DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Luns, 05 de decembro de 2005 Páx. 19.245

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 2 de decembro de 2005 pola que se determinan os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais no Servizo de Urxencias do Hospital Clínico do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, durante a folga convocada pola Organización Sindical de Médicos de Galicia Independentes (Omega) no colectivo de persoal médico, a partir do día 6 de decembro de 2005 con carácter indefinido.

O artigo 28.2º da Constitución española recoñece, como dereito fundamental da persoa, o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.

O artigo 3 do citado decreto faculta aos conselleiros competentes, por razón dos servizos esenciais afectados, para que, mediante orde e diante de cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

Convocada folga no Servizo de Urxencias do Hospial Clínico do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, pola Organización Sindical de Médicos de Galicia Independentes (Omega) no colectivo de persoal médico, a partir do día 6 de decembro de 2005, con carácter indefinido, oído o comité de folga e unha vez chegado a un acordo sobre os servizos mínimos fixados,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A convocatoria de folga realizada pola Organización Sindical de Médicos de Galicia Independentes (Omega) a partir do día 6 de decembro de 2005, con carácter indefinido, que afectar o persoal facultativo do Servizo de Urxencias do Hospital Clínico do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, deberá entenderse condicionada ao mantemento dos servizos mínimos, segundo os criterios que se dispoñen nesta orde.

Os servizos mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para manter a axeitada cober

tura dos servizos esenciais de asistencia sanitaria no Servizo de Urxencias do Hospital Clínico, para os efectos de evitar que se produzan graves prexuízos aos usuarios.

Tales mínimos responden á necesidade de compatibilizar o respeto ineludible ao exercicio do dereito á folga, coa atención aos usuarios que, baixo ningún concepto, poden quedar desasistidos polas características do servizo dispensado.

E por iso mantéñense os servizos mínimos necesarios para garantir o 100 por 100 da atención urxente aos usuarios, que non poden aprazarse sen consecuencias negativas para a saúde.

Tendo en conta que a folga se circunscribe ao Servizo de Urxencias do Hospital Clínico e co obxeto de compatibilizar o dereito de folga coa garantía asistencial, tendo en conta a dispoñibilidade dos facultativos do complexo para atender calquera incidencia que poida xurdir no Servizo de Urxencias, establécense os efectivos de servizos mínimos que se recollen no anexo. Durante as quendas de noite, fins de semana e festivos, manteranse o 100 por 100 dos efectivos de presenza.

A determinación dos profesionais necesarios nos postos de traballo con base nos criterios anteriores debe estar adecuadamente motivada. A xustificación debe figurar no expediente de determinación de mínimos e debe exteriorizarse axeitadamente para xeral coñecemento dos destinatarios. Deberá quedar constancia no expediente de determinación de mínimos e dos factores ou criterios dos cales a súa ponderación conduce a determinar as prestacións mínimas.

Os profesionais necesarios para a cobertura dos servizos mínimos deberán ser publicados no taboleiro de anuncios, con antelación ao inicio da folga.

Con tales premisas, no anexo desta resolución recóllese, o número de efectivos de servizos mínimos para cubrir as xornadas de folga.

Artigo 2º

A designación nominal, que deberá recaer nos profesionais de xeito rotatorio, será determinada polo director xerente do centro e notificada aos profesionais designados.

O profesional designado como servizo mínimo, que desexe exercer o seu dereito de folga, poderá instar a substitución da súa designación por outro profesional que voluntariamente acepte o cambio de maneira expresa e autorizada pola dirección.

Artigo 3º

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos determinados no anexo, así como os expostos nos taboleiros de anuncios de cada centro, serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1º do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9 de marzo).

Artigo 4º

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5º

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos establecementos sanitarios.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2005.

María José Rubio Vidal

Conselleira de Sanidade

ANEXO

Número efectivos de servizos mínimos

Categoría/Servizo de UrxenciaMañáTardeNoite

Facultativos especialistas de área en días laborables654

Facultativos especialistas de área en fins de semana e festivos874