DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 235 Venres, 09 de decembro de 2005 Páx. 19.432

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

ORDE do 17 de novembro de 2005 de aprobación definitiva da modificación das normas subsidiarias de planeamento. Ordenanzas de uso industrial. As Pontes de García Rodríguez (A Coruña). (Expediente AC-04/037-AD).

O planeamento urbanístico vixente no municipio das Pontes de García Rodríguez son as normas subsidiarias de planeamento municipal (NSPM), que foron aprobadas definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo da Coruña o 9-12-1985.

A proposta ten por obxecto a modificación da ordenanza do solo urbano industrial situado ao sur do núcleo urbano das Pontes de García Rodríguez, coa delimitación resultante da modificación puntual das NSPM aprobada definitivamente polo Pleno do concello o 2-7-1997, no que se sitúa o complexo industrial de Endesa e que actualmente está cualificado coa ordenanza de industria urbana, aínda que cuns parámetros que non se adecuan ás características das instalacións xa existentes no momento da aprobación das NSPM.

Na proposta prevense agora na maior parte dos terreos dúas novas cualificacións:

a) «Uso industrial 2. Central térmica das Pontes de García Rodríguez e novas instalacións». O seu obxecto é axeitar a normativa vixente ás características da central térmica das Pontes de García Rodríguez de Endesa hoxe existente (4 grupos xeradores de 350 megavatios cada un) e posibilitar a implantación da nova central eléctrica de gas de ciclo combinado (800 megavatios) que se situará na zona onde se localizaba a antiga central térmica construída nos anos 60 do século pasado.

No proxecto aprobado provisionalmente limítase a edificabilidade a 1,4 m/m e o número de plantas a 5, co fin de garantir que non se incrementa a superficie edificable respecto da hoxe permitida.

b) «Uso industrial 3. Área de tolerancia da central térmica das Pontes de García Rodríguez e novas instalacións». Coa finalidade de ampliar os usos permitidos, engadindo toda clase de usos complementarios e de apoio aos sinalados no parágrafo anterior (torres eléctricas, depósitos, conexións a infraestruturas, sistemas de tratamento de augas, acometidas a redes de abastecemento), mantense o resto das determinacións da ordenanza de industria urbana das normas vixentes.

No resto do solo urbano industrial mantense a cualificación de industria urbana das normas vixentes, e introdúcese no proxecto aprobado provisionalmente a cualificación de solo rústico de protección de infraestruturas no ámbito da variante da estrada ao polígono dos Airíos, co fin de cumprir a condición imposta no informe da Dirección Xeral de Obras Públicas que logo se sinala.

De conformidade co disposto na disposición transitoria primeira 1.g) da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, as modificacións do planeamento vixente no momento da entrada en vigor desta lei deben axustarse ao disposto nela, polo que, consonte o sinalado no seu artigo 94.1º, deberán fundamentarse en razóns de interese público debidamente xustificadas, e segundo o disposto no artigo 93.4º, as modificacións de calquera dos elementos dos plans, proxectos, normas e ordenanzas suxeitaranse ás mesmas disposicións enunciadas para a súa tramitación e aprobación.

Terminada a fase de elaboración da modificación puntual, e inmediatamente antes da súa aprobación inicial, o concello remitiu o expediente ao informe preceptivo desta consellería, que foi emitido o 31-1-2005, de conformidade co disposto no artigo 85.1º da Lei 9/2002, con observacións ao proxecto daquela presentado.

O Pleno da Corporación, en sesión do 21-3-2005, aprobou inicialmente a modificación, que posteriormente foi sometida a información pública polo prazo dun mes, mediante anuncios publicados nos xornais La Voz de Galicia e Diario de Ferrol, do 24 de marzo

de 2005, e no Diario Oficial de Galicia, do 5 de abril de 2005, sen que fosen presentadas alegacións, conforme o certificado incluído para o efecto no expediente. Deuse audiencia aos concellos de Xermade, Muras, Mañón, Monfero, San Sadurniño, A Capela, As Somozas e Ortigueira.

No expediente constan os seguintes informes sectoriais:

a) Dirección Xeral de Obras Públicas desta consellería, do 11-4-2005, favorable, con condicións.

b) Servizo de Vías e Obras da Deputación da Coruña, do 24-5-2005, favorable.

c) Demarcación Territorial Galicia Norte de Augas de Galicia, do 1-4-2005, favorable con condicións.

d) Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, do 21-6-2005, indicando que non procede o sometemento desta actuación urbanística ao trámite de avaliación de impacto ou efectos ambientais.

Consta, así mesmo, informe do 15/6/2005 subscrito polo enxeñeiro municipal e o secretario en funcións do concello, no que se propón a aprobación provisional.

O Pleno da Corporación, en sesión do 5 de xullo de 2005, acordou aprobar provisionalmente o proxecto de modificación, remitíndoo a esta consellería para a súa aprobación definitiva.

O proxecto de modificación con dilixencia de aprobación provisional é do 16-6-2005 e vén subscrito pola arquitecta Mónica Mesejo.

O Concello das Pontes de García Rodríguez solicita a aprobación definitiva do proxecto (artigos 93.4º e 85.5º da Lei 9/2002), mediante escrito nº 2584, do 6-7-2005, que tivo entrada no rexistro deste Servizo de Urbanismo e Inspección Territorial o 7-7-2005. Requirida documentación adicional en virtude do artigo 85.5º da Lei 9/2002, esta foi presentada mediante oficio nº 2933, do 12-8-2005, que tivo entrada no rexistro deste servizo o 19-8-2005.

O proxecto aprobado provisionalmente contén as modificacións precisas para emendar as deficiencias sinaladas nas observacións 3.2, 3.3 e 3.4 do informe da Dirección Xeral de Urbanismo do 31-1-2005.

Coa solicitude de informe previo á aprobación inicial achegouse un informe sobre afección do Real decreto 1254/1999, subscrito por dúas persoas do Departamento de Seguridade Industrial de Inerco, S.A. Para a súa valoración, de conformidade co disposto no artigo 3 do Decreto 277/2000, do 9 de novembro, e co sinalado na observación 3.1 do informe emitido pola Dirección Xeral de Urbanismo o 31-1-2005, solicitouse a emisión de informe da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, que foi emitido o 8-4-2005, e reiterado o 4-11-2005, indicando que xa no procedemento de autorización

ambiental integrada, tramitado pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, se sinalou de xeito expreso que a instalación non está afectada polo R.D. 1254/1999.

Constan, así mesmo, no expediente, a Resolución do 27-5-2005 (BOE nº 136, do 8 de xuño), da Secretaría Xeral para a Prevención da Contaminación e o Cambio Climático do Ministerio de Medio Ambiente, na que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de construción da nova central de ciclo combinado na localización da central térmica das Pontes de García Rodríguez, e a resolución da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do 28-7-2005 (DOG nº 180, do 19 de setembro), pola que se lle outorga a autorización ambiental integrada.

Considéranse debidamente xustificadas as razóns de interese público que fundamentan a modificación do planeamento ao posibilitar o mantemento e a nova implantación das plantas de produción destinadas a garantir a demanda de enerxía eléctrica no ámbito autonómico e estatal e, así mesmo, da análise dos aspectos sinalados no artigo 85.7º da Lei 9/2002, resulta a conformidade da proposta coa lexislación urbanística e a súa adecuación ás políticas autonómicas de desenvolvemento sustentable.

A competencia para adoptar esta decisión correspóndelle ao conselleiro competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio de acordo co disposto nos artigos 89 e 85.5º da Lei 9/2002.

Por canto antecede, de conformidade co establecido na vixente Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e por proposta da Dirección Xeral de Urbanismo, desta mesma data,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Aprobar definitivamente a modificación das normas subsidiarias de planeamento do concello das Pontes de García Rodríguez (A Coruña). Ordenanzas de uso industrial, aprobada provisionalmente polo concello o 5 de xullo de 2005.

Artigo 2º

De conformidade co disposto no artigo 92 da dita Lei 9/2002, esta orde deberá publicarse no Diario Oficial de Galicia e, así mesmo, consonte o sinalado no 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP da Coruña a normativa e as ordenanzas da modificación que aquí se aproban.

Disposición derradeira

Segundo o disposto no artigo 85.9º da citada Lei 9/2002, contra esta orde non cabe recurso en vía administrativa; non obstante, contra ela poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza

de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2005.

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial,

Obras Públicas e Transportes