DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Xoves, 01 de decembro de 2005 Páx. 19.118

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

ORDE do 28 de novembro de 2005 pola que se modifica a do 20 de abril de 2005, pola que se regulan as subvencións a entidades de iniciativa social para a adquisición, construción, reforma, rehabilitación e equipamento de centros de atención a persoas con discapacidade (Diario Oficial de Galicia número 77, do 22 de abril).

Tras as modificacións levadas a cabo polo Decreto 232/2005, do 11 de agosto, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia e o Decreto 517/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, esta asume as competencias que en materia de asistencia social lle corresponden segundo o artigo 27.23º do Estatuto de autonomía.

Por necesidades de xestión faise necesaria a adaptación da Orde do 20 de abril de 2005, pola que se regulan as subvencións ás entidades de iniciativa social para a adquisición, construción, reforma, rehabilitación e equipamento de centros de atención ás persoas con discapacidade, para a ampliación do importe do crédito correspondente ao exercicio orzamentario do ano 2005. Esta ampliación é debida á existencia de créditos sobrantes na concesión de axudas reguladas na Orde do 1 de abril de 2005. Por outra parte, prevese a posibilidade de redistribución dos créditos correspondentes ás subvencións concedidas nos supostos de renuncia polos beneficiarios. E por último, amplíase o prazo de presentación da documentación xustificativa dos gastos realizados.

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase parcialmente a Orde do 20 de abril de 2005, pola que se regulan as subvencións ás entidades de iniciativa social para a adquisición, construción, reforma, rehabilitación e equipamento de centros de atención a persoas con discapacidade.

1º Modifícanse os puntos 1 e 2 do «Artigo 5º.-Financiamento» e engádese o punto 3. Queda redactado nos seguintes termos:

«1. Para a concesión das axudas reguladas nesta orde existe crédito adecuado e suficiente con cargo aos orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2005, por un importe de 1.530.644,20 euros, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas

como consecuencia de modificacións orzamentarias, con cargo á aplicación 51.31.212A.780.2 Plan necesidade servizos sociais discapacitados.

2. Se é o caso, poderán adquirirse compromisos de gasto de carácter plurianual de acordo co establecido no artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, con cargo á aplicación orzamentaria que se cita:

-Ano 2006: 51.31.212A.780.2 por importe de 1.054.650,80 euros.

-Ano 2007: 51.31.212A.780.2 por importe de 903.986,40 euros.

3. No caso de que calquera beneficiario renuncie á subvención que lle foi concedida, de acordo co disposto no artigo 14, os créditos non aplicados e destinados a esta, xa sexan anuais ou plurianuais, manteranse nas correspondentes aplicacións orzamentarias previstas neste artigo. A Comisión de Valoración a que se refire o artigo 11 poderá elevar propostas de nova asignación de subvencións entre as solicitudes presentadas seguindo os criterios obxectivos que establece a orde no artigo 12».

2º Modifícase o punto 2 do «Artigo 15º.-Modificación da resolución de concesión», que quedará redactado na forma seguinte:

«2. Así mesmo, poderase acordar a modificación da resolución da axuda, por instancia do beneficiario, sempre que se cumpran os requisitos establecidos nos puntos 2 e 3 do artigo 12 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións».

3º Modifícase o número 3 do «Artigo 18º.-Xustificacións das subvencións e pagamento», que quedará redactado na forma seguinte:

«3. A documentación xustificativa dos gastos realizados deberase presentar antes do día 7 de decembro de 2005».

Disposicións derradeiras

Primeira.-Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Esta modificación non supón en ningún caso reapertura do prazo de presentación de solicitudes.

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2005.

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA