DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Luns, 12 de decembro de 2005 Páx. 19.476

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 9 de decembro de 2005 pola que se determinan os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais, durante a folga convocada polas organizacións sindicais, Comisións Obreiras (CC.OO.), Confederación Intersindical Galega (CIG) e Unión Xeral de Traballadores (UGT), nas empresas acollidas ao convenio colectivo do sector de establecementos sanitarios de hospitalización, asistencia, consulta e laboratorios de análises clínicas da provincia da Coruña, que se desenvolverá os días 12 e 19 de decembro de 2005, desde as 7.00 horas ata as 23.00 horas.

O artigo 28.2º da Constitución española recoñece, como dereito fundamental da persoa, o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou pri

vadas, que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servizos esenciais afectados, para que, mediante orde e diante de cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

Convocada folga polas organizacións sindicais Comisións Obreiras (CC.OO.), Confederación Intersindical Galega (CIG) e Unión Xeral de Traballadores (UGT), nas empresas acollidas ao convenio colectivo do sector de establecementos sanitarios de hospitalización, asistencia, consulta e laboratorios de análises clínicas da provincia da Coruña, que se desenvolverá os días 12 e 19 de decembro de 2005, desde as 7.00 horas ata as 23.00 horas, oído o comité de folga, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º

A folga que se desenvolverá os días 12 e 19 de decembro de 2005, desde as 7.00 horas ata as 23.00 horas, e que afecta a todo o persoal integrado no convenio colectivo do sector de establecementos sanitarios de hospitalización, asistencia, consulta e laboratorios de análises clínicas da provincia da Coruña, enténdese condicionada ao mantemento dos servizos mínimos segundo os criterios que se dipoñen nesta orde.

Os servizos mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para manter a adecuada cobertura dos servizos esenciais de asistencia sanitaria nos centros sanitarios, en evitación de que se produzan graves prexuízos aos usuarios.

Tales mínimos responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible ao exercicio do dereito á folga, coa atención aos usuarios que, baixo ningún concepto, poden quedar desasistidos polas características do servizo dispensado.

E por iso, mantéñense os servizos mínimos necesarios para garantir a asistencia imprescindible a doentes hospitalizados, así como a atención urxente e permanente aos usuarios, que non poden aprazarse sen consecuencias negativas para a saúde.

Entrando na análise pormenorizada dos servizos mínimos, poden establecerse os seguintes criterios reitores na determinación do persoal necesario para o mantemento dos servizos esenciais:

A) Persoal facultativo:

I. Tendo en conta que a folga se realiza en luns, tras a fin de semana sen actividade ordinaria e que a demanda urxente en luns resulta habitualmente superior aos restantes días laborables, con obxecto de procurar evitar a posible falta de asistencia:

Cobertura do 100% da actividade urxente nun triplo ámbito:

-Servizos de urxencias e gardas médicas.

-Quirófanos urxentes (xerais e de tocoloxía) para a atención dos usuarios que requiran intervención cirúrxica inaprazable no seu ingreso.

-Atención aos paritorios.

II. Cobertura da actividade cirúrxica dos doentes hospitalizados, respecto ás patoloxías que poñan en perigo a vida destes ou agraven o seu estado de saúde.

III. Na área de hospitalización establecerase o número necesario para garantir as visitas para valoración médica, a atención indefectible dos doentes hospitalizados e as altas clínicas.

IV. No ámbito de consulta atenderanse as consideradas como urxentes ou preferentes, así como as interconsultas dos doentes hospitalizados que o requiran, por criterio do facultativo. Así mesmo, atenderanse as consultas dos doentes desprazados.

V. Garantirase, así mesmo, a realización das probas complementarias urxentes e as que se refiran aos doentes hospitalizados que, a criterio do facultativo, sexan necesarias.

VI. Garantirase a dispensación de medicamentos e de produtos sanitarios, que a criterio do facultativo sexan necesarios.

B) Persoal sanitario non facultativo.

I. Cobertura do 100% da actividade urxente nun triplo ámbito:

-Servizos de urxencias.

-Quirófanos urxentes (xerais e de tocoloxía) para a atención dos usuarios que requiran intervencións cirúrxicas inaprazables no ingreso.

-Atención aos paritorios.

II. Na área de hospitalización establecerase o número necesario para garantir os coidados dos doentes hospitalizados, en correspondencia cos efectivos dun domingo ou festivo.

III. No ámbito de consultas estableceranse mínimos nun dobre ámbito:

-Apoio á atención das consultas especializadas consideradas como urxentes ou preferentes.

IV. No ámbito dos servizos centrais, garantirase a realización das probas complementarias urxentes e as que se refiran aos doentes hospitalizados que, a criterio do facultativo, sexan necesarias.

V. Garantirase a dispensación de medicamentos e produtos sanitarios.

VI. Unidades especiais: o número necesario para garantir o coidado dos doentes.

E) Persoal non sanitario.

I. Urxencias: o 100% do persoal non sanitario.

II. Área de hospitalización: un número de efectivos equivalente ao dos domingos ou festivos.

III. Servizo de admisión e arquivo de atención especializada: un número equivalente ao dos domingos ou festivos.

IV. Cita previa: un número de efectivos que garantan a atención ao doente que o requira, cun mínimo dun efectivo por centro e ata un máximo do 50% dos efectivos en cada quenda.

V. Atención ao doente: un número de efectivos que garantan a atención ao doente que o requira, cun mínimo dun efectivo por centro e ata un máximo do 50% dos efectivos en cada quenda.

VI. Servizos de mantemento: un número equivalente ao dos domingos ou festivos.

VII. Servizo de lavandaría e lenzaría: ata o 50% dos efectivos en cada quenda.

VIII. Limpeza: ata o 50% dos efectivos en cada quenda.

IX. Hostalaría: un número mínimo igual ao dos domingos ou festivos, ou ben un 60% dos efectivos en cada quenda, en función do tamaño das prestacións dependentes de hostalaría en cada centro.

Coa finalidade de garantir o adecuado mantemento do servizo, servirase, con carácter xeral, un único menú aos doentes que non requiran dieta médica especial.

X. Condutores: o mesmo número de efectivos que os domingos ou festivos, cun mínimo, en todo caso, dun efectivo.

XI. Servizos administrativos:

-Información: o número de profesionais necesarios para garantir a debida información aos doentes que acudan aos centros en xornada de folga.

XII. Outras áreas de traballo ou servizos: establecerase, con carácter xeral, un número equivalente aos dos domingos ou festivos.

A determinación do número de efectivos con base nos criterios recóllese nos anexos da orde. A xustificación pormenorizada de cada servizo e efectivo debe realizarse por cada centro e constar no expediente. Debe exteriorizarse adecuadamente para xeral coñecemento dos destinatarios. Deberá quedar constancia da determinación das prestacións mínimas con base nos criterios desta orde.

Os profesionais necesarios para a cobertura dos servizos mínimos deberán ser publicados nos taboleiros de anuncios de cada centro, cando menos con 48 horas de antelación á data da folga.

Con tales premisas determínase, por grupos profesionais e institucións sanitarias ou empresas, o número de efectivos en servizos mínimos.

Artigo 2º

A designación nominal de efectivos que deben cubrir os servizos mínimos será determinada polo director-xerente da empresa e notificada aos profesionais designados.

O profesional designado que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a substitución da súa designación por outro profesional que voluntariamente acepte o cambio de maneira expresa.

Artigo 3º

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos, expostos nos taboleiros de anuncios de cada centro, serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1º do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9 de marzo).

Artigo 4º

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5º

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos establecementos sanitarios.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2005.

María José Rubio Vidal

Conselleira de Sanidade