de investigación, desenvolvemento tecnolóxico e innovación vixentes en cada momento en Galicia. Impulsará e executará os traballos de investigación nas materias asignadas, tanto nos aspectos da produción e transformación como no que atinxe ao cumprimento das boas prácticas agrarias e do conxunto dos requisitos da condicionalidade nos procesos produtivos primarios nas explotacións galegas.

Para o exercicio das súas funcións contará coas seguintes unidades con categoría de servizo:

1.1. Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (A Coruña).

1.2. Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Leiro-Ourense).

1.3. Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia (Mabegondo-A Coruña).

2. Subdirección Xeral de Formación e Transferencia Tecnolóxica, que exercerá as funcións de programación e coordinación da formación agroforestal, e a divulgación dos resultados da investigación agraria e alimentaria para atinxir a incorporación das innovacións tecnolóxicas aos sistemas produtivos primarios e de transformación, así como a realización de estudos, publicacións e estatísticas agrarias nas materias de competencia asignadas á Consellería do Medio Rural.

Para o exercicio das súas funcións contará coas seguintes unidades con categoría de servizo:

2.1. Servizo de Formación Agroforestal, que desenvolverá as funcións de formación dos agricultores, gandeiros, empresas de servizos agrarios e industriais agropecuarios, agroalimentarios e silvicultores, nos seus aspectos de ensinanzas regradas e non regradas; así como a coordinación dos centros de formación e experimentación agraria nestas materias. Correspóndelle así mesmo a coordinación e seguimento dos cursos de formación realizados no ámbito de actuación dos servizos técnicos das oficinas agrarias comarcais da Consellería do Medio Rural.

2.2. Servizo de Transferencia Tecnolóxica, Estudos e Publicacións, que desenvolverá as funcións de coordinación entre os centros de investigación e experimentación agraria e forestal e o sector agrario e agroindustrial, co fin de realizar a divulgación dos resultados experimentais e a adopción das innovacións tecnolóxicas na materia, para o cal contará co apoio e colaboración dos servizos técnicos das oficinas agrarias comarcais co fin de estudar e indagar nas necesidades e inquedanzas do sector co obxecto de promover a investigación nas materias que este demande, asumindo as funcións de asesoramento ao sector agrario e forestal nas cuestións

de innovación e uso das novas tecnoloxías. Correspóndelle tamén, en colaboración cos centros de investigación e experimentación, realizar a programación, coordinación, seguimento, execución, análise e publicación de resultados dos ensaios e proxectos de experimentación e demostración no ámbito agroforestal, así como a realización dos estudos relativos ao sector agrario que se lle encomenden. Adicionalmente, dirixirá e coordinará as publicacións e edicións audiovisuais e dirixirá e facilitará a formación de estatísticas nas materias competencia da consellería, en coordinación co Instituto Galego de Estatística.

VII. Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais.

Artigo 10º.-Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais.

A Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais exercerá as competencias e funcións atribuídas á consellería en materia da ordenación, fomento e mellora da produción forestal, industrialización e comercialización de produtos de primeira transformación da madeira, así como as medidas de prevención e loita contra os incendios forestais.

En relación coas actuacións comprendidas dentro destes ámbitos competenciais e sen prexuízo das funcións atribuídas á Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias desta consellería no artigo 6.2º, supervisará e inspeccionará os proxectos de obras e a súa execución material, tanto nos supostos de adxudicación como nos de execución pola Administración.

Para o exercicio das súas funcións, a Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais estrutúrase nas seguintes unidades:

1. Subdirección Xeral de Recursos Forestais, que exercerá as funcións relativas á conservación e fomento dos recursos forestais, a regulación e ordenación dos seus aproveitamentos; o asesoramento técnico e administrativo das comunidades propietarias de montes en man común, a xestión do rexistro xeral dos montes veciñais en man común, as accións tendentes ao deslindamento dos devanditos montes e calquera outra función legalmente establecida en relación coa defensa e protección deles; así mesmo, exercerá funcións relativas ao fomento e mellora da produción forestal e da industrialización e comercialización de produtos de primeira transformación da madeira.

Para iso contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

1.1. Servizo de Xestión de Montes, que se encargará da administración e da xestión dos montes da Comunidade Autónoma de Galicia, exercerá as funcións que legalmente procedan en relación cos de utilidade pública, os de entidades locais e os das comunidades veciñais en man común ou de particulares que sexan obxecto de consorcio ou de convenio; xestionará o catálogo de montes de utilidade pública; realizará a planificación e execución das accións para o control da calidade do material fores

tal de reprodución e o control e defensa contra as pragas e enfermidades forestais.

1.2. Servizo de Produción e Industrias Forestais, que realizará o asesoramento técnico e administrativo dos propietarios forestais; as accións de mellora e fomento das estruturas de produción forestal; o fomento do asociacionismo forestal; a mellora da calidade dos produtos forestais e das súas canles de comercialización; así mesmo, a xestión do rexistro de industrias forestais de primeira transformación da madeira e o fomento da industrialización dos produtos forestais.

2. Subdirección Xeral de Defensa contra os Incendios Forestais, que levará a termo as actuacións encamiñadas á defensa contra os lumes forestais, exercendo as funcións de programación, execución, avaliación e seguimento das medidas e accións contra os incendios forestais; e a elaboración de estudos e análise de causalidade e a coordinación de medios na loita contra os incendios forestais.

Para iso contará coas seguintes unidades co nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Programación, que se encargará das análises e estudo da causalidade; elaboración de plans, dotación de infraestruturas e medios de defensa contra os incendios forestais.

2.2. Servizo de Organización e Control de Medios, que se encargará da organización dos sistemas de vixilancia e detección de incendios forestais e da execución de plans e programas de loita contra estes.

3. Servizo de Planificación e Valorización do Monte, que actuará baixo a dependencia orgánica e funcional do director xeral, e terá as funcións de control, xestión e seguimento dos programas da dirección xeral.

Esta unidade terá baixo a súa dependencia:

a) Área de prevención e valorización do monte, que articulará as medidas precisas para a minimización do risco de incendios forestais, actuando para iso tanto na investigación, análise, estudo e correción das causas estruturais como conxunturais que inciden na proliferación de incendios forestais, así como a adopción, se é o caso, das medidas de ordenación e regulación de usos forestais que incidan na redución dos lumes forestais.

b) Área de xestión forestal sustentable que exercerá as funcións de elaboración e planificación das liñas de traballo tendentes ao establecemento e definición dos coñecementos e tecnoloxías axeitadas para a implantación de niveis crecentes de xestión produtiva e ordenada dos bosques. Para iso, estudará os modelos existentes e analizará as demandas do sector forestal, tanto público como privado, cara á elaboración de plans, programas e proxectos acordes coa optimización da explotación dos recursos forestais, incentivando e regulando a implantación da certificación forestal.

VIII. Delegacións provinciais.

Artigo 11º.-Delegacións provinciais.

1. En cada provincia de Galicia existirá unha delegación da Consellería do Medio Rural na cal se inte

grarán todas as unidades de carácter provincial ou territorial, situadas no seu ámbito.

Á cabeza de cada delegación provincial haberá un delegado ou delegada, do que dependerán todos os servizos, unidades ou centros da consellería de carácter territorial que radiquen no ámbito da súa competencia. O delegado ou delegada provincial depende orgánica e funcionalmente do conselleiro e exercerá as funcións establecidas polo Decreto 5/1987, do 14 de xaneiro, e aquelas que lle sexan especial ou singularmente encomendadas.

Para o cumprimento dos seus cometidos, a delegación provincial contará coas seguintes unidades con categoría de servizo:

1.1. Secretaría, baixo a autoridade e supervisión do delegado ou delegada, correspóndelle o exercicio das funcións relativas ao réxime interior, a tramitación administrativa, xestión de personal, e tramitación das incidencias relativas ao parque móbil da delegación, inventario de bens mobles e inmobles adscritos á delegación, información ao público, control contable e xustificación dos créditos que se lle asignen; a elaboración de estatísticas e, en xeral, prestar asesoramento e asistencia técnica e administrativa ao delegado ou delegada e substituílo nos casos de enfermidade, ausencia e vacante.

1.2. Servizo Xurídico Administrativo, coas funcións de instrución dos expedientes sancionadores que deban tramitarse como consecuencia de infraccións administrativas en materia competencia da consellería e elevar a resolución ao delegado ou delegada provincial naqueles supostos que lle atribúa a normativa vixente; impulso, tramitación e participación nas fases dos procedementos de concentración parcelaria que así o requiran; elaboración de informes e ditames sobre os actos administrativos emanados da delegación provincial, e, en xeral, tramitación de todos aqueles asuntos que por razón da súa competencia lle sexan encomendados polo delegado ou delegada provincial.

1.3. Servizo de Explotacións Agrarias, que exercerá no ámbito provincial as funcións da Subdirección Xeral de Explotacións Agrarias da Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias.

1.4. Servizo de Infraestruturas e Estruturas Agrarias, que exercerá no ámbito provincial as funcións da Subdirección Xeral de Infraestruturas Agrarias da Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias.

1.5. Servizo de Gandaría, que exercerá no ámbito provincial as funcións da Subdirección Xeral de Gandaría da Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria. Así mesmo, corresponderalle a coordinación das actuacións dos servizos técnicos veterinarios da estrutura de área e comarcal.

1.6. Servizo Técnico Agrario, que exercerá no ámbito provincial as funcións do Servizo de Produción Agraria Sustentable e Sanidade Vexetal da Subdirección Xeral de Produción Agraria Susten

table e Fomento Asociativo da Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria. Así mesmo, corresponderalle a coordinación das actividades dos servizos técnicos agrarios da estrutura de área e comarcal.

1.7. Servizo de Control da Calidade Agroalimentaria e Industrias, que exercerá no ámbito provincial as funcións do Servizo de Fomento Asociativo Agrario da Subdirección Xeral de Produción Agraria Sustentable e Fomento Asociativo e da Subdirección Xeral de Industrias e Calidade Agroalimentaria, ambas da Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria.

1.8. Servizo de Montes e Industrias Forestais, que exercerá no ámbito provincial as funcións da Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais en materia de xestión de montes e produción e industrias forestais.

1.9. Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, que exercerá no ámbito provincial as funcións da Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais en materia de prevención, defensa e extinción de incedios forestais.

2. As oficinas agrarias comarcais, integradas na estrutura periférica da consellería a través das respectivas delegacións provinciais, dependerán organicamente do delegado provincial e terán como funcións a execución, no seu ámbito territorial, das actuacións da consellería e prestar apoio técnico e administrativo aos organismos e entes adscritos a ela, sen prexuízo do establecido nos números 1.5 e 1.6 deste artigo e do disposto no artigo 9.2.1 do presente decreto.

IX. Órganos colexiados.

Artigo 12º

1. Adscríbense á Consellería do Medio Rural os xurados provinciais de Montes Veciñais en Man Común. A presidencia dos xurados será asumida polos respectivos delegados ou delegadas provinciais e as secretarías por funcionarios designados polos presidentes.

2. Adscríbense á Consellería do Medio Rural os comités provinciais de montes. A presidencia dos devanditos comités será asumida polos respectivos delegados ou delegadas provinciais da Consellería do Medio Rural e as secretarías por funcionarios designados polos presidentes.

3. Adscríbese á Consellería do Medio Rural o Consello Forestal de Galicia. A presidencia do dito consello será asumida polo conselleiro do Medio Rural e a secretaría polo subdirector xeral de recursos forestais.

Capítulo II

Do Fondo Galego de Garantía Agraria

Artigo 13º

O Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), regulado, pola Lei 7/1994, do 29 de decembro, modificada pola Lei 7/2002, do 27 de decembro, de medidas fiscais e de réxime administrativo e polo Decreto 128/1996, do 14 de marzo, é un organismo autó

nomo de carácter comercial e financeiro, adscrito á Consellería do Medio Rural.

Para o desenvolvemento das súas funcións, o citado organismo queda estruturado administrativamente do seguinte xeito:

1. Secretaría, que dependerá directamente do director do organismo, e con nivel orgánico de subdirector xeral, coas funcións de apoio técnico e administrativo da súa dirección, correspondéndolle, en xeral, o exercicio inmediato das funcións administrativas, organizativas, económico-financeiras, de asesoramento e inspectoras; a formación e mantemento do inventario do organismo, do estado do cal informará o órgano competente para a formación e actualización do Inventario Xeral do Patrimonio da Comunidade Autónoma; así como a execución e contabilización dos pagamentos con cargo ao FEOGA-Garantía, sen prexuízo das competencias atribuídas polo ordenamento xurídico vixente a outros órganos ou entes da Administración autonómica; ademais das que singularmente lle puidesen encomendar ou delegar os órganos de dirección do Fogga.

Para o exercicio das súas funcións, a secretaría estrutúrase nas seguintes unidades:

1.1. Servizo de Xestión Económica e Contratación, corresponderalle a xestión do orzamento do organismo, da súa tesouraría e da contabilidade, así como do rexistro das operacións con cargo ao FEOGA-Garantía. Así mesmo, compételle a xestión da contratación administrativa.

1.2. Servizo de Xestión Administrativa, que prestará apoio e asesoramento a todas as unidades do organismo. Corresponderalle a instrución de expedientes sancionadores e recursos administrativos; a xestión do inventario do Fogga e do seu patrimonio, a elaboración de anteproxectos normativos e de plans e programas de actuación do Fogga, así como a xestión do persoal, tanto funcionario como laboral adscrito ao organismo e do seu réxime interior e control interno.

2. Subdirección Xeral do Fogga, á que lle corresponde, baixo a dependencia do director do organismo, a realización das funcións necesarias para a aplicación da PAC no eido agrícola e gandeiro, respecto das axudas e subvencións con cargo a FEOGA-Garantía e no que atinxe ás medidas de intervención e regulación de mercados das distintas organizacións comúns de mercados (OCM).

Para o desenvolvemento das súas funcións, esta subdirección estrutúrase nas seguintes unidades:

2.1. Servizo de Axudas Agrícolas da PAC, ao que lle compete o exercicio das accións necesarias para a aplicación en Galicia da PAC en materia agrícola, especialmente aquelas con cargo ao FEOGA-Garantía, así como a xestión dos correspondentes plans de axudas das distintas OCM agrícolas.

2.2. Servizo de Axudas Gandeiras da PAC, ao que lle corresponde o exercicio das accións necesarias para a aplicación en Galicia da PAC en materia gandeira, especialmente aquelas con cargo ao FEOGA-Garantía, así como a xestión dos plans de axudas das distintas OCM gandeiras.

2.3. Servizo de Intervención de Mercados, que levará a termo todas as operacións de compra, venda e almacenamento de produtos en réxime de intervención, así como a xestión doutras medidas derivadas da aplicación das distintas OCM e en particular as correspondentes ao sector do leite e dos produtos lácteos.

3. Servizo de Auditoría Interna, que dependerá directamente do director do Fogga, e ao que lle corresponderá asegurar o efectivo funcionamento do sistema de control interno do Fogga como organismo pagador dos gastos relacionados coa política agrícola común, así como dos demais órganos ou entes integrados no organismo pagador ou que xestionen fondos FEOGA-Garantía, verificando se os procedementos adoptados por aqueles son axeitados e asegurando a súa conformidade coa regulamentación comunitaria, e que a contabilidade é precisa, completa e realizada a tempo, ademais de informar os órganos de dirección do organismo pagador e de pór os seus programas e informes de control á disposición do organismo de certificación e doutros órganos de inspección e control da Unión Europea.

4. Delegacións provinciais do Fogga, existentes en cada unha das provincias de Galicia, das cales serán titulares os delegados e delegadas da Consellería do Medio Rural. Ademais cada provincia contará cun Servizo Provincial do Fogga que dependerá organicamente da delegación provincial e funcionalmente da dirección do organismo.

Disposicións adicionaiss

Primeira.-Modificación do artigo 4.1º do Decreto 359/1996, do 13 de setembro.

Modifícase o artigo 4.1º do Decreto 359/1996, do 13 de setembro, polo que se constitúe o organismo pagador dos gastos relacionados coa Política Agrícola Común, modificado pola súa vez polo Decreto 93/1998, do 20 de marzo, que queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 4.1º.-A función de autorización do pagamento das axudas, no sentido do establecemento da cantidade que debería ser pagada ao solicitante da axuda de acordo co establecido no número 2.i) do anexo do Regulamento (CE) 1663/1995, da Comisión, do 7 de xullo, e demais normativa comunitaria que resulte de aplicación, correspóndelle ao Fogga, como organismo pagador dos gastos que leva aparellada a execución da PAC na Galicia. Naqueles centros directivos da Consellería do Medio Rural aos que, conforme o disposto no seu decreto de estrutura orgánica, se lles asigne a competencia para a xestión de axudas FEOGA-Garantía, aquela función de autorización entenderase atribuída a eles».

Segunda.-Designación de cargos compatibles.

A teor do establecido no artigo 4.1º a) da Lei 9/1996, do 18 de outubro, de incompatibilidades dos membros da Xunta de Galicia e altos cargos da Administración autonómica, as persoas que sexan titulares dos órganos sinalados no artigo 2º deste decreto, poderán ser designados por razón do seu cargo directores ou cargos asimilados nos organismos

autónomos e entidades públicas adscritas a esta consellería, cando así sexan propostos polos consellos ou órganos de goberno, de ser o caso, dos órganos ou entidades adscritas.

Para estes efectos, unicamente percibirán as retribucións correspondentes ao seu cargo como titular do órgano da consellería, sen prexuízo das axudas de custo por asistencias e gastos debidamente xustificados, aténdose ao previsto na antedita Lei 9/1996, do 18 de outubro.

Disposición transitoria

Única.-Readscrición do persoal afectado por mor dos cambios na estrutura orgánica da consellería.

Cando como consecuencia da estrutura orgánica que se establece neste decreto se modifique a denominación ou o contido das subdireccións xerais ou dos servizos existentes con anterioridade ou se supriman algunhas das citadas unidades, autorízase o conselleiro do Medio Rural, por proposta do secretario xeral, a readscribir o persoal afectado a postos do mesmo nivel ou inferior, sendo de aplicación o establecido no artigo 62.4º da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

Nos casos de supresión das subdireccións xerais ou servizos existentes con anterioridade as unidades e postos de traballo con nivel orgánico inferior ao de servizo continuarán subsistentes e retribuiranse con cargo aos mesmos créditos orzamentarios ata que se aprobe a nova relación de postos de traballo adaptada á estrutura orgánica establecida neste decreto. As unidades e postos de traballo encadrados nos órganos suprimidos adscribiranse provisionalmente, por resolución do conselleiro, por proposta da Secretaría Xeral, aos órganos regulados neste decreto, en función das atribucións que estes teñen asignadas.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto e especialmente o Decreto 50/2002, do 14 de febreiro, e as súas sucesivas modificacións.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Desenvolvemento normativo.

Autorízase o conselleiro do Medio Rural para ditar as disposicións precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, un de decembro de dous mil cinco.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural