DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Mércores, 07 de decembro de 2005 Páx. 19.368

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

INSTRUCIÓN do 28 de novembro de 2005, da Dirección Xeral de Xustiza, sobre o sistema de control do cumprimento da xornada e horarios establecidos para o persoal ao servizo da Administración de xustiza en Galicia.

Entre as materias relativas á relación profesional do persoal comprendido no libro VI da Lei orgá

nica 6/1985, do poder xudicial, sobre as que o artigo 471 da mesma lei -na súa nova redacción dada pola Lei orgánica 19/2003, do 23 de decembro- recoñece competencia de desenvolvemento regulamentario a favor das comunidades autónomas que recibiron as transferencias sobre o persoal ao servizo da Administración de xustiza, atópase a xornada laboral e o horario de traballo.

O artigo 500 da mesma lei regula a xornada e horarios de traballo do devandito persoal, delimitando as competencias do Ministerio de Xustiza, do Consello Xeral do Poder Xudicial e das comunidades autónomas. Este artigo, polo que se refire á duración da xornada xeral de traballo en cómputo anual e daquelas xornadas de dedicación especial, foi desenvolvido pola Resolución do 15 de xullo de 2005 da Secretaría de Estado de Xustiza (BOE do 10 de agosto).

No novo marco legal, a regulación do sistema de control horario, que ata o de agora estaba contida na Instrución do 12 de xuño de 1997, da Secretaría de Estado de Xustiza, sobre o sistema de control de cumprimento da xornada e horarios establecidos no ámbito da Administración de xustiza (BOE do 4 de xullo), correspóndelles ás comunidades autónomas con competencias en materia de medios persoais ao servizo da Administración de xustiza, como é o caso da Xunta de Galicia, que as recibiu en virtude do Real decreto 2397/1996, do 22 de novembro.

Segundo o exposto, e logo de audiencia das organizacións sindicais máis representativas, e no exercicio das competencias atribuídas a este centro directivo, apróbanse as seguintes instrucións:

Primeira.-Ámbito de aplicación.

Esta instrución será aplicable ao persoal funcionario destinado en órganos da Administración de xustiza en Galicia.

Segunda.-Sistema de control horario nas sedes xudiciais dotadas con sistemas de control de presenza.

1. Naquelas sedes nas que foron instalados sistemas automatizados de control de presenza, todo o persoal disporá dunha tarxeta magnética identificativa de carácter persoal e intransferible. Esta tarxeta utilizarase como ficha, persoalmente e só polo seu titular, nos puntos onde están instalados os lectores de proximidade do sistema de control de presenza.

2. O persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza deberá deixar constancia da entrada e saída do edificio onde se atope a sede do seu destino, mediante a fichaxe coa súa tarxeta no correspondente lector de proximidade do sistema de control horario.

No caso de que, por calquera motivo, non funcionasen os sistemas informáticos de control de presenza, deberase realizar, durante os días que tal circunstancia se produza, o control horario mediante os partes de sinaturas deixando constancia de cada entrada ou saída da sede xudicial.

3. Para o suposto de perda ou inutilización da tarxeta ou de avaría dos sistemas automatizados de control horario, o interesado cubrirá o modelo I-2 de parte de incidencia (anexo II) e realizarase o control mediante os partes de sinaturas previstos no seguinte punto.

Terceira.-Sistema provisional de control horario nas restantes sedes.

Nas sedes onde non estean instalados os sistemas informáticos de control de presenza, as entradas e saídas na unidade reflectiranse nos partes de sinaturas que figuran no anexo III desta instrución.

Os funcionarios que asistan á unidade a partir das 9.00 horas asinarán no parte individual de incidencia (modelo I-1), respecto dos que será aplicable o previsto no punto seguinte.

Cuarta.-Incidencias.

As faltas de asistencia total ou parcial ao posto de traballo non amparadas pola concesión de permisos, vacacións ou licenzas, deberán reflectirse a través dos partes individuais de incidencia (modelo I-1), que o interesado cubrirá achegando, se é o caso, a documentación xustificativa.

Quinta.-Visado e remisión dos documentos de control horario.

1. Para efectos de supervisión, os superiores xerárquicos respectivos (segundo o caso, fiscal xefe ou fiscal coordinador ou delegado respecto dos funcionarios destinados en fiscalías ou adscricións de fiscalías, director ou subdirector respecto dos funcionarios destinados no Instituto de Medicina Legal e secretarios xudiciais respecto dos funcionarios destinados nas oficinas xudiciais) examinarán os documentos de control horario mencionados nos puntos anteriores (parte de sinaturas e partes de incidencias), nos que poderán facer constar as observacións que consideren pertinentes respecto da presenza no posto de traballo.

2. Unha vez visados polos superiores xerárquicos, os documentos de control horario remitiranse á delegación provincial correspondente da Consellería de

Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Esta remisión efectuarase cada día laborable a partir das 9.00 horas.

Sexta.-Xustificación de actuacións fóra da sede xudicial.

As actuacións fóra da sede xudicial para realizar actos de comunicación ou outros actos procesuais que pola súa natureza exixen unha actuación habitual fóra das sedes xudiciais xustificaranse para o control de cumprimento do horario, segundo o modelo I-4 desta instrución, que será remitido mensualmente á delegación provincial correspondente, logo de ser visado polo superior xerárquico.

Sétima.-Réxime de vixilancia e inspeccións sobre o control horario.

Sen prexuízo da colaboración dos superiores xerárquicos na comunicación de incidencias e incumprimentos da xornada e horarios, os órganos da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza con competencias en materia de persoal ao servizo da Administración de xustiza poderán verificar que se cumpra o horario establecido.

O persoal destinado nos puntos de entrada exercerá, de acordo coas instrucións recibidas, a vixilancia dos sistemas automatizados de control horario para evitar que sufran danos materiais.

Oitava.-Aplicación desta instrución.

O disposto nesta instrución aplicarase a partir do día seguinte ao da súa publicación.

Novena.-Anexos.

Como anexo desta instrución xúntanse os modelos que a continuación se relacionan:

Anexo I. Parte individual de incidencia (modelo I-1).

Anexo II. Parte de incidencia coa tarxeta ou co sistema automatizado de control horario (modelo I-2).

Anexo III. Parte de sinaturas para os órganos xudiciais nos que aínda non se instalou o sistema automatizado de control horario (modelo I-3).

Anexo IV. Relación mensual de saídas para actos de comunicación (modelo I-4).

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2005.

Santiago Antonio Roura Gómez

Director xeral de Xustiza

Ausencias xustificadas

MotivoClave

Ausencia non xustificada (sinatura do secretario xudicial ou xefe de persoal)01

Permiso por asuntos particulares02

Baixa por enfermidade (ata 5 días)03

Saída para realizar actos de comunicación ou execución (debe cubrirse impreso específico e asinarse á saída, indicando a hora)04

Autorización expresa para ausentarse do posto habitual de traballo por razóns do servizo, indicando nome, apelidos e cargo da persoa que o concede05

Licenza por matrimonio06

Licenza por embarazo07

Licenza por asuntos propios08

Licenza por enfermidade09

MotivoClave

Licenza para a realización de estudos sobre materias directamente relacionadas coa Administración pública10

Vacacións11

Permiso polo nacemento dun fillo ou pola morte ou enfermidade grave dun familiar ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade12

Permiso por traslado de domicilio sen cambio de residencia13

Permiso para realizar funcións sindicais, de formación sindical ou de representación do persoal14

Permiso para concorrer a exames finais e demais probas definitivas de aptitude e avaliación en centros oficiais15

Permiso por fillo menor de 9 meses16

Permiso por razóns de garda legal17

Permiso polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público ou persoal18

Exercicio do dereito de folga19