Pola Orde do 28 de abril de 2005 convocáronse, para o ano 2005, as axudas para parceiros e arrendatarios de predios rústicos, que exerzan o seu dereito á propiedade, por aplicación da Lei 3/1993, do 16 de abril, relativa ás parzarías e aos arrendamentos rústicos-históricos de Galicia (Diario Oficial de Galicia nº 87, do 6 de maio).
No artigo 10º da Orde do 28 de abril de 2005, relativo ao financiamento destas axudas, detállase a aplicación orzamentaria e o importe económico previsto para elas.
A antedita Lei 3/1993, do 16 de abril, establecía a vixencia dos contratos de parzarías e arrendamentos rústicos-históricos de Galicia ata o 31 de decembro de 2005, sendo esta a causa que fixo que o número de solicitudes presentadas superase as previsións realizadas por esta consellaría, polo que, á vista do anterior, cómpre ampliar a dotación orzamentaria consignada inicialmente.
En consecuencia, de conformidade co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente,
DISPOÑO:
Artigo único.
Primeiro.-Amplíase a dotación orzamentaria que se recolle na orde desta consellería, do 28 de abril de 2005 (Diario Oficial de Galicia nº 87, do 6 de maio), pola que se regulan axudas para parceiros e arrendatarios de predios rústicos, que exerzan o seu dereito á propiedade, por aplicación da Lei 3/1993, do 16 de abril, relativa ás parzarías e aos arrendamentos rústicos-históricos de Galicia.
Segundo.-O incremento de dotación para o exercicio 2005 será de 95.231,30 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 57.02.422D.770.0, dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005.
Terceiro.-Tamén se poderán utilizar outros remanentes adicionais que poidan existir na mesma aplicación. En todo caso, a concesión das axudas aos parceiros e arrendatarios de predios rústicos, que exerzan o seu dereito á propiedade por aplicación da referida Lei 3/1993, do 16 de abril, estará condicionada á existencia de crédito axeitado e suficiente e limitarase ás dispoñibilidades orzamentarias.
Cuarto.-Esta modificación non afecta o prazo que se establece para a presentación de solicitudes de axuda na devandita Orde do 28 de abril de 2005.
Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2005.
Alfredo Suárez Canal
Conselleiro do Medio Rural