DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Xoves, 01 de decembro de 2005 Páx. 19.120

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 29 de novembro de 2005 pola que se regulan as operacións de cerramento do exercicio 2005.

O artigo 47 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, establece que o exercicio orzamentario coincidirá co ano natural e a el se lle imputarán os dereitos liquidados

no seu transcurso, calquera que sexa o período ao que correspondan e as obrigas recoñecidas ata o 31 de decembro do correspondente exercicio, como consecuencia de adquisicións, obras, subministracións, prestacións de servizos ou outro tipo de gastos realizados con cargo aos créditos respectivos dentro do correspondente ano natural.

Ao estar próxima a finalización do exercicio de 2005, faise necesaria a regulación dos prazos e os procedementos para a realización das operacións contables de cerramento da contabilidade dos gastos e dos ingresos públicos.

Por iso, e en virtude das competencias atribuidas polo artigo 110 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro,

DISPOÑO:

1. Ámbito.

Esta orde será de aplicación á Administración xeral da Xunta e aos organismos autónomos aos que se refire o artigo 11 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

2. Sinalamento de haberes no mes de decembro.

2.1. As nóminas elaboradas polo CIXTEC para a percepción de haberes activos e da paga extraordinaria do mes de decembro quedarán confeccionadas o día 9 do dito mes e remitiranse o día 12 ás intervencións delegadas, que procederán á súa fiscalización e tramitación dos documentos contables correspondentes antes do día 16 do mesmo mes; para o cal, os partes do mes de decembro deberán recibirse no dito centro antes do día 2 de decembro.

2.2. Os haberes activos e as pagas extraordinarias correspondentes ao mes de decembro satisfaranse conxuntamente a partir do día 20 do mesmo mes.

3. Modificacións orzamentarias.

Os expedientes de modificación terán como data límite de entrada na Consellería de Economía e Facenda o día 5 de decembro, agás os que afecten créditos do capítulo I Gastos de persoal e as seccións 01, 02, 03, 21, 22 e 23 do orzamento de gastos.

4. Recepción e tramitación de documentos contables.

4.1. Os documentos contables terán como data límite de entrada nas oficinas contables das intervencións delegadas, correspondentes a cada centro xestor as seguintes:

* Documentos en fase RC e A, o día 15 de decembro.

* Resto de documentos, o día 30 de decembro, sen prexuízo do previsto no artigo 9 da Lei 13/2004, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2005.

4.2. Excepcionalmente, naqueles documentos con fase O nos que non sexa posible a súa tramitación antes do 30 de decembro, e co obxecto da súa correcta imputación ao exercicio de 2005, admitirase a súa entrada nas intervencións delegadas con data límite do 13 de xaneiro. Isto aplicarase en especial aos concertos sanitarios do Sergas e ás cotas de Seguridade Social de decembro.

5. Pagamentos a xustificar.

5.1 A data límite de entrada nas intervencións delegadas dos documentos con fase OK a xustificar será o 9 de decembro, e a data límite para que as intervencións delegadas os tramiten á Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro será o día 16.

5.2 As cantidades libradas a xustificar só poderán atender obrigas adquiridas en 2005, debendo reintegrar ao Tesouro da comunidade autónoma os importes non aplicados e presentar as contas xustificativas e os documentos contables de formalización dentro do mes de xaneiro de 2006.

6. Tramitación e pagamento de mandamentos nos últimos días do mes de decembro.

6.1. O último día do exercicio de 2005 no que poderán ser satisfeitos libramentos de pagamento pola Tesouraría da Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro será o 30 de decembro.

6.2. Ata que as intervencións delegadas deixen de tramitar propostas de pagamento con imputación ao exercicio de 2005, manterase aberta a contabilidade de recepción de tales propostas.

6.3. A Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro reiniciará o pagamento dos libramentos pendentes de satisfacer o primeiro día hábil do mes de xaneiro de 2006.

7. Contabilidade financeira.

A información derivada da contabilidade financeira da Administración xeral deberá conter, a dobre columna, tanto os resultados correspondentes ao cerramento do exercicio de 2005 como de 2004.

A medida que se dispoña da valoración partidas de inmobilizado non incluídas na conta de patrimonio que forma parte integrante da Conta Xeral, procederase á súa contabilización con aboamento á conta 100 Patrimonio.

Mentres non se establezan os coeficientes de amortización, utilizarase o 2% para inmobles e o 10% para o restante inmobilizado amortizable.

8. Ingresos procedentes de dereitos liquidados.

Os interventores territoriais coidarán moi especialmente o cumprimento do disposto no artigo 80 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, polo que respecta aos dereitos liquidados que non sexan exixibles no momento do cerramento do exercicio orzamentario en virtude do aprazamento, fraccionamento, moratoria ou que o prazo legal para realizar o ingreso en período voluntario exceda do 31 de decembro.

9. Operacións de fin de exercicio.

9.1. Os créditos que o último día do exercicio non estean afectados ao cumprimento de obrigas xa recoñecidas quedarán anulados de pleno dereito de conformidade co disposto no artigo 59.1º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

9.2. Polo tanto, o último día do exercicio procederase á anulación, para todas e cada unha das aplicacións orzamentarias, dos saldos de compromisos e de autorizacións, así como ás retencións de crédito existentes.

9.3. Analogamente, na agrupación de exercicios posteriores anularanse os saldos de autorización e os de créditos retidos.

9.4. Todas estas anulacións realizaraas de oficio a Subdirección Xeral de Contabilidade.

10. Obrigas pendentes de propor o pagamento procedentes de exercicios anteriores.

Co obxecto de que á fin do exercicio queden regularizados os saldos de obrigas de exercicios pechados, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma remitirá aos distintos centros xestores do orzamento de gastos a relación de acredores.

Os centros xestores xustificarán, antes do día 31 de xaneiro de 2006, aqueles saldos que se correspondan coa existencia dunha obriga real. En caso de que non quede acreditada a dita circunstancia, a Intervención Xeral procederá a dar de baixa en contas estes saldos.

11. Propostas de pagamento pendentes de realización.

A Dirección Xeral do Tesouro e Política Financeira revisará as propostas de pagamento pendentes con antigüidade igual ou superior a un ano, indicando á Intervención Xeral, antes do día 31 de xaneiro de 2006, aquelas cuxo pagamento non sexa procedente, ben por prescrición ben por calquera outra causa, para a súa anulación.

12. Relacións de debedores orzamentarios e de debedores e acredores extraorzamentarios.

As intervencións delegadas e as oficinas contables con competencias en materia de contabilidade de ingresos formarán relacións de debedores orzamentarios e de debedores e acredores extraorzamentarios, xustificativas dos saldos contables dependentes de ingreso ou pagamento respectivamente, debidamente conciliadas cos saldos contables.

Estas relacións remitiranse á Intervención Xeral, que adoptará as medidas necesarias para a depuración dos saldos contables afectados.

13. Apertura do exercicio 2006.

13.1. Unha vez pechado o exercicio de 2005, procederase ao traspaso ao de 2006 dos expedientes procedentes de exercicios anteriores de acordo coa seguinte orde de prelación:

a) Anualidades de 2006 e futuros, consecuencia de compromisos plurianuais contraídos en exercicios anteriores.

b) Compromisos, autorizacións e retencións de crédito correspondentes a expedientes de tramitación anticipada.

c) Expedientes que alcanzaran en 2005 a fase de compromiso, polo importe polo que non se recoñecese a obriga.

13.2. Cando estes expedientes se correspondan con créditos desconcentrados, o centro xestor procederá á desconcentración do crédito necesario para a súa contabilización.

13.3. A Intervención Xeral contabilizará de oficio as operacións correspondentes aos puntos 13.1º a) e b). No caso de que non proceda a contabilización dalgún destes expedientes, o órgano xestor tramitará as correspondentes operacións de anulación.

13.4. Só cando estean realizadas as operacións do punto anterior, comezarán a tramitarse expedientes con imputación ao exercicio de 2006 nas aplicacións afectadas, e comenzarán, de ser o caso, polas correspondentes ao punto 13.1º c).

Disposición adicional

Primeira.-O conselleiro de Economía e Facenda poderá autorizar a excepción do cumprimento dos prazos establecidos nesta orde mediante resolución motivada e por petición do centro xestor afectado.

Segunda.-Autorízase a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma para ditar as instrucións necesarias para o cumprimento desta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2005.

José Ramón Fernández Antonio

Conselleiro de Economía e Facenda