DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 235 Venres, 09 de decembro de 2005 Páx. 19.430

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

ORDE do 27 de setembro de 2005 de aprobación definitiva do proxecto da ordenanza número 17 do Plan Xeral de Ordenación Municipal para instalación de telefonía móbil do Concello de Poio. (Expediente PO-03002).

O Concello de Poio conta cun plan xeral de ordenación municipal, aprobado definitivamente por acordo plenario o 28-7-2000.

A documentación remitida consta de expediente administrativo, no cal se inclúe, nos folios 114 a 137, o proxecto técnico da modificación proposta.

O obxecto deste proxecto é a aplicación dunha nova ordenanza urbanística, sería a 17, ao PXOM de Poio, co fin de regular a instalación e funcionamento de instalacións de telefonía móbil persoal e outros servizos de telecomunicación e difusión.

De conformidade co sinalado no artigo 93.4º da Lei 9/2002, as modificacións de calquera dos elementos dos plans, proxectos, normas e ordenanzas suxeitaranse ás mesmas disposicións enunciadas para a súa tramitación e aprobación.

Terminada a fase de elaboración da modificación puntual, e inmediatamente antes da súa aprobación inicial, o concello remitiu o expediente a informe preceptivo desta consellería, que foi emitido o 19-2-2004, de conformidade co disposto no artigo 85.1º da Lei 9/2002.

O Pleno do Concello o 24-2-2004 acordou a aprobación inicial, publicada na prensa e no DOG do 22-4-2004, co resultado da fase de información pública que consta no expediente tramitado e aprobado provisionalmente polo Pleno do Concello o 31-5-2005.

Revisado o documento relativo ao proxecto da ordenanza nº 17 do PXOM, para instalación de telefonía móbil, e analizados os aspectos sinalados no artigo 85.7º da Lei 9/2002 (LOUG), procede sinalar que naquilo que se refire ás competencias desta consellería non se atopan impedimentos para a modificación que se pretende.

De conformidade co disposto no artigo 89.1º da Lei 9/2002, a competencia para a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle ao conselleiro competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio.

En consecuencia, de conformidade co establecido na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e por proposta da Dirección Xeral de Urbanismo, desta mesma data,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Aprobar definitivamente o proxecto da ordenanza nº 17 do PXOM, para instalación de telefonía móbil do Concello de Poio.

Artigo 2º

De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente no BOP.

Disposición derradeira

Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2005.

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial,

Obras Públicas e Transportes