DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Mércores, 30 de novembro de 2005 Páx. 19.059

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

UNIVERSIDADE DA CORUÑA

RESOLUCIÓN do 11 de novembro de 2005 pola que se dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia o acordo do Pleno do Consello Social do 21 de xullo de 2005 polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do Consello Social da Universidade da Coruña.

Aprobado con data do 21 de xullo de 2005, polo Pleno do Consello Social da Universidade da Coruña, o seu Regulamento de organización e funcionamento, de conformidade co disposto no artigo 22.1º da Lei 1/2003, do 9 de maio, dos consellos sociais do sistema universitario de Galicia, a Presidencia do Consello Social da Universidade da Coruña

DISPÓN:

Proceder á publicación no Diario Oficial de Galicia do Regulamento de organización e funcionamento do Consello Social da Universidade da Coruña.

A Coruña, 11 de novembro de 2005.

José Antonio Quiroga y Piñeyro

Presidente do Consello Social da

Universidade da Coruña

Regulamento de organización e funcionamento

do Consello Social da Universidade da Coruña

Capítulo I

Natureza e funcións do Consello Social

Artigo 1º.-Natureza do Consello Social.

1. O Consello Social é o órgano de participación da sociedade galega na universidade, que impulsa a colaboración entre esta e aquela mediante a satisfacción pola universidade das necesidades do seu contorno e de xeito que contribúa eficazmente ao desenvolvemento social, profesional, económico, tecnolóxico e cultural de Galicia, á mellora da calidade do servizo público da educación superior universitaria e mais á obtención dos recursos precisos para procurar a súa suficiencia económica e financeira.

O Consello Social da Universidade da Coruña configúrase conforme o disposto na Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, e a Lei 1/2003, do 9 de maio, dos consellos sociais do sistema universitario de Galicia.

2. Entenderase que todas as referencias que neste regulamento se conteñen respecto á universidade aluden á Universidade da Coruña e cando se menciona o Consello Social entenderase que é o Consello Social da Universidade da Coruña.

Artigo 2º.-Funcións do Consello Social.

1. Correspóndelle ao Consello Social a supervisión das actividades de carácter económico da universidade e do rendemento dos seus servizos, así como o fomento da colaboración da sociedade na súas actividades e no seu financiamento.

2. As relacións entre o Consello Social e os demais órganos colexiados e unipersoais da universidade

rexeranse polos principios de coordinación, de colaboración e de lealdade á institución universitaria no exercicio das súas respectivas atribucións. O Consello Social poderá establecer acordos cos outros consellos sociais da Comunidade Autónoma de Galicia ou doutras comunidades.

Artigo 3º.-Competencias de aprobación do Consello Social.

1. Correspóndelle ao Consello Social no tocante ás competencias de relación entre a universidade e a sociedade:

a) Aprobar, con carácter anual, unha memoria das súas actividades, que lle remitirá ao Parlamento de Galicia e á consellería competente en materia universitaria.

2. Correspóndelle ao Consello Social no tocante ás competencias de carácter económico, financeiro e patrimonial:

a) Aprobar, por proposta do Consello de Goberno, a programación plurianual da universidade, así como realizar o seu seguimento, para o cal, cada seis meses, polo menos, a Reitoría informará o Consello Social do seu grao de realización e de cumprimento.

b) Aprobar, por proposta do Consello de Goberno, o orzamento da universidade, estruturado conforme o que dispón o artigo 81 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades.

c) Aprobar, con carácter previo ao seu rendemento, ante o órgano de fiscalización da Comunidade Autónoma, as contas anuais da universidade e das sociedades, de fundacións e doutras entidades en que a universidade teña participación maioritaria no seu capital ou fondo patrimonial equivalente, calquera que sexa a forma xurídica que estas adoptaren, podendo o Consello Social acordar motivadamente a realización de auditorías externas.

d) Fixar os prezos do ensino propio, dos cursos de especialización e os referentes ás demais actividades que autorice a universidade.

e) Aprobar con carácter previo á súa remisión á Xunta de Galicia, para a súa autorización, as propostas de operacións de endebedamento.

f) Acordar, por proposta do Consello de Goberno da universidade e dentro dos límites que fixe a Comunidade Autónoma, a asignación singular e individual de retribucións adicionais ligadas a méritos docentes, investigadores e de xestión a membros do persoal docente e investigador da universidade, logo da valoración daqueles pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia ou, se for o caso, pola Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación, ou por calquera outro órgano de avaliación que as leis doutras comunidades autónomas determinaren, sempre que exista convenio ou concerto previo coa Comunidade Autónoma de Galicia. O Consello Social poderá solicitar informe dos centros a que pertenza ou estea adscrito o profesorado afectado para tales acordos, co obxecto de motivar a súa decisión.

g) Aprobar, por proposta do Consello de Goberno, os regulamentos internos que regulen a xestión contractual e patrimonial da universidade.

h) Aprobar, con carácter previo á súa realización, os actos de disposición sobre bens inmobles e mobles de extraordinario valor da universidade e a desafectación dos seus bens de dominio público. No inventario dos bens inmobles e mobles da Universidade constará o seu valor e figurarán, particularmente, os que se consideren de extraordinario valor.

i) Aprobar, por proposta do Consello de Goberno, a aceptación pola Universidade de herdanzas, doazóns e legados.

j) Aprobar a creación, modificación substancial ou extinción das sociedades, das fundacións ou doutras entidades en que a Universidade teña participación no seu capital ou fondo patrimonial, calquera que sexa a forma xurídica que adoptaren, así como a súa integración nelas.

3. Correspóndelle ao Consello Social no tocante ás competencias de supervisión das actividades universitarias e relativas á actividade do propio Consello Social:

a) Aprobar, tras o informe do Consello de Coordinación Universitaria, as normas que regulen o progreso e a permanencia dos estudantes na universidade.

b) Acordar a constitución de comisións temporais.

c) Aprobar o seu Regulamento de organización e funcionamento, así como modificalo, de acordo co previsto no artigo 23º deste regulamento.

Artigo 4º.-Competencias de supervisión e informe do Consello Social.

1. Correspóndelle ao Consello Social no referente ás competencias de carácter económico, financeiro e patrimonial:

a) Supervisar as actividades de carácter económico da universidade.

b) Ser informado, trimestralmente, do estado de execución do orzamento, mediante a entrega daqueles datos que así se determinaren. Este informe presentarao a Xerencia da universidade ou, se é o caso, a vicerreitoría competente.

c) Emitir informe en materia de prezos públicos dos estudos universitarios oficiais, dentro dos límites que estableza o Consello de Coordinación Universitaria.

d) Emitir informe sobre o cadro de persoal e sobre a relación de postos de traballo do persoal docente e investigador da universidade, con especificación da totalidade dos seus custos, das súas modificacións e dos gastos que supoñen, así como emitir informe, con carácter previo á súa formalización, sobre os convenios colectivos do persoal docente e investigador contratado pola universidade.

e) Emitir informe sobre o cadro de persoal e a relación de postos de traballo do persoal de administración e servizos da universidade, as súas modificacións e os gastos que supoñen, con especificación da totalidade dos seus custos, así como emitir informe, con carácter previo á súa formalización, sobre

os convenios colectivos do persoal de administración e servizos en réxime laboral da universidade.

f) Ser informado, con periodicidade trimestral, dos contratos e dos convenios en que a universidade sexa parte e tamén daqueles contratos que se formalizaren ao abeiro do artigo 83 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades.

g) Emitir informe sobre a creación ou a adscrición de colexios maiores e residencias universitarias.

2. Correspóndelle ao Consello Social no referente ás competencias de supervisión das actividades universitarias e relativas á actividade do propio Consello Social:

a) Supervisar o rendemento e a calidade dos servizos universitarios e formular, de ser o caso, suxestións e propostas ao Consello de Goberno da universidade, orientadas a promover a excelencia do ensino, da investigación, da xestión e dos servizos.

b) Solicitar, se é o caso, das administracións públicas a realización dos informes e das inspeccións dos servizos que presta a universidade, especialmente os de ensino, investigación, xestión e servizos, oído o Consello de Goberno.

c) Emitir informe sobre os procedementos que estableza a universidade para a admisión de estudantes.

d) Emitir informe á Xunta de Galicia sobre o réxime de retribucións ou de indemnizacións dos seus membros.

Artigo 5º.-Competencias de promoción e impulso das actividades universitarias do Consello Social.

1. Correspóndelle ao Consello Social:

a) Promover o coñecemento mutuo entre a universidade e a sociedade, ao favorecer e organizar eventos que difundan nesta o labor universitario e transmitíndolle a aquela as aspiracións das forzas sociais de Galicia.

b) Fomentar a colaboración da sociedade no financiamento do ensino e da investigación da universidade e contribuír á captación de recursos económicos externos.

c) Realizar aqueles estudos sobre as materias da súa competencia, e, en particular, sobre a adecuación da oferta de titulacións e do contido dos plans de estudo da universidade ás necesidades sociais, sobre o rendemento académico do alumnado e a inserción laboral dos titulados universitarios, sobre a investigación desenvolvida na universidade e a transferencia á sociedade dos resultados desta e mais sobre calquera outra cuestión proposta pola consellería competente en materia universitaria, de acordo coas funcións propias deste órgano.

d) Impulsar aquelas actuacións que permitan un maior achegamento do estudantado universitario ás demandas do mercado laboral, e, en especial, a subscrición de convenios entre a universidade e outras entidades públicas e privadas orientados a completar a formación dos alumnos e dos titulados da Universidade e facilitar o seu acceso ao mundo profesional.

e) Estimular a actividade investigadora da universidade, especialmente no relativo á súa vinculación cos sectores produtivos e apoiar os proxectos de investigación e de desenvolvemento compartidos entre a universidade, as empresas e o tecido social, así como as políticas de transferencia e de difusión dos resultados que se obtiveren nas investigacións universitarias.

f) Favorecer as actividades orientadas a completar a formación científica, cultural e humanística dos universitarios, apoiar as súas manifestacións no seo da universidade e asegurar a súa extensión ao conxunto da sociedade galega.

g) Conceder, de ser o caso, premios, distincións e recoñecementos no ámbito das súas competencias.

h) Promover, co obxecto de que ninguén quede excluído do estudo na universidade por razóns económicas, as bases da política de bolsas, axudas e créditos para o estudo e a investigación que, se for o caso, conceda a Universidade con cargo aos seus orzamentos, así como propoñerlles ás restantes administracións competentes a adopción de medidas con relación ás súas políticas de bolsas, axudas e créditos aos estudantes universitarios.

Artigo 6º.-Outras competencias do Consello Social.

1. Correspóndelle ao Consello Social:

a) Acordar co reitor, nos termos previstos na Lei orgánica de universidades, o nomeamento do xerente da Universidade.

b) Propoñerlle motivadamente á Xunta de Galicia, tras o informe do Consello de Goberno da universidade, a creación e a supresión de ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e con validez en todo o territorio nacional. No caso de que a iniciativa partise da Comunidade Autónoma, deberá contar co acordo do Consello Social.

c) Propoñerlle motivadamente á Xunta de Galicia, tras o informe do Consello de Goberno da universidade, a creación, a modificación ou a supresión de facultades, escolas técnicas ou politécnicas superiores e escolas universitarias ou escolas universitarias politécnicas. No caso de que a iniciativa partise da Comunidade Autónoma, deberá contar co acordo do Consello Social.

d) Propoñerlle á Xunta de Galicia, tras o informe do Consello de Goberno da universidade e antes da súa formalización, a aprobación dos convenios de adscrición ou dos convenios ou acordos de desadscrición á universidade de centros docentes, para impartir estudos conducentes á obtención de títulos de carácter oficial e con validez en todo o territorio nacional.

e) Propoñerlle á Xunta de Galicia, tras o informe do Consello de Goberno da universidade, a creación ou a supresión de institutos universitarios de investigación. No caso de que a iniciativa partise da Comunidade Autónoma, deberá contar co acordo do Consello Social.

f) Propoñerlle á Xunta de Galicia, tras o informe do Consello de Goberno da universidade e antes da súa formalización, a aprobación dos convenios

de adscrición ou dos convenios ou acordos de desadscrición á universidade de institucións ou de centros de investigación, como institutos universitarios de investigación. No caso de que a iniciativa partise da Comunidade Autónoma, deberá contar co acordo do Consello Social.

g) Propoñer motivadamente, para a súa posterior aprobación pola Xunta de Galicia, a creación, a modificación ou a supresión no estranxeiro de centros dependentes da universidade, para a impartición de ensinanzas conducentes á obtención de títulos de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional, así como a impartición en centros dependentes da universidade de ensinanzas conducentes á obtención de títulos estranxeiros de educación superior universitaria.

h) Designar, entre os seus membros pertencentes á representación social, os representantes do Consello Social nas entidades e nas institucións que corresponda e, en particular, os tres representantes do órgano no Consello de Goberno da universidade.

i) Propoñerlle o cesamento dalgún dos seus membros á autoridade, á entidade ou á institución que o designase, tras a declaración da súa situación de incompatibilidade ou de incumprimento grave ou reiterado das súas obrigas.

Artigo 7º.-Relacións de cooperación.

No exercicio das súas funcións, o Consello Social, a través do seu presidente, poderá solicitar a colaboración de persoas físicas e xurídicas, pertencentes ou non ao ámbito universitario, así como recoller a información que precise de todos os órganos da Universidade, da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia e da Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación.

No ámbito das súas competencias, poderá manter relacións de colaboración con outras institucións e con organismos estatais ou estranxeiros.

Capítulo II

Membros do Consello Social

Artigo 8º.-Composición do Consello Social e duración do mandato dos seus membros.

1. O Consello Social estará integrado por un máximo de 27 membros: presidente, tres membros natos -reitor, secretario xeral e xerente-, tres membros elixidos polo Consello de Goberno da universidade -un profesor, un representante do persoal de administración e servizos e un estudante- e 20 membros (ademais do presidente) en representación dos intereses sociais de Galicia, seis designados polo Parlamento de Galicia, seis designados pola Xunta de Galicia, dous polos sindicatos, catro polas organizacións empresariais e un membro designado por cada Corporación Local dos concellos en que se localizan os campus da universidade.

2. A duración do mandato dos membros do Consello Social elixidos polo Consello de Goberno será de catro anos renovables, agás no caso do estudante que será de dous anos. Estes membros perderán a súa condición no caso de perderen a condición de membros do Consello de Goberno.

3. A duración do mandato dos membros do Consello Social representantes dos intereses sociais de Galicia será de catro anos renovables por unha soa vez, a partir da entrada en vigor da Lei 1/2003, do 9 de maio, dos consellos sociais do sistema universitario de Galicia.

Artigo 9º.-Nomeamento, incompatibilidades e desempeño do cargo dos membros do Consello Social.

1. O presidente do Consello Social será nomeado por decreto do presidente da Xunta de Galicia. Os restantes acordos de designación de membros do Consello Social comunicaránselle ao conselleiro competente en materia universitaria, quen procederá ao seu nomeamento mediante orde da súa consellería.

O decreto e as ordes de nomeamento deberán publicarse no Diario Oficial de Galicia.

A condición de membro do Consello Social adquírese unha vez cumpridos os requisitos de designación, de nomeamento e de publicación no Diario Oficial de Galicia e produce efectos a partir desta data.

2. Os membros do Consello Social estarán suxeitos ao réxime previsto na vixente Lei de incompatibilidades e nas demais normas reguladoras.

3. Os membros do Consello Social desempeñarán os seus cargos persoalmente, sen poderen delegar as súas competencias nin o seu voto en ningún caso.

Artigo 10º.-Cesamento e substitución dos membros do Consello Social.

1. Os membros do Consello Social perderán a súa condición:

a) Por finalización do prazo para o cal foron nomeados ou designados. Non obstante, continuarán nas súas funcións ata a toma de posesión dos novos membros.

b) Por cesamento no seu cargo, no caso de membros natos.

c) Por renuncia, por incapacidade declarada por resolución xudicial firme, por morte ou por declaración de falecemento.

A renuncia deberá presentárselles por escrito á autoridade, á entidade ou á institución designante e ao presidente do Consello Social, quen a comunicará á consellería competente en materia universitaria, e publicarase no Diario Oficial de Galicia, data desde a cal producirá efectos.

d) Por condena xudicial firme que ocasione a inhabilitación ou a suspensión de emprego ou cargo público.

e) Por decisión da autoridade, da entidade ou da institución que o designase, por proposta do Pleno do Consello Social, unha vez que se acordase por maioría absoluta, por incumprimento grave ou reiterado das súas obrigas.

e.1. O procedemento iniciarase, por acordo da Comisión Executiva, por maioría absoluta, no caso de apreciar incumprimento grave ou reiterado das súas obrigas, por iniciativa dalgún membro do Con

sello Social, como consecuencia da orde da Presidencia, ou por denuncia.

e.2. De producirse denuncia deberá comunicárselle o acordo que adopte a Comisión Executiva ao asinante dela.

e.3. A Comisión Executiva, órgano competente para incoar o procedemento, poderá acordar previamente a realización dunha información reservada.

e.4. O acordo polo que se incoe o procedemento nomeará un instrutor e un secretario, entre as persoas que forman parte do Consello Social e notificaráselle á persoa suxeita a expediente, así como ás persoas designadas para exerceren os ditos cargos. Seranlles de aplicación ao instrutor e ao secretario as normas relativas á abstención e á recusación establecidas nos artigos 28 e 29 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

e.5. O instrutor ordenará a práctica de cantas dilixencias foren adecuadas para a determinación e a comprobación dos feitos e cantas probas puideren conducir ao seu esclarecemento. Como primeiras actuacións procederá a recibir as declaracións do membro do Consello Social obxecto do expediente e a tramitar cantas dilixencias se deduciren da comunicación ou da denuncia que motiva a incoación deste e do que aquel alega na súa declaración.

e.6. Como resultado das actuacións practicadas nun prazo non superior a un mes, que comezará a contar desde a incoación do procedemento, o instrutor formulará o correspondente prego de cargos ou a correspondente proposta de sobresemento. No primeiro caso, este prego incluirá os feitos imputados, con expresión, se así for, da falta cometida.

e.7. O prego de cargos notificaráselle ao membro do Consello Social obxecto do expediente e concederáselle un prazo de 10 días para que poida formular as alegacións que considere convenientes para a súa defensa. Neste trámite, de ser o caso, poderá solicitar a práctica de probas que para a súa defensa considere necesarias. Para a práctica das probas o instrutor disporá do prazo dun mes, sen prexuízo de que este poida denegar motivadamente a admisión e práctica das probas para investigar cuestións que considere innecesarias.

e.8. Para a práctica das probas notificaráselle ao membro do Consello Social interesado no procedemento o lugar, a data e a hora en que deberán realizarse e incorporarase ao expediente a constancia da recepción da notificación.

e.9. Cumpridas as dilixencias daráselle vista do expediente ao membro do Consello Social obxecto do procedemento, para que no prazo de dez días alegue o que considere pertinente para a súa defensa e achegue cantos documentos estime de interese.

e.10. O instrutor formulará dentro dos 10 días seguintes a proposta de resolución, na que fixará con precisión os feitos probados, motivará, de ser o caso, a denegación das probas propostas polo membro do Consello Social interesado no expediente e fará valoración dos feitos e determinará, se proceder, a falta cometida e a proposta razoada de cesamento no cargo. Esta proposta notificaráselle á persoa inte

resada para que, no prazo de 10 días, poida alegar perante o instrutor canto considere pertinente para a súa defensa.

e.11. Oída a persoa interesada, ou transcorrido o prazo sen que haxa ningunha alegación, remitiráselle con carácter inmediato o expediente completo á Comisión Executiva, que despois do seu estudo poderá ordenarlle ao instrutor a práctica das dilixencias que considere necesarias, ou trasladar o expediente ao Pleno do Consello Social, que resolverá e porá fin ao procedemento tras ordenar o arquivo do expediente, ou tras realizar unha proposta razoada de cesamento.

e.12. O prazo máximo para o desenvolvemento e a terminación do expediente será de 4 meses. Non obstante, o instrutor poderá, por causas xustificadas, solicitarlle á Comisión Executiva a ampliación do devandito prazo.

e.13. O prazo de prescrición das posibles faltas obxecto do expediente será de 6 meses.

2. As vacantes que se produciren antes da finalización do mandato deberán cubrirse pola autoridade, pola entidade ou pola institución correspondente no prazo máximo de tres meses. De non comunicárselle o acordo de designación dentro do devandito prazo ao conselleiro competente en materia universitaria, o posto permanecerá vacante ata a finalización do correspondente mandato. En todo caso, o membro substituto entenderase nomeado polo período que reste do anterior mandato.

Artigo 11º.-Dereitos e deberes dos membros do Consello Social.

1. Son dereitos dos membros do Consello Social:

a) Asistir con voz ás sesións dos órganos de que formen parte, exercer o seu dereito de voto e formular votos particulares.

b) Presentar mocións ou suxestións para a deliberación e a adopción de acordos ou recomendacións polo Pleno ou para o seu estudo nunha comisión.

c) Recibir a convocatoria que conterá a orde do día das sesións no prazo establecido.

d) Ser informados de canto aconteza no Consello Social e que interese para o seu bo funcionamento, así como solicitar a expedición de certificacións das actas do propio Consello Social. Así mesmo, poderán solicitar as copias dos documentos que estean no consello, sempre que sexan requiridas por escrito ao presidente. Se o presidente entendese que, polo carácter do asunto, debe sometelo previamente ao coñecemento do Consello Social será este o que se pronuncie sobre a procedencia de entregar as copias.

e) Conseguir, a través do presidente do Consello Social, canta información, datos ou documentos consideraren necesarios para o exercicio das súas funcións.

f) Percibir unha compensación económica pola súa asistencia ás reunións do Pleno e das comisións e as indemnizacións que se fixaren como axudas de custo e locomoción no exercicio dos seus cargos. As contías serán informadas polo Pleno do Consello Social e aprobadas polo órgano competente da Xunta de Galicia.

g) Solicitar que figure nas actas das sesións o voto contrario ao acordo adoptado, a súa abstención e os motivos que o xustifiquen, ou o sentido do seu voto favorable. Así mesmo, calquera membro terá dereito a solicitar a transcrición íntegra da súa intervención ou da súa proposta, sempre que acompañe no acto, ou no prazo que sinale o presidente, o texto que se corresponda fielmente coa súa intervención, que se fará constar así na acta ou que se xuntará nun anexo a esta.

h) Formular por escrito o seu voto particular, no prazo de 48 horas, cando se discrepe do acordo maioritario. Este incorporarase ao texto aprobado.

2. Son deberes dos membros do Consello Social:

a) Asistiren ás sesións do Pleno e as das comisións de que formen parte.

b) Executar cantas tarefas lles foren encomendadas por razón dos seus cargos.

c) Poñer en coñecemento do Consello Social calquera información que poida afectar ás actuacións ou ás competencias do Consello Social.

d) Gardar segredo sobre as deliberacións internas, así como sobre as materias e as actuacións que expresamente se declaren reservadas.

e) Observar en todo momento a normativa de incompatibilidades.

Capítulo III

Organización do Consello Social

Artigo 12º.-Órganos do Consello Social.

1. O Consello Social estrutúrase en órganos colexiados e órganos unipersoais.

2. Son órganos colexiados:

* O Pleno.

* A Comisión Executiva.

* A Comisión Permanente de Asuntos Económicos, Financeiros e Patrimoniais.

* A Comisión Permanente de Supervisión das Actividades Universitarias.

* As comisións temporais que se determine constituír.

3. Son órganos unipersoais:

* O presidente.

* Os vicepresidentes.

* O secretario.

Artigo 13º.-O Pleno do Consello Social.

O Pleno, composto por todos os membros do Consello Social, é o máximo órgano de goberno e de deliberación. Correspóndenlle todas as atribucións, competencias e funcións previstas no capítulo I deste regulamento. Exerce con carácter indelegable a competencia decisoria nas materias a que se refiren os artigos: 3º.1 a), 3º.2 a), 3º.2 b), 3º.2 c), 3º.2 d), 3º.2 e), 3º.2 f), 3º.2 g), 3º.2 h), 3º.2 k), 3º.3 a), 3º.3 b), 3º.3 c), 4º.1 g), 4º.2 b), 5º.1 g) 5º.1 h), 6º.1 a), 6º.1 b), 6º.1 c), 6º.1 d), 6º.1 e), 6º.1 f), 6º.1 h), 6º.1 i), todos eles deste regulamento, así como as restantes que teña recoñecidas o Consello

Social en canto non se encontren encomendadas a outros dos seus órganos.

Artigo 14º.-A Comisión Executiva.

Esta comisión estará presidida polo presidente do Consello Social e integrada polo reitor da universidade, dous conselleiros representantes dos intereses sociais, presentados polo presidente ao Pleno, unha vez que sexan elixidos polos conselleiros que desempeñen a representación dos intereses sociais no Consello Social e un conselleiro representante dos membros natos do Consello Social (agás o reitor) ou dos membros do Consello de Goberno no Consello Social, presentado polo presidente ao Pleno, unha vez que sexa elixido polos conselleiros pertencentes aos dous sectores. Formará parte, así mesmo e actuará como secretario, con voz e sen voto, o secretario do Consello Social.

Á Comisión Executiva correspóndelle a dirección ordinaria do Consello Social e o despacho ordinario dos seus asuntos. Correspóndenlle todas aquelas atribucións, competencias e funcións previstas no capítulo I do presente regulamento que non deba exercer o Pleno do Consello Social con carácter indelegable e a toma de decisións sobre aqueles temas e asuntos que fosen previamente estudados polas comisións permanentes e sobre os cales non teñan capacidade decisoria.

Artigo 15º.-As comisións permanentes e temporais.

1. A Comisión Permanente de Asuntos Económicos, Financeiros e Patrimoniais.

Esta comisión estará presidida polo presidente do Consello Social e integrada por dous conselleiros representantes dos intereses sociais, presentados polo presidente ao Pleno, unha vez que sexan elixidos polos conselleiros que desempeñen a representación dos intereses sociais no Consello Social, un conselleiro membro do Consello de Goberno no Consello Social, presentado polo presidente ao Pleno, unha vez que sexa elixido polos conselleiros pertencentes a este sector, e o xerente da universidade. Formará parte, así mesmo, e actuará como secretario, con voz e sen voto, o secretario do Consello Social.

Terá como función estudar, deliberar e facerlle propostas ao Pleno ou á Comisión Executiva, para a adopción de decisións, se for o caso, sobre as materias de carácter económico, financeiro e patrimonial previstas nos artigos 3º.2, 4º.1, 4º.2 d) e 5º.1 b) deste regulamento e sobre todos aqueloutros asuntos que lle sexan encargados polo Pleno ou pola Comisión Executiva.

2. A Comisión Permanente de Supervisión das Actividades Universitarias.

Esta comisión estará presidida polo presidente do Consello Social e estará integrada por: dous conselleiros representantes dos intereses sociais, presentados polo presidente ao Pleno, unha vez que sexan elixidos polos conselleiros que exercen a representación dos intereses sociais no Consello Social, un conselleiro, membro do Consello de Goberno no Consello Social, presentado polo presidente ao Pleno, unha vez que sexa elixido polos conselleiros pertencentes a este sector, e o secretario xeral da universidade. Formará parte, así mesmo

e actuará como secretario, con voz e sen voto, o secretario do Consello Social.

Terá como funcións estudar, deliberar e facerlle propostas ao Pleno ou á Comisión Executiva para a adopción de decisións, se for o caso, sobre cuestións de supervisión das actividades universitarias previstas nos artigos 3º.3 a), 4º.2 a), b) e c), 5º.1, agás a alínea b), deste regulamento e sobre todas aquelas cuestións que lle encomendaren o Pleno do Consello Social ou a Comisión Executiva.

3. As comisións temporais.

O Pleno do Consello Social poderá constituír, para estudar ou deliberar sobre materias que lle fosen atribuídas, aquelas comisións de carácter temporal que xulgue necesarias e que non tratarán normalmente sobre materias que estean atribuídas ás comisións permanentes previstas neste regulamento.

Estas comisións estarán presididas polo presidente do Consello Social e integradas por dous conselleiros representantes dos intereses sociais, presentados polo presidente ao Pleno, unha vez que sexan elixidos polos conselleiros que exercen a representación dos intereses sociais no Consello Social e dous conselleiros representantes dos membros natos do Consello Social ou dos membros do Consello de Goberno no Consello Social, presentados polo presidente ao Pleno, unha vez que sexan elixidos polos conselleiros pertencentes aos dous sectores. Formará parte, así mesmo e actuará como secretario, con voz e sen voto, o secretario do Consello Social.

4. Todas as comisións mencionadas nos puntos 1, 2 e 3 anteriores gozarán de capacidade decisoria naqueles asuntos da súa competencia, por delegación do Pleno, ou por delegación da Comisión Executiva, en materias susceptibles de delegación.

5. O Pleno será informado de todas as decisións que se adoptasen en calquera das citadas comisións.

6. O Pleno poderá, en todo momento, recadar para si o coñecemento de calquera asunto que estivese a examinar unha comisión.

Artigo 16º.-O presidente do Consello Social.

1. O presidente do Consello Social será designado polo presidente da Xunta de Galicia, entre as personalidades da vida cultural, profesional, económica, laboral e social non pertencentes á comunidade universitaria, por proposta do conselleiro competente en materia universitaria, logo de comunicación ao reitor da universidade.

2. Exerce no Pleno e en todas as comisións as competencias propias da presidencia dun órgano colexiado, con voto de calidade no caso de empate, e as que lle outorguen a Lei 1/2003, do 9 de maio, dos consellos sociais do sistema universitario de Galicia e este regulamento. Será substituído por un vicepresidente nos casos previstos no artigo 18 da Lei 1/2003, do 9 de maio, dos consellos sociais do sistema universitario de Galicia.

3. O presidente do Consello Social desempeña, para todos os efectos, a representación social deste órgano e as súas funcións son:

a) Garantir o cumprimento das funcións e das competencias do Consello Social.

b) Convocar e presidir as reunións do Pleno e das comisións permanentes e temporais, sen prexuízo do disposto no artigo 17º.2 deste regulamento.

c) Fixar a orde do día das reunións.

d) Coordinar a actividade dos conselleiros e dos distintos órganos do Consello Social.

e) Velar polo cumprimento dos acordos que adopte o Consello Social.

f) Designar e cesar o secretario do Consello Social.

g) Presentar mocións, dentro do ámbito das funcións do consello, para seren debatidas no seu seo.

h) Abrir e fechar as sesións, dirixir a deliberación, conceder e denegar a palabra, determinar, se for o caso, os tempos de intervención e decidir co seu voto de calidade no caso de empate.

i) Invitar ao Pleno ou ás comisións, con voz mais sen voto, todas aquelas persoas expertas ou membros da comunidade universitaria, de acordo coa natureza dos asuntos que se traten.

k) Solicitar das autoridades académicas, das administracións públicas, ou de calquera outra entidade pública ou privada, informes, estudos e ditames que se consideraren oportunos para o bo funcionamento do Consello Social.

l) Dirixir o funcionamento dos servizos do Consello Social e a execución do seu orzamento.

m) Calquera outra que lle atribúa a lexislación vixente e, en particular, a Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades e normas de desenvolvemento, a Lei 1/2003, do 9 de maio, dos consellos sociais do sistema universitario de Galicia, os estatutos da universidade aprobados polo Decreto 101/2004, do 13 de maio, o presente regulamento e cantas resulten precisas para o bo funcionamento do Consello Social.

Artigo 17º.-Os vicepresidentes do Consello Social.

1. O presidente do Consello Social poderá designar ata tres vicepresidentes entre os conselleiros representantes dos intereses sociais, indicará ao facelo a orde de prelación entre eles e comunicarallo ao Pleno do consello.

Os vicepresidentes substituirán o presidente, pola orde establecida, no caso de vacante, de ausencia, de enfermidade ou de calquera outra causa legal.

2. Os vicepresidentes asumirán ademais as funcións que o presidente poida delegar neles e, entre outras, poderán presidir as sesións das comisións permanentes e temporais. Neste caso, se xa formasen parte destas comisións, procederase á elección de novos membros segundo o procedemento que establece o artigo 15º deste regulamento.

3. En defecto de vicepresidentes, o presidente do Consello Social será suplido polo membro do Consello Social que, de poder ser legalmente presidente, goce de maior antigüidade no órgano. De existiren dous ou máis membros coa mesma antigüidade, exercerá as funcións da presidencia o de maior idade.

Artigo 18º.-O secretario do Consello Social.

1. O secretario do Consello Social será designado e cesado por decisión do seu presidente. Se a designación recaese nunha persoa que non fose membro do Consello Social, actuará con voz mais sen voto.

2. Nos casos de vacante, de ausencia, de enfermidade ou por outra causa legal, o secretario será substituído polo conselleiro que designe o presidente do Consello Social.

3. O secretario exerce no Pleno e nas comisións as competencias propias da secretaría dun órgano colexiado, aquelas que lle encomende a Lei 1/2003, do 9 de maio, dos consellos sociais do sistema universitario de Galicia e, en particular, as seguintes:

a) Dirixir e organizar os servizos administrativos propios do Consello Social, sen prexuízo da superior autoridade do presidente.

b) Preparar as reunións do Pleno do Consello Social e das súas comisións, tramitar as convocatorias e citacións.

c) Asistir ás sesións do Pleno e das comisións do Consello Social e redactar as actas correspondentes, dar fe dos seus acordos, custodiar os libros de actas das sesións, expedir, co visto e prace do presidente, as certificacións dos seus acordos e notificar estes aos organismos e aos órganos competentes ou interesados en cada caso.

d) Dirixir o rexistro do Consello Social e custodiar os expedientes e arquivos.

e) Facilitar a información e a documentación que lle solicitaren os membros do Consello Social na forma prevista no artigo 11º.1 e) deste regulamento.

f) Executar o orzamento do Consello Social baixo a dirección do seu presidente e elevar ao Pleno, co visto e prace da Comisión Executiva, as propostas relativas aos medios persoais e materiais necesarios para o bo funcionamento do Consello Social.

g) Entregarlle á Comisión Executiva o proxecto da memoria de actividades do Consello Social que, unha vez aceptado, será sometido á aprobación do Pleno e, se é o caso, remitido ao Parlamento de Galicia e á consellería competente en materia universitaria.

h) Calquera outra función que lle for encomendada polo presidente do Consello Social para o funcionamento deste órgano.

Capítulo IV

Funcionamento do Consello Social

Artigo 19º.-Funcionamento do Consello Social.

1. O Consello Social funciona en Pleno e en comisións.

2. O Pleno deberá adoptar todas as decisións que correspondan ao Consello Social, sen prexuízo das atribucións previstas no artigo 14º deste regulamento para a Comisión Executiva e da posibilidade de delegación prevista no artigo 15º.4 nas comisións permanentes e temporais.

3. As comisións exercerán as funcións previstas nos artigos 14º e 15º deste regulamento.

Artigo 20º.-Sesións do Consello Social.

1. As sesións do Pleno e das comisións poderán ser ordinarias e extraordinarias.

2. O Pleno reunirase en sesión ordinaria, para o despacho de asuntos da súa competencia, un mínimo de catro veces ao ano, unha vez por trimestre. As comisións reuniranse sempre que as convoque o presidente.

3. Procederá, en todo caso, a convocatoria de sesión extraordinaria do Pleno só para tratar un tema ou varios temas de natureza complementaria e cando esta for solicitada, por escrito dirixido ao presidente, por seis conselleiros ou polo reitor da universidade, con expresión do tema ou temas que deban ser tratados, ou cando así o acordar o presidente. O presidente deberá convocar o Pleno no prazo máximo de 7 días hábiles desde a recepción da solicitude.

A convocatoria da sesión extraordinaria das comisións procederá só para tratar un tema ou varios temas de natureza complementaria e cando esta for solicitada por escrito dirixido ao presidente por tres conselleiros ou polo reitor da universidade, con expresión do tema ou temas que deban ser tratados, ou cando así o acordar o presidente. O presidente deberá convocar as comisións no prazo máximo de 7 días hábiles desde a recepción da solicitude.

4. O presidente ordenará a convocatoria das sesións ordinarias mediante comunicación escrita que se dirixirá a todos os membros cunha antelación mínima de 10 días naturais á correspondente sesión do Pleno e das comisións, agás que razóns de urxencia ou gravidade non o permitan. Neste caso o prazo de convocatoria será, como mínimo, de 48 horas.

5. Xunto coa convocatoria da sesión ordinaria deberá ser notificada aos conselleiros a orde do día, que fixará o presidente, tendo en conta as suxestións dos membros do Consello Social. O presidente deberá, en todo caso, incluír na orde do día as peticións que lle formulen por escrito un mínimo de 1/5 dos membros do Consello Social.

6. O quórum para a válida constitución dos órganos colexiados do Consello Social así como para a deliberación e para a adopción de decisións, de ser o caso, será da metade máis un dos membros do órgano con dereito a voto.

7. Das decisións.

a) As decisións dos órganos colexiados do Consello Social adoptaranse por maioría simple dos membros concorrentes á sesión, agás nos supostos en que se esixa unha maioría cualificada.

b) Esixirase maioría absoluta (metade máis un) dos membros concorrentes á sesión para adoptar as seguintes decisións:

b.1. Aprobación da programación plurianual da universidade.

b.2. Aprobación do orzamento da universidade.

b.3. Aprobación das contas anuais da universidade e das sociedades, das fundacións ou doutras entidades en que a universidade teña participación maioritaria no seu capital ou no fondo patrimonial equivalente.

b.4. Aprobación das propostas de operacións de endebedamento.

b.5. Acordar a realización dunha auditoría externa.

b.6. Acordar o nomeamento do xerente da universidade na forma legalmente prevista.

b.7. Propor o cesamento dalgún dos seus membros segundo se establece no artigo 10º.1 e) deste regulamento.

b.8. Aprobar e modificar o Regulamento de organización e funcionamento do Consello Social.

8. Das votacións.

a) Os acordos poderán ser adoptados en votación pública ou secreta. Será secreta cando así o decida o presidente, por iniciativa propia ou por petición dalgún dos conselleiros, por razón da súa materia e, en todo caso, no suposto previsto no artigo 10º.1 e) deste regulamento.

b) Non poderán absterse das votacións as persoas que pola súa calidade de autoridade ou persoal ao servizo das administracións públicas, teñan a condición de membro de órgano colexiado.

c) Deberán absterse de votar e de deliberar aqueles membros do Consello Social cando neles concorrer algún dos motivos de abstención previstos no artigo 28.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

9. Non poderá ser obxecto de deliberación ou de decisión ningún asunto que non figure incluído na orde do día, a non ser que estean presentes todos os membros do Consello Social e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría absoluta.

10. O presidente do Consello Social, por propia iniciativa ou, se for o caso, por instancia da Comisión Executiva, pode invitar a asistir ás sesións dos órganos colexiados, con voz pero sen voto, a persoas expertas e membros da comunidade universitaria, de acordo coa natureza dos asuntos que se foren tratar.

Poderá tamén solicitar a comparecencia ante o Pleno ou ante as comisións, dos membros do Consello de Dirección da universidade, do persoal ou do alumnado ou de representantes de calquera entidade ou institución pública ou privada.

Artigo 21º.-Réxime xurídico das decisións do Consello Social.

1. As decisións que tome o Pleno do Consello Social en materias da súa competencia, ou as comisións por delegación deste, adoptarán a forma de acordos. Estes acordos esgotan a vía administrativa e son impugnables directamente perante a xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo da interposición previa dun recurso potestativo de reposición. Non obstante, aqueles acordos que tomen as comisións no exercicio das competencias propias, poderán ser obxecto de recurso de alzada perante o Pleno do Consello Social nos termos que estableza a lexislación básica do procedemento administrativo.

Nos demais casos, as decisións do Consello Social adoptarán a forma de recomendacións e non terán carácter vinculante.

2. Os acordos que adopte o Consello Social posúen executividade inmediata. O seu secretario, co visto e prace do seu presidente, remitiralle inmediatamente unha certificación dos acordos á Reitoría, así como a cantos órganos, servizos e dependencias da universidade garden relación competencial cos asuntos aprobados.

Deberán notificárselles ás persoas interesadas segundo a normativa vixente e publicaranse no Diario Oficial de Galicia con carácter previo á súa entrada en vigor, cando así o decidir o órgano do Consello Social que os aprobase ou así se determinar no presente regulamento.

3. Aqueles acordos do Consello Social que deban ser elevados aos órganos da Comunidade Autónoma de Galicia tramitaranse a través da consellería competente en materia universitaria.

Capítulo V

Medios económicos, materiais e persoais ao servizo do Consello Social

Artigo 22º.-Dos medios ao servizo do Consello Social.

1. O Consello Social terá a súa sede e localización física na propia universidade, onde habitualmente se levarán a cabo as súas sesións, sen prexuízo de que se poida, como excepción, constituír validamente noutro lugar. A universidade proporcionaralle os locais, os medios e os servizos que foren necesarios para o seu adecuado funcionamento.

2. O Consello Social terá independencia organizativa e para iso disporá dos recursos humanos necesarios, baixo a dependencia funcional do secretario do consello, sen prexuízo da superior autoridade do seu presidente. Os postos de traballo necesarios cubriranse por funcionarios de carreira ou laborais fixos incluídos na relación de postos de traballo (RPT) da universidade, de acordo coa cualificación que reciba nesta en relación coa natureza da actividade que desenvolva. Poderase tamén proceder a facer as contratacións laborais temporais que foren precisas.

A selección e a adscrición do persoal realizarase polos procedementos que estableza a lexislación vixente da función pública e a normativa específica da universidade. O presidente do Consello Social proporá os nomeamentos para os postos de libre designación e o secretario formará parte das comisións ou tribunais que se constitúan para os procesos de selección ou de provisión das prazas, postos ou contratacións temporais do Consello Social.

3. O Consello Social terá independencia para a xestión dos seus recursos económicos. O presidente, asistido pola Comisión Permanente de Asuntos Económicos, Financeiros e Patrimoniais, elaborará anualmente a súa propia proposta de orzamento, que deberá ser aprobada polo Pleno para os efectos da súa integración no proxecto de orzamentos xerais da universidade.

4. Dentro das dispoñibilidades orzamentarias do Consello Social, as fases de xestión dos seus créditos: a autorización do gasto, a disposición do gasto, o recoñecemento das obrigas e as propostas de pagamento, corresponden a:

a) Secretario do Consello Social, para os expedientes que non superen a contía de 3.000 euros.

b) Presidente do Consello Social, para os expedientes de superior contía, sen prexuízo de ser oída previamente a Comisión Executiva, cando se tratar de expedientes de contratación pública dos que a súa contía sexa superior aos 30.000 euros.

Capítulo VI

Reforma do Regulamento de organización e funcionamento do Consello Social

Artigo 23º.-Da reforma.

1. A iniciativa para a reforma do presente regulamento pode ser adoptada polo presidente do Consello Social ou mediante unha proposta razoada e asinada, polo menos, por nove dos seus membros con dereito a voto.

2. As propostas de reforma do regulamento deberán estar debidamente articuladas e motivadas. Recibida a proposta, será debatida e sometida a votación para a súa toma en consideración polo Pleno do consello.

3. Para que a reforma sexa adoptada deberá recibir o voto da maioría absoluta dos membros concorrentes á sesión. De non ser así, a proposta de reforma considerarase rexeitada e non se poderá propoñer unha reforma idéntica ata que transcorra un período de dous anos, agás que medie o acordo do consello por idéntica maioría.

4. Á reforma do regulamento deberáselle aplicar tamén a disposición transitoria segunda da Lei 1/2003, do 9 de maio, dos consellos sociais do sistema universitario de Galicia, no referente á súa elevación para ser publicado no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional

Única.-O presente regulamento deberá ser integrado e interpretado no marco do disposto nos estatutos da Universidade da Coruña e das normas legais e regulamentarias do ensino universitario, así como do resto do ordenamento xurídico que sexa de aplicación.

Para o que non estea disposto neste regulamento nin nos estatutos da Universidade da Coruña, aplicarase a lexislación vixente de carácter básico que corresponda.

Disposición derrogatoria

Única.-Queda derrogado o Regulamento de réxime interno do Consello Social aprobado por este órgano na súa sesión do día 29 de decembro de 1994.

Disposición derradeira

Única.-O presente regulamento entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.