DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Mércores, 07 de decembro de 2005 Páx. 19.367

II. AUTORIDADES E PERSOAL

NOMEAMENTOS:

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 29 de novembro de 2005 pola que se modifica a do 19 de novembro de 2003, pola que se fai pública a composición do Consello Social da Universidade da Coruña.

Pola Orde do 19 de novembro de 2003 (DOG do 24 de novembro) fíxose pública a composición do Consello Social da Universidade da Coruña.

De acordo co artigo 7.2º, parágrafo segundo, da Lei 1/2003, do 9 de maio, dos consellos sociais do sistema universitario de Galicia son membros do Consello Social un profesor, un estudante e un representante do persoal de Administración e servizos, elixidos polo Consello de Goberno da universidade de entre os seus membros na forma que determinen os seus estatutos. En todo caso, os nomeamentos serán publicados no Diario Oficial de Galicia.

Segundo o artigo 10.1º a) da Lei 1/2003, do 9 de maio, dos consellos sociais do sistema universitario de Galicia, os membros dos consellos sociais cesarán por expiración do período de mandato. De acordo co artigo 9.1º da devandita Lei 1/2003, a duración do mandato dos membros do Consello Social sinalados no parágrafo segundo do artigo 7.2º será establecida polos estatutos da universidade.

O artigo 24.3º dos estatutos da Universidade da Coruña, Decreto 101/2004, do 13 de maio (DOG nº 100, do 26 de maio) establece que a duración do mandato dos representantes do Consello de Goberno no Consello Social será de catro anos renovables, agás no caso dos estudantes, que será de dous anos. O 24 de novembro de 2003 publicouse no Diario Oficial de Galicia a composición inicial do Consello Social da Universidade da Coruña polo que este mandato remata o 25 de novembro de 2005.

Con data do 10 de novembro de 2005, a secretaria xeral da Universidade da Coruña comunica a elección polo Consello de Goberno do día 4 de novembro de 2005 de Tamara Canosa Ferrio como representante dos estudantes no Consello Social da Universidade da Coruña.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo único.-Facer público o nomeamento de Tamara Canosa Ferrio como representante dos estudantes no Consello Social elixida polo Consello de Goberno da Universidade da Coruña.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2005.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria