DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Xoves, 01 de decembro de 2005 Páx. 19.119

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

INSTRUCIÓN do 15 de novembro de 2005, da Dirección Xeral de Xustiza, sobre cumprimento do horario de traballo dos funcionarios ao servizo da Administración de xustiza, dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia.

Os artigos 471 e 500 da Lei orgánica do poder xudicial, na redacción introducida pola Lei orgánica 19/2003, do 23 de decembro, establecen un novo marco competencial para a regulación do horario de traballo do persoal dos corpos de médicos forenses, xestores procesuais e administrativos, tramitadores procesuais e administrativos e auxilio xudicial, así como para ditar as normas que regulen o control do seu cumprimento, no cal lle corresponde á Xunta de Galicia a distribución da xornada e a fixación

dos horarios a través do calendario laboral anual, logo do informe favorable do Consello Xeral do Poder Xudicial.

A Resolución do 15 de xullo de 2005 da Secretaría de Estado de Xustiza (BOE do 10 de agosto) regula a duración da xornada xeral de traballo en cómputo anual e as xornadas en réxime de dedicación especial para o persoal ao servizo da Administración de xustiza. Esta resolución establece no seu artigo 2.2º que aos secretarios xudiciais dependentes dunha comunidade autónoma con competencias asumidas seranlles de aplicación o calendario laboral e os horarios de atención ao público e profesionais que aprobe o órgano competente da respectiva comunidade autónoma.

Publicada a Resolución do 14 de setembro de 2005 da Dirección Xeral de Relacións coa Administración de Xustiza do Ministerio de Xustiza (BOE do 28 de setembro), pola que se aproba o calendario laboral para o persoal da Administración de xustiza radicado no ámbito territorial xestionando polo Ministerio de xustiza, que derroga naquilo que se opón a ela a Resolución do 5 de decembro de 1996, da Secretaría de Estado de Xustiza, pola que se ditan instrucións sobre xornada e horarios no ámbito da Administración de xustiza, é preciso ditar esta instrución para resolver as dúbidas que poidan suscitarse respecto do réxime aplicable ao persoal ao servizo da Administración de xustiza dependente da Comunidade Autónoma de Galicia.

Polas razóns expostas, en exercicio das competencias que corresponden á Dirección Xeral de Xustiza, acordo:

Primeiro.-Comunicarlles aos presidentes dos tribunais de xustiza, titulares de xulgados, fiscais xefes, secretarios xudiciais, médicos forenses e persoal ao servizo da Administración de xustiza en Galicia que, mentres non se aprobe o calendario laboral aplicable ás oficinas da Administración de xustiza nesta comunidade, a xornada de traballo e o horario aplicable continúa a ser o regulado na Resolución do 5 de decembro de 1996 da Secretaría de Estado de Xustiza pola que se ditan instrucións sobre xornada e horarios no ámbito da Administración de xustiza (BOE do 17 de decembro).

Segundo.-Comunicarlles, así mesmo, ás ditas autoridades e funcionarios que mentres non se poña en marcha o sistema informatizado de control horario, continuará sendo obrigatorio para o persoal ao servizo da Administración de xustiza en Galicia cubrir os partes de sinatura previstos na normativa vixente. Estes partes de control horario deberán ser remitidos diariamente ás delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, para o que se solicita a colaboración das ditas autoridades.

Terceiro.-Informalos de que respecto do cumprimento do tempo de traballo mensual os días de permisos por asuntos particulares computaraselle ao funcionario a razón de 7,30 horas por cada día.

E informalos tamén de que ao coincidiren este ano os días 24 e 31 de decembro en festivo, por razóns de axuste da xornada laboral en cómputo

anual, compensaranse estes días con dous días adicionais de permiso por asuntos propios, que serán concedidos polas delegacións provincias da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza por petición dos interesados.

Cuarto.-A asistencia ao posto de traballo os sábados de 9.00 a 14.00 horas, a través das quendas previstas no punto 3.6 da devandita Resolución do 5 de decembro de 1996 da Secretaría de Estado de Xustiza, determinará a aplicación da compensación horaria de dúas horas e media por cada hora traballada para os funcionarios con destino no Rexistro Civil único da Coruña, xulgados de Primeira Instancia número catro de Pontevedra e de Vigo e xulgados de primeira instancia e instrución que teñan adscrito o Rexistro Civil. Estes funcionarios manterán a apertura da oficina de Rexistro Civil durante a franxa horaria mencionada anteriormente para os efectos previstos no número 3 punto 6 da devandita Resolución do 5 de decembro de 1996 da Secretaría de Estado de Xustiza.

Nos restantes casos, agás o que se sinala no punto seguinte, a asistencia ao posto de traballo os sábados de 9.00 a 14.00 horas será voluntaria e computarase dentro do tempo flexible, sen que lle sexan de aplicación as compensacións horarias.

Quinto.-O previsto no punto anterior non afecta a obriga, que continúa vixente ao abeiro da normativa específica, de asistir os sábados de 9.00 a 14.00 horas dos integrantes do servizo de garda dos xulgados de instrución, xulgados de primeira instancia e instrucción, fiscalías e adscricións de fiscalías con sede nas cidades, así como a obriga de asistir para a práctica de dilixencias urxentes os sábados pola mañá que lles corresponde, por quenda entre eles, aos funcionarios integrantes do servizo de garda nas vilas sede de xulgados de primeira instancia e instrución.

Aos integrantes dos ditos servizos corresponderalles a asistencia ao xuíz de garda cando asuma funcións de encargado do Rexistro Civil nas actuacións urxentes que se produzan fóra do horario de apertura das oficinas de Rexistro Civil.

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2005.

Santiago Antonio Roura Gómez

Director xeral de Xustiza