DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Xoves, 01 de decembro de 2005 Páx. 19.119

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 14 de novembro de 2005 pola que se modifica a do 13 de agosto de 2004 pola que se aproban os estatutos do Colexio Oficial de Médicos da Coruña.

De acordo co establecido no artigo 150.2º da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e foi asumida polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia.

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da devandita competencia, establece no seu artigo 18 que os estatutos elaborados polos colexios profesionais, así como as súas modificacións, serán comunicados á consellería competente en materia de colexios profesionais para a súa aprobación definitiva.

Pola Orde do 13 de agosto de 2004 foron aprobados os estatutos do Colexio Oficial de Médicos da Coruña.

Seguindo o artigo 23.7º e o artigo 17 a) da devandita orde, a Xunta Directiva do Colexio Oficial de Médicos da Coruña, propúxolle á asemblea xeral a creación de novos premios e distincións. Proposta que foi aprobada o 29 de marzo de 2005 pola asemblea xeral e que supón unha modificación estatutaria.

A reforma estatutaria prodúcese para crear unha nova distinción colexial, creando a figura de colexiado de honor con emblema de ouro e a de colexiado de honor con emblema de prata, suprimíndose en consecuencia a figura do colexiado de honor. Esta reforma supón a modificación dos artigos 50, 52 e 53.

Tendo en conta o exposto, e verificada a adecuación á legalidade dos devanditos estatutos e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobar a seguinte modificación dos estatutos do Colexio Oficial de Médicos da Coruña, contidos no anexo da Orde do 3 de agosto de 2004:

-No artigo 50.1º modifícase a alínea d), engádese unha alínea e), e dáse unha nova redacción ao número 5, permanecendo o resto do precepto invariable:

Artigo 50.1º d) colexiado de honor con emblema de ouro.

Artigo 50.1º e) colexiado de honor con emblema de prata.

Artigo 50.5º.-Cando polos seus relevantes méritos o colexiado se faga acredor de superior distinción, a criterio do Pleno da Xunta Directiva, poderá ser elevado á distinción de colexiado de honor na súa modalidade de emblema de ouro ou emblema de prata.

-No parágrafo primeiro do artigo 52, engádese o seguinte inciso en calquera das súas modalidades, quedando pois o parágrafo da seguinte maneira, en invariable o resto do precepto:

A concesión do colexiado de honor, en calquera das súas modalidades, correspóndelle ao Pleno da Xunta Directiva.

-O artigo 53 queda redactado da seguinte maneira:

A concesión farase pública polos medios da difusión colexiais e outorgarase o nomeamento ao/a distinguido/a, coa maior solemnidade.

A condición de colexiado de honor con emblema de ouro facultará o uso do emblema, que constará dunha rama de loureiro e outra de palma de esmalte verde, bastón con nos e serpe de ouro.

A condición de colexiado de honor con emblema de prata facultará o uso do emblema, que constará dunha rama de loureiro e outra de palma de esmalte verde bastón con nos e serpe de prata.

Levarase un rexistro especial de colexiados/as de honor, nas súas dúas modalidades, que conterá as persoas que sexan distinguidas, facendo constar o número de orde do nomeamento e o nome da persoa física ou xurídica a prol do cal se tomase o acordo.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2005.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza