DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 235 Venres, 09 de decembro de 2005 Páx. 19.431

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

ORDE do 27 de setembro de 2005 de aprobación definitiva do proxecto de modificación puntual número 5 das normas subsidiarias para a construción dun novo centro de saúde do Concello de Marín. (Expediente PO-04020).

O Concello de Marín conta con normas complementarias e subsidiarias municipais, aprobadas definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo o 9-6-1978.

A documentación remitida consta de expediente administrativo e proxecto técnico da modificación proposta.

O obxecto desta modificación puntual é a reclasificación duns terreos situados nunha travesía á avda. Jaime Janer, cunha superficie de 2.612 m clasificados nas NN.SS. como solo urbano de desenvolvemento previsible, en equipamento sanitario-asistencial exclusivo.

De conformidade co sinalado no artigo 93.4º da Lei 9/2002, as modificacións de calquera dos elementos dos plans, proxectos, normas e ordenanzas suxeitaránse ás mesmas disposicións enunciadas para a súa tramitación e aprobación.

Terminada a fase de elaboración da modificación puntual, e inmediatamente antes da súa aprobación inicial, o concello remitiu o expediente a informe preceptivo desta consellería, que foi emitido en data 5-10-2004, de conformidade co disposto no artigo 85.1º da Lei 9/2002.

O Pleno do Concello o 11-2-2005 acordou a aprobación inicial, publicada en prensa e no DOG do 9-3-2005, co resultado da fase de información pública que consta no expediente tramitado e aprobado provisionalmente polo Pleno do Concello o 13-5-2005.

Revisado o documento relativo ao proxecto de modificación puntual nº 5 das NN.SS. para a construción dun novo centro de saúde, e analizados os aspectos sinalados no artigo 85.7º da Lei 9/2002 (LOUG), procede sinalar que cos informes achegados o 7 de setembro enténdense cumpridas todas as observacións sinaladas nos anteriores informes.

De conformidade co disposto no artigo 89.1º da Lei 9/2002, a competencia para a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle ao conselleiro competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio.

En consecuencia, de conformidade co establecido na Lei 9/2002, de 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e por proposta da Dirección Xeral de Urbanismo, desta mesma data,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Aprobar definitivamente o proxecto da modificación puntual nº 5 das NN.SS. para a construción dun novo centro de saúde do Concello de Marín.

Artigo 2º

De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente no BOP.

Disposición derradeira

Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2005.

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial,

Obras Públicas e Transportes