DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Xoves, 01 de decembro de 2005 Páx. 19.122

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

ORDE do 23 de novembro de 2005 pola que se convoca o IV Premio Galicia Innovación Júnior.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, dá resposta á necesidade de adecuar o noso sistema educativo a unha sociedade en acelerado proceso de modernización, con continuos cambios culturais, tecnolóxicos e produtivos, que camiña cara a un horizonte común para Europa.

O desenvolvemento científico e tecnolóxico é un dos factores de maior influencia na configuración do mundo contemporáneo. Nesta liña, a Consellería de Innovación e Industria, a través da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, está a impulsar actividades mediante as que se intenta divulgar e facilitar a comprensión do que significa este desenvolvemento.

Entre estas actuacións e dentro do Programa de Sensibilización Social do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento Tecnolóxico e Innovación, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 14 de marzo de 2002, a Consellería de Innovación, Industria e Comercio convocou e entregou por primeira vez no ano 2002 un premio orientado aos mozos galegos co fin de fomentar o espírito creativo e a súa capacidade innovadora.

En consecuencia co anteriormente exposto e co fin de continuar con esta actuación, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convócase a cuarta edición do Premio Galicia Innovación Júnior, para os mozos e mozas galegos de entre 12 e 18 anos de idade, en dúas categorías: de 12 a 15 anos e de 16 a 18 anos, ambos os dous incluídos. Este premio está destinado a estimular o espírito creativo e a capacidade innovadora, valorando especialmente a aplicación de coñecementos adquiridos polos participantes na súa vida académica. Serán criterios de selección, a maiores, a orixinalidade das propostas, a súa utilidade e as posibilidades reais de levalas á práctica.

Artigo 2º.-Dotación.

Haberá un primeiro premio por categoría, dotado cun ordenador portátil e unha cámara dixital (o gañador da categoría de 12 a 15 anos) e cun ordenador portátil e un reprodutor de música dixital con disco duro ou memoria flash (na categoría de 16 a 18 anos). Ademais, o primeiro premio de cada unha das categorías será obsequiado cun informe de patentabilidade da idea proposta, realizado pola Oficina Española de Patentes e Marcas, así como coa redacción da solicitude de patente e o pagamento da taxa de solicitude correspondente, se estivese interesado en solicitala.

O segundo premio por categoría estará dotado cun ordenador portátil. Así mesmo, concederanse seis accésit por categoría, dotados no primeiro caso (categoría de 12 a 15 anos) cunha cámara de fotografía dixital e na segunda categoría (de 16 a 18 anos) cun reprodutor de música dixital con disco duro ou memoria flash. Por outra parte, os departamentos dos centros educativos aos que pertenzan os profesores que prestasen axuda aos gañadores dos dous primeiros premios recibirán 600 euros en material inventariable para o departamento do centro, sempre que se acredite que o alumno foi asistido polo equipo docente do centro na elaboración da súa proposta.

No caso de que algún dos traballos que se presente corresponda a un grupo de rapaces, en lugar dun traballo individual, concederase un único premio para todo o grupo. Os gastos relativos ás accións desta convocatoria, que ascenden a un máximo 14.200 euros, imputaranse ás aplicacións orzamentarias 10.02.432A.780.0 (4.600 euros para a adquisición dos 4 ordenadores portátiles e 8.400 euros para a compra das 7 cámaras dixitais e dos 7 reprodutores de música dixital con disco duro ou memoria flash) e 10.02.432A. 740.0 (1.200 euros para a compra de material inventariable polos centros de ensino), dos orzamentos da Consellería de Innovación e Industria para o ano 2006.

Artigo 3º.-Requisitos.

Poderán participar nesta convocatoria todos os rapaces e rapazas galegos ou residentes en Galicia de idades comprendidas entre os 12 e os 18 anos. Serán admitidas tamén as solicitudes presentadas por alumnos matriculados no último curso de secundaria que teñan 19 anos no momento do peche da convocatoria, que só poderán participar se acreditan estar recibindo docencia nun centro da Comunidade Autónoma galega. Poderán presentarse traballos individuais ou en grupo. Admitiranse un máximo de dúas propostas por participante, individual ou en grupo.

Artigo 4º.-Presentación de solicitudes.

As solicitudes no modelo oficial PSS-06 que se publica como anexo á presente orde e que está a disposición dos interesados/as na internet no enderezo: http://www.dxid.org e http://www.galiciainnovacion.com, presentaranse, dirixidas ao director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, no rexistro xeral da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Consellería de Innovación e Industria ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O procedemento que se xunta á convocatoria deste premio consta de dúas fases. Para participar na primeira delas, a de preselección, as solicitudes realizadas no modelo oficial anexo a esta convocatoria (no caso de grupos deberán designar a un representante que será quen cubra a instancia de solicitude) deberán ir, inescusablemente, xunto coa seguinte documentación:

-Declaración xurada de cumprimento dos requisitos estipulados no artigo 3º da presente convocatoria (segundo modelo que se xunta a esta orde). No caso dos grupos de rapaces, deberán presentar unha declaración xurada por cada membro do grupo. Unha vez seleccionado para o premio, o solicitante deberá achegar copia cotexada da partida de nacemento, do certificado de empadroamento ou do libro de familia, co fin de acreditar o cumprimento dos ditos requisitos.

-Copia do documento nacional de identidade (DNI/NIF) do participante ou participantes (no caso de grupos deberán presentar fotocopia do DNI de cada un dos membros) e, se é o caso, do docente ou docentes que o asistisen na elaboración da proposta, ademais da certificación pertinente de que pertencen ao cadro de persoal do centro educativo no que imparten clases.

-Memoria en que proxecte e desenvolva unha idea que se traduza nun novo produto, nun novo servizo ou ben nunha maneira distinta e innovadora de producir algo xa existente (7 copias). Deberán describir o produto, servizo ou proceso, argumentando a quen vai dirixido, a súa utilidade e a maneira de levar a cabo o que se proxecta.

As propostas deberán redactarse en calquera das linguas oficiais da Comunidade Autónoma e para o caso da lingua galega deberán adaptarse ao disposto na lexislación vixente (disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, e Decreto 173/1982, do 17 de novembro).

O prazo de presentación de traballos para esta primeira fase remata o 31 de xaneiro de 2006. O xurado reunirase para facer unha preselección dos 8 mellores traballos por categoría, que serán sometidos a unha consulta ao Servizo Galego de Propiedade Industrial (Segapi) sobre a súa orixinalidade. Resolta esta consulta, iniciarase unha segunda fase coa publicación o 15 de marzo na páxina web (www.dxid.org e www.galiciainnovacion.com) dos 8 traballos preseleccionados por categoría.

A partir dese momento, os titulares dos traballos preseleccionados terán un mes de prazo (ata o 15 de abril) para presentar o desenvolvemento da idea exposta na primeira fase do concurso a través dun bosquexo, maqueta, plano e/ou debuxo. O xurado procederá entón á selección final dos gañadores, atendendo a un informe elaborado pola Oficina Española de Patentes e Marcas (OEPM) sobre a orixinalidade das invencións.

Artigo 5º.-Composición e funcións dos xurados,

1. Os traballos presentados e que se axusten á presente convocatoria serán examinados e avaliados por un xurado presidido polo director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación ou persoa en quen delegue e do que formarán parte seis vogais:

-Un designado polo Servizo Galego de Propiedade Industrial (Segapi).

-Cinco designados pola Dirección Xeral de I+D+I dos cales:

-Catro serán profesores da área de ciencias e/ou tecnoloxía de ensino secundario.

-Actuará como secretario, con voz pero sen voto, un funcionario designado pola Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Consellería de Innovación e Industria

2. A decisión do xurado será inapelable.

Artigo 6º.-Retirada da documentación.

As persoas responsables dos traballos ou os seus representantes legais poderán retirar os traballos non premiados nas dependencias da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, no prazo de 60 días contados a partir da resolución do xurado correspondente.

Artigo 7º.-Entrega dos premios.

Os premios entregaranse en acto público que se anunciará oportunamente.

Artigo 8º

A Consellería de Innovación e Industria, a través da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, poderá, á súa libre elección, divulgar os proxectos premiados, sen que isto supoña cesión ou limitación ningunha nos dereitos de propiedade do autor sobre eles.

Artigo 9º

A convocatoria, as súas bases e todos os actos administrativos derivados dela poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecida na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 10º

Para os efectos establecidos nos artigos 42.2º e 43.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes será de 6 meses, contados desde a data de publicación desta convocatoria, ditándose resolución expresa con respecto á antedita liña de axudas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A participación na convocatoria supón a aceptación de todas as súas bases.

Segunda.-A presente convocatoria tramítase polo procedemento de gastos anticipados ao abeiro do establecido na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de gastos, tendo en conta as modificacións da orde da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2000 (DOG do 29 de novembro) e do 25 de outubro de 2001 (DOG do 29 de outubro) pola que se regula a tramitación anticipada de gastos, quedando condicionada a adxudicación definitiva á existencia de crédito adecuado e suficiente nas aplicacións orzamentarias citadas dos orzamentos da Comunidade Autónoma para o ano 2006.

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2005.

Fernando Xabier Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria